sábado, 29 de setembro de 2007

Quo usque tandem abutere, Flanders, patentia nostra? (tamén vale para outros do PP )


Olas a tod@s:
Probablemente xa todos teñades lido noutros blogs ou nos xornais ( nalgúns que noutro non) as novas sobre a investigación do fraude nas listas electorais do PP en Euskadi. Outra vez temos noticia sobre este asunto que para min dista de recibir a importancia e a repulsa que merece. Digo que dista de recibir a importancia que merece xa que parece cando un lee os xornais que é unha corruptela sen máis ( como quen amaña oposicións, que tamén importa claro) en vez de ser un atentado contra a base do sistema democrático (as eleccións) na súa institución máis cercana ( os concellos), ademais de contra a privacidade e a liberdade das persoas que sen saber nada foron presentadas. Claro que ao mellor todo isto non é importante e eu son un puntilloso e un "remilgado" formalista.
Hoxe recurro a un dos máis grandes oradores da historia, a Marco Tulio Cicerón, para ver se así o noso ex me fai máis caso (cousa na que non confio xa nin creo que lea estes blogs, nin que lle importa o que poñamos neles e moito me temo que nin que ainda que Cicerón revivira e llo dixera nun pleno este home fose dimitir). Pois Cicerón espetáballe isto a Lucio Serxio Catilina cando o acusaba no senado de estar conspirando contra a república. O discurso foi bo xa que Catilina foi abandoado polos seus partidarios do senado e a conspiración foi abortada. En resumen, a frase é o comezo da súa alocución ao senado e significa: Ata cando, Catilina (no noso caso Flanders), vas abusar da nosa paciencia?. Pois ben, esta é a pregunta que eu, e seguro que máis xente, lle fai a Miguel Angel Pérez.
Nas novas de hoxe, unha empregada do concello recoñece ser a autora das falsificacións, se ben afirma que o fixo baixo as presións do PP. Ainda máis denuncia que estas presións xa se tiveran producido antes e que o futuro dos empregos no concello era directamente proporcional á filiación e ideoloxía política dos traballadores eventuais.
Ante isto o PP cre que xa atopou a cabeza de turco que buscaba de forma desesperada para así non ter que cargar coas culpas ( nin con posibles penas) do fraude electoral. Xa se escoita por aí a máis de un dicindo: ves como Miguel non tiña nada que ver, que era cousa doutra persoa... . A verdade é que esta historia é moito máis simple do que en principio nos queren facer crer e que en realidade isto non ven máis que a demostrar que o PP local sabía ben o que facía e quen o facía. Vou intentar argumentar de forma sinxela:
1. Resulta que esta empregada dinos que ela falsificou as candidaturas pero tamén nos di que foi baixo presións do ex alcalde. Ademais di que se un non facía este tipo de traballos non renovaba o seu traballo. Hai que dicir que este tipo de presións son de todos coñecidas e a min xa me teñen dito traballadores do concello que incluso se lles teñen dado mitíns para avisalos que se non gobernaban eles ían quedar sen traballo.
2.Digo eu que a explicación da muller esta é crible xa que se non só nos queda pensar que a secretaria do ex e membro do Grumir non tiña que facer e entón ocurriuselle falsificar os impresos pero por falsificar, así sen ganancia ningunha. Ademais tamén é incrible o proceso de recollida: un chega dalle 20 papeis con datos de 20 fulanos ( que ao mellor non consinten ou, visto o visto, ao mellor nin existen) e vai o PP e xa os presenta e ao carallo e despois nin sequera saben quen deu os papeis, nin quen os enviou, nin se sairon dunha sede ou doutra... en fin un escándalo.
3. Se todo este razoamento non fose así só nos quedaría pensar que en realidade hai xente que falsifica documentos pero por falsificar, que estes documentos non se comproban e tampouco se rexistran, que se envían pero non se sabe nin como nin desde onde nin quen os envía e que ademais todos eses fulanos acaban indo nunha lista en Euskadi. Ademais todo isto admitido así por uns personaxes que despois aspiran a manexar a documentación, os impostos e, resumindo, o goberno de toda unha vila. Pois se así furrulaban cos seus papeis non quero pensar como o farían cos de todos nós.
Entón visto todo isto, só cabe dicir: SEÑORES DO PP ATA CANDO VAN ABUSAR DA NOSA PACIENCIA?. Estes homes querennos tomar o pelo porque senón isto non ten explicación. Resulta que para tentar zafarse dun fraude admiten que son uns incompetentes e uns irresponsables e quedan tan anchos, nin dimiten nin fan amago de dimitir, nin nada de nada. O asunto vai estar, claro, en que a Susi esta dixo que ela falsificou ( e entón para o PP ela xa dixo a verdade) pero tamén dixo que llo mandaron ou case obrigaron desde o PP ( pero claro isto para o PP xa é un invento). E o peor ainda está por chegar posto que ainda nós quereran colar que isto en realidade é algún tipo de conspiración ou de vinganza persoal desta muller, se non xa o veredes. O problema está, claro, en quen vai crer que unha señora para vingarse ,ou calquera trapallada polo estilo, se arrisca a acabar na cadea e a ter que pagar unha gran multa. Pero ainda vai haber quen o crea.
Agora, eu dígolle a estes personaxes case que de opereta: vostedes pensan que somos tontos, non?, pensan que chupamos o dedo e que nacemos onte e pensan tamén que ainda contan con algún crédito para seguir representando aos seus votantes na institución municipal que representa a vontade dos cidadáns?. Pois eu digolles que non, que non teñen crédito ningún e , polo que se ve, tampouco teñen vergonza xa que non marchan para a súa casiña a intentar a salvar a pouca dignidade que lles pode quedar e que, desde logo, eu non lles concedo e non espero ser o único que pense así porque senón mal imos.
P.D: Eu pensaba que unha persoa opta a un posto de traballo no concello mediante oposición ou concurso oposición... , pero a un non a dous. Como podía logo a muller esta traballar de secretaria e no GRUMIR?. Gañou dous concursos diferentes? Agardo que alguén me saiba explicar isto.

