terça-feira, 29 de abril de 2008

Implosión


Olas a tod@s:

Levaba toda a semana pensando en escribir sobre o tema do lixo pero a cuestión das cámaras de vixiancia fíxome pensar sobre un fenómeno que ben pode facer referencia a estes dous temas: a implosión.

Podemos explicar este fenómeno como algo que estoura desde dentro ou cara dentro. Nisto parece que anda ultimamente sumido este noso goberno local. Explícome: nestas dúas últimas semanas o pacto de goberno foi posto a proba duramente polos seus propios membros e parece que o resultado foi que o goberno é sólido. Ainda así non estou eu tan seguro de que este resultado sexa tan certo como pode parecer a priori.

Os dous temas aos que me refiro son, como xa dixen antes, o lixo e as cámaras. Estes temas puxeron a proba ao goberno xa que parecían temas capaces de xerar certas fracturas entre os seus membros. No tema do lixo parece claro que EU e o BNG ían optar pola postura que ao final elixiron ( ainda que cun certo suspense no caso do BNG). Entón coincidiredes comigo en que o PG xa o debería saber tamén cando se lle deu por sacar esa iniciativa, polo que tamén podemos supoñer que o debate nos medios puido ser unha forma diso coñecido como " nadar e gardar a roupa" por se no futuro non melloran demasiado as cousas nese tema. No tema das cámaras non podo estar máis en desacordo coa resolución e co procedemento elixidos polo goberno e creo poder afirmar , sen moito temor a equivocarme, non ser o único votante dalgunha das forzas do goberno que o está.

Xa me pronunciei antes en contra das cámaras de vixiancia neste mesmo lugar e nalgún outro pero non entrara na cuestión dos procedementos empregados. Digo isto porque o procedemento empregado neste tema é, cando menos, irregular e eticamente reprobable. Non se pode aceptar como un procedemento democrático a seguinte sucesión de feitos: 1. Coloco as cámaras sen dispoñer dos permisos pertinentes e sen avisar da súa colocación 2. Cando se descubre, digo que a situación das cámaras é legal 3. Decido ampliar o número 4. Resulta que as cámaras eran legais pero, cousa rara, pido os permisos a posteriori 5. Anuncio que agora xa non son eu o responsable das mesmas senón outros concelleiros 6. O goberno aproba a ordenanza respecto das cámaras.

Cando menos parece que algún dos sucesos do final deberían ser os do comezo e tamén parece claro que a cuestión dos permisos é cando menos dubidosa. Resulta tamén curisoso que o seu creador e fero paladín, Alfredo Bea, ceda o seu control a outros edís. E por último, xa é a repanocha, que tanto o BNG como EU apoien esa ordenanza. Galiza Nova xa se ten posicionado en contra das cámaras en outros lugares, e polo de agora, Galiza Nova tamén é o BNG. Resulta ainda máis raro se temos en conta que o Movemento polos Dereitos Civís está integrado por moitos militantes nacionalistas e mesmo por asociacións do que podemos denominar "tecido social nacionalista".

O pacto de goberno xa naceu con moitas dúbidas nas bases sociais de EU e, sobre todo, do BNG. Coñecido é por todos que o BNG se sentiu moi perxudicado polo pacto de goberno e que grande parte da súa base social o contemplou con moita suspicacia. Decisións como esta das cámaras e as formas empregadas no tema do lixo, non contentaron nin aos votantes de EU nin aos do BNG ( neste caso máis ainda debido á tardanza en dicir que non). Parece que polo de agora estas dúas forzas son as que teñen que facer máis sacrificios de cara á súa base social. Estas situacións poden facer mermar moito os seus apoios se perduran no tempo, poñendo en perigo a cohesión do pacto de goberno. Se xa había quen tiña dúbidas respecto a certos compañeiros de viaxe, estas medran día a día polo que parece e poden chegar a fartar a gran parte da militancia e da base social destas dúas forzas e provocando crises no goberno. Esta posible crise non sería causa de factores externos, a oposición de PP e A Meca é polo de agora bastante lamentable, senón polas propias decisións e actuacións de membros do goberno máis interesados en réditos electorais futuros que na estabilidade presente. Só así se entenden certas declaracións de PSdG e PG na prensa no tema do lixo.

