quinta-feira, 31 de julho de 2008

Xa era hora ( os postos polo que valen)


Olas a tod@s:

Unha das novas da semana é, probablemente, a reforma nas condicións de acceso e uso dos postos da Festa do Marisco. Dicía no título que non foi sen tempo por dúas razóns fundamentais: proverbial era xa na vila o oscurantismo que rodeaba ás concesións dos postos sendo moi común a frase "sempre lles toca aos mesmos" e por outra banda as perdas millonarias para o concello que provocaba cada ano a organización da Festa.

Este ano múdanse as condicións de uso e acceso sendo dous os puntos máis salientables e, como non, máis discutidos. O primeiro cambio é que a partir deste ano o ter participado en edicións anteriores non puntúa no baremo para outorgar a concesión. Paréceme unha gran idea pois eu levo uns cantos anos coa sensación de que a Festa do Marisco creara unha caste de oligocracia monopolista dos postos da festa facendo que sempre fosen os mesmos os máximos beneficiarios dela. O segundo cambio ten que ver cos impostos a pagar polos postos e a xestión directa por parte do concello de algún deles. Realmente estas últimos modificacións son as máis discutidas por parte da xente que ten os postos. Vexamos polo miúdo cales son e a que se supón que respostan.

Os postos dos particulares terán que aboar un canon do 22% da facturación e dun 30% se superan os 50.000 euros de facturación. É a queixa fundamental dos que gozan da concesión por consideralos impostos abusivos. ¿ É realmente así?. Eu considero que non xa que todos sabemos cales son os beneficios que obteñen os que gozan da concesión durante a festa. Habería que recordarlles que gozan dos postos en moitos casos porque simplesmente levan moito tempo facendo, xa que co anterior sistema a participación en edicións anteriores puntuaba. Resulta que moita desta xente leva facendo cartos a moreas coa concesión cuns costes moi baixos que ao final eran os causantes das perdas millonarias do Concello edición tras edición. Tamén argumentan que esa subida repercutirá na xente que se achegue a Festa causando un perxuizo á calidade da mesma. JAJAJA. Éche para rir, eu non sei vos pero eu levo uns cantos anos vendo como cobran nos postos cifras moi similares ás de calquer bar ( cando non o mesmo) e ofrecendo un producto inferior tanto en calidade como en cantidade ao que podemos degustar en calquera dos bares da vila. O dos prezos populares hai ben tempo que pasou a mellor vida. Outra da modificación que está facendo rabear a máis de un e que o Concello xestione directamente uns cantos postos no canto de ser postos a disposición de particulares. Como a suba das taxas esta medida supoño que irá encamiñada a diminuir as fortes perdas do Concello en cada edición. Non son eu o paladín da procura da rendabilidade económica nas ofertas das institucións públicas pero unha cousa é pensar que non teñan que xerar beneficios económicos necesariamente e outra que se perdan millóns en cada edición dos cartos de todos mentres certa xente se fai de ouro a pouco custe.
Certo é que a Festa do Marisco sempre foi rentable xa que, ainda que o Concello perda cartos, son moitos os ingresos que xenera nos comercios da vila. O problema radicaba en que os postos facían cartos a moreas a conta dos cartos de todos e dando case nada a cambio, feito este agravado polo feito de, como dixemos antes, ser case unha oligocracia monopolista os que desfrutaban de semellante oportunidade de negocio.

Esta mesma xente tamén critica que organizacións como a Confraría, Amegrove, Insuiña, etc teñan que abonar menos impostos que os particulares a cambio dos postos cando nalgúns casos son empresas privadas. Certó é que son empresas privadas nalgúns casos pero se aboan menos taxas supoño que será porque colaboran coa organización da Festa con grandes sumas que fan posible que esta exista e que se faga publicidade; sumas e colaboración que brillan pola súa ausencia cando nos referimos aos postos particulares, que serán pequenos pero dan cartos de carallo.

En resume, opino que estas novas disposicións supoñen un paso adiante que obviamente, coma sempre, levantan críticas naqueles que antes eran os máis beneficiados. As perdas millonarias do Concello eran dificilmente xustificables mentres certa oligocracia se facía de ouro. Está por ver se estas disposicións axudan a diminuir o deficit e se supoñen a posibilidade de acceso aos postos a persoas e empresas que non sexan as de sempre pero por algo hai que empezar. Este último tema paréceme o máis importante pois a concesión dos postos estaba alcanzando desde tempo atrás uns níveles preocupantes de oscurantismo e favoritismos dificilmente aceptables cando nos estamos referindo unha oferta pública. A xente que goce dos postos este ano terá que pagar máis impostos pero digo eu que haberá que pagar os postos polo que valen e non facerse millonario a costa dos cartos de todos.

quarta-feira, 23 de julho de 2008

Cara a barbarie


Olas a tod@s:

Non tiña pensado escribir ata dentro duns días pero quero compartir esta imaxe con todos e todas vos. A instantánea é dunha praia de Nápoles onde dous veraneantes nen se inmutan ante a visión de dúas nenas mortas e tapadas cunha toalla. As nenas foran arrastradas mar adentro e morreran afogadas, tiñan 11 e 13 anos. Nesta imaxe só vemos a dous veraneantes pero os informadores dinnos que non foron un caso aillado senón que moitos outros seguiron correndo pola praia, xogando ou bañándose. Deixo para o final a causa da indiferencia, eran xitanas.

Din que quen sembra ventos recolle tempestades, e iso é o que debe estar pasando en Italia. O goberno de Berlusconi ( como tantos outros gobernos da dereita europea) viu na inmigración un graneiro de votos moi importante, e decidiu aproveitarse aprobando leis que só poden considerarse racistas como a creación dun rexistro de xitanos exclusivamente. Os resultados das soflamas desta dereita disque europea retrotraennos a estampas e comportamentos propios da Idade Media. Nesa época os xudeus sufriron constantes ataques e matanzas ás mans dos cristiáns en estouridos de rabia popular que sucedían tras a expansión de historias falsas. As máis comúns eran os secuestros de nenos para comer as súas vísceras ou a profanación dalgunha reliquia sagrada. Moitos diredes que ao fin era a Idade Media e moito máis tampouco se podía agardar. Pero mira ti que hai cousa dun mes, un poboado xitano de Nápoles foi asaltado polos napolitanos que queimaron todas as vivendas e agrediron aos seus habitantes tendo de cómplice á pasividade da policia. Unha das asaltantes dicía na tele: "non somos malas persoas, antes de queimar as casas dixemoslles que saisen". A causa: a nova que correu por todo Nápoles que dicía que os xitanos secuestraran a un neno e o levaran ao poblado. Os xitanos nin secuestraran neno ningún nin fixeran nada máis que ser xitanos.

Podemos dicir aquelo de que, ao fin, foi en Italia e non aquí, ¿non?. Creo eu que vai ser que non, ainda están recentes os episodios vividos en Pontevedra ou en A Coruña tamén cos xitanos. Ademais tampouco fai falla pasear moito para dar con algunha conversa onde se trate a "invasión" que ameaza ao estado español e aos seus habitantes. Que si, o racismo e a xenofobia non nos é allea.

Unha das causas principais está en que os inmigrantes copan grande parte dos servizos e axudas sociais por mor da súa situación económica. Pero reflexionemos un momento, resulta que os inmigrantes son man de obra barata ( cando non esclava) coa que moitos empresarios se están enriquecendo. Tamén aportan grande parte do superavit do que desfrutou ata hai ben pouco a seguridade social e contribuiron como man de obra barata ao auxe da construcción en España. Entón sería lóxico pensar que os gobernos deberían tomar as medidas mellorando e ampliando os servizos sociais. Se antes eran cen os que optaban a unha gardería e agora son trescentos, parece razonable pensar que as institucións deberían crear outra gardería. Pero non o fan, o que provoca que os cidadáns españois de ingresos máis baixos non poidan acceder a unhas axudas que necesitan por estaren copadas por inmigrantes de ainda menos recursos. O resultado: a xenofobia e o racismo son cada vez maiores.

