sexta-feira, 1 de junho de 2007

Unha penosa historia ( e non será a derradeira).


Ol@s a tod@s:
Hoxe non vou escribir sobre as eleccións, nin de Ogrobe; vou facelo sobre unha noticia que lin o outro día e que me ten profundamente asqueado. É a historia duns inmigrantes que botaron tres días no Mediterráneo agarrados a unha rede para atúns para non afogarse. O pesqueiro que botara as redes, vendo a situación, non os socorreu porque tiña medo que Malta non lles deixase quedarse coa carga de pescado e tendo que decidir entre a vida de tres seres humanos que se están afogando e a carga, escolleu a carga. Un pesqueiro (creo que catalán) na misma situación terminou por recoller aos inmigrantes, subilos a bordo e alimentalos ate que algué decidise que facer con eles. Este pesqueiro tivo que agardar por un buque español xa que Malta non lles deixou desembarcar aos inmigrantes nin á carga. A miña felicitación a estes mariñeiros que nos amosan que ainda hai esperanza para o xenero humano, que os cartos non o son todo e que ainda existe a solidariedade.
Está claro que a inmigración sen control é un problema, é o que nos din todos os días na televisión e seguramente é certo, non hai estado no mundo capaz de soportar un enorme aumento da poboación de golpe. Pero tamén as televisións e demais poderían tentar explicarnos o porqué destas migracións masivas de poboación e o papel que o mundo desenvolvido ten no subdesenvolvido. As compañías e os estados do que denominamos Norte abafan as economías dos países do Sur, controlan ou manexan os seus gobernos, explotan os seus recursos naturais e ate chegan a crear guerras ( que ademais son olvidadas polos medios) onde combaten nenos polo control dun recurso ou territorio. Ademais estes mesmos gobernos que porfían no liberalismo económico son os mesmos que despois blindan os seus mercados contra os únicos productos dos países do Sur, os agrícolas. Ben, con países onde a esperanza de vida media anda sobre os 40 anos, con mortalidades infantís elevadísimas e totalmente colonizados economicamente non sei porque nos sorprende que esas persoas busquen un futuro mellor no que eles consideran o paraiso terrenal. Para nos pode non ser o paraiso pero para eles comparado coa súa realidade abofé que o é. Despois non os queremos, construimos muros, pero aproveitamos a súa forza de traballo para que traballen para nos sen contrato e en condicións de escravitude. Digo eu que calquera de nós sabendo que vai morrer aos trinta anos de fame ou sida probaría unha travesía, por moi perigosa que fose para sair do inferno e así ter unha posibilidade, por mínima que fose, de ter un futuro mellor. E por todo isto, por moito que nos blindemos, eses seres humanos probaran fortuna saltando muros, nadando, en patera ou como sexa para poder vivir mellor. A solución igual está en que, no século XXI, deixe o 20% da poboación mundial de explotar miserablemente ao 80% restante e permita que poida vivir como merece facelo un ser humano. Quizais é utópico ou idealista pero é a solución, é máis importante, é o xusto.

Sem comentários: