terça-feira, 26 de junho de 2007

¿A vila dos porcos?


Olas a tod@s:
Despois duns días sen escribir porque as ocupacións non mo permitían quero darvos a miña opininión sobre un tema que recordei hoxe por casualidade. Ben, a historia comeza o verán pasado cando uns turistas que alugaran un piso na Catorse ou na Pratería (agora mesmo non o recordo) me preguntaron onde podían tirar o lixo. Eu resposteilles que por desgraza o lixo nestas rúas non se bota en ningún contenedor senón que se pon á porta ata que veñen os operarios a recollelo. Os dous turistas quedaron abraiados a mirar para min e logo ( insensatos eles) preguntaron onde se podía tirar o vidro e o cartón para a reciclaxe. Tras darlles unhas indicacións voltaron ás súas casas e cando xa se afastaran de min exclamaron: Cari, este es un pueblo de cerdos.
Eu por suposto non concordo de todo con esta última afirmación pero si que a comprendo. O sistema de recollida de lixo de Ogrobe é penoso ( e seguramente algunha cousa máis). Hai rúas onde o lixo non se recolle os sabados pola noite porque o camión grande que o único que traballa o sabado non cabe e entón non se pode recoller. Unha destas rúas é a Pratería, onde cada día hai máis locales de ocio. Tras as protestas dos hosteleiros o anterior concelleiro do ramo comunicou que bueno se a levaban ata a Catorse ou Alexandre Bóveda xa estaba e que ao final o camiño non era tanto. O mesmo ocorría cando da reciclaxe falamos. En resume veu a dicir que levar o lixo ata onde os encargados da recollida pasaran a recollelo non era tanto. Está claro que o camiño non é moito pero esta afirmación clarifica os termos sobre os que se ten construido o sistema do lixo no concello. Primeiro hai que dicir que é totalmente terceiromundista que moitas calles de Ogrobe non teñan contenedores normais e moito menos de reciclaxe. Segundo os veciños e veciñas pagamos para que o concello nos recolla o lixo e polo tanto non me parece moito pedir que o recollan todos os días, máis ainda cando se nos enche a boca continuamente con que somos unha vila turística ( pero isto debe ter reflexo só en outro tipo de infraestructuras). Calquera de nós ten pasado pola Catorse e por algunha rúa máis onde por non ter sido recollido, non estar nun contenedor e por causa do mal tempo, o lixo andaba ciscado por aí ao longo da rúa. O tema da reciclaxe xa é de risa. Moitos temos que ir ata o Corgo ou ata o Pabellón para tirar lixo nos contenedores de reciclaxe. Son da opinión de que hai que facilitarlle ás persoas a protección do medio e a reciclaxe, non pór os contenedores lonxe (para non molestar aos veciños que non lles gusta ver contenedores) a ver se así xa desmoralizamos á xente que este disposta a reciclar. Nos anos nos que vivin noutros concellos en todos tiven a menos de 50 metros contenedores normais e para reciclaxe ( debe ser que á xente non lles molestan ou que alí valen menos). Sempre se pon como excusa que ninguén quere contenedores preto da casa pero o certo é que, no caso dos contenedores de reciclaxe da Catorse, non é que non os quixeran, o asunto era que non se baleiraban e o lixo botaba por fóra e coa choiva formaba un auténtico espectáculo. Noutros casos hai un par de contenedores onde fan falla polo menos catro, botan por fora e ademáis débense limpar unha vez ao ano. Certo que moita xente é porca e non colabora, só hai que ver os vertedoiros que proliferan por aí adiante, pero tamén é certo que o concello non pon os medios suficientes nin moito menos e, tamén é certo, que comportamentos coma o dos vertedoiros non se castigan como se debera. Pois ben, seguro que todos vos coñecedes algún tema máis sobre o lixo, a ver que fai o novo concelleiro do ramo. Porque xa sabedes, podemos deixarnos ir pero despois non nos debe extrañar que moita xente diga: Esta é unha vila de porcos.

domingo, 17 de junho de 2007

Coidemos o patrimonio, para nós e para os que veñan despois


Olas a tod@s:
E como hoxe estreamos goberno quero pór sobre a mesa un tema que me ten apenado desde hai anos. Este ía ser o tema co que tiña pensado abrir o blog pero coas eleccións, co urbanismo e co resto de temas que foron saindo funo adiando e creo que agora, que bota andar un novo goberno, é un bo momento para plantexalo. Refírome a área arqueolóxica de Adro Vello e o seu máis que lamentable estado. A maioría dos veciños nin sequera saben o que realmente agocha, si a maioría saben que é un cementario pero isto é só unha parte do que é. Adro Vello é o que se denomina un xacemento de ocupación múltiple, isto quere dicir que no mesmo lugar ao longo do tempo existiron diversos ocupantes en diversas épocas. En Adro Vello temos unha villae romana do Baixo Imperio , unha igrexa ( de época visigoda e construida sobre un templo pagán) e un conxunto defensivo altomedieval e unha necrópole que creo recordar vai desde o século VIII ate o XVIII. Todo isto sería suficiente para que nos preocupasemos máis polo seu estado pero ainda hai máis. É un xacemento importante no conxunto de Galicia porque se atoparon máis de 1200 restos humanos que son moi dificiles de atopar en Galicia debido a acidez da terra que acaba rapidamente cos restos. As excavacións nunca puderon ser rematadas posto que a estrada do Carreiro pasa por encima do xacemento. Aos ocupantes desta villae romana debémoslle a honra de seren a primeira conserveira da historia de Ogrobe pois adicábanse á salazón e fabricación de garum ( unha especie de prebe de pescado) que despois exportaban a Lucus Augusti e outros lugares do interior.
Pois ben todo este rico complexo leva anos totalmente deixado da man de Deus ( recentemente foi limpado por Patrimonio pero segue a ter un estado lamentable) mentres os gobernos do PP especulaban con non sei que museo e algunha xenialidade máis. Todos estes restos xa están nun museo, no de Pontevedra que é o museo de referencia. Sempre que alguén protestaba pola situación de Adro Vello comezaban a sair excusas que normalmente tiñan que ver coa Dirección de Patrimonio e tal. Ben, para as diversas intervencións que se realizan nun área arqueolóxica calquera fan falla autorización de Patrimonio (limpeza,letreiros,consolidación...), iso é certo pero tamén o é que a Lei de Patrimonio de Galicia fixa como responsabilidade dos concellos manter e coidar o patrimonio que teñan no seu territorio. Ademais a cuestión non é que se denegaran os permisos, o caso é que nunca se pediron. Polo tanto eu creo que chegou a hora de que reclamemos que se continuen as excavacións, que se consolide o xacemento, que se poñan paneis informativos e de que se lle explique aos veciños e veciñas a riqueza que este lugar contén e o seu significado. Porque é dificil que a xente valore cousas que descoñece. Temos que pensar que o patrimonio é noso pero que tamén o é de todos os que veñan despois de nós. Debemos coidar o patrimonio pois o legado dos que nos precederon e porque agocha ensinanzas e marabillas, ou simplesmente por ensinarllo aos turistas se esta é a única maneira de que o coidemos. A ver se o novo goberno amosa máis preocupación.

Xa hai novo goberno

Olas a tod@s:
Pois si, despois de tensos días de negociacións e incertidume, hoxe foi proclamado como alcalde Cacabelos. Temos pois un cuarteto de goberno formado polo PSdeG,BNG,EU e PG. A ver como bota andar e cales son as súas primeiras decisións pois temas nos que intervir non lle faltan. Imos ter, parece, uns días movidos nestas vindeiras datas con moitos temas que falar e comentar. Tamén será interesante saber que pasa coa oposición e o seu comandante en xefe. En fin que imos ter moito traballo nos blogs. Vin por aí algúns comentarios onde se nos acusaba aos que facemos estes blogs de emporcar a vida política con acusacións infundadas e cousas polo estilo, que se somos deste partido ou deste outro, que todo o faciamos para botar ao PP... . Por se alguén ten dúbidas, neste blog ( e estou seguro de que nos outros blogs tamén) nunca se lle prohibiu dar a súa opinión a ninguén e deixáselle participar a todos os que así o desexan. Que ninguén dubide que todo aquelo que me parece criticable no novo goberno será criticado. Agora ben o que non creo é que teñamos que pedir perdón por expresarnos libremente e moito menos por abrir espazos onde a xente da nosa vila poida opinar, queixar, analisar ,etc. A xente que simpatice co PP probablemente non estará de acordo coa maioría das miñas opinións pero eu invitoos a que participen da liberdade que nos da a rede e que nos fagan chegar os seus argumentos e opinións, eso si tamén terán que estar dispostos a ser criticados e contestados por todos os que facemos esta comunidade. Non creo que sexa moito pedir pero se non se aguantan as críticas entón igual o problema está no que algúns entenden por democracia e entón si que non hai que facerlle.

quinta-feira, 14 de junho de 2007

Moitas grazas a tod@s

Ola hoxe saen estes tres blogs no artigo de Xurxo Melchor na Voz de Galicia: o blog de Xarabal,Cousas de O Grove e este noso . Ben queriavos dar as grazas a todos os que participades deste e dos outros blogs, aos que nos adicades un chisquiño do voso tempo para lernos, aos que nos dades caña, a razón ou opinades cos vosos comentarios e moi especialmente a Xarabal e Sol, autor@s ( hai que manter un certo misterio, jeje) dos dous magníficos blogs que xa vos citei. Eu son o máis novo nesta nosa comunidade virtual e querolles agradecer os seus enlaces e comentarios. Moitas grazas a Xurxo polo seu artigo ( a min tócame ser o repousado je je) e por adicarnos un anaco do seu tempo diario, (ah e por certo se coñeces ao que fai os autodefinidos dille que poña as frechas ben que sempre as pon do revés ja ja).
Ben resulta gracioso que se vos fixades parece que somos un trío complementado: reposado, cañero e máis cañero jaja. Bueno pois iso, moitas grazas a todos os que compartides con nós estes pequenos espazos para o debate, a conversa e polo tanto, a liberdade, porque de tod@s vos son estas nosas bitácoras. GRAZAS A TOD@S GRAZAS A TI
Aí tedes o enlace á noticia:
http://www.lavozdegalicia.es/ed_arousa/noticia.jsp?CAT=113&TEXTO=5893566

O porqué do periodista e o BNG

Olas a tod@s:
Igual o título me quedou un pouco presuntuoso pois non quero dar a impresión de ter atopado a pedra filosofal ou de ser unha caste de sibila infalible, en realidade quérovos trasladar a miña opinión sobre o xornalista por todos coñecido que parece ter unha fixación co BNG de Ogrobe. Este xornalista recórdame a un que cando eu estaba facendo a carreira escribía na contraportada de El Correo Gallego ( o panfleto ese que che regalan se compras El Mundo) a sección de Pólvora e Magnolias. Ben durante os anos que lin o Correo este individuo sempre lle daba a pólvora ao BNG fose como fose e pasase o que pasase, incluso cando este "galardón" recaía noutros acababa asomando a crítica ao BNG. Ben o xornalista este de Ogrobe é unha cousa parecida, todos os días ten que darlle caña ao BNG sexa como sexa. Moitos diredes ¿ e porqué non ao PSOE?; a resposta igual está en que resulta que Prisa ten parte do accionariado do xornal en cuestión. Ao PP sempre acaba defendendoo e con el ao que está preto de ser ex-alcalde, ben isto non sería raro posto que pasa en moitos periodicos que teñen unha liña editorial pseudoprogresista. Pero entón aparece o gran misterio do asunto, ao mesmo tempo que critica ao BNG ten feito grandes alabanzas a EU ainda cando mantiña a mesma posición. Isto non me negaredes que cando menos é raro, ate parece un rasgo esquizofrénico relacionado con doble personalidade ou algo polo estilo. Ben eu creo que xa topei unha resposta, este home no fondo o que quere é que nos goberne o PP per secula seculorum ou cando menos uns oito aniños máis. Entón que fago, pregúntase, para facelo sen que se me note o plumeiro?. Pois doulle caña á forza da oposición que máis controlou a acción de goberno e que máis perxudicada sae do cuatripartito para ver se así logro romper esta entente cordiale. Pero, ¿ entón a que veñen as loubanzas a EU? pois é unha maneira de non quedar encadrado na dereita facendo "boa prensa" dunha opción política de esquerdas pero que, por fortaleza electoral, non parece capaz de liderar unha nova e futurible opción de goberno. Con isto non estou criticando a EU, enténdaseme, digo que non parece que teña moitas posibilidades de ser a forza de esquerda máis votada en Ogrobe. Así, maxia, resulta que parece que son medianamente ecuánime pero sempre o fago co coidado de non darlle alas ás opcións que teñen máis posibilidades de desbancar ao Flanders. Espeluznante. Probas hai de sobra: ao día seguinte de aparecer os de verde no concello, o que quere ser o Zola da nosa vila entrevista ao promotor dos Raeiros. Ate aquí normal, pero resulta que toda a entrevista está destinada a darlle caña ao Bloque como se este fose o que goberna a Garda Civil, os xuzgados, etc.. (lugares que como todo o mundo sabe están dominados polo nacionalismo galego). Pero ao día seguinte resulta que xa felicita a EU pola súa posición "no tan en el monte y mucho más ecuánime", é que dan ganas de rir. Claro vendo todo isto así lle vai a ese seu xornal que perde miles de lectores en Galicia cada ano. Pero agora resulta que con Internet todos os cidadáns que queiramos podemos reflexar e comentar noticias e non temos que depender de xente como el para estar informados, claro que isto non lle gusta a algunha xente, como ao PP, que xa quixo pechar dous blogs pero que lle está saindo pola culata. Para rematar cito a Voltaire: podo odiar o que dis pero defenderei ate a morte o teu dereito a dicilo.

terça-feira, 12 de junho de 2007

O pacto de goberno no Grove


Olas a tod@s:
Levo días lendo e escoitando opinións sobre os pactos de goberno, en xeral, e do caso meco en particular. Desde o PP ándase recitando a cantinela de que debería gobernar a lista máis votada e cousas así. A min pode gustarme ou non o sistema electoral pero este é o que está vixente nin máis nin menos e polo tanto son as regras do xogo que debemos cumplir todos. Ben, nestas regras non sae por ningunha parte referencia á lista máis votada, debe gobernar aquel candidato que consiga a maioría absoluta do total dos representantes. Esto inclue posibles pactos entre x representantes con tal de chegar á maioría, no caso de Ogrobe 9. Se se quere ter un sistema maioritario ou outro tipo de sistema electoral proporcional que se pida, se reforme a lei e entón as reglas serán outras. Outro dos argumentos é que para iso que se presenten ás eleccións xuntos e non que pacten despois. Non me creo eu que haxa en Ogrobe alguén que non supese que o PSdG, o BNG e EU ían pactar entre si se fose necesario para formar goberno, e o que non o soubese é que non está no mundo. Suponse que estas formacións presentan programas diferentes pois responden a diferentes ideoloxías e que despois os representantes buscan un programa de goberno común limando as súas diferencias e negociando entre si para formar goberno. Isto non é que sexa lexítimo senón que se pode considerar como o centro da política a solución negociada dos problemas. Despois resulta que un cuatripartito é un mundo, unha especie de cambalache ( a min tamén me parecen moitos) pero é que a outra opción é un tripartito que tampouco é moito menos e ademais pactando o PP e a anterior portavoz do PSOE o que sona bastante a cambalache. Polo tanto por todo isto considero os pactos de goberno lexítimos e o mesmo os considero se o PP é quen de facerse co goberno a última hora. O que non me parece moi normal é que os pactos dos demais non valgan e os pactos do PP con independentes e tal si, sexamos honrados. O problema fundamental é que hai moita xente que non contaba con que se puidese facer un cuatripartito e xa se vía acariciando o sillón outra vez pero non foi quen de pactar con ninguén, pois síntese pero éche o que hai.
Respecto do pacto cuatripartito que imos coñecendo a min teño que dicir que non me gusta nada. Xa teño opinado sobre o PG outras veces pero é que é demasiado. Resulta que ten tantas áreas o exsport como o BNG que o triplica en representación. Agora resulta que este home pide o ouro e o mouro por formar goberno pero se despois o BNG non quere entrar, son os nacionalistas os culpables de que non haxa pacto. Pois está ben. Se un quere despois de deixar o deporte vivir da política ten todo o dereito a facelo pero que non nos tome aos demais por tontos. Ademais resulta que o deportista tamén pide limpeza e recollida de lixo na que, que casualidade, resulta que un dos dirixentes do PG e anterior concelleiro ten intereses propios. Sempre me manifestei a favor dun pacto de esquerda pero non a calqueira prezo e a min paréceme que tampouco con calquera.E que se empezamos así mal imos parece que non é só unha opinión miña. Eu non sei o que vai decidir o BNG nin os demais partidos ao respecto do pacto pero tamén digo unha cousa a culpa é de quen con un concelleiro quere acabar gañando o que non gañan outros con tres e despois ademais ter garantías por parte das direccións nacionais do PSdG e do Bloque sen dar el garantía ningunha. Ao mellor os demais da piragua non sabemos pero doutras moitas cousas si, asi que por favor non nos tomes o pelo.
Digoo e volvo a decilo, eu non me fío nada de persoas que se apropiaron daquela maneira dunhas siglas históricas que son patrimonio dos galegos, que nuns sitios son pseudonacionalistas e noutros fan campaña en español e dun partido que na súa executiva ten a un que xa foi concelleiro e que despois de investir ao PP acabou mutatis mutandis de presidente dunha fundación da Xunta. Sintoo moito pero esas credenciais non me abondan.

