quinta-feira, 22 de novembro de 2007

O raposo para coidar as galiñas ( somos do que non hai)


Olas a tod@s:
Levo eu uns días abraiado con algunhas das cousas que vexo na prensa, escoito por aí ou me conta alguén. Ultimamente xa non sei se son eu parvo, se me queren facer ou se resulta que, en realidade, hai uns señores moi listos que pensan que os demais somos parvos ( debo dicir que me inclino por esta última opción). Resulta que desde hai uns días hai uns señores que andan demandando un novo PXOM para xa. Esto non é raro pois é obvio que a situación que se ten xerado na vila no tema do urbanismo non é do agrado de ninguén, pero claro resulta que un mira as fotos dalgún dos pro-PXOM ( vaia tamén se pode dicir coas siglas PP, que cousa curiosa) e entón xa vai entendendo algo máis do asunto. Ademais resulta que A Meca di que esta plataforma se podería adherir a ese Consello local de urbanismo xunto con outros profesionais do sector inmobiliario. Esto paréceme a min que se pode denominar " pór aos raposos a coidar do galiñeiro", non digo eu que os profesionais non teñan que opinar sobre urbanismo pero si que opino que o deben facer na mesma medida que calquera outro veciño pois o urbanismo, como tantas outras cousas, é un asunto de todos. O que pasa é que, claro, se consultamos sobre onde se pode construir a todos os que viven de construir o resultado pode ser ,cando menos, malo. Por esta mesma razón non se lle dá poder ás victimas dun delito de pór as penas aos culpables porque senón ainda viviriamos baixo o tan coñecido "ollo por ollo".
Xa hai tempo se me acusou de crer que o mundo inmobiliario era unha mafia por outro artigo neste blog e sei que corro perigo de que se me volva dicir o mesmo tras este. A verdade é que non creo que todos os constructores sexan uns mafiosos pero si que creo que o mundo inmobiliario agochou tras de si numerosos fraudes, estafas, roubos e "ladronadas" varias. Parece ser que ultimamente numerosas noticias me están dando a razón pero iso non é porque sexa unha caste de Oráculo de Delfos senón porque todo o mundo sabe do diñeiro negro que se move no mundo inmobiliario.
Pois ben, ¿son a algúns personaxes de dubidosa valía que vemos nas xuntanzas desa plataforma aos que lle debemos facer caso no tema este do urbanismo?, ¿ son eses que cren que non hai mellor chan que o urbanizable os que teñen que decidir onde se construe ou non, para logo facer cartos construindo nos mesmos lugares que aconsellen urbanizar os que teñen que decidir como vai ser a nosa futura paisaxe?. Coido que non e agardo non ser o único.
Pero claro todos estes movementos tamén inducen a outra reflexión, o PP ( esta vez refírome ao partido) organiza os seus recursos para facer oposición trás deixar atrás (polo momento) os escandalos das listas sen ningunha dimisión. O que pasa é que, claro, vai ser complicado que movan auga neste tema aqueles aos que a Garda civil lles entrou no concello polo urbanismo. ¿Ou non?
De todas maneiras moitas das organizacións empresariais mecas tamén son partidarias do deixar facer e dun urbanismo e dun turismo do século XIX ou XX pero non do XXI. Digo esto porque as peticións son campos de golf, portos deportivos e asfalto e máis asfalto. Eu estou cansado de que no nome do Deus Turismo se permita facer calquera barbarie urbanística porque levamos moitos anos así. Pero claro moitos destes profetas non teñen nin idea dos cambios que se están a producir no sector. Resulta que cada vez son máis as persoas e organizacións que apostan por un turismo máis relacionado coa natureza e fuxindo dos modelos de sol e praia. Isto é así porque resulta complicado competir niso con outros lugares do Estado pero tamén porque a xente xa busca algo máis nas súas vacacións. Ademais tamén resulta que o turismo español está perdendo "clientes" por mor da competencia de Túnez e sobre todo Croacia que se están convertendo en verdadeiras potencias turísticas do sol e praia. Esto non o digo eu, é un informe da UE e é a opinión de moitos xeógrafos e economistas especializados no turismo.
Pero nos tranquilos, que aínda con tanto raposo algo no galiñeiro quedará, ¿Ou non?