quarta-feira, 26 de setembro de 2007

Vale con que haxa lei pero tampouco esaxeremos


Olas a tod@s:
A verdade é que levo escoitado frases tales como " o que pasa que nesta vila non hai lei" ou " mira que hai vandalismo na vila" ou a xa mítica de " primeiro que os municipais non dan chapa e despois que tamén quen lle vai facer caso se todo o mundo sabe que non dan chapa". Tamén é verdade que ultimamente a xente parecía estar contenta con que os municipales por fin traballasen no verán e pola noite e polo tanto, como nas pelis do Far West, a lei chegara á vila. Pois ben, a min paréceme ben que os municipais cumpran co seu cometido e traballen pola noite, tamén me parece ben que se multe á xente que comete actos vandálicos ou que incumpra a lei; en resume, paréceme ben que "haxa lei" por así dicilo. Agora ben, tampouco convén esaxerar xa que Ogrobe tampouco é Hell´s Kitchen ou o Bronx, non ten taxas de criminalidade ou delicuencia fora do común e nin sequera hai máis escándalo e "jarana" que en calquera outra vila onde saia tanta xente como na nosa no verán. Como xa dixen está ben que os municipais vixien pola noite ( ou sexa fagan o traballo polo que se supón cobran) e atallen actos vandálicos ou violentos. Ate aquí o normal, o que xa non me parece ben son as ideas peregrinas sacadas das novelas de Orwell de pór cámaras na rúa ou as proclamas de tipo Elliot Ness contra o "vandalismo y el desorden". O primeiro non me parece ben porque os cidadáns non creo que debamos ser observados e gravados cando imos polas rúas se non existe necesidade de ningún tipo ( ao fin esto non sos as famosas Streets of fire estadounidenses) e non me gusta ter que sacrificar liberdades a conta dunha maior seguridade, que por riba está por demostrar. En Compostela hai cámaras nas rúas pero no que se convertiron foi en "alonxadores de problemas das zonas escaparate" mentres que estes problemas seguen a existir pero nas rúas de atras ( a cámara de Cervantes é proba manifesta), tamén hai cámaras nalgunhas zonas de Philadelphia e outras cidades de USA pero non creo que deba estenderme máis en dicir porqué a comparación resulta ate ofensiva. Ao fin podemos pór moitas cámaras que ao final o problema é de educación e por moitas que poñamos sempre vai haber onde non estén. Entón só parece que se: 1. Non existe tanta delincuencia, 2.Parece unha medida esaxerada que coarta a liberdade individual e colectiva e 3. Só acaban sendo medidas propagandísticas; o resultado só pode ser que se algún edil quere cámaras que as coloque na súa casa ( e cos seus cartos, por suposto). Respecto das proclamas eu comprendo que quedan moi ben para ganar votos entre o electorado menos xoven, que ademais quedan moi ben na prensa e que o fan sentir a un como se fose unha especie de Eastwood ou de Wyat Earp pero tamén conven recordar que estes brindis ao sol non son ben acollidos por todos aqueles que soen pensar e analisar o que certos políticos lanzan como se fosen publicistas. Por todo isto gustaríame recomendarlle a Bea que se deixase de tanta soflama barata e que se quere pelis de sheriffs que vaia ao videoclube. Eu coma case todo o mundo hai sabados que teño feito algún que outro ruido, cantado e cousas polo estilo pero tampouco creo que sexa o problema máis grande da vila, nin creo que as hordas de Atila sexamos aqueles que saimos pola noite e que ás veces podemos facer algo de ruido, digo eu que tampouco convén esaxerar.