quarta-feira, 6 de junho de 2007

Cambalaches, poderes e os cartos de todos

Olas a tod@s:
Leo hoxe na Voz de Galicia que Louzán reuniuse co candidato do PP e co PG. A simple vista parece unha noticia máis sobre as negociacións para formar goberno en Ogrobe, pero ten un matiz ao meu modo de ver importante. Pregúntome eu que fai o presidente da Deputación reuníndose para formar un pacto de goberno nun concello, xa sei que todos diredes que tamén é membro do PP e entón que estaba en calidade desto último e non no de presidente da Deputación. Ben eu estaría de acordo se Louzán non tivese falado na reunión e logo cos periodistas dos fondos que ese organismo investiría en Ogrobe cun alcalde popular. De todas maneiras diredes que todo isto non ten moita importancia pero eu creo que si, e que probablemente teña ainda máis importancia en tanto a xente lla reste. Explícome, Louzán é o presidente da Deputación de Pontevedra e este é un cargo institucional non partidario, quero dicir que é o presidente da Deputación para todos os pontevedreses non só para aqueles que votaron ao PP, digo máis, non se pode confundir que o PP teña a maioría na Deputación ( e polo tanto ostente a presidencia) con que a Diputación sexa o PP ou sexa do PP pois é de tod@s os pontevedreses. Non me gustan estas confusións posto que misturan cousas que non son mismo e lle dan un barniz de lexitimidade a cousas que non o teñen. Sigo coa argumentación, nesta reunión o Louzán díxolle aos xornalistas que se o alcalde era popular a Deputación ía volcarse en Ogrobe ( incluso falou desa obra mítica, a piscina). Por isto é importante a non confusión de cargos porque señor Louzán, ¿ se en Ogrobe hai un goberno de esquerdas que, non imos invertir xa que non son do PP?. Pasa isto porque pensan que a Deputación é deles, non dos cidadáns e debemos recordarlle que a Deputación e polo tanto os cartos dos que dispón son dos cidadáns, non do PP. A Deputación é dos cidadáns, tanto dos que votaron ao PP como dos que non e polo tanto non se pode permitir que siga sendo o dominio persoal de ningúen nin de ningún partido. Diredes que isto hai tempo que é asi, estou de acordo pero é que o mínimo sería ter que disimular este tipo de comportamentos por medo ás reaccións, pero non, non fai falla porque parece ser que aos periodistas lles parece normal tamén. Por iso creo que as Deputacións teñen que desaparecer, porque non sirven máis que a intereses persoais ou partidarios e non aos cidadáns. Ademáis están afogadas polas débedas, non teñen criterio inversor que non sexa electoralista e a maioría dos seus fondos están adicados á contratación de persoal só coa intención de elaborar unha rede clientelar que asegure votos a cambio de traballo. Todo isto é comprobable só con botar unha ollada aos seus presupostos. Din que fan unha labor no apoio dos concellos máis pequenos pero iso podería facerse perfectamente mediante redes comarcais, agrupacións de concellos ou áreas metropolitanas.
Outro tema, non me gusta nada o cariz que están tomando as negociacións para conformar goberno. De tanto falar de salarios e cousas así parece que se está a mercadear cos cartos de todos. Non digo que sexa así, só digo que o parece, e iso o único que fai a longo prazo é minguar a confianza nos políticos e aumentar a abstención. Un pouco de discrección.
Tema final, o "oráculo" do faro non tardou nada en dar cobertura á equipa de goberno no tema urbanístico e sinalando ao BNG como promotor dun golpe de estado. Teoría da conspiración, todo o mundo sabe que o Bloque ten moita man coa garda civil, que quen paralizou a construcción na vila foi Cuiña que tamén é do BNG, etc . Menos mal que aquí non detiveron á Pantoja nin temos terroristas do 11-M senón pobriños de nós. Ademais o "oráculo" debe ser algo esquizofrénico pois sempre escribe ben tanto do PP como de EU, curioso. Teño algún teoría sobre isto pero xa a contarei outro día que isto xa parece un testamento. A noticia da Voz: http://www.lavozdegalicia.es/ed_arousa/noticia.jsp?CAT=113&TEXTO=5870515

