terça-feira, 29 de maio de 2007

O BNG: salsa agridoce.


Escribo este comentario porque vexo a moita xente que non atopa explicación aos resultados do BNG no Grove, no Salnés e no conxunto do país. Sen querer erixirme en ningunha caste de oráculo deixovos a miña explicación. No caso do Salnés ( e no Grove) o BNG perde apoios claramente sendo as pérdidas menores no Grove e clarísimas en Vilagarcia ou Cambados. O problema principal do BNG no Salnés é o mesmo que o do BNG no conxunto das cidades, o seu perfil unidimensional. O BNG pasou de ter unha gran actividade na rede social a ter unha actividade moi reducida. Só hai que ver como están organizacións como os CAF-CAE ou Galiza Nova ou moitas asoaciacións culturais ou plataformaas vencelladas ao nacionalismo. Nas cidades o BNG xogou nestes últimos 8 anos as súas cartas case exclusivamente ao traballo institucional. Nas cidades o bipartidismo estatal é máis claro pola importancia dos medios de comunicación á hora de reflectir ese traballo institucional e aí o BNG xoga en franca desventaxa pola falta de medios de comunicación propios. Este é un problema vello pero antes o nacionalismo contaba cunha gran rede social que equilibraba a balanza e hoxe esa rede social está nun dos seus peores momentos. No Salnés o perfil institucional do BNG é marcadamente claro e a carencia dunha rede social alternativa tamén, así ten moi dificil avanzar e consolidar un espazo propio fronte a un PSdeG que só realiza traballo institucional pero que conta co apoio da maioría dos medios de comunicación. O BNG meco realizou un gran traballo institucional pero segue sen crear unha rede social e cultural efectiva que poida profundizar na sociedade meca e recabar apoios entre os votantes do PSdeG ou mesmo do PP. Se vemos o conxunto do país esto queda ainda máis claro pois nos municipios onde se acadan resultados impresionantes o BNG foi quen de artellar unha rede social moi forte, por exemplo o caso de Teo. Voltar ao traballo social é prioritario para o BNG que se non ten moi dificil marcar un espazo propio fronte ao PSdeG. En todo caso a resaca electoral é agridoce como a salsa chinesa xa que fronte ao desastre nas cidades o BNG acada arredor de 30 alcaldías e aumenta o seu número de concelleiros, ademais tamén foi quen de recuperarse da forte caida que sufrira nas autonómicas, freando así a caida en barrena dende a marcha de Beiras. Agora ben, a aposta polas vilas funcionoulle ben pero o castigo nas cidades foi altísimo polo que tamén terá que reflexionar moito sobre a razón deste castigo e da perda de votantes no tradicional caladeiro da xente nova. No caso do BNG de Ogrobe debe manter o seu poderío institucional pero debe facerse moito máis visible fora do concello, achegando máis as súas propostas á cidadanía e comezando a mover un pouco o tecido social meco que está totalmente durmido. Un exemplo: se sacamos o PXOM cando foi a última vez que vimos manifestacións, campañas ou recollidas de firmas neste noso municipio?

segunda-feira, 28 de maio de 2007

Un barco ingobernable

Olas a tod@s:
Estamos en plena resaca electoral, as eleccións municipais de onte deixan abertos moitos interrogantes e responden tamén algunhas cuestións. No caso de Ogrobe o electorado meco máis unha vez volta deixar un concello moi fragmentado e de moi dificil gobernabilidade. Os resultados electorais no concello meco deixan como triunfador da xornada ao PSdeG que parece afortalar o seu voto na vila acadando 4 concelleiros e lamentando seguramente a fragmentación do seu voto na Meca, sen esta fragmentación podería ter acadado 6 concelleiros e formado un goberno sólido co BNG. Os prexudicados da noite son principalmente o PP e o BNG. O primeiro porque perde un edil e alónxase claramente da maioría absoluta, ademais non lle chega un eventual apoio do PG para formar unha maioría sólida no concello. O segundo porque nas expectativas estaba acadar o goberno sendo a primeira forza de progreso. O BNG volta acadar tres concelleiros non acadando os seus obxectivos e sembrando as dúbidas nos seus militantes. Parece que o BNG consolida o seu voto no concello pero amósase incapaz de restarlle apoios a un PSdeG en problemas, ao PP, ou mesmo incapaz de aproveitar a caida de EU. A Meca consegue un acta e pórse por encima do PG e de EU, ambos con un concelleiro. EU confirma as malas expectativas, perde un concelleiro e quédase na última posición en número de votos.
Todo isto deixa un concello de difícil goberno, a fórmula máis sinxela sería un tripartito PP-A Meca-PG e o goberno para o PP e pola esquerda un goberno a catro PSOE-BNG-A Meca(PG)-EU. Así e todo parece que nos agardan unhas cantas semanas de incertidume antes de ver a fórmula final. Se de min dependese eu apostaria por un tripartito de progreso PSdeG-BNG-EU sumando 8 concelleiros e forzando á Meca a deixar gobernar ao PP-PG ou apoiar a investidura dun goberno de progreso sen entrar a formar del. Creo nesta fórmula porque un goberno a catro paréceme demasiado cambalache ( e podería dar lugar se funcionase mal a unha maioría absoluta do PP en futuros comicios) e porque nestes tres partidos ainda se pode confiar con vistas a un goberno estable. Non me fio nada de A Meca nin do PG polo tanto eu porialle enriba da mesa a Ayda a seguinte cuestión: non entras no goberno pero vas apoiar a investidura dun goberno de progreso ou deixas gobernar ao PP? Ademais así cada un quedaría retratado. Isto é asi xa que parece dificil a convivencia nun mesmo equipo de goberno do PSdeG e A Meca. Asi este tripartito de progreso perdería estabilidade pois dependería dos apoios puntuais do PG e da Meca pero funcionando ben podería acabar con estes dous partidos e acadando unha maioría sólida de progreso en eleccións futuras.

quinta-feira, 24 de maio de 2007

Xa tardaban en aparecer


Olas a tod@s:
No título pon xa tardaban en aparecer, está en plurar porque apareceu Fraga, e xunto con el a carne ao caldeiro, o pulpo, a queimada e as empanadas de xouba e bacallao. Todo gratis nos mitíns do PP. Xa era hora, a verdade é que parecía que ainda non estabamos en eleccións. ¿Onde se viron unhas eleccións en Galiza nas que non se puideran degustar os platos enxebres e "populares" do país?. Ben se nota que quedan poucos días para as eleccións que ata a Sta. Compaña se levanta e con axuda do seu exército de productos culinarios, acarretadores de xente, salvapatrias e empadronadores para reconquistar o país e voltalo a por na recta vía. Despois disque perdemos poboación e nunha estación abandoada de Arbo viven 6 persoas, na casa do candidato a alcalde do PP de Ourense están empadronados 16 ( disque el que ten unha familia tradicional, eu mesmo diría de estructura clánica ou de gens) e algún caso máis. O que nos faltan son casas que a xente como non cabe ten que vivir en sitios raros ou apiñarse na casa dun.
É mellor tomalo con humor, Escévola dixit.

terça-feira, 22 de maio de 2007

Especulación inmobiliaria: a cousa ven de vello


Olas a tod@s:
O outro día tiven a oportunidade de ver a reportaxe de Cuatro sobre a especulación inmobiliaria. A reportaxe decepcionoume un pouco xa que non profundizaba moito no tema. Os primeiros casos de especulación inmobiliaria dos que eu teño noticia son vellos, tan vellos que son do século I a. C. , o cal non deixa de ter a súa gracia. O primeiro gran especulador inmobiliario foi Marco Licinio Craso (114 a.C-53 a.C.) que foi cónsul durante a república e membro do primeiro triunvirato xunto con Cesar e Pompeio. Craso acumulou unha grande riqueza mediante diversos negocios e coa especulación. Tiña un corpo de bombeiros formado polos seus clientes que só apagaban un incendio cando o propietario do edificio accedía a venderllo a Craso a un prezo moi inferior ao seu valor. Posteriormente Craso reconstruía o edificio e alugaba as vivendas. Era un rumor moi extendido en Roma de que os proprios bombeiros de Craso causaban os incendios e de que sobornaba aos edís para que non investigaran os incendios. Tamén era un rumor que estaba envolto en certos timos relacionados coas hipotecas múltiples. Pero Craso non foi o único, durante época imperial deronse moitos casos relacionados co negocio inmobiliario. A mala fama de Nerón entre os cristiáns e como autor do incendio que asolou Roma parece ter a súa orixe en que, tras o incendio fíxose con gran parte das propiedades queimadas ( que pertencían aos cristiáns) e "reurbanizou" a zona construindo ali a famosa Domus Aurea e os seus xardíns. Tamén foron moi comúns as ameazas e asasinatos de xente que non quería abandoar un dos pisos do seu edificio e polo tanto impedía a venda do mesmo. Había moitas maneiras de botalos pero as máis empregadas eran os xa famosos incendios e danar algún dos pilares do edificio para que este viñese abaixo. Os sobornos aos edís para que obviaran defectos na construcción dos edificios ou as conexións á rede de alcantarillado eran moi comúns e moitos políticos sufragaron parte da súa carreira política con estes sobornos.
Non credes que todo isto nos sona a algo agora no 2007?

segunda-feira, 21 de maio de 2007

Eleccións Ogrobe 2

Escribo esto para respostar algúns comentarios do meu anterior artigo sobor das eleccións municipais. Decidesme que, ainda sendo certo a fractura do PsdeG-Psoe, tamén é certo que os demais partidos teñen as súas proprias liortas internas. Isto é certo e concordo con estas opinións e ademais digo que certo grao de liorta ten que existir sempre cando falamos de institucións democráticas e que aspiran a representar ás persoas dun determinado lugar. Pero tamén coincidiredes comigo en que as liortas e discusións internas do resto dos partidos non se traduciron na aparición doutro partido político que se presenta no mesmo pobo e en teoría no mesmo espazo electoral. Polo tanto está claro que unha relativa perda na proxección de votos do PsdeG é esperable, claro está tamén que haberá que agardar a ver a quen deciden dar o seu voto os tradicionais votantes do PsdeG nestas eleccións. Por todo isto sigo pensando que a aparición dunha escisión pode perxudicar moito ao PsdeG desta volta.
Respecto do candidato de EU preguntáseme porque creo que é feble, ben é certo que en parte é pola súa idade. Para min as persoas antes de participar na res publica deberían ter máis ou menos encarrilada a súa vida. Isto, claro está non é máis que unha apreciación persoal e non son eu quen para decidir o que fai cada quen coa súa vida. Referiame coa palabra febleza a que eu non o vexo ao mismo nivel de capacidade, popularidade e atracción de voto que Xan Caneda. Polo que escoito pola rúa moita xente é da mesma opinión. Esta claro ademais que Xan Caneda é unha figura importante na esquerda meca e vai ser dificil cubrir o seu oco para a xente de EU. Os políticos da República romana tiñan que seguir unha serie de pasos e ocupar uns cargos e ter unha idade antes de poder acadar outros, era o que denominaba cursus honorum. Eu como dixen antes si que creo que os xovenes temos que participar da vida política dos concellos, cada un o que poida ou queira; pero si que creo que antes de ocupar un cargo público un debe rematar os seus estudos, ter un traballo e a súa vida un pouco encarrilada. Non quero que se me malinterprete, digoo tanto polos representados como polos propios representantes dos cidadáns que poden ter que abandoar a vida política e darse conta de que non a poden abandoar por non ter outra cousa, e iso é moi triste.
Por último querovos agradecer a todos os que deixastes un comentario a vosa participación pois fostes os primeiros en comentar algo neste meu blog que agardo que, coa vosa axuda, sexa un pouco de todos.

sábado, 19 de maio de 2007

Memoria histórica

Andan certos persoeiros populares falando sobre a memoria histórica e tentando acalar unha vez máis as voces dos que xa estiveron calados durante moito tempo. A min como historiador non me pode producir nada máis que noxo certos artigos coma ese do Parladoiro Popular. Todos estes artigos e libros que ultimamente se publican en círculos editoriais da dereita española non son máis que puro e duro revisionismo historiográfico que se propon reactualizar o discurso historiográfico franquista. De todos estes neofascistas o máis famoso é o terrorista ex-grapo Pío Moa, no seu último libro empregou como fonte principal para o tema de Paracuellos a obra de Ian Gibson. Ben, o propio Gibson ven de reeditar outra vez a súa obra para facerlle fronte aos que, usando o seu libro como gran fonte, o terxiversan e o poñen ao servizo da propaganda franquista. A memoria histórica consiste segundo autores como o grande R.Hilberg ou E. Kogon na recuperación da voz e as historias daqueles que foron privados delas por un estado totalitario e asasino. Digo eu que estará claro que a memoria dos adictos ao rexime non fai falla ser recuperada xa que estes nunca se viron privados dela.
O problema principal en España cando se fala do franquismo e da guerra civil e que se adoita a misturar todo sen orde nen concerto sobre todo cando se trata dos pseudohistoriadores estes que pululan por aí. Isto sen dúbida ten gran parte da súa orixe na transición e na ausencia dunha ruptura política co estado anterior ( Moradiellos, Fontana). Vou expor unha serie de consensos historiográficos que axuden a clarificar o tema:
1. Os militares españois coa colaboración dos nazis e os fascistas italianos, así como da maior parte da ultradereita e dereita española dá un golpe de estado contra o goberno lexítimo e legal da Fronte Popular.
2. A guerra civil é consecuencia do fracaso deste golpe de estado que non logra facerse co control total do territorio do estado español.
3.Durante a guerra obviamente hai mortos en ámbolos dous bandos xa que unha das características principais das guerras é que morre xente nelas ( sinto ser sarcástico).
4. Trás a victoria do bando franquista na guerra establécese un rexime dictatorial que xirará desde o fascismo encarnado pola Falanxe ata o nacionalcatolicismo do Opus Dei.
5. Só na década dos corenta, e calculando polo baixo, fanse estimacións que nos falan de 40.000 persoas asasinadas pola súa ideoloxia, relixión, etnia ou condición sexual polo goberno franquista.
Non vou a extenderme máis por hoxe pero seguirei co tema.

terça-feira, 15 de maio de 2007

Eleccións Ogrobe: Non somos os da bulla

Olas:
Lin esta semana unha entrevista aos membros de Novas Xeracións que concorren na lista do PP de Ogrobe. Á pregunta de como van facer para tentar mobilizar o voto xoven cara as eleccións a resposta foi algo así como: nos non somos os que formamos bulla pero somos os que traballamos. Pregúntome a que lle chaman armar bulla. Cecais llo chaman a pedir unha piscina munícipal ( cen veces prometida), a demandar actos culturais para a xuventude, a pedir a retirada dun monumento aos " caidos por Diós y por España" ou a demandar a construcción de locais de ensaio para o montón de grupos que temos a sorte de ter. Igual para estes "traballadores" estas cousas carecen de importancia pero eu creo que para a maioría da xuventude de Ogrobe son cousas importantes polas que merece a pena loitar. Para os "traballadores" o importante será recalificar uns cantos miles de metros máis para os especuladores e mesmo para algún familiar de algún deles. Hai que ter moral!

