sexta-feira, 8 de maio de 2009

Vidas paralelas: R.Madrid-BNG


Olas a tod@s:

Vidas paralelas é unha obra do escritor grego Plutarco. Nesta obra comparaba parellas formadas por un persoeiro da Grecia antiga con outro romano. Comparaba as súas virtudes e os seus defectos e tamén sinalaba as diferenzas entre ambos.

Eu propóñovos unha comparación: o BNG e o R.Madrid.

Os dous termos da comparación non atravesan na actualidade o seu mellor momento, pero esa non é a súa única similitude. Vexamos.

O R.Madrid comezaba a tempada despois de gañar a liga anterior con superioridade. O seu eterno rival non atravesaba o seu mellor momento e parecía que esta ía ser unha temporada victoriosa para o Madrid.

O BNG daba a impresión de atoparse cómodo no goberno da Xunta e parecía, segundo a súa dirixencia, sinxelo mellorar os seus resultados electorais e permanecer no goberno.

Para o R.Madrid a cousa comezou a torcerse pronto. O equipo non xogaba a nada e ademais tampouco encadeaba victorias. Mentres o BarÇa comezaba a marabillar co seu xogo e comezaba a afastarse do rival. Houbo xente, dentro e fóra do "madridismo", que buscou primeiro ao inimigo exterior: os árbitros e aquela cousa da conspiración de Villar. Pouca xente se paraba a examinar unha plantilla moi deficitaria na creación de xogo, e os que o facían rapidamente eran estigmatizados como "antimadridistas". Pero os resultados comezaron a mellorar coa chegada de Juande Ramos e comezou a formarse unha burbulla que ride vos da inmobiliaria. O xogo seguía sendo nulo, certo, pero o Madrid gañaba pequenas batallas e ía sumando puntos. Tamén chegou o primeiro aviso de que a burbulla era iso, unha burbulla: a eliminación a mans do Liverpool cunha tunda grande en Inglaterra. Era o primeiro aviso. Pero o Madrid seguía sumando puntos na Liga e xa parecía que a "actitude guerreira" e o " rendirse nunca" podía funcionar. ¿Que importaba xogar mal se ao final se gañaba?. Seguía habendo quen dicía que a burbulla ía estoupar en canto viñeran os partidos importantes pero tamén seguían sendo tildados de profetas apocalípticos e cousas polo estilo. Entón chegou o Barcelona e meteulle 6 no Bernabeu, dando unha lección de fútbol que marabillou ao mundo do balompé. Estoupara a burbulla. Quedou claro que se se xoga ben as posibilidades de gañar son maiores, que o importante non era só chegar senón tamén como se chega e que o fútbol é fútbol e non unha guerra.

O BNG levaba perdendo votos desde hai uns aniños xa. Pero non pasaba nada. "Chegamos ao goberno" dicíase. A dirixencia e moitos militantes escrbían cousas como: "mellor 13 e gobernar ca 17 e oposición". Só importaba o goberno. Reformouse a estructura interna para favorecer a dirixencia e facilitar que "o goberno gobernase". Gran parte das cousas que se facían desde o goberno non satisfacían aos votantes nacionalistas, pero a mensaxe era "é que agora gobernamos e as cousas non son tan fáciles". Cegos polo resplandor das placas e os despachos moitos no BNG só pensaban en gobernar, o importante era iso. Claro que tamén había militantes que dicían que a cousa non ía ben, que as políticas que se facían eran erradas ou dun caracter socioliberal moi afastado da base do BNG. Como os outros tamén era estigmatizados e tildados de "profetas da catástrofe, "desleais" e demais adxectivos similares. Chegaron as municipais e veu outro aviso: o BNG, pese ao goberno, non arrancaba e mesmo retrocedía. A dirixencia dicía: non hai problema gañamos en tal concello ou en tal outro. O descenso nas cidades foi brutal pero, ¿ a quen lle importaba se ao final gobernabas nun par de vilas máis e estabas na Xunta?. Seguía a medrar a burbulla. Chegaron as autonómicas, e cando as sondaxes comezaron a ir mal claramente, usaron, ao igual que o Madrid, o recurso ao inimigo exterior. Un contubernio de prensa e empresarial ía directamente a polo BNG. Cando chegou o sopapo este contubernio convertiuse na explicación oficial e causa de todos os males. Seguía dando igual que esas alianzas contra o BNG xa existiran no pasado ( e probablemente vaian a seguir existindo no futuro). A burbulla ainda non rematara de estoupar.

Como vedes, ao igual que na obra de Plutarco, o paralelismo non é completo. Ainda ten que estoupar de vez a burbulla no caso do BNG. Realmente eu creo que as autonómicas foron o Liverpool do BNG e, se a cousa non cambia, ainda queda recibir ao Barça. ¿Por que?. Pois porque ainda se ten que dar conta o BNG que na política ainda é máis importante o como se chega. Porque se ten que dar conta de que non fixo as cousas ben, de que tiña un xogo moi rácano. Tense que dar conta de que o seu camiño non é o do PSOE e de que os seus votantes esixen moito máis.

Máis vale que se vaia dando conta pronto porque senón, como no caso do Madrid, o sopapo vai ser moi grande cando estoupe a burbulla.