Outra estrela do discurso racista que se está impoñendo é a argumentación esa pola cal os inmigrantes, ao estaren dispostos a traballar por salarios menores ( moitas veces ilegais) e con condicions laborais inaceptables e ilegais, fan que os "nativos" acaben cobrando menos se queren traballar. E quedamos tan anchos. Digo eu logo para que están os sindicatos e máis a inspección de traballo. Se existen moitos empresarios que realizan este tipo de prácticas para gañar máis, a culpa será deles e de quen llo consinte, e non dos pobres inmigrantes que acaban sendo case escravos.

Este tipo de discursos e razonamentos estanse extendendo cada vez máis por toda Europa e ,paralelamente, as forzas da ultradereita medran en case toda Europa: están nas camaras de Alemaña por vez primeira dende a IIGM, están presentes no goberno italiano, teñen os suficientes deputados no parlamento europeu para ter grupo propio ( non o teñen porque non o permitiu a presidencia da cámara)....

E claro cos gobernos presos do populismo e das ideas forza de 20 segundos para que caiban na TV sen aburrir á xente; con medios de comunicación que dedican máis tempo a noticias como: fai sol en Sevilla no verán que ás cousas realmente importantes; con poucos discursos alternativos e serios que cheguen á poboación polo veto dos media e coa maior diferencia da historia entre ricos e pobres no planeta; ¿a onde imos ir?. Claramente cara a barbarie.

terça-feira, 22 de julho de 2008

Turismo, potencial e debilidades

Olas a tod@s:

Xa estamos en pleno verán, e como todos os anos por estas datas, nos bares e rúas mecas se oe falar sobre se hai máis ou menos turistas, de como atraer máis, do estado das praias e de Sanxenxo. O último tema de conversa pode soar raro pero o certo é que a comparación con Sanxenxo é un clásico do verán. Normalmente nestas conversas Sanxenxo adoita semellar unha especie de paraiso que conta con todo aquelo do que carece Ogrobe, e tamén a miudo os políticos de Ogrobe, do goberno e da oposición, son citados como os responsables directos da suposta "inferioridade turística" meca. Tamén a cotío se esquece nesas conversas que os políticos, ainda no suposto non moi acertado de que fosen os únicos responsables, non están aí por gracia divina senón que son escollidos por todos e todas nós.

O turismo é un sector importantísimo para a economía meca. Ao meu parecer o problema máis importante do sector é a falta dun modelo turístico claro que aproveite as potencialidades coas que contamos. Nos últimos anos, e cos gobernos do PP, o modelo a seguir semellaba ser o denominado de "sol e praía" tentando emular aos nosos veciños doutro lado do Bao. Son dos que pensan que ese non é o modelo máis axeitado. Sei o impopular que é amosarse en contra de campos de golf, das construccións a rente da area e cousas polo estilo na nosa vila. Cando alguén se opón a algunha desas barbaridades urbanísticas e/ou ecolóxicas non tarda moito en escoitar as consabidas frases: " ti o que queres é acabar co turismo" ou "pois en Sanxenxo si que poden e non vexo eu que pase nada". A pregunta principal que se debe respostar é: ¿ pode Ogrobe competir e gañarlle a Sanxenxo cun modelo de sol e praia?, ou ¿ pode a costa galega competir con outros destinos turísticos estatais con ese modelo?.

Eu respostaría dificilmente e non, respectivamente. As razóns son moitas e variadas: Ogrobe non poderá nunca vivir unha expansión urbanística como a de Sanxenxo pola falta de solo, tamén parte xa cunha grande desvantaxe na aplicación dun modelo xa estable desde hai anos en Sanxenxo, a costa galega nunca vai ter nin tantos días de sol nin tanta calor como Valencia ou Andalucía...