sábado, 12 de maio de 2007

O Grove eleccións

Están ultimamente os ppeiros mecos contentos como rulas. A razón de tanta alegría é que albiscan unha posíbel maioría absoluta nestas eleccións municipais. Segundo bastantes militantes a maioría está preto debido á fragmentación do Psdeg-Psoe co nacemento de A meca. Esta fragmentación vailles permitir, segundo eles, conquerir a maioría absoluta a pouco que manteñan as súas expectativas. A única forza que parece poder impedilo é o BNG, sempre que aproveite a fragmentación socialista atraendo votantes do psoe, e aproveitando a evidente febleza do candidato de Esquerda Unida-Esquerda do Grove. Claro que, para os que estamos fartos do señor Flanders, hai un factor que non debemos esquecer: a entelequia esa denominada Partido Galeguista ( se Castelao erguese a cabeza...) xa que pode voltar a darse o contubernio pseudonacionalista-conservador que xa lle deu a alcaldía ao Flanders nas anteriores. Temos logo a ameaza pantasma do pantasma de Chesqui and company. Tamén me gostaría deixar unha pregunta no aire: ¿ o Partido Galeguista ( que nun lado son nacionalistas e noutro fan a campaña en español, segundo conveña) e Terra Galega e demais chiringos de onde sacan a pasta? ¿ Por que sempre acaban favorecendo ao PP e a certos intereses inmobiliarios?. Acepto suxerencias.

sexta-feira, 11 de maio de 2007

Ratzinger en Brasil

Ola a tod@s:
Pois si Ratzinger xa está no Brasil. foi ata alá para tentar evitar a fuga de crentes que está a sofrer o catolicismo en América Latina contra as distintas igrexas evanxelistas. Moitos pensan que estas fugas e o laicismo crecente nas sociedades occidentais teñen a ver coa postura conservadora da igrexa católica e a súa falta de adaptación. Moitos destes reclaman unha postura máis aperturista é un maior "progresismo" por parte da igrexa. Isto faime bastante gracia posto que estamos a falar dun conxunto de revelacións dun ser superior. Digo eu que o queira ser católico terá que asumir os seus preceptos tal e como son e punto. Xa que, que eu sepa, nin Deus quitou un service pack 2 da Biblia, nin Agustín de Hipona, Tertuliano e os outros pais da igrexa publicaron un novo best-seller. Despois están os que cren en Deus pero non na igrexa, pois entón deben ser doutra relixión e non da católica, xa que os dogmas de fe e o señorío destes asuntos por parte da igrexa son parte mesma da relixión. Non hai que adaptar nada, o que queira ser católico que o sexa, e o que non, que busque outra relixión ou que agarde a que a zarza ardente volva falar e cambie as condicións do contrato.

terça-feira, 8 de maio de 2007

A igrexa e falanxe

Vexo hoxe nas noticias que o bispo de Pamplona dixo o seguinte: "Hoy en España hay algunos partidos políticos que quieren ser fieles a la doctrina social de la Iglesia en su totalidad, como p.e. Comunión Tradicionalista Católica, Alternativa Española, Tercio Católico de Acción Política, Falange Española de las JONS. Todos ellos son partidos poco tenidos en consideración. Tienen un valor testimonial que puede justificar un voto. No tienen muchas probabilidades de influir de manera efectiva en la vida política, aunque sí podrían llegar a entrar en alianzas importantes si consiguiesen el apoyo suficiente de los ciudadanos católicos. Por eso no pueden ser considerados como obligatorios pero sí son dignos de consideración y de apoyo". Ou sexa que xa o sabemos ainda queda algún partido en España capaz de endereitar o rumbo e conducirnos a todos pola recta vía. A igrexa católica española ademais non ten nada que dicir xa que o portavoz da Conferencia Episcopal nen sequera se quixo pronunciar sobre o tema. Ultimamente escoitamos que Rajoy " se estaba moderando y yendo al centro", igual por iso a igrexa ten que buscar máis claramente aliados no fascismo e xa non na ultradereita. Que sería diso de que Xesucristo foi o primeiro comunista? Se polo bispo este fose igual o excomulgaban por "rojo".

