sexta-feira, 14 de março de 2008

Eleccións 08: Algunhas ideas





Olas a tod@s:
Levo uns días pensando e reflexionando sobre os resultados electorais e vou compartir convosco estes meus pensamentos. Moitos só son incertezas e dúbidas que quizais me axudedes a clarexar, outros son opinións propias e outros tal vez sexan só "barrenes".

Primeiro, se falamos de Galiza probablemente a priori non parece moi dificil establecer un gañador. Dicía que a priori non parece dificil pero en realidade non é tan sinxelo. Para moitos o PSdG foi o gran gañador da noite e os datos parecen confirmar esta hipótese pero isto non é tan obvio como parece. O PSdG acadou uns moi bos resultados cun gran número de votos e de escanos pero, ¿ cumpriu realmente o seu obxectivo?. Realmente non e mesmo os resultados non son tan bos. O obxectivo era alcanzar ao PPdG en votos e escanos e o PSdG non acadou ningún dos dous. Ademais ainda que os seus resultados parecen moi bos, na realidade non o son tanto xa que so obtivo arredor de 2000 votos máis que no 2004 e algo máis dun 2% máis de porcentaxe de voto. Así visto o resultado xa non parece tan bo, máis ainda se temos en conta que agora conta coa presidencia da Xunta e no 2004 non. Isto fai pensar que o goberno da Xunta non está resultando tan bo como se podía esperar. O perdedor está máis claro, o PPdG perde case 100.000 votos e un 3% na porcentaxe de voto. Non asemellan grandes cifras para as aspiracións de reconquista da Xunta. Pero aquí tamén hai matices: o PPdG segue sendo o partido máis votado con case 100.000 votos de vantaxe e o desgaste de pasar á oposición non parece ser tan grande como se agardaba. Ainda así os problemas na provincia de Ourense compénsaos polo de agora cunha forte presenza nas cidades. Con todo parece o grande derrotado e semella ter dificultades de cara ás autonómicas. Despois está o BNG, o seu caso é probablemente o máis complexo. O seu favor ten conservar os seus 2 escanos nunha situación moi polarizada e aumentar moi lixeiramente en votos e porcentaxe ( máis de mil e menos do punto porcentual). En contra ten que a súa labor na Xunta non parece ter contribuido a uns mellores resultados e sobre todo, uns penosos e moi perigosos para o futuro resultados nas cidades. O caso do BNG é difícil de analisar; hai catro anos perdía case 100.000 votos caindo ate o que moitos consideramos a súa base social e tras catro anos segue sen recuperar eses votos. Aquí a dúbida está en se os 200.000 votos que ten son base social e voto fiel ou ainda non. Isto é importante porque se aceptamos que o son isto quere dicir que manterse aí non pode ser un grande éxito . Eu opto por esta opción xa que durante boa parte desta década o BNG alcanzaba os máis de 300.000 votos e ainda parecía poder crecer máis polo que parece que realmante está baixo mínimos sendo capaz tan só de manter o seu voto máis fiel pero sendo incapaz de medrar. De todas formas hai que ter en conta a polarización e que probablemente (como amosan os resultados en comicios pasados) nas autonómicas mellore tanto votos como porcentaxe recuperando parte do voto útil.

Se falamos de Ogrobe a cousa semella máis clara, o PSdG sería o gran beneficiado fronte a todos os demais que ven debilitadas as súas posicións. Pero no PSdG tampouco deberían tirar os foguetes polo de agora. Xa nas anteriores xerais conseguiron máis de 2000 votos ( tamén nas autonómicas) e, en troques, nas municipais do ano pasado so acadaron 1465. Isto quere dicir que polo de agora a xente non ten demasiada confianza no PSdG local e nos seus dirixentes debido ás liortas internas dos últimos anos. O obxectivo de Cacabelos será facerse cos votantes do PSdG das autonómicas e xerais tamén para as municipais. Non será tan sinxela a tarefa posto que unha parte importante semellan ser voto útil de xente máis cercana ao BNG ou a EU. O PP de Ogrobe perde arredor de 200 votos e 2 puntos porcentuais desde as xerais do 04 pero segue a moverse no seu abano de 2300-2500 votos e sen acusar demasiado a perda da alcaldía e da Xunta. O BNG perde arredor de 100 votos e algo menos de 2 puntos porcentuais. É un mal resultado xa que agora está nos dous gobernos e porque non parece sinxelo achacarllo ao voto útil. Inclínome por que os perdeu o BNG local. Digo isto porque xa no 2004 as eleccións foron moi polarizadas e tivo 100 votos máis pero é que ademais non segue a tendencia do BNG en Galiza (manterse e mesmo subir algo), nin do BNG nas vilas medianas, que é onde obten os seus mellores resultados. É polo tanto un mal resultado xa que non reflexa que o traballo no concello sexa, polo de agora, moi valorado polos veciños. A outra grande derrotada foi EU que como no estado sufriu moito polo voto útil, debido á historia local segue tendo un número de votos considerable comparado con outras lugares de Galiza pero parece que cada vez se vai achegando máis á situación galega, onde é marxinal. Ainda así parece probable que recupere algúns votos nas municipais dos que, sendo máis cercanos a EU, votaron ao PSdG.

1 comentário:

Anónimo disse...

Con todos os respectos ás túas reflexións-análises, que comparto en grande medida, o que si xa sona a tópico, porque o levo escoitando demasiado tempo é o fenómeno da bipolarización do voto, que efectivamente existe, pero tamén hai outros factores endóxenos no BNG que non posibilitan que medre o que realmente debera de medrar, eis pois donde o marketing falla.