sexta-feira, 14 de março de 2008

Eleccións 08: Algunhas ideas





Olas a tod@s:
Levo uns días pensando e reflexionando sobre os resultados electorais e vou compartir convosco estes meus pensamentos. Moitos só son incertezas e dúbidas que quizais me axudedes a clarexar, outros son opinións propias e outros tal vez sexan só "barrenes".

Primeiro, se falamos de Galiza probablemente a priori non parece moi dificil establecer un gañador. Dicía que a priori non parece dificil pero en realidade non é tan sinxelo. Para moitos o PSdG foi o gran gañador da noite e os datos parecen confirmar esta hipótese pero isto non é tan obvio como parece. O PSdG acadou uns moi bos resultados cun gran número de votos e de escanos pero, ¿ cumpriu realmente o seu obxectivo?. Realmente non e mesmo os resultados non son tan bos. O obxectivo era alcanzar ao PPdG en votos e escanos e o PSdG non acadou ningún dos dous. Ademais ainda que os seus resultados parecen moi bos, na realidade non o son tanto xa que so obtivo arredor de 2000 votos máis que no 2004 e algo máis dun 2% máis de porcentaxe de voto. Así visto o resultado xa non parece tan bo, máis ainda se temos en conta que agora conta coa presidencia da Xunta e no 2004 non. Isto fai pensar que o goberno da Xunta non está resultando tan bo como se podía esperar. O perdedor está máis claro, o PPdG perde case 100.000 votos e un 3% na porcentaxe de voto. Non asemellan grandes cifras para as aspiracións de reconquista da Xunta. Pero aquí tamén hai matices: o PPdG segue sendo o partido máis votado con case 100.000 votos de vantaxe e o desgaste de pasar á oposición non parece ser tan grande como se agardaba. Ainda así os problemas na provincia de Ourense compénsaos polo de agora cunha forte presenza nas cidades. Con todo parece o grande derrotado e semella ter dificultades de cara ás autonómicas. Despois está o BNG, o seu caso é probablemente o máis complexo. O seu favor ten conservar os seus 2 escanos nunha situación moi polarizada e aumentar moi lixeiramente en votos e porcentaxe ( máis de mil e menos do punto porcentual). En contra ten que a súa labor na Xunta non parece ter contribuido a uns mellores resultados e sobre todo, uns penosos e moi perigosos para o futuro resultados nas cidades. O caso do BNG é difícil de analisar; hai catro anos perdía case 100.000 votos caindo ate o que moitos consideramos a súa base social e tras catro anos segue sen recuperar eses votos. Aquí a dúbida está en se os 200.000 votos que ten son base social e voto fiel ou ainda non. Isto é importante porque se aceptamos que o son isto quere dicir que manterse aí non pode ser un grande éxito . Eu opto por esta opción xa que durante boa parte desta década o BNG alcanzaba os máis de 300.000 votos e ainda parecía poder crecer máis polo que parece que realmante está baixo mínimos sendo capaz tan só de manter o seu voto máis fiel pero sendo incapaz de medrar. De todas formas hai que ter en conta a polarización e que probablemente (como amosan os resultados en comicios pasados) nas autonómicas mellore tanto votos como porcentaxe recuperando parte do voto útil.

Se falamos de Ogrobe a cousa semella máis clara, o PSdG sería o gran beneficiado fronte a todos os demais que ven debilitadas as súas posicións. Pero no PSdG tampouco deberían tirar os foguetes polo de agora. Xa nas anteriores xerais conseguiron máis de 2000 votos ( tamén nas autonómicas) e, en troques, nas municipais do ano pasado so acadaron 1465. Isto quere dicir que polo de agora a xente non ten demasiada confianza no PSdG local e nos seus dirixentes debido ás liortas internas dos últimos anos. O obxectivo de Cacabelos será facerse cos votantes do PSdG das autonómicas e xerais tamén para as municipais. Non será tan sinxela a tarefa posto que unha parte importante semellan ser voto útil de xente máis cercana ao BNG ou a EU. O PP de Ogrobe perde arredor de 200 votos e 2 puntos porcentuais desde as xerais do 04 pero segue a moverse no seu abano de 2300-2500 votos e sen acusar demasiado a perda da alcaldía e da Xunta. O BNG perde arredor de 100 votos e algo menos de 2 puntos porcentuais. É un mal resultado xa que agora está nos dous gobernos e porque non parece sinxelo achacarllo ao voto útil. Inclínome por que os perdeu o BNG local. Digo isto porque xa no 2004 as eleccións foron moi polarizadas e tivo 100 votos máis pero é que ademais non segue a tendencia do BNG en Galiza (manterse e mesmo subir algo), nin do BNG nas vilas medianas, que é onde obten os seus mellores resultados. É polo tanto un mal resultado xa que non reflexa que o traballo no concello sexa, polo de agora, moi valorado polos veciños. A outra grande derrotada foi EU que como no estado sufriu moito polo voto útil, debido á historia local segue tendo un número de votos considerable comparado con outras lugares de Galiza pero parece que cada vez se vai achegando máis á situación galega, onde é marxinal. Ainda así parece probable que recupere algúns votos nas municipais dos que, sendo máis cercanos a EU, votaron ao PSdG.

