segunda-feira, 2 de março de 2009

...E Galiza falou, escolleu PPdG


Olas a tod@s:

Pois ben, estes son os resultados das eleccións en Galiza: PPdG 39, PSdG-PSOE 24 e BNG 12. Os galegos e as galegas decidiron darlle a maioría absoluta ao PPdG tras catro anos de bipartito. Por diante quedan as análises e as reflexións sobre estes resultados estudando os datos polo miudo pero convén deixar claro un punto de partida. ¿Cal é para min este punto de partida?. Desde logo non é que a xente sexa parva, vasalos de caciques e cousas polo estilo que se poden ler hoxe en moitos lugares da rede galega. Dicir que a xente é parva e todo iso nin é verdade, nin explica nada. A xente valorou os méritos e propostas de cada un e decidiu darlle un amplo respaldo ao PPdG, máis amplo ainda se temos en conta que a participación foi unhas décimas maior do 70%. Os motivos son moitos e temos días para analisalos con calma pero desde logo non se atopan nunha estupidez conxénita do pobo galego.

O meu punto de partida é o seguinte, que cada un se faga responsable dos seus éxitos e culpable dos seus fracasos. Os dous membros do bipartito, pese ao aumento da participación, cairon en votos: o PSdG perdeu arredor de 73.000 votos e o BNG arredor de 44.000 votos. Parece claro logo que as cousas se fixeron mal no bipartito. Débese partir da base de que a responsabilidade esta na dirección destes dous partidos, na súa estratexia e no seu traballo ao longo destes catro anos. Saindo desde aí podemos falar dunhas razóns e doutras, porque se os responsables e os militantes destes dous partidos empezan xa coas conspiracións ou historietas semellantes, peor lles irá ainda. Os culpables estarán nesas dúas formacións; o quen e o como poden ser discutibles. Onde seguro que non están nin as culpas nin os culpables e no suposto de que o pobo galego é masoquista, parvo, etc.

Responsabilidade e que cada pau aguante a súa vela.