segunda-feira, 24 de setembro de 2007

Após as xornadas

Olas a tod@s:
Lamentablemente non puiden asistir ás xornadas na súa totalidade por mor duns compromisos de última hora dificilmente evitables. Ainda así si que asistín a case todas as táboas e vin unhas xornadas de grande nivel.
Vou a opinar sobre algúns dos temas que máis escoitei nos coloquios aos que asistín. Durante a mañá do sábado escoitáronse moitas queixas sobre a situación dos investigadores, arquivos, falta de apoios e sobre diferentes enfoques e prioridades no tema da represión en Galiza. Como xa teño dito outras veces estou totalmente de acordo con todas as queixas, que non poden ser consideradas por calquera persoa cun mínimo de cultura como xustas. Agora ben, trás asistir a bastantes coloquios e xornadas de historia tamén debo dicir que hai cousas que nunca cambian. Digo isto porque, como tantas outras veces, pouco se escoitou unha das causas máis importantes de algúns destes problemas. Explícome; certo é que moitos dos problemas e dificultades que sofre a historiografía deste periodo son debidos á falta de apoios institucionais e sociais. Tamén é certo que a situación ten mudado bastante nestes últimos anos por mor de asociacións da memoria e polo apoio de certas institucións pero o apoio social continúa sendo bastante reducido. Se hai pouco apoio social coincidiredes conmigo en que dificilmente un goberno do PSOE e moito menos do PP no estado vai aprobar unha lei de memoria histórica digna dese nome ( na lóxica política española a cultura nunca foi un tema moi coidado xa que normalmente non dá votos). Chegados a este punto do razoamento topámonos aquí con unha das causas que antes dixen que para min subxace en algúns dos problemas: a case nula capacidade dos historiadores no que se ten denominado "devulgación científica". Refírome con isto en que os historiadores temos sido reacios máis unha vez a este tipo de expresión por considerala como " pouco científica". Pero claro, o interese pola historia non é tan pouco como parece, xa que segundo numerosos estudos nunca se venderon tantas revistas, libros, novelas ou documentais estreitamente relacionados coa historia. Calquera de nós ve moitas revistas de historia en calquera quiosco, pero cando mercas unha e a abres resulta que normalmente están escritas por xornalistas e non historiadores. Non só iso eu tiven moitas compañeiras e amigas que despreciaban totalmente esas revistas por pouco científicas e simples. Pois ben, esta é a reacción que eu considero un dos problemas máis grandes da historia no estado español. Certo é que estas revistas non acadan o grao de cientificidade das destinadas ao público profesional e especializado pero tamén é certo que a sociedade en xeral nunca vai ler ese tipo de revista profesional ( a min gústame ler cousas do universo na Muy Interesante ou ver documetales da BBC pero obviamente non vou ler un manual de astrofísica porque non entendería nada e me resultaría imposible e aburrido). Entón eu vexo claro que os historiadores nos debemos achegar á sociedade ( e non ao revés) e debemos diferenciar claramente entre dous campos diferentes: investigación e divulgación. Todo isto non é que se me ocurrira a min, historiadores como Hobsbawn, Moradiellos ou Fontana teñen dito moitas veces que a grande tarefa da historiografía actual era a divulgación social. Porque claro se non é así tampouco lle poderemos pedir á sociedade que nos apoie se non sabe cal é o problema e se non lle amosamos porqué o debe facer e cal é a nosa utilidade.
Fora destas reflexións profesionais debo dicir que nunca pensara que unhas xornadas con esta calidade se foran a realizar na nosa vila. Tamén quedei gratamente sorprendido pola cantidade de público que asistiu aos actos. Por todo isto non podo máis que felicitar aos organizadores e darlle a miña máis sincera noraboa e un profundo agradecemento.
Xa sen ter que ver directamente co tema, tamén me convencín de que hai que facer o posible para que O Marino acabe como patrimonio municipal pola súa importancia, ubicación e porque con certas reformas pode acabar convertido nun importante recinto cultural para todos os mecos. Xa oín declaracións do governo municipal nese senso e agardo que poñan todos os seus esforzos para acadalo.