domingo, 3 de junho de 2007

Acabou a diversión ,chegou o de verde e mandou parar


Olas a tod@s:
Esta todo Ogrobe conmocionado coa operación malaia local, fálase nos bares, lese na prensa e escoitase na rúa. A aparición do grupo especializado en delitos urbanísticos da garda civil sembra o medo nalgúns funcionarios e gobernantes deste noso concello, a Marbella galaica ( Voz de Galicia dixit). Hai máis de un ao que ainda non lle pasara o susto de perder a Deputación de Pontevedra e xa agora lle ven enriba outra, a can flaco todo son pulgas. Paréceme a min que non fun o único que pensou ou escoitou cando era o de Marbella aquela frase de " pois se viñeran aquí ía máis de un tamén". Pois xa están aquí e ,se se confirman as noticias, veñen para quedarse. Non sei eu o que vai facer máis de un. Ademáis parece ser que as pesquisas xa se extenderon a máis de 10 urbanizacións en Ogrobe e que vai alcanzar outros concellos ( algún que hai pouco que emigrou a Pontevedra debe andar preocupado tamén). Tamén teño que dicir que hai que respetar a presunción de inocencia das persoas antes de comezar o tiroteo. Outro tema é que a desfeita urbanística de Ogrobe ( que podemos extender a grande parte das rías baixas) parece que agocha tramas de corrupción e soborno que se algo teñen que envidiar a outras partes do estado é a falta de personaxes famosos que poidan sair no Tomate. Como ten pasado noutros casos a cidadanía tamén terá que examinar porque permitiu cousas semellantes coñecidas por todos dando apoio elección tras elección a quen levaba acabo toda esta desfeita. No caso de Ogrobe case calquera barbaridade ou desfeiteira realizábase coa cobertura do progreso e o turismo. Estas dúas palabras máxicas ampararon nesta vila toda caste de urbanismo pedrador e negocios de, cando menos, dubidosa legalidade. Como alguén se opuxera a certas obras recibía coas frases xa míticas de "queredes botar aos turistas", "mirade pa Sanxenxo" ou "xa estades os do non a protestar". E isto é o que fai que estes casos urbanísticos sexan tan lamentables. Escoitaba o outro día na Ser que en todos os concellos españois con sospeitas ou imputacións de delitos os alcaldes ou partidos imputados melloraban resultados, hai que dicir que en Galiza non foi así como amosa Gondomar ou Nigrán. Isto débese a que, por exemplo en Ogrobe, moita xente vive ben así, no estado de alegalidade coñecido como "ti faille aí que despois xa se mirará". Moita xente prefire irlle pedir favores ao monarca (alcalde) e que este faga a vista gorda e poida construir como queira, cando queira e donde queira que que un PXOM "do carallo" lle marque zonas, alturas e tipoloxías de futuras construccións.
A todo isto o imperio contrataca, que se é unha operación política pa botalos do concello, que mira ti cando foi ser... . O mesmiño que cando foi o da Pantoja. Liderados por un "intrépido" reporteiro que busca " esclarecer a verdade" e limpiar de paso o nome de máis de un que parece estar en peligro. Este "Zola" moderno xa encabeza o discurso que vai acompañar a todo este asunto durante estes meses. Así ese xornal dentro dun pouco xa o van ler só en Vigo. Lamentable.