segunda-feira, 10 de março de 2008

En Galiza xógase a tres


Olas a tod@s:

Xa hai novo parlamento estatal, e digo parlamento porque ainda que o pareza, presidente ainda non hai e goberno obviamente tampouco. Convén dicir isto porque estas eleccións parecían presidenciais en vez de lexislativas na maioría de medios de comunicación e eu non coñezo galego ningún que votando en Galiza escollera a Rajoy ou Zapatero.

Hoxe titulo " En Galiza xógase a tres" e fágoo porque, dado o contexto, parece algo moi noticiable. O parlamento estatal ten nesta nova era un acentuado bipartidismo sendo a vez que o PP e o PSOE suman máis diputados na historia do estado. Posiblemente a víctima máis importante sexa a democracia e en segundo lugar IU. Só resisten a onda bipartidista os integrantes do Galeuscat. Saliantables son os resultados de CiU, PNV e BNG, os dous primeiros porque conservan o grupo parlamentario e o BNG porque consegue manter os seus dous deputados e sobe 7 décimas en porcentaxe de voto. Puidese parecer que os resultados do BNG non son para tirar foguetes pero hai que ter en conta o contexto.

Este contexto está marcado absolutamente pola deflagración bipartidista, a polarización PP-PSOE axitada e apoiada polos medios de comunicación. Os dous grandes partidos tiveron dous debates entre eles que viron máis de 25 millóns de persoas, mentres o resto tivo uns "debatiños" onde había un minuto para falar de cada tema. En moitas das enquisas xa só aparecían os datos de PP e de PSOE como se non houbese ningún outro partido e a cobertura electoral foi dunha parcialidade tal que parecía que xa só existían ZP e Rajoy. Só vou pór un exemplo, en La Voz de Galicia mentres os mitíns e mensaxes de PP e PSOE aparecían nas paxinas 1 e 2, o BNG aparecía na 7 ou así xunto co PPdG e o PSdG. Parecía que en Galiza se presentaban o PP, o PSOE, o PPdG, o PSdG e o BNG ( ou o que é o mesmo o PP e máis o PSOE presentábanse dúas veces), unha verdadeira esquizofrenia se non fose intencionado pero como o é ímolo deixar en simple manipulación.

Como resultado deste ambiente baixaron todos os partidos non maioritarios agás CiU, BNG e Nafarroa Bai. Izquierda Unida perdeu o seu grupo parlamentar e vai facer parte do Grupo Mixto. Dimitiu o Llamazares trás o pau pero a verdade é que deberían dimitar os medios de comunicación que só cubriron a campaña bipartidista como se non houbese outra cousa á que votar.

Pois ben, neste ambiente o nacionalismo galego encarnado polo BNG foi quen, non só de manter os seus dous deputados, senón de afortalalos e de subir en porcentaxe de voto. A mensaxe é clara, se nestas condicións o BNG non se veu arrastrado pola onda bipartidista é, nin máis nin menos, porque o nacionalismo galego conqueriu unha base social o suficientemente estable para resistir o embate. Outra interpretación é que Galiza afortala o seu comportamento electoral diferente ao estatal ao igual que Euskadi e Catalunya.

En resume, por moito que se queira o contrario, en Galiza xógase a tres, gústelle ou non a La Voz de Galicia, El Pais, Faro de Vigo e demais membros dese grupo de "informantes veraces e imparciales".

P.D: Sinto bastante tristura polo resultado de IU no estado pois supón a desaparición da esquerda real española grazas a ficción estendida por algúns medios de que a esquerda era Zapatero. Se IU quere espabilar debe deixar de laiarse polo sistema electoral, ainda que é relativamente certo que os perxudica, e pórse a traballar nas organizacións sociais e plataformas cidadáns porque co apio dos medios nunca vai contar. As organizacións de esquerdas contemporaneas amósannos que é posible obter resultados bos sen apoio mediático pero só se conta cun tecido social forte e estable, algo do que IU carece, máis ainda trás a "perda" de CCOO.

quinta-feira, 6 de março de 2008

A panacea democrática ( disque)

Olas a tod@s:

Xa estamos na última semana de campaña electoral e xa se acabaron os debates. Levábamos moitos anos sen termos debates nas televisións e polo visto parecía que a máis dun os debates parecianlle unha sorte de panacea democrática e case que a base mesma do sistema democrático. Eu non estou en contra dos debates, parecenme ben pero tampouco convén esaxerar respecto dos seus beneficios.

