terça-feira, 28 de julho de 2009

O BNG e o Coiote ( Vidas Paralelas II)



Olas a tod@s:

Volto hoxe, pasados xa algúns días desde a última entrada, coa segunda parte das Vidas Paralelas. Como a primeira esta tamén está adicada ao BNG. Conviña revisar o acontecido desde que vos falara dos parecidos entre a temporada do R.Madrid e as andainas do BNG nestas últimos anos.

Este pasado fin de semana os actos do Día da Patria Galega deixaron bastantes claras algunhas cousas e gostaría de crer que axudarán a que algúns caian da burra como Paulo camiño de Damasco ( pero sen milagre non sei eu). Pouca xente, pouco entusiasmo, moitas dúbidas e moita resignación; este sería o resume dos actos. ¿Que está pasando no BNG?. Pois que lle está a pasar o mesmo que ao Coiote.

O Coiote é ese simpático predador que sempre argalla uns plans moi sofisticados ( coa colaboración dos productos marca ACME ) para cazar ao Correcamiños e poder papalo. Despois de tanto argallar o resultado sempre é o mesmo: o Coiote acaba caindo na súa propria trampa e ademais de pasar fame, leva uns sopapos tremendos.

O BNG percorre ultimamente un camiño similar. A dirixencia leva uns cantos anos argallando uns plans marabillosos para levar ao BNG a "cotas insospeitadas" ( Quintana dixit, non sabemos se por arriba ou por abaixo). Tamén leva os mesmos anos coa maldición do Coiote, levar sopapos e pasar fame. Como o noso outro protagonista, o BNG cae unha vez tras outra nas trampas pola súa dirixencia argalladas e, tamén, acaba lamentando a súa mala sorte e culpando a outros dos seus propios erros.

¿Pero cal era o plan?. Un plan "coma o mundo" que diríamos n´Ogrobe, achegarse a máis xente por unha doble vía: moderación e "salto á modernidade". Mediante a moderación, o plan buscaba conquerir que a xente que estaba "asustada" polo BNG perdese o medo e puidese achegarse ao proxecto nacionalista. O primeiro erro do plan estaba claro: ¿ que ía pasar cos que non estaban "asustados" polo BNG e que o levaran ata onde estaba?. Para a dirixencia este era un problema menor que tiña pensado resolver de dous maneiras: impor un férreo control do BNG mediante o cambio do sistema asemblear por un baseado na delegación dentro da fronte
e o emprego de fogos de artificio e "foguetería" varia mediante "brillantes" sistemas de marketing político. Pero isto tampouco rematou de resultar e o plan estaba convertíndose nunha cousa demasiado complexa. Os foguetes do BNG resultaron ser marca ACME como os do Coiote e non deron o resultado esperado e , así, tras un tempo algo comezou a axitarse na masa social nacionalista. Tampouco acabou de resultar como agardaban o control mediante os delegados. O control por parte da UPG e o chamado Quinigá tivo en fronte un número nada despreciable de críticos e, aínda que remataron instaurando un forte control, este tivo un efecto colateral: a fuxida de moitos militantes, algúns abandonando o buque e outros deixando de participar na vida interna. A moderación tamén trouxo consigo a difuminación do espazo político propio do BNG e as lóxicos trasvases ao PSOE.

Pero como no caso do Coiote a moderación só era a primeira parte do plan, o plan tiña outra parte: o "salto á modernidade" ( ao que dan ganas de chamar o gran salto cara adiante de tan grande que foi). Esta entelequia víñavos a ser o cambio da forma de actuación social do BNG. A cousa comezou coa chegada ao goberno nas cidades. Nesa época comezaba a implantarse entre a militancia do BNG ( xa sabemos todos dende viñan eses cantos de serea) a idea de que o modelo de actuación social do BNG : a) non se adecuaba á sociedade e a situación política
actual b) o crecemento do BNG era insostible sen medios "actuais" ( véxase medios de comunicación afíns). O salto tiña moito a ver cun dos pontos anteriores, a sedación da militancia e arede social. A cousa víñache sendo que era imposible chegar ter máis de vinte parlamentarios sen medios de comunicación e estratexias de comunicación com as dos "partidos modernos". Comezouse a sustituir o traballo en organizacións sociais e nas súas revindicacións polo traballo "moderno" a través, case que de forma exclusiva, dos medios de comunicación e do marketing político puro e duro. Esta tendencia baixou a actividade da militancia tanto no plano interno como no externo ao nível dun partido "moderno" pero sen medios de comunicación afíns,claro. O primeiro revés electoral, que debeu ter sido o primeiro aviso das eivas, foi interpretado como unha confirmación de que o salto e a moderación eran urxentes e inevitables. Os cambios puxéronse en marcha e a actividade da militancia caiu a ras de chan.

Os aspectos negativos do plan non fixeron máis que agravarse coa chegada á Xunta, ignoráronse todos os avisos e a vida interna do BNG acadou a inoperancia total. A chegada do bigoberno acelerou e agravou todas as consecuencias negativas desa estratexia e das correspondentes tácticas pero, é aquí radica a clave do sopapo, non conqueriu ningún dos supostos obxectivos, ou non como se agardaba (léase xornal marca ACME).

E así se atopa o BNG coma o Coiote, líado na súa propia trampa (ou cocido na seu adubo, como se prefira) e sen saber como sair. Tendo que activar unha militancia que ou está desactivada ou ,coma Segismundo, ainda non sabe se foi soño ou realidade. Abandoado por parte das sereas que levaran a nao contra as rochas ( algunhas seguen co seu canto dentro e fóra). Tendo que recuperar a credibilidade da parte da sociedade e das organizacións sociais que hoxe se sinten traizoadas, desencantadas ou directamente non existen. Cuns dirixentes que máis teñen de plantas trepadoras que de pensadores... . O traballo é grande abondo xa pero visto o percorrer dos acontecementos ainda vai ser maior polo menos ata que se caia da burra e se vexa a luz.

No caso do Coiote tanto plan fallido facía que lle colleses cariño e que tiveras ganas de que comera dunha vez ao Correcamiños, falando claro: daba peniña. Na política a cousa de dar pena non funciona e trás moitos sopapos o que soe vir, se non se pon remedio, é outro sopapo. Mellor é telo claro.