quarta-feira, 28 de maio de 2008

Empresarios contra o tetragoberno ( eso si, non sabemos cales)


Olas a tod@s:

O Diario de Arousa publicaba o domingo que " o empresariado de O Grove estudia crear unha plataforma de oposición ao cuatripartito". Vista e lida a noticia parece que o titular está manifestamente errado, xa que só nos din o nome dun empresario que nin sabemos a quen representa nin con que lexitimidade; ademais supoño que haberá máis dun empresario na nosa vila.

O suxeito erixido en portavoz é Alvárez Guillán ( si o mesmo que anda en todos os saraos). Obviamente o home este pode crear plataformas e manifestarse todo canto queira pero corre serio risco de ser alcumado "o de sempre" con tanta plataforma fantasma e tanto sair na prensa.

Espero que esta plataforma acabe sendo iso: unha plataforma; e non unha maneira de darlle caña ao goberno saindo nos xornais arroupado por empresarios e colectivos "pantasmas". Digo o de pantasmas porque xa non é a primeira nova que fai referencia a plataformas e lobbies que despois ou non existen ou dos que nunca sabemos máis. Como dixen arriba os empresarios e calquera, teñen dereito a crear plataformas e a manifestarse. O que parece pouco serio é facer como que hai e despois non hai nada e tampouco ninguén.

As reclamacións deste incansable opositor son as mesmas que esgrime o PP desde que se constituiu o goberno (casualidades de la vida sin duda).

Unha das reclamacións do incansable é que no Bao non hai farolas e a razón é "que seguen mandando os ecoloxistas". Manda carallo. Eu como calquera outro veciño paso en coche polo Bao e a verdade é que non teño problemas de falta de luz porque para iso os coches teñen faros (ao mellor o del non). En calquera autopista ou autovía non hai farolas porque sería unha agresión contra o medio e un despilfarro enerxético brutal. De todas maneiras e sendo serios xa, este home debería recordar que o Bao é zona natural protexida pola Rede Natura e polo tanto protexida de actuacións que poidan ser contaminantes. A contaminación lumínica existe como sabe calquera rapaz da ESO e incluso de primaria.

Outra reclamación é o famoso Tiro ao Pombiño, que segundo el non se celebra por dexación de responsabilidades do concello. Non se celebra porque a organización tardou en conquerir os permisos da Xunta e por terse negado a empregar munición libre de chumbo coa excusa de que esta non existía. E digo excusa porque basta pór no Google munición ecolóxica para percatarse da súa existencia. En resume, a empresa quería seguir coma sempre por aforrar cartos ou por facerse os poderosos e despois acabaron lastimados.

A reclamación definitiva é a mesma de sempre, o PXOM. Xa escribín abondo sobre o tema pero como apontamento digo que o PXOM é unha prioridade clara. Pero precisamente por ser prioritario non pode ser feito dun día para outro e baixo as presións daqueles polos que nos puxeron o Cuiñazo, os empresarios da construcción acostumados a facer o que lles sae do carallo, como lles sae do carallo e donde lles sae. A desfeita urbanística meca salta á vista e os culpables son os anteriores gobernos pero tamén eses depredadores do medio que fixeron cartos a moreas sen respetar nin os mínimos preceptos de urbanibilidade.

A declaración que xa pon os pelos de punta e que xa amosa cales son as verdadeiras intencións do home este e a súa suposta plataforma é aquela que di ( ao máis puro estilo pepero) que a memoria histórica ten demasiado protagonismo e que hai que centrarse no que lle importa á xente. Primeiro a min interésame a Memoria histórica pero claro eu non son xente, son persoa. Segundo, eu non sei el, pero a maioría das persoas son capaces de facer máis dunha cousa á vez, logo que, podemos prestar atención a máis dun tema, somos "multitarefa" . A recuperación da memoria está en mans dunha asociación con membros reais, non pantasmas, que teran o mesmo dereito ca el a reclamar atención por parte do goberno. Terceiro e máis importante, non se sabe que ten que ver a memoria histórica co PXOM ou co Tiro ao Pombiño. Se está en contra de que as persoas perseguidas e damnificadas por un rexime ditatorial e asasino por loitar a prol da liberdade que fai que el hoxe poida sair no xornal dicindo tonterías, que o diga pero que se deixe de caralladas e de mentiras.

A min paréceme que o problema está realmente en que a máis de un lle molesta que o goberno dure máis do que se pensaba nalgunhas cabezas. Eu desde aquí animoo a acampar diante da Xunta para pedir farolas desde Ogrobe a Ferrol ao longo da AP9. Este home ten accións en Fenosa, non?

quinta-feira, 15 de maio de 2008

De novo o lixo ( e van tres)


Olas a tod@s:

Unha vez máis vou falar do tema do lixo, que ademais está ultimamente de moda grazas ás discusións sobre o modelo de xestión a implantar na nosa vila. Xa escribín uns cantos artigos sobre este tema, que a min me parece moi preocupante, e polo de agora ainda non noto demasiados cambios na limpeza das rúas.

