terça-feira, 29 de janeiro de 2008

O trivial do PP ( eses paladíns da democracia)


Olas a tod@s:
Ainda estou coa resaca das declaracións da "gardiana das tradicións e as liberdades" cando topo na páxina dos "paladíns" un trivial irónico sobre nacionalismo, esquerda e todas as cousas que arrepían aos habitantes da "caverna celtibérica" que diría Beiras. E mira ti por onde que está cheo de falsedade, ignorancia, insultos... ; parece ser que os gardas van perdendo a careta.

No trivial ese, mediante o xogo de preguntas e respostas buscan misturar a persoeiros, políticos e organizacións con actitudes xenófobas e violentas e como premio din que van dar "unha lavadora de última xeración de memoria histórica". Aos que había que meter nunha lavadora era a máis de un o que pasa é que con tanta cotra que ten non sei eu se ían sair moi limpos. Pero voltemos ao rego, no trivial vincúlase a Castelao coa violencia armada e din del: "Alfonso Rodríguez Castelao, galleguista y demócrata de toda la vida de próxima canonización". Pero a cousa non remata con Castelao, empregan a concesión do premio Sabino Arana a Nunca Máis para vincular a esta plataforma con frases racistas (coidadosamente seleccionadas, iso si) de Sabino Arana. E así podería seguir con Pousa Antelo, o estatuto do 36 ou X.M. Beiras, pero é mellor que o vexades vos mesmos na páxina do PP.

A verdade é que teño pouco que dicir sobor de tal exercicio de incultura, manipulación e insulto, só que agora xa podemos ver ás claras a verdadeira faciana que se agocha trás a gaivota. É esta unha faciana reaccionaria, chulesca e de tamaña incultura. Ainda así vou tentar dicir algo. Primeiro dicir que empregar dese xeito a Sabino Arana sen ter en conta que é un personaxe da súa época histórica só pode ser calificado de estupidez. Sabino Arana recollía nos seus escritos teorías filosóficas e políticas moi en boga na época na que viviu e iso hai que telo en conta, do mesmo xeito que se hoxe lemos a descripción dos galaicos que fai Estrabón hai que ter en conta o seu contexto histórico e persoal. Co do estatuto do 36 xa non sei nin que dicir, non sei que o que buscan estes individuos, ¿restarlle lexitimidade ao referendum de aprobación dese estatuto?. ¿Para que?, se total despois viñeron os bárbaros e acabaron con el e con moita da xente que o elaborou?. Eses mesmos barbaros que despois impuxeron un estado totalitario a sangue e lume durante 40 anos coa colaboración do presidente de honra do seu partido, Fraga, e moitos máis que agora , "trás pasar pola lavadora", son e fan parte do PP. Non vou seguir que igual me denuncian ;)

Só me resta por dicir que agora que xa lles vimos ben a faciana xa sabemos o que hai. Isto é, unha dereita reaccionaria, chulesca e ignorante máis propia do s.XIX que da actualidade. E digo que non imos esquecer esa súa faciana, nin permitir que despois se fagan os galeguistas citando a Castelao cando xa sabemos o que pensan del e moito menos imos permitir que nos dicten aos demais o que podemos ou non pensar,facer, ler ou escribir.

Pero tamén imos facer algo, seguir denunciando esa súa faciana e seguir berrando con Castelao:
SODES UNS IMPERIALISTAS FRACASADOS. Ah, e por certo, algún aprendería moi pouco coa LOXSE pero outros ainda hoxe, sendo concelleiros, non teñen idea do que falan e de ler e escribir andan xustiños.

Deixo a nova en CHUZA para que a leades e a compartades.

quarta-feira, 23 de janeiro de 2008

Non á censura na rede! Liberdade de expresión!



Olas a tod@s:
Espértome hoxe coa nova de que Diana Otero, concelleira do PP local, volta coa teima do PP do Salnés de sileciar aos blogueiros por considerar que os comentarios que facemos son ofensivos e cobardes. Hai que recordar que o PP xa denunciou a Cousas de Ogrobe e Cousas de Cambados e que o xuíz de Cambados admitiu a trámite as denuncias. Ben, parece que isto non lles pareceu suficiente e como viron que os blogueiros, e todas as persoas que nos ledes e comentades, seguimos falando dos temas que nos parecen interesantes respecto do NOSO concello pois voltan coas ameazas.