sexta-feira, 1 de junho de 2007

Unha penosa historia ( e non será a derradeira).


Ol@s a tod@s:
Hoxe non vou escribir sobre as eleccións, nin de Ogrobe; vou facelo sobre unha noticia que lin o outro día e que me ten profundamente asqueado. É a historia duns inmigrantes que botaron tres días no Mediterráneo agarrados a unha rede para atúns para non afogarse. O pesqueiro que botara as redes, vendo a situación, non os socorreu porque tiña medo que Malta non lles deixase quedarse coa carga de pescado e tendo que decidir entre a vida de tres seres humanos que se están afogando e a carga, escolleu a carga. Un pesqueiro (creo que catalán) na misma situación terminou por recoller aos inmigrantes, subilos a bordo e alimentalos ate que algué decidise que facer con eles. Este pesqueiro tivo que agardar por un buque español xa que Malta non lles deixou desembarcar aos inmigrantes nin á carga. A miña felicitación a estes mariñeiros que nos amosan que ainda hai esperanza para o xenero humano, que os cartos non o son todo e que ainda existe a solidariedade.
Está claro que a inmigración sen control é un problema, é o que nos din todos os días na televisión e seguramente é certo, non hai estado no mundo capaz de soportar un enorme aumento da poboación de golpe. Pero tamén as televisións e demais poderían tentar explicarnos o porqué destas migracións masivas de poboación e o papel que o mundo desenvolvido ten no subdesenvolvido. As compañías e os estados do que denominamos Norte abafan as economías dos países do Sur, controlan ou manexan os seus gobernos, explotan os seus recursos naturais e ate chegan a crear guerras ( que ademais son olvidadas polos medios) onde combaten nenos polo control dun recurso ou territorio. Ademais estes mesmos gobernos que porfían no liberalismo económico son os mesmos que despois blindan os seus mercados contra os únicos productos dos países do Sur, os agrícolas. Ben, con países onde a esperanza de vida media anda sobre os 40 anos, con mortalidades infantís elevadísimas e totalmente colonizados economicamente non sei porque nos sorprende que esas persoas busquen un futuro mellor no que eles consideran o paraiso terrenal. Para nos pode non ser o paraiso pero para eles comparado coa súa realidade abofé que o é. Despois non os queremos, construimos muros, pero aproveitamos a súa forza de traballo para que traballen para nos sen contrato e en condicións de escravitude. Digo eu que calquera de nós sabendo que vai morrer aos trinta anos de fame ou sida probaría unha travesía, por moi perigosa que fose para sair do inferno e así ter unha posibilidade, por mínima que fose, de ter un futuro mellor. E por todo isto, por moito que nos blindemos, eses seres humanos probaran fortuna saltando muros, nadando, en patera ou como sexa para poder vivir mellor. A solución igual está en que, no século XXI, deixe o 20% da poboación mundial de explotar miserablemente ao 80% restante e permita que poida vivir como merece facelo un ser humano. Quizais é utópico ou idealista pero é a solución, é máis importante, é o xusto.