sexta-feira, 27 de fevereiro de 2009

Lixo e máis lixo ( repaso II)


Olas a tod@s:

A campaña electoral chega ao seu fin este venres. O sábado temos a xornada de reflexión e o domingo o "día D" e a "hora H". Eu alégrome de que remate, e fágoo porque o nível de merda, con perdón, que tivemos que aturar nesta campaña chegou a límites insospeitados.

Tivemos de todo: acusacións, corruptelas, ataques á vida persoal, manipulacións na rede, presuntas suplantacións de identidade, e-mails trucados... . O único que non tivemos foi un debate entre as forzas con representación parlamentaria e tampouco demasiadas propostas. Moito do lixo esparcido é de antoloxía polo que convén que o repasemos un pouco.

Un dos focos de lixo máis importantes foron os medios de comunicación. O propietario do xornal La Voz de su Amo "encabronouse" polo apoio do nacionalismo á creación dun novo xornal de papel, Xornal de Galicia. Desde esa adicouse a publicar toda canto lixo fose necesario para impedir que o nacionalismo medrase nestas eleccións. Desde supostas corruptelas sen ningunha proba e que misteriosamente non volveron aparecer máis ata fotos de hai cinco anos que se habilmente fixo pasar como do verán pasado. Todo isto por non falar xa do espazo adicado á campaña do BNG nese xornal que chegou ata a non existir ( como podedes comprobar na súa portada na web). Chegou a ocupar máis a información sobre UPyD, que non ten nin representación parlamentaria. Non contento con iso, este simpático editor chegou a públicar un artigo dunha páxina pedindo o voto de forma implícita para o PP. Neste mesmo artigo este home criticaba a imposición linguística do galego desde as escolas e a administración e toda unha serie de inventos máis. Non contento con semellante monte de esterco, ao home non se lle ocorre outra cousa que pór o título parafraseando a Émile Zola ( que de seguro se está remexendo na tumba), para rematar de escarallarse. Non se descobre nada ao dicir que La Voz de su Amo é exactamente iso: a voz do seu amo; e que o seu obxectivo principal é que vexamos ao seu dono como un rei (debe ser polo apelido) e anos mesmos como vasalos agradecidos. Digo que non sorprende a ningúen porque iso xa o sabíamos moitos desde hai tempo, pero tamén convén recordar que a Consellería de Cultura lle deu un premio polo seu servizo a Galiza. Agora máis dun estará pensando onde lle ía meter o premio ao homenaxeado... , pero auga pasada non move muiño. Quíxose xogar a manter as políticas de subvencións e control da información de gobernos anteriores e este foi o premio.

Pero a cousa non acaba aquí ainda deu a campaña máis montes de lixo. Asesores do PP andiveron amosando fotos da porta do garaxe de Quintana onde se podían ver unhas aboiaduras. ¿A explicación? Supostamente Quintana nunha discusión coa súa muller montara no coche e tentara asustala e esnafrárase contra a porta. Baltar amontonou ainda máis lixo insunuando que Tareixa Taboas era amante de Quintana.

En Celanova "apareceron" uns pasquíns contra o plan de vivenda e o banco de terras redactados nestes termos: " o goberno do BNG e o PSOE pódenche expropiar a túa casa para darlla a outra persoa, se te ausentas un tempo" ou " pódenche quitar as túas terras e darllas a outros coa excusa de que non as traballas". Parecen os contos aqueles de " si gana la izquierda te quitan las vacas y se las dan a tus vecinos". Para espernexar.

O lixo tamén chegou ao correo electrónico con envíos masivos de correos con ficheiros de Power Point adxuntos atacando ao PSdG e ao BNG asinados supostamente por representantes destes dous partidos. O caso xa chegou aos tribunais por delitos de difamación e suplantación de identidade. Membros destes dous partidos achacan a campaña a un ex-xornalista de ABC, agora traballador do PP. A primeira das denuncias, feita polo PSdG, xa foi admitida a trámite.
Na web do xornal ABC unha utilidade en flash permite tunear o despacho do presidente da Xunta e "despilfarrar tu dinero como hacen algunos políticos" (Touriño nomeadamente).

Isto é o que temos. Non temos debates na televisión nin cousas desas pero ,iso si, MERDA temos a moreas. Deixovos enlaces a diferentes informacións relacionadas co tema:

Artigo de El País sobre os ataques a Quintana.