Logo,¿ que facer?. Un exemplo do que facer podémolo atopar nos nosos garitos de marcha. Ogrobe non conta nin con grandes discotecas nin cunha zona de copas claramente delimitada. Ainda así os nosos "garitos" son moi coñecidos por aí adiante e a súa calidade e variedade atrae a moitos veciños e turistas. Os mecos podemos desfrutar de dúas ambientes diferenciados aos que podemos alcumar como "el siempre es verano" (garitos destinados a bailar as cancións máis populares do momento) e a " zona alternativa" ( garitos onde podemos desfrutar de música rock, indie e pop alonxada dos estandares máis comúns). Isto pode verse claramente nas dualidades Soul/Vado e Vinilo/Orballo. Pois ben, esta dualidade e a calidade dos nosos locais amósase capaz de competir con outras zonas turísticas.

Así, e tirando do exemplo, debemos analisar cales son os nosos potenciais e buscar a forma de sacarlles partido. O maior potencial podería ser a nosa forte cultura mariñeira. Atopar a forma de facer partícipes desta cultura a aqueles que nos visiten sería un gran éxito. Algúns pasos se teñen dado como aquel plan que permitia subir a bordo dos barcos ou a apertura dun centro de interpretación adicado ao mundo do mar. Pero ainda se poden dar máis como o emprego cultural das embarcacións tradicionais, explicacións sobre as formas tradicionais de pesca e sobre as novidades no campo da acuicultura, o marisqueo a pé... . Outro potencial a explotar e conservar e a nosa fermosa paisaxe con máis rutas a pé ou en bici con carrís propios... . Outra das nosas vantaxes é o número de praias e as súas características diferentes ( de Ría e de mar aberto) que permiten ter unha praia ao gusto de calquera.

Deixo para o próximo artigo unha explicación polo miudo deses potenciais para pasar ás debilidades. A máis clara o "que facer cando non hai praia". Moitos turistas non saben que facer cando non hai praia tanto pola falta de alternativas como de información. A nula ou mala información que podería ser facilmente solucionada cunha iniciativa conxunta de hosteleiros e concello é outra das eivas. Os problemas co tráfico e a limpeza, o segundo máis facil de solucionar que o primeiro. A superabundancia de establecementos hosteleiros legais e de moitos deses aloxamentos ilegais que todos coñecemos.

Deixo para o próximo artigo a explicación máis polo miudo das nosas potencialidades e das nosas debilidades porque este xa vai sendo algo longo. Aceptamos suxerencias.

domingo, 6 de julho de 2008

Fantasía, ciencia-ficción e terror por fin en galego,Urco Editora


Olas a tod@s:

Hoxe achégovos unha iniciativa que levaba tempo querendo comentarvos pero que coas cousas do tetragoberno deixara adiada: unha nova editorial galega de fantasía, ciencia-ficción e terror.

Teño que confensarme como un gran afeccionado da literatura fantástica e da ciencia-ficción polo que, cando me enterei por Chuza do nacemento desta modesta editora, leveime unha gran alegría. Supoño que se algún dos meus amigos ten a ben ler esta entrada tamén se levará unha alegría ( digo o de ter a ben porque os teño bastante abandonados ultimamente a causa das opos,sintoo).

Esta pequena editora ainda non ten moito catalogo pero o que ten é de moita calidade: Conán: a filla do xigante de xeo de Robert E. Howard, O Corvo de Allan Poe, A lenda de Sleepy Hollow e outros relatos de W.Irving, Planilandia:unha novela de moitas dimensións de Edwin A. Abbott e algúns títulos máis. Todo o catalogo podedes consultalo na súa páxina así como os puntos de venda: URCO EDITORA .

Tamén ten a opción de subscribirse e así recibir cada nova obra na túa casa ao tempo da súa publicación. Anímovos a todos aqueles que vos gusten este tipo de lecturas a que visitedes a súa páxina, e a aqueles que a considerades como "obras de patacón" a que leades O Corvo ou os relatos de Irwing ( por non falar do Retrato de Dorian Gray de Wilde) e vos desenganedes. Creo que o esforzo de xente nova por incorporar este tipo de traduccións ao catálogo de obras en galego ben merece que visitedes a páxina e merquedes algún libro.

Xa sabedes: A LER E DISFRUTAR!