Peaxes e autoestradas

Onte voltaba a Ferrol pola autoestrada do Atlántico, como todos os domingos ao chegar ao peaxe de Guisamo tiven que agardar nunha cola xigantesca máis de 20 minutos para pagar. Esto, xa digo, ocorre todos os domingos e cada vez que me pasa danme ganas de, chegado á cabina para pagar, preguntarlle ao cobrador se me van facer desconto pola espera pero nunca llo digo. A verdade é que parece escandaloso que para ir de Ogrobe a Ferrol teñas que pagar uns quince euros e que ademais teñas que agardar 20 minutos nunha cola. Un gran invento as autoestradas, cando se fixeron díxose que a peaxe era para sufragar os gastos de construcción e mantemento. Este é un argumento curioso; os cidadáns pagamos ao estado impostos que este despois invirte nunha infraestructura, e os cidadans temos que volver a pagar por usala para que o estado recupere os cartos ( cartos que xa deron os cidadáns no comezo do proxecto), curioso. Ademais, resulta que 6 de cada 10 km das autoestradas españolas se pagaron con fondos da UE. Do mantemento mellor xa non falamos, posto que calquera que empregue a AP 9 sabe ben que moito mantemento non recibe. Eu pregúntome: ¿a empresa concesionaria da autoestrada cobra pola concesión simplesmente ou por ofrecer unhas mínimas condicións de mantemento, servizo e eficacia na estrada? Se é por isto último a verdade é que vistos os resultados debería cobrar bastante pouco.

segunda-feira, 7 de maio de 2007

Juana Chaos versus paro

Boas a tod@s:
Este o meu primeiro artigo neste o meu primeiro blog. A verdade é que nn sabia con que tema ía abrir pero acabo de decidir facelo con este combate entre as dúas grandes preocupacións dos españois.
De Juana Chaos versus paro porque parece que a gran preocupación dos españois é o terrorismo e a segunda o paro ( son datos do CIS). A verdade é que a priori parece dificil entender que para a xente do común o terrorismo sexa actualmente no estado español a preocupación máis importante da xente por diante da vivenda, paro, sanidade, educación... . Esta preocupación polo terrorismo está encarnada nas últimas datas pola preocupación arredor dos paseos e subidas de peso de Juana Chaos. A min persoalmente chámame a atención que o terrorismo sexa na actualidade o problema que máis preocupa á xente en España, cales son as razóns? Eu creo que hai que buscalas na rentabilidade política do tema terrorista dentro do electorado español. Esta rentabilidade política fai que o terrorismo se convirta no tema principal da precampaña electoral municipal deste 2007. Pero claro, un dirá que nos medios de comunicación non sae outra cousa, e probablemente teña razón. Esta semana todo xirou en torno ao eixo Batasuna - Pantoja e ninguén viu nas noticias algo sobre especulación inmobiliaria, corrupción e corruptelas municipais, vivenda, impostos, etc e outros moitos temas que nos afectan bastante máis no día a día ao común dos mortais. O problema non son os medios de comunicación, nin os líderes políticos, o problema somos nós mesmos que non demandamos destes a mínima cuestión esixible no sistema democrático: oia vostede, e para todos estes problemas que solución ofrece, como a vai levar a cabo e con que?. Hai multitude de mortos nas estradas, tamén os hai no ámbito laboral, hai problemas de acceso á sanidade pública ( listas de espera), ademais temos a contratación temporal máis alta da UE.
Agora eu pregunto: cantos minutos adican os políticos e os medios de comunicación a falar disto? Quen de nós fai estas preguntas?