sexta-feira, 9 de novembro de 2007

Uns contan, outros non. ¿Alguén o entende? ( viva el progresismo)


Olas a tod@s:
Estaba eu estes días tomando o café cando leo nos xornais un par de noticias coas que me escandalicei e, entón, decidín comentárvolas a ver o que vos parecen.
A primeira é a que dá nome a este artigo e fai referencia ao tema do voto emigrante. Ven leo nos xornais algo que xa sabía que se se contabilizaran os cidadáns con dereito a voto residentes no exterior, Galiza contaría con 5 deputados máis. Isto xa se sabía hai tempo e non é nada novo ( o que eu non sabía é que foran 5) , pero resulta que a noticia ven a conto porque foi unha pregunta do senador do BNG Francisco Jorquera ao Mtro. do Interior, Rubalcaba. O conto ven sendo que imos perder un deputado polo descenso da poboación porque os residentes no exterior non contan e dixo o Rubalcaba que si que era isto unha incongruencia pero que entón había que reformar a Lei Electoral para subsanala e que había que reformala cun acordo amplo ( xa vos dixen cal é a miña opinión sobre o que nos espera coa " reforma electoral con acordo amplo" ou pacto PSOE-PP en lingua vulgar). Pero é que o conto non acaba aí, resulta que os residentes estranxeiros, que non poden votar, si que contan para o reparto dos deputados. Ou sexa que os que votan non contan e os que non poden votar si, vaia conto do carallo ou "a mi que me lo expliquen ". Todo isto despois de que o PSdeG xa nos anunciara que ían ampliar o dereito a voto dos emigrantes de xeito que van poder votar Martin Sheen e ate Nikki Lauda, que soa raro pero é neto de Juán Lauda de Nogueira de Ramuín; tamén o van poder facer as fillas de Raul Castro, o presidente de Uruguai e unhas cantas ducias de miles máis. Pero iso si, o de votar en furnas ou o de se é lexítimo que xente que nunca viu aquí escolla concelleiros nas municipais e tal non se vai discutir por agora que éche unha cousa complexa, manda truco. O que pasa é que os votos da emigración son o que sempre foron: un "caladoiro" importante e facilmente manipulable para o partido que goberna na Xunta ou no Estado. Entón que voten pero sen esaxerar que diría o outro.
A segunda noticia ten que ver co que vai entre parénteses no título e fai referencia á última ocorrencia do progresismo hispano ( tamén coñecido como "spanish third way" pola famosa vía aquela do Blair and Co.). A ocorrencia consiste en introducir como progresista unha medida netamente neocon e moi allea á tradición socialdemócrata europea, esta medida é o retraso "voluntario" da idade de xubilación. Poño entre aspas o de voluntario porque resulta que por cada ano que se retrase a xubilación crece a pensión un 3% e polo tanto os traballadores que menos cobren e teñan unha pensión baixa polo tanto xa saben o que lles queda: traballar e 3%, traballar e 3% e así acumular para disfrutar dunha mellor pensión, pero iso si, nun prazo máis pequeno xa que igual só chegan aos 72 anos ( co que traballarían 5 anos máis para ter un 15% máis de pensión durante só dous anos, un negocio redondo que di o outro). Isto ven resultando que é progre e ademais se se che ocorre dicir algo xa che espetan o consabido: e se non como se vai manter a seguridade social ou ti non ves que demograficamente somos cada vez máis vellos e duramos máis?. Pois ben ademais resulta que os empresarios non van ter que cotizar por estes traballadores que retrasen a súa xubilación ( os mozos imos ter que agardar algo máis para ser contratados). Pero iso si, é progresista, porque trátase de manter o sistema de pensións ( e eu de toda vida pensando que os progresistas eran os que buscaban avanzar na xustiza social, dereitos ... e os conservadores eran aqueles de manter). Entón deduzo que o progreso venche sendo recortar os dereitos dos traballadores para manter un sistema no canto de buscar outras solucións ou de mudar ( moderadamente, iso si, que non falamos de revolucionarios perigosos o sistema), un progresismo do carallo. Resulta que mentres tanto seguimos unificando tramos na imposto sobre a renta e polo tanto diminuindo as diferencias do que teñen que aportar ao estado os que máis cobran e os que menos, facendo xenerosas exencíons fiscais para futbolistas e empresarios estranxeiros, deixamos que só o Real Madrid lle deba máis de 20.000 millóns dos antigos a Facenda ( xa non vos digo se contamos toda a 1ª división), etc.
Este veñen sendo os progresistas, sempre buscando o progreso e tal. Pero claro un recorda logo a Paul Lafargue que a finais do século XIX dicía que os traballadores non debían reclamar o dereito ao traballo senón o dereito ao ocio. Froito doutros moitos pensadores, revolucionarios e, sobre todo, da clase traballadora conqueriuse o dereito ao ocio encarnado nas horas libres, días libres e na xubilación ao longo da segunda metade do século XX. Se agora facemos isto no século XXI non vexo eu onde anda o progreso ese que nos anuncian. Pobre Lafargue, dous séculos máis tarde e ainda andamos así. A todo isto, dos sindicatos ainda non temos noticia( tampouco deberon ler a Lafargue) e non sei eu se teremos.
En resume, a cousa do progresismo non ven sendo o progreso do sistema ( outro día fálovos do chamado "sistema nórdico" e comparades).
Post Scriptum: Ahhhh, pobre de nós se logo nos pillan os conservadores porque se os progres son así...