Ate certo punto é comprensible xa que contar co goberno e acabar na oposición é cando menos complicado, máis ainda se considerabas que o goberno ía durar dous telexornais e resulta, que polo de agora, está durando bastante máis e todos sabemos que na oposición se pasa frío. Resulta ainda máis claro cando se pensa que de algo hai que falar e que se non hai un proxecto alternativo para a vila pois hai que darlle caña alguén para sair na prensa. Tocounos a nós, que lle imos facer.

Parece que o que busca esta xente é amedrentar ao persoal con propostas ademais bastante raras, pero poden mandar ao ex a negociar cos de Google a ver se lle fan caso. En realidade somos molestos por ter opinións propias e, máis ainda, por ter un lugar onde dicilas e compartilas; pero claro diso debe tratar a democracia e a liberdade. Realmente a democracia sen cidadanía crítica non pode existir, pois é a crítica un dos pilares do sistema.

Moitos políticos levan bastante mal iso de que calquera poida crear un foro na rede e exercer a súa crítica desde el xa que estabán acostumados a relacionarse só cos cidadáns de catro en catro anos e mediante os medios de comunicación " tradicionais". Destes, moitos dependeron durante os gobernos do PP da Xunta e das súas subvencións ( directas ou indirectas) para poder existir, e como todos sabemos non se soe morder a man que che dá de comer. Entón, que catro cidadáns do común escribamos na rede sobre temas locais debe molestar pero resulta que o fai porque firmamos como Escévola e non como Xan ou Pedro, non polo que escribamos ou deixemos de escribir. Curioso.

A concelleira Otero tenta amedrentar pero claro resulta que os tempos nos que outros decidían o que se lía ou non, o que se vía ou non e o que se escribía ou non, xa pasaron. A verdade é que debe ser moi triste non ter nada do que falar cando eres oposición para ter que acabar falando dos blogs. Non sei cales son as informacións que lle molestaron ( non creo que fose o video de Huckabee e Chuck Norris, ao mellor é admiradora dos dous) e a verdade é que tampouco me importa.

Gustaríame salientar as mostras de apoio recibidas en todos os blogs "sospeitosos" e noutros lugares. Onte subín a nova a CHUZA e xa ten máis de corenta votos asi como mostras de apoio. Así mesmo xa puiden ver os comentarios de apoio deixados en Cousas de Ogrobe. A todos, grazas.

Dicía Carlos Puebla nunha canción: " estaba yo en mi rincón/ preguntándome hace rato/ como es posible que al gato/ le meta miedo el ratón" e "No es miedo el que usted me da/ con su OEA y sus pamplinas/porque yo de las gallinas/me estoy riendo por aca". Creo que queda bastante claro. Só me resta por dicir que por min poden seguir coa campaña de "amedrentamento" que me dá o mesmo que vou seguir exercendo o meu dereito a expresarme e o meu dereito, e tamén obriga de cidadán, de exercer a crítica; e paréceme a min que se seguén así ainda me quedan moitos artigos máis...
PD: Aquí tedes a nova en Chuza

terça-feira, 15 de janeiro de 2008

E tronou a santa bárbara


Olas a tod@s:
Hai que ver as voltas que da o mundo, a Condolezza Rice falando de dores de parto da historia ( a frase usada polos soviéticos para defender a violencia revolucionaria) no tema de Irak. Pero claro esto tamén é aplicable a nivel local ( a pequena escala o mundo tamén xira) co tema de Emgrobes e o CIT e o aparcadoiro. Digo isto porque non hai tantos anos un proxecto de aparcadoiro na Catorse foi desbotado con argumentos tales como que non facía tanta falta e chorradas polo estilo. E por iso falo da santa bárbara, pois ademais de ser un polvorín tamén é ese lugar do que só nos acordamos cando trona, ou sexa, rebenta.