Vivimos sen ningunha dúbida a época da política xestión, isto é, nunha época onde parece que as ideoloxías se difuminan ou mesmo semella que non existen. Digo que semella porque en realidade non é así, obviamente as políticas desenvolvidas polas diferentes forzas agochan tendencias ideolóxicas. Cabería preguntarse logo o porqué de que parezan extintas ou de que non se perciban claramente. O motivo ten raices históricas claras na configuración dos sistemas democráticos trás a 2ª Guerra Mundial. Como xa dixen hai unhas semanas, após a guerra os sistemas democráticos sofren unha transformación que consistirá basicamente na construcción de sistemas bipartidistas máis ou menos imperfectos, onde dous grandes partidos se alternen no poder e lle den soporte ao sistema impedindo a ameaza comunista. Estes dous partidos encarnarán o que logo se denominará centro-dereita e centro-esquerda, e nas súas actuacións non haberá grandes diferenzas. Este sistema viuse fortalecido trás a caida da URSS e, polo tanto, da única alternativa existente ao sistema político encarnado pola democracia liberal e do sistema económico capitalista.

Trás a caida da URSS tanto o sistema económico como o político viraron rapidamente cara a direita e o neoliberalismo debido ao desconcerto dunha esquerda sen referentes ideolóxicos e da desaparición da única alternativa ao sistema. Durante os anos 80 e 90 vaise producir o derrube controlado do estado do benestar e das teorías que o sustentan. Niso seguimos na actualidade.

Todo isto pode parecer un desvarío máis ou menos culto pola miña parte que nada ten que ver co título pero non é así. Calquera que vira os debates ZP-Rajoy e reflexione un pouco pode observar que os seus discursos non se diferenciaron moito no fondo da cuestión e máis aló dos consabidos lemas e ideas forza. Os dous van reducir os impostos, os dous falan de política social, de libre mercado, de protección fronte á inmigración e as diferenzas son tan só de matiz. Tanto un coma outro acortan os tramos do IRPF favorecendo ás rendas máis altas, un reduceo o 3% e outro o 2 %, unha grande diferenza como podedes ver.

Pero claro, entón: ¿dereita e esquerda son iguais?. Rotundamente non, a cousa está en se o PSOE pode ser considerado esquerda ou son os dous de dereitas. Isto pode parecer unha cousa loca pero non son eu quen o di senón moitos dos maiores intelectuais mundiais. A esquerda, segundo as definicións clásicas, está identificada co progreso social cara unha sociedade máis xusta. Progreso é a clave, hoxe os partidos socialdemócratas europeos non camiñan cara un progreso social, só defenden algo máis certas conquistas sociais como a educación pública ou a sanidade ( e iso cando o fan, só hai que mirar ao laborismo) pero só as defenden non incrementan os logros sociais cara unha maior igualdade e reparto da riqueza. Di Eric Hobsbawn que logo serían conservadores e non progresistas, e engade que ate que se constrúa outra alternativa da esquerda as cousas van seguir así. A alternativa ainda se está fraguando nas redes sociais, no Foro Social Mundial e sobre todo nas organizacións sociais así que ainda nos queda un rato.

¿Entón se as ideoloxías non parecen tan importantes como funcionan as campañas?. Pois, como todos pudemos ver nos debates, mediante ideas forza ou lemas que raramente se explican porque non hai tempo e porque sería contraproducente facelo. Isto é obviamente así, ¿cantas propostas se coñecen en profundidade máis aló do lema?; case ningunha. Así claro que se pode debater algo como a economía ou a política exterior en 10 minutos. Ademais en economía as diferencias son que para un vai ben e para outro vai mal, no fondo non hai diferenzas de modelo ou opcións novidosas.

A todo isto hai que dicir que en España o bipartidismo ainda é moi imperfecto, máis que na maioría da UE. Isto é debido exclusivamente aos nacionalistas que polo de agora seguen rachando o cada vez maior bipartidismo. Tanto é así que despois das eleccións os seus votos van ser imprescindibles para o goberno do PP ou do PSOE. E iso cando hoxe se celebrou un debate entre os grupos minoritarios na TV onde tiñan 59 segundos para falar de cada tema. ¡59 segundos para explicar unha proposta política!. Iso si que é tempo para facer propostas e propor alternativas. Vedes como os debates son a panacea, se non fose por eles seguro que non sabíamos nada. ¿Non si?