quarta-feira, 7 de novembro de 2007

Axudas para neoinformáticos ( e algún xogo)


Olas a tod@s:
Moit@s d@s que ledes este blog seredes cracks da informática pero de seguro que moitos outros non. Por iso decidín que cada certo tempo porei enlaces a programas útiles e interesantes dos que me falen ou tope por aí. Todos os programas que porei serán de software libre porque me parece unha maneira de traballar e unha forma de coñecemento novedosa, moi interesante a que se lle debe prestar apoio. Algún amigo meu debe de estar rindo a cachón mentres le este post pero que lle imos facer... .
O primeiro programa que vos invito a empregar é o SMPLAYER, é un reproductor de video que reproduce absolutamente todo, fácil de empregar, sen ter que instalar nada máis e que acaba cos problemas que moitos podedes ter para ver series con subtítulos ou en dúal. Podédelo descargar aquí.
O segundo programa é o Pidgin. Este é un messenger no que se pode estar conectado a varias redes a un tempo. Moitos empregan o MSN pero outros empregan o google talk, o de yahoo... . Con este poderedes falar cos usuarios de todas as redes á vez sempre que teñades conta nelas ( o cal é gratuíto). Por exemplo, eu teño amigos no MSN e no Google Talk e con este messenger podo falar con todos a un tempo sen ter que ter os dous ( ademais tamén vos libraredes das condenadas publicidades do MSN). Podedes descargalo aquí.
Por último vouvos deixar un xogo ao que me levo viciando toda a semana, o Frets of Fire. Este xogo é un clon libre do Guitar Hero da Playstation do que algún oiríades falar xa. O xogo consiste en tocar a guitarra eléctrica co teclado do ordenador. Coas teclas f1,f2,f3,f4 e f5 pulsaremos os trastes (por así dicilo) e co enter tocaremos as cordas. Como vedes na foto hai que agarrar o teclado dunha forma "particular". O xogo ven con algunha canción pero se queredes baixar máis non hai problema só poñendo frets of fire songs no google ou no emule atoparedes moitas cancións para darlle caña. Avísovos que engancha!!! Se tedes un teclado inalámbrico entón xa podedes "vaghear" como locos.Se queredes ver exemplos poñede Frets on fire no Youtube e xa veredes. O xogo podedes descargalo aquí.
Irei poñendo máis cousas coma estas se vos parecen útiles, se coñecedes programas de software libre que vos parezan útiles poñédeos.
Por certo, como de ben nacido é ser agradecido, moitas grazas a Sugar por descubrirme estes programas e o mundo do software libre en xeral.