Na recente historia meca este é un exemplo máis da falta de planificación dos gobernos locais dende a transición e, polo tanto, da total indiferencia de grande parte dos veciños perante esta falta total e absoluta da mínima planificación racional. Casos famosos e que todos coñecemos son a venda ( máis ben regalo) dos terreos de San Vicente do Mar durante a transición, as sucesivas reformas do Corgo sen saber con ningunha delas que era exactamente o que se quería facer, a falla total de parques infantís ou o polémico traslado da Casa do Mar a unha nova ubicación ( este parece que si que era un proxecto, pois buscaba conquerir a reducción nas listas de espera mediante o "mal rollo" que pode dar ir ao médico a carón dun cemiterio) e agora tamén o caso dos aparcadoiros. Disto ,non nos debemos enganar, non só os políticos teñen culpa senón que tamén a temos os cidadáns mecos que sempre andamos procurando o maior beneficio persoal a curto prazo que o ben común ao longo. De todo isto temos outra proba nese animal mitolóxico denominado PXOM que, como con outros animais mitolóxicos temos dificultade en atopalo e capturalo ou a urbanización en San Vicente famosa.

Entón, como ocorre sempre que a planificación é nula, estoura a santa bárbara e dámonos conta que o construir edificios e casas non é o único senón que hai que dotar á vila de servicios como aparcadoiros e parques. Pero claro agora podiamos dicir aquelo de "tarde piaches" xa que resulta que os terreos dos que o concello dispón para este tipo de infraestructuras son, sendo xeneroso, poucos. Ademais se resulta que algúns ate poden ser díficiles de atopar debido a que os gobernos do PP anteriores non se preocuparon nin o máis mínimo pois peor se poñen as cousas.

Como conclusión debemos tirar a importancia dun urbanismo racional, equilibrado e planificado e darnos conta de que o urbanismo non é un tema menor no que se di onde se pode construir e como senón que é un tema primordial e principal, máis nun concello de reducidas dimensións e cun gran patrimonio paisaxístico e natural que protexer. Debe ser así porque nos xogamos o futuro de novas infraestructuras necesarias no futuro pero tamén porque debemos empezar a darnos conta de que os que nos visitan ( e son a fonte de ingresos primaria da localidade) tamén o fan pola nosa paisaxe e non só para ter praias e cemento que iso xa hai noutros lugares e con máis sol.

Respecto dos comerciantes dicir que as súas organizacións sectoriais como as do sector hosteleiro, non creo que estén a cumplir cos obxectivos para as que se supón que existen. Digo isto porque o comercio local, pese a ser abundante, non deu tirado para adiante con propostas como o centro comercial aberto ou con algún tipo de actividade que aproveitando a pluralidade, dese coas sinerxias necesarias para facerlle fronte ao gran comercio. No caso dos hosteleiros isto é todavía moi claro pois eu xa coñezo máis dun socio da súa asociación sectorial que se deu de baixa ou que ainda non sabe exactamente para que serve esa organización, claro está se exceptuamos algún tipo de "fama e prestixio público" do dirixente de turno. Pero este é un tema moi amplio para tratalo só nun parrafo polo que escribirei a semana que ven sobre el.

quarta-feira, 9 de janeiro de 2008

Primarias no Imperio 2


Pois si, este que sae dicindo " o meu plan para protexer as fronteiras? Dúas palabras: Chuck Norris" é Mike Huckabee candidato republicano nas primarias que gañou en Iowa. É tan ultraconservador e ultracristiano que parece dificil que poida gañar as futuras eleccións presidencias pero quen sabe.... Tamén quere nombrar a Chuck Norris Secretario de Defensa, con el máis Arnold igual poden conquistar o mundo que nas peliculas eles sós acababan con tres ou catro exércitos, en fin...

Olas a tod@s:
Na anterior entrada falábamos dos caucus en Iowa onde ao final se fixeron co triunfo Obama polos demócratas e Huckabee polos republicanos. Onte celebráronse as primarias en New Hampshire onde todo apuntaba a victorias de Obama nos demcrátas e de McCain nos republicanos. Ao final as primarias neste estado deron como vencedores a McCain e a Hillary Clinton, esta con só un 3% de ventaxa sobre Obama. Esta victoria de Clinton fai que recupere os folgos necesarios para poder competir no SuperMartes cunha certa ventaxa sobre Obama. No bando republicano hai que destacar o terceiro posto de Huckabee, por diante de Giuliani. Este terceiro posto é moi meritorio pois o seu discurso ultraconservador e ultracristiano ( é pastor baptista e gañou en Iowa grazas aos grupos evanxélicos; se vedes o documental Campamento Jesús xa podedes ver de quen estamos falando) contaba con poucos adeptos neste estado. Giuliani que era o frontrunner (favorito) dos republicanos pode pagar caro a decisión de non facer campaña ata o SuperMartes xa que os cuartos postos alcanzados nos dous estados non son unha boa posición para chegar primeiro ao final.

