segunda-feira, 29 de outubro de 2007

Tuneando a democracia


Olas a tod@s:
Levaba algúns días sen escribir porque non se me ocorría de que facelo pero escoitei na radio unha noticia que facía referencia ás propostas do PP de mudar a lei electoral e alá imos.
Facía no título referencia á demagoxia porque creo que o discurso que se fai neste tema ten moito disto. Este tipo de propostas ainda non se fixeron nunca en serio ainda que, desde distintos medios de comunicación, se ven preparando o terreo desde hai tempo. Pero resulta que agora o PP leva a reforma do sistema electoral no seu programa para as próximas eleccións xerais. Estas reformas que se levan publicitando desde hai tempo teñen un obxectivo final claro: a instauración dun ferreo modelo bipartidista que busca a alternancia no poder de PP e PSOE. Obviamente isto conleva a súa vez unhas consecuencias claras: a desaparición na praxe de calquera tipo de poder ou influencia das forzas nacionalistas e de IU. Pero claro resulta que o gran beneficiado é o PP, o partido que a propón ( xa é casualidade ¿non?). Digo isto porque a ninguén se lle escapa que o aillamento no que se instalou fai moi dificil que acade apoios para gobernar alá onde non teña maioría absoluta. Este aillamento que o PP atribúe ao sectarismo "de la izquierda y el nacionalismo" non é máis que o froito dunha política de renunciar aos votos nas nacións sen estado a cambio de arrebatarllos ao PSOE no resto do estado.
Opino que estas propostas son tremendamente demagóxicas xa que se aproveitan do descoñecemento da poboación do sistema electoral e se revisten dunha caste de "paradigma do xusto". Normalmente falamos de alcalde máis votado polos cidadáns e cousas así, isto ainda que poida parecer correcto, non o é. O alcalde non é escollido polos cidadáns ( ao igual que o presidente galego ou o español) senón polos concelleiros escollidos por estes. Por iso realmente non se pode falar de alcalde máis votado, só de partido ou lista. Ademais debemos recordar que non se esixe ter a maioría dos votos cidadáns senón a maioría dos votos dos concelleiros ou deputados, ainda que pareza unha diferencia menor non é así xa que, pode ter un partido a maioría dos votos pero non ser quen de conformar unha maioría de concelleiros ou deputados coa que formar goberno. Por todo isto os pactos son perfectamente éticos e legais no sistema democrático español. Agora resulta que din que debe ser alcalde o máis votado pero nunca se aclara como vai a gobernar este alcalde sen ter a maioría de concelleiros. Moitos diredes: pois gobernando en minoría, isto é certo pero resulta que causaría iso que en teoría se tenta evitar coa reforma: gobernos inestables. Hai outras propostas como segundas voltas e cousas polo estilo. Normalmente poñénnolas como paradigma democrático pero o certo é que causan tamén numerosos problemas, só hai que botar unha ollada a Francia onde os cidadáns tiveron que escoller entre dereita e ultradereita non hai tanto. O certo é que estes sistemas condean a cidadáns a non poder votar o que queiran só por ter sido menos nunha primeira fase electoral.
Expostos todos estes argumentos, hai máis pero entón ía parecer isto a Biblia, resulta claro para min que o que se agocha é unha proposta demagóxica que consiste en tunear o sistema electoral para acabar cos problemas que ten o PP para formar gobernos pola súa nula capacidade negociadora e polo aillamento ao que se somete co seu discurso centralista e reaccionario. O curioso é que para estes pódese cambiar a lei electoral sen problema pero da Constitución nin falar que esa xa a deu Yahve no monte Sinaí.
Tampouco hai que descartar un entendemento co PSOE nun futuro para mudar todo isto e instalar un bipartidismo de laboristas e conservadores ou de democratas e republicanos, e claro, aos demais que nos den polo saco. Moitos diredes que o PSOE non querería; estou de acordo agora pero ao PSOE tamén lle convén en moitos lugares e xa sabedes que o progresismo é directamente proporcional á aritmética electoral, senón que llo digan ás transferencias paralizadas porque xa queda pouco para as eleccións.