O pasquín de Celanova alertando sobre "el peligro rojo" en Vieiros.

Os correos falsos en Vieiros

Todo isto e máis en Chuza

terça-feira, 24 de fevereiro de 2009

Por un puñado de votos ( repaso I)

Olas a tod@s:

Entramos xa na recta final da campaña electoral e parece que as cousas se poderían decidir, facendo un xogo de palabras co filme de Leone, por un puñado de votos. As enquisas que sairon durante estes últimos días definen unha tendencia: pequenas variacións de porcentaxe de voto en cada unhas das provincias poden significar considerables variacións nos escanos. Estas enquisas mostran horquillas considerables, de arredor de catro escanos, nas súas prediccións de resultados electorais. ¿ Que nos fai crer isto?. Que as cousas poden decidirse por un puñado de votos.

Estando así as cousas a participación parece convertirse na chave de bóveda da victoria e da derrota para cada un dos partidos. A participación é a abstención son cousas difíciles de prever. Non tanto o dato de participación en si como o comportamento do grupo de electores que se atopan en dúbidas de votar ou non. Historicamente, e de forma xeral, considérase que unha maior participación beneficia ás forzas consideradas progresistas e unha menor ás conservadoras. Tende a verse así xa que os grupos máis abstencionistas soen responder a perfís xovenes e urbanos. En realidade non sempre se cumplen estas tendencias de maior participación-mellor resultado das forzas consideradas progresistas. Ao meu ver a clave do asunto está en non facer apreciacións tan xerais e observar un pouco máis a situación actual dos "grupos de maior risco abstencionista".

Traducindo estes parametros a Galiza o resultado podería ser o seguinte: a forza máis perxudicada pola abstención sería o PSdG, seguida polo PP e a menos perxudicada podería ser o BNG. Non parece o resultado ao que estamos afeitos pero é moi posible. A forza que máis crece no tramo de idade 18-25 xa non é o BNG, é o PSdG. O PP segue sen ser a forza máis votada neste tramo de idade pero é a forza de maior crecemento nas cidades nos últimos anos. O BNG está tendo un mal comportamento electoral nas cidades e xa non é a forza máis votada no tramo 18-25 pero si que parece afortalar o seu bo comportamento nas vilas de tamaño medio (que son menos abstencionistas que as cidades e poden en certa forma compensar o mal comportamento do BNG nas cidades). Así parece que os grupos máis abstencionistas son os liderados polo PSdG e con crecemento por parte do PP. De aí podemos obter que o PSdG sería gran perxudicado da abstención ( voto xovén + cidades) e o PP non sería o gran beneficiado ( crecemento electoral importante nas cidades). Algunha enquisa reflexaba en días pasados ( creo que unha de Público) certos datos que parecen confirmar a teoría: a maioría dos votantes que dudaban si votar ou non, eran antigos votantes do PSdG na súa grande parte pero o segundo grupo foron votantes do PP nas estatais.

De todas maneiras este panórama non só convirte a participación en chave, tamén convirte en importantísimo algo que non se avalía nas enquisas: o voto CERA ( censo electoral de residentes ausentes). As sacas de votos da outra banda do mar son un posible "seguro de vida" para o PSdG, o posible tiro de gracia para o PP e un máis que probable desgusto para o BNG. Todos sabemos a manipulación e o fraude ao que están sometidos eses votos polo que non me vou a estender nas razóns da obvia vantaxe do PSdG no voto emigrante.

Con todo o dito parece claro que a noite electoral vai ser movida, e posiblemente os días seguintes tamén ( polo do reconto das famosas sacas). Só agardo que a decisión que tomemos os que vivimos aquí non se cambie días despois cos votos das sacas porque xa sería unha burla ao sistema democrático que disque temos. Sei que a xente inscrita no CERA ten dereito a voto pero estou seguro de que é unha burla que nese censo sigan inscritos mortos ( que ademais tamén votan), que non se vote de forma persoal e en urna, os chanchullos de compra de votos mil veces denunciados, que voten persoas que hai 40 ou 50 anos que non veñen aquí e outras que xa nin sequera estiveron nunca... . Por todo isto un que o goberno de Galiza mude uns días despois a causa desas sacas pode ser a repanocha.