Logo parece que o da implosión non é tan disparatado como podería parecer, tanto máis se ata podemos case que identificar ao "implosionador" e incluso a máis de un. Debo dicir que non creo que esto vaia ocorrer polo de agora, pero non deberiamos descartar que comezase a suceder cando esten próximas as eleccións. Así o risco de implosión é baixo pero parece que medra mes a mes, ¿ou non?

quinta-feira, 17 de abril de 2008

Agora estamos en contra das casas habitables

Olas a tod@s:

Ultimamente parece que ao PP, a nivel galego e local, non lle vale nada, ou dito de outra forma, lle vale todo para facer oposición. Xa fan oposición co galego, co ensino gratuito de 0 a 3 anos e mesmo coas infraestructuras. O último descubrimento resulta ser a Lei de Habitabilidade, ou sexa os preceptos mínimos que teñen cumprir as vivendas que se constrúan a partir de agora para resultar legais.

E estamos así, discutindo se ampliar a anchura das portas e o tamaño das casas é malo ou bo. Manda truco. Non hai tanto a postura do PP case que era dicir que as casas e pisos que promocionaban as institucións eran como caixas de mistos e, que se nos descoidábamos, podiamos acabar vivindo en contentores deses dos barcos ( todos vimos imaxes nos xornais e na tv). A postura agora ven sendo que facer as casas máis grandes, mellor distribuídas, buscando o aforro enerxético e logo máis habitables é malo tamén. Gustaríame preguntarlle a Miguel Angel Pérez logo cal é a medida que eles consideran boa; non lle valen pequenas porque son demasiado pequenas; pero de corenta metros mínimo tampouco porque son grandes de máis. ¿En que quedamos?.

E así afogados pola demagoxia, esquecemos, unha vez máis, de que estamos falando en realidade. Resulta que as normas da lei son menos duras que as empregadas en moitos outros lugares de Europa ( Austria ou Suecia por exemplo). Parecen un gran avance xa que cousas como a anchura das portas pode dárnos igual agora, pero iso non será así se algunha temos ao noso cargo persoas en cadeiras de rodas ou que non se poidan levantar da cama. Despois está o asunto da altura que pasa a ser algo maior para acabar coa sensación de zulo que transmitían algunhas das vivendas actuais que, casualidades, resultaban as únicas que se podían mercar sen ser millonario. Outros avances importantes son os referentes á luz solar que poden permitir grandes aforros enerxéticos ao longo da duración da vivenda.

Resulta que o PP, aliándose coas empresas " máis honradas" del lugar, as inmobiliarias, advírtenos de que isto vai encarecer as vivendas. Digo eu, ¿ máis ainda?. Igual o problema é que moitos promotores do ramo compraron terreos contando con facer 30 vivendas de 30 metros, sen luz e pouco habitables e agora resulta que poden facer vinte pero máis habitables. Entón o problema estará en que estes empresarios verán reducirse os seus marxes de beneficio. Algo que a min personalmente non me parece moi inxusto vendo, como vimos todos, como este negocio fomentou unha burbulla especuladora e unhas prácticas pouco éticas ata que lle rebentou na cara a máis de un.

Como dixen antes, todos recordamos aquelas vivendas contentores que nos querían vender non hai moito como se resultase que no estado español non íamos poder aspirar, a xente normal, a poder comprar outra cousa por resultarmos ser cidadáns dun dos estados con maior densidade de poboación do mundo. Unha risa.

Igual o que lle gustaba a Miguel Angel Pérez e ao PP local era a situación anterior, aquela de construe cando, como e donde queiras; beneficiando sempre aos mesmos, grandes propietarios, e acabando coa riqueza paisaxística da nosa vila. Igual lle gustaba máis esa situación que acabou con moita xente tendo que ir vivindo a 30Km por non poder pagar as cantidades desorbitadas que se pedían, e ainda se piden, por vivir no centro de Ogrobe ou de calquera cidade galega. Se así, está no seu dereito de crelo e dicilo, pero que diga clara e directamente.

segunda-feira, 7 de abril de 2008

Novas no caso dos falsos voluntarios do PP nas municipais de Euskadi


Olas a tod@s:

Como seguro que algúns xa lestes na Voz de Galicia hai novas referentes ao caso dos falsos voluntarios do PP. Estas novas non teñen que ver co proceso xudicial senón coa investigación a cargo da Axencia de Protección de Datos. Esta institución decidiu iniciar un expediente grave contra o PP polo manexo e utilización destes datos. Isto é importante pois non entra a valorar como se conseguiron os datos senón a forma e os métodos a utilización dos mesmos. Ate o de agora as pesquisas no ámbito xudicial estaban só centradas no proceso de consecución dos mesmos e este expediente abre o problema das formas na súa utilización dos mesmos.

O expediente grave pode dar lugar a unha multa de entre 60.000 e 300.000 euros. Polo momento non se coñecen nin reaccións nin opinións por parte de dirixentes populares a nivel local, provincial, galego ou estatal.