quarta-feira, 17 de outubro de 2007

Os "neotolerantes", Josep Lluis e un servidor




Olas a tod@s:
Onte quedaron retratados no programa "Tengo una pregunta para usted" moitos destes "tolerantes" que cada vez abundan máis por estes lares. Son "tolerantes" porque entenden a "tolerancia" como o que se ten respecto doutra persoa sempre que esta non cuestione ningunha das cousas que eles entenden como inamovibles, xa que se se cuestiona algún destes principios " sacros e inamovibles" entón acabouse a tolerancia, o respeto e a educación. Seguro que moitos vistes o circo que lle montaron a Carod Rovira. Ningún dos outros políticos foi denominado polo seu nome, este honor correspondeulle a Carod que foi chamado Jose Luis dúas veces. Todo isto despois de que el dixera que o seu nome era Josep Lluis non José Luis. Pero ademais a "excusa" das dúas persoas foi que non sabían catalán ( unha incluso dixo que nin ganas tiña de saber). Pois ben esta é a actitude destes novos "tolerantes": o catalán, o galego ou o euskera están ben pero sempre que non se queiran comparar ao " único e verdadeiro vehiculo de expresión", o español. Por iso hai todas esas protestas coas leis de normalización linguística e todas esas caralladas de que o español está en perigo en Galiza ou en Catalunya. Porque resulta que a ver por que un profesor ten que saber galego en Galiza, que é discriminatorio e non se sabe que tonterías máis. Da igual que o galego sexa unha lingua en pé de igualdade, a propia de Galiza ou que sexa cooficial, que os estudantes teñan o dereito a ser examinados en galego ou que sexa unha obriga normal coñecer a lingua dos lugares onde un exerce. Queredes saber a causa? Esta é simple para todos estes "neotolerantes" o galego, catalán ou euskera non son linguas iguais a calquera outra, son linguas que están ben pero mentres sexa para falar na casa ou de tapadiño pero nada de que sexan iguais ao español porque estamos en España e aquí o que hai que saber é o español. Por iso o que importa é o español e o inglés ( como se falar galego ou calquera outra lingua impedira o coñecemento de máis delas) e o demais son tonterías. Pero o problema non é xa só que estes "neotolerantes" crezan cada día ou que sairan onte na tve senón que moitos asistirían nas súas casas con ledicia vendo como estes individuos eran maleducados asentindo e sendo felices por " dejarle las cosas claras al catalán ese" e polo tanto facendo da incultura bandeira española. Porque ao final é eso, o que hai é moita incultura e moito tonto que se cre que que o galego e a nosa identidade cultural é unha cousa de risa, unha cousa boa para comer empanada nunha festa pero en ningún caso unha cultura e unha lingua en pé de igualdade coa española.
Pero non vos preocupedes, eles son tolerantes; abren blogs onde só poden falar eles e denuncian aos que lles molestan, permiten que falemos en galego pero sempre sen tentar compararnos, permiten que sexamos nacionalistas sempre que non cuestionemos para nada a súa idea de España, permiten que teñamos deputados pero eso si nin se nos ocurra falar da constitución que esa foille dada a Moisés no monte Sinaí e ate que volva dar outra non hai máis que falar, mesmo podemos facer referendums pola UE ou a OTAN ( e mesmo repetilos ou obviar os resultados se non lles gustan) pero se se nos ocurre preguntar algo que perturbe al Imperio entón pódennos mandar o exército e suspendernos a autonomía. Pois iso que hai moita tolerancia e moita tolerancia, pero de merda.
A min permitídeme decilo mentres me deixen porque igual o que fai falta e deixarse de tanto politicamente correcto e outras lerias e dicir as cousas claras; o que aquí hai é moito indeseable que añora outras épocas onde eles facían e desfacían sen que ninguén pudera dicir nada; moito indeseable que o que pasa é que non soporta a idea de que en realidade o Imperio hai tempo que acabou, que os Austrias xa foron alá hai tempo, os reis católicos tamén e que non hai Imperio ningún. Tamén molesta que haxa xente nacionalista porque iso vai en contra da sacrosanta idea de España, que xente coma nós poida escribir aquí o que queira e que poida presentarse a unhas eleccións e que haxa quen nos vote.
Pois iso que eu xa estou cansado de tanta " tolerancia", o meu nome decidoo eu e non os tolerantes, a miña ideoloxía tamén, a lingua que falo desde logo e podo querer ser republicano, independentista, partidario da autodeterminación, comunista e o que me saia de dentro. ¿Sabedes por que? Porque hai tempo que hai liberdade, porque quero que sexa así e porqué ningún tolerante me vai dicir como me chamo ou que podo dicir ou non porque simplesmente os podo mandar ao carallo.

domingo, 7 de outubro de 2007

Tranquis que non somos os únicos ( ou mal de moitos...)


Olas a tod@s:
Aproveito esta foto que me mandou un amigo para decirvos algo obvio que xa reflexa o título, non somos os únicos veciños que vemos como o PP emprega dunha maneira moi particular os recursos de todos. Non sabemos en que vila de Galicia foi tomada a instantánea pero está claro que nela os do PP saben quitarlles partido aos recursos municipiais ao máis puro estilo do PP meco. Pois iso, que noutros sitios támen pasa, pero xa sabedes: mal de moitos... . ¿ Dimitirían alí, perderían as eleccións? Bueno, sempre pode ser que o camión de bombeiros fose dalgún militante popular, home xa sei que é unha excusa moi mala pero oidas as que nos contan por aquí seguro que hai que na crea...