quarta-feira, 12 de setembro de 2007

Dereito a saber, liberdade a investigar ( e obriga de investigar)


Olas a tod@s:
Como vedes engado algo ao cartaz das xornadas que se celebrarán do 19 ao 22 na nosa vila. Engado "a obriga de investigar" xa que para os historiadores é tamén unha obriga esa tarefa. Pero hoxe en día parece que esa obriga non pode realizarse facilmente porque a falta de liberdade para investigar en torno ao franquismo está sendo atacada un día si e outro tamén. Os casos de Garrido e Pereira son probablemente os máis coñecidos pero tras estes hai moitos máis. A moitos historiadores se lle ten negado o acceso a documentación por parte de numerosos concellos desde hai anos. As trabas postas por numerosos municipios e pola igrexa á investigación son coñecidos por moitos historiadores.
Cando me refería a obriga dos historiadores refírome a que historia ten como obxectivo o coñecemento do pasado e as súas repercusións no presente pero isto debe conlevar a "socializaciónd dese coñecemento" para que teña utilidade social. Xa dicía o gran Hobsbawn que unha historia que non chegue ao coñecemento da sociedade ten pouco que facer. Todas as trabas que se poñen á investigación palidecen fronte as dificultades para conseguir a socialización a que antes me refería. Resulta que as obras que máis difusión teñen non son obra de especialistas e nin sequera teñen o mínimo esixible de credibilidade e rigor. Ademais os historiadores tamén teñen grandes dificultades en escribir libros accesibles para a xente e logo está a cuestión da desprofesionalización da historia ( quen vive de ser historiador?).
Por mor de todo isto ( e algunhas cousas máis) pódese detectar a diverxencia entre coñecemento histórico e coñecemento "social". Moitas ideas difundidas a nivel social teñen sido desmentidas hai tempo pola historiografía pero iso non impide a súa difusión. Casos claros son o "éxito económico" franquista no que moita xente cre pero dista de ser real ou o golpe de estado fracasado como xérmolo da guerra civil, os males da República... . Un dos casos máis claros é que parece que a situación española é un aparte con respecto de Europa cando as Frontes Populares e as ameazas da ultradereita ás democracias son casos con paralelismos europeos. Pero probablemente o mito máis extendido é que o franquismo non foi realmente un rexime asasino e dictatorial tan condenable e lamentable e a equidistancia entre o franquismo e a República. En todo isto ten grande culpa a transición, recordemos que o PP ainda non condeou nunca no Congreso o franquismo e as súas opinións sobre a memoria histórica ou sobre a República. E así parece que non había republicanos conservadores porque para o PP a República non é mellor que o franquismo e por iso nacen todos eses libros que proclaman o perigo comunista republicano e que se o franquismo foi malo non era mellor a república e cousas polo estilo. Así vemos como o PP meco sacou nun boletín seu unha oda a Pío Moa e revisionistas semellantes. Todo isto é así porque a historia ainda non foi quen de chegar á xente e pór os seus coñecementos ao servizo da sociedade e porque o PP segue a ter máis ligazóns históricas co franquismo que coa democracia e porque moitos dos seus dirixentes son expoñentes claros da dereita tradicional e católica e non do liberalismo ou da democracia cristiá europea. E así nos vai.
Por todo iso todas estas actividades e xornadas son tan importantes, porque é importante que a xente coñeza os traballos dos profesionais, porque non se pode seguir equiparando a membros do exilio republicano que loitaron contra os nazis coa División Azul que combatiu con eles ( e isto fixoo o PSOE) e porque o pasado importa por si mesmo e polas súas repercusións no presente. Por iso invítovos a todos a disfrutar destas marabillosas xornadas e a que vos animedes a participar nelas e por iso felicito aos organizadores por ofrecernos aos mecos actos culturais deste calado na nosa vila. Grazas.
Aquí tedes o enlace á páxina das xornadas: O DEREITO A SABER