Xa expresei en artigos anteriores a opinión que me merecían estes feitos e non creo que deba redundar en argumentos xa ditos. Si me gustaría dicirvos que sigo pensando que a este tema se lle está dando unha importancia menor cando a min me parece que ten bastante importancia. Vexamos, digo eu que será bastante importante que o PP use datos persoais e presente a persoas en listas electorais sen o seu consentimento, contaminando así, nada menos, que un proceso electoral con falsas candidaturas. Pero, en troques, parece que este é un problema case que anecdótico; máis ainda se temos en conta que ainda non houbo ningunha demisión en ningún nivel do PP e que este só se limita a tirar balóns fóra e a escurrir o bulto.

Creo que tanto os afectados como o resto dos cidadáns debemos esixir que se adopten responsabilidades no PP local e no galego e, debémolo facer porque temos o dereito a esixir a maior transparencia e limpeza nos procesos electorais. Isto non é só o noso deber no plano da ética política senón o noso deber como cidadáns dunha democracia, que como todos sabemos, está baseada tamén na expresión da vontade popular a través de procesos electorais . Se danamos a limpeza e a transparencia destes procesos e non lle damos importancia, estamos escollendo, ou permitindo que escollan por nós, unha perigosa e perversa senda.

Ler a nova en Chuza

sexta-feira, 4 de abril de 2008

Apuntándose a un bombardeo

Olas a tod@s:

Resulta que o PP de Ogrobe parece disposto a aproveitar calquera cousa con tal de darlle algo de lustre a esa, polo de agora escura, labor de oposición que lle encomendaron os resultados das últimas eleccións locais. Como diríamos falando na rúa, está disposto a apuntarse ata a un bombardeo. Só así se pode entender o rebumbio armado polos membros desta formación respecto da iniciativa a prol da normalización linguística feita polo goberno local.

Certó é que non foron os únicos, víronse acompañados no rebumbio por ese estraño compañeiro de viaxe denominado A Meca ( ou La Meca se así o prefiren e por facer gala do famoso "bilinguismo"). Parece ser que o bus ese de Galicia Blingue causou estragos na súa visita ao noso concello.

Este é outro deses temas creados de maneira artificial polos thinks tanks pepeiros para atacar ao nacionalismo e de paso para tentar armar barullo dentro do PSdG. É un tema artificial porque se alguén cre de verdade que o español está en perigo pola "tiranía do galego" debería darse conta de que o único que está en perigo é a súa saude mental por vivir perigosamente ao marxe da realidade. Primeiro, a lingua propia de Galiza é o galego como claramente indica o seu propio nome. Resulta que cando o latín empregado na Gallaecia comezou a evolucionar deu lugar ao galego e non a outra cousa. Aclarado isto cómpre dicir tamén que bilinguismo é un termo científico cun significado determinado. Só se dá unha situación de bilinguismo cando se usa de xeito común a lingua propia en todas as situacións agás naquelas nas que por imposibilidade se use a segunda lingua non orixinaria da comunidade. Así por exemplo, un habitante de Quebec é bilingue cando emprega o francés sempre agás cando se expresa en inglés porque o seu interlocutor non coñece o francés. De tal xeito empregar o galego sempre agás cando é imposible para a comunicación é unha situación de bilinguismo xa que se usa a lingua propia e ademais se coñece para empregala cando é necesario unha segunda non propia. O caso contrario de empregar sendo galego o español como lingua normal ainda coñecendo o galego non é bilinguismo senón diglosia. Se un alemán sabe falar inglés é bilingue xa que normalmente emprega o alemán sempre agás cando lle é imposible e para establecer unha comunicación ten que empregar o inglés. Os conceptos de bilinguismo e diglosia estúdanse xa en secundaria así que parece mentira que persoas como algúns concelleiros, aos que se lles supón algo de formación, non os coñezan.
Terceiro, que eu saiba só existe unha cadea de tv en galego, non existe ningún xornal diario de papel en galego, case todos os productos están etiquetados en español, o cine tamén está en español sacando dúas pelis ao ano... etc. Cal é a lingua ameazada?

Claro que eu tampouco me sorprendo demasiado da posición do PP neste asunto. Ao fin son os mesmos que tamén se meterón a historiadores copiando escritos de Pio Moa and Cia. sen ter nin idea do que estaban dicindo. Os mesmos aos que tampouco lle parece ben a retirada de símbolos franquistas... . Pero eu creo que a cuestión fundamental está en que realmente non saben que facer na oposición, máis ainda se o da piscina e o pavillón chega a bo porto como parece. Non teñen idea de que facer para visualizarse como alternativa a un goberno que pensaban que ía durar dous telediarios e entón algo hai que buscar para sair na prensa que na oposición pásase moito frío.