Ano tras ano calquera veciño que traballe nun bar escoita no verán comentarios respecto da suciedade nas rúas e sempre aparece como unha das pegas máis saliantadas polos turistas que nos visitan no verán. Obviamente a merda, con perdón, é cousa de todo o ano e non só do verán pero resulta significativo que as persoas que non viven no municipio sinalen o lixo como un problema importante. Digo isto porque esta percepción non é tan clara cando falas "cos de todo o ano". As razóns son moitas e probablemente entre elas esté que xa estamos acostumados a ver as rúas con ese aspecto e as bolsas do lixo ás portas en vez de nun contenedor. Triste, pero parece a verdade.

Non vou entrar no tema de que modelo de xestión sería o mellor para o concello porque non coñezo as propostas co suficiente nivel de detalle como para ter unha opinión formada e informada ao respecto. De todos modos non me parece que a privatización dos servizos sexa unha resposta axeitada a un problema que ten, ao meu ver, outro tipo de causas.

A primeira causa do lixo paréceme que é o total abandono da recollida baixo os diferentes gobernos que tivemos ata o de agora. Podemos pedirlle á xente que non emporque as rúas pero para facelo teremos que colocar as suficientes papeleiras e contenedores para que poidan facelo. Moitas das rúas de Ogrobe non teñen contenedores e a xente ten que deixar o lixo á porta de casa. Hai moita xente ao que isto lle parece unha solución axeitada pero a xente que o ve por primeira vez e á que lle explicas que ese é o sistema normal alucina. Non se colocan contenedores por non molestar aos veciños co cheiro e coa "visión de tan terrible artefacto". Parece que ainda non descubrimos que os contenedores tamén hai que lavalos e que a basura se tira pola noite e non ás nove da mañá. Outra causa da falta de contenedores (dos normais e moito máis dos de reciclaxe) é a mala planificación urbana. Como exemplo ben vale a Catorse, na que non hai contenedores porque nas sucesivas reformas feitas á rúa non se planificou onde colocalos. Se esa planificación fose axeitada, a Catorse e outras moitas rúas terían contenedores de superficie ou mesmo soterrados. Das papeleiras é mellor non falar, para elas a excusa é que se rompen pola noite pero iso pasa en moitos outros lugares, o que pasa é que se volven a colocar e que a poli local tamén traballa algo polas noites.

A segunda causa da suciedade e do lixo acumulado é a xente. Póñoa en segundo lugar porque visto os alicientes e os medios que pon o concello hai que ser un martir para vivir nalgunha rúa e reciclar. Moita xente non separa o lixo, o bota nos escasos contenedores a calquera hora do día e nen sequera ata as bolsas. Esta é unha cuestión de educación que irá mellorando pouco a pouco. Puiden ver moitas veces mentres mercaba gominolas ou un xelado nos quioscos do Corgo como nenos pequenos tiraban os envoltarios ao chan sen que os pais lles dixesen que iso non se fai e tendo a papeleira ao lado. Pero o problema non remata nas rúas cheas de lixo senón que pervive no noso municipio o costume de tirar colchóns,electrodomésticos ou escombro en calquera lugar do monte ( ou se non hai monte onde haxa un pouco de vexetación abundante) formando curiosos "depositos de materiais" para os arqueólogos do futuro ou, falando sen metaforas, montes de merda. Poucos son os veciños que denuncian actos deste tipo cando o terreo non é seu, e menos ainda son as accións e multas postas pola nosa gran policia local.

A terceira causa e, para min, a máis triste á vez que sorprendente, é que nós mesmos non nos damos conta do cheo de merda que está o noso concello debido a que sempre o vimos así. Xa dixen antes que moita xente considera normal e mesmo mellor o sistema meco de merda á porta, e lle poñen pegas aos contenedores. Consideramos normal a falta de recipientes de reciclaxe porque así xa non hai que separar o lixo ou por iso de "despois total non o recollen e está aí un mes". Parécenos totalmente normal que haxa poucas papeleiras porque "total se despois as rompen é un tirar cos cartos"... e así un longo etcétera. Iso si, as praias hai que limpalas que senón os turistas pódense enfadar e pensar que somos uns porcos como se non visen a merda que hai nas rúas,

Estes tres apuntes son ao meu ver importantes eivas no tema do lixo no concello e moitas delas non teñen que ver co modelo de xestión do lixo senón coa incompetencia dos concelleiros do ramo e con que, ao parecer, a merda aos mecos non nos molesta tanto.