Quedan para o futuro antes do Supermartes as primarias de Carolina do Sur, o primeiro estado do Sur onde se celebran as primarias. Neste estado hai interrogantes tales como a forma na que se vai repartir o voto afroamericano entre Obama e Clinton xa que neste estado este grupo étnico xa é moi importante ou se Huckabee segue a manter os seus bos resultados en estados moi cristianos.

sexta-feira, 4 de janeiro de 2008

Eleccións USA :unha guía sinxela parte 1. Iowa

Olas a tod@s e feliz ano 2008:

Escribo esta entrada mentres estou pendiente dos resultados dos caucus de Iowa. O motivo fundamental do artigo e tentar explicar o proceso electoral en USA xa que nos van a bombardear durante todo este ano con noticias e digo eu que non está mal saber como funciona.

Primeiro os dous grandes partidos, Demócratas e Republicanos teñen que escoller ao seu candidato a presidente. Esto faise mediante a elección nos distintos estados dos representantes estatais na correspondente Convención Nacional ( Demócrata ou Republicana). Os sistemas varían segundo os lugares e o partido pero basicamente consisten en que votantes que se rexistran como republicanos ou demócratas voten en asembleas locais aos representantes de cada unha das candidaturas. A elección non é toda de vez, isto é, non se celebra en todos os estados ao mesmo tempo. Primeiro celébrase no estado de Iowa e despois en New Hampshire, logo no Supermartes ( super dumper) na maioría dos restantes. Iowa e New Hampshire son fundamentais xa que ao ser os primeiros marcan a tendencia nos demais e os bos ou malos resultados danlle un empuxón ou tropezón mediático a escala nacional nos medios de comunicación.

Imos falar de Iowa xa que se están celebrando agora. En Iowa a elección decídese en asembleas veciñais denominadas caucus ( palabra de orixe india que significa reunión ou asemblea). Poden participar aquelas persoas que se rexistren como votantes. Nos republicanos a votación faise ,tras escoitar aos candidatos, a man alzada ou mediante voto (segundo número de participantes). O candidato que recibe máis votos leva os 40 delegados para a Convención Nacional Republicana. O caso demócrata é máis complicado, nel os participantes reunense nos lugares de votación segundo a súa intención de voto. Estes grupos son clasificados en viables ou inviables segundo alcancen determinada porcentaxe de voto. Por exemplo, hai cen electores e forman os seguintes grupos 10 persoas apoian a un, 35 a outro, 40 a outro,10 a outro e as 5 últimas a outro; normalmente hai que acadar o 15% para ser "viable" polo que todos os que son menos deben acomodarse nun dos grupos maioritarios ou aliarse entre eles para pasar o corte. Este proceso soe durar 30 minutos e despois asígnase os delegados proporcionalmente. Estes delegados son para a elección nos condados xa que a diferencia do caucus republicano o que gaña en votos non gaña todos os delegados senón que se escollen por condado.

Todo este proceso en Iowa é moi importante como nos amosa o feito de que todos os candidatos leven un ano en campaña alí. A importancia reside no feito de como se sae de Iowa como forte candidato (front runner) ou como candidato vido a menos ou como revelación (underdog). Todo isto condiciona polo impulso ou non nos medios de comunicación as eleccións nos diferentes estados. Hai que dicir que só participan en Iowa o 10% dos votantes e que moita xente critica o feito de que tan pouca xente (Iowa ten arredor de 3 millóns de habitantes) poña ou quite candidatos a presidente.
Isto é obvio pero hai que dicir respecto da lexitimidade que é algo que caracteriza o sistema en USA xa que o presidente soe contar co voto de menos do 25% da poboación e iso como moito. Pero disto xa falaremos conforme vaia avanzando o proceso electoral.
Deixovos este gráfico tirado do New York Times sobre os caucus demócratas. Pinchade nela para vela máis grande