quinta-feira, 6 de setembro de 2007

El mundo está loco ( ou o "comando Xabarín")


Olas a tod@s:
A verdade é que ía escribir sobre o xornalista e o ex pero despois plantexeimo mellor e decidín escribir sobre outra cousa. A verdade é que , tras pensalo un pouco, cheguei a conclusión de que non sei que máis ía decir sobre ese xornal xa que creo que o que dixen anteriormente vale tamén para esta vez ( e por desgracia que creo que para moitas máis que virán no futuro), e co ex tamén cheguei á mesma conclusión. Por iso gustaríame falarvos de un par de cousas.
A primeira delas é a causa do título. El mundo está loco pero El Mundo xornal,claro. A nova teima, que podedes ler en Vieiros, é que o Xabarín Club é un programa deseñado polos nacionalistas para incitar á loita nacionalista e á revolución socialista aos nenos e así telos adoutrinados desde pequenos. Todo isto despois da que montaron co himno ( que ademais atribuiron a Arturo Pondal e non a Eduardo Pondal) ou cos versos de Rosalía de Castro "Pobre Galicia non debes/ chamarte nunca española" e definindo á Rosalia como " simplemente es un poema escrito por una bastarda hija de un cura hace 150 años". Ademais as críticas ás Galescolas botan lume en diferentes xornais madrileños do mesmo estilo como periodistadigital.com, que califica á USC como unha universidade "pueblerina y cateta en su contenido". A verdade é que ante tal fato de barbaridades un xa non sabe que escribir ou opinar xa que son de tal calibre que elas mesmas se desacreditan. Parece que aburridos de bombardear con noticias polo estilo Euskadi e Catalunya ( con, como amosan os seus respectivos gobernos, nulo éxito) agora tócanos a nós. Parece ser que nos convertimos xa na terceira peza "disgregadora de la identidad nacional" e antes de que medre moito "el peligro separatista" hai que dar tralla por terra ,mar e aire. Pois si que manda carallo. Aproveito unha canción de Carlos Puebla: "estaba yo en mi rincón/ preguntandome hace rato/ como es posible que al gato/ le meta miedo el ratón/... con ese ir y venir me tiene como si nada/ perdone la carcajada/ pero usted me hace reir".

segunda-feira, 3 de setembro de 2007

A voltas co lixo ( o conto de non acabar).

Ola a tod@s:
Xa vai acabando o verán e polo tanto teño máis tempo para poder escribir que este último mes. O tema que escollín hoxe é un vello coñecido de tod@s nos: o lixo. Sei que o meu anterior artigo sobre este tema non suscitou moito apoio e que moitos de vos vedes este problema de forma diferente. Este agosto mentres tomaba unhas cervexas cuns amigos na terraza do Catorsse puiden observar como había montes e montes de lixo acumulados nas aceras ( falo de montes de máis de catro sacos de basura grandes uns enriba doutros) diante dos comercios e bares porque ainda non pasara o camión da recollida. Como xa dixen no outro artigo esto a min paréceme incrible, montes de sacos na rúa "principal" da vila ás tres da mañá máis ou menos e coa xente toda de marcha por aí porque era fin de semana. Ademais puiden contemplar como os cans abandoados ( outra mostra máis de barbarie das que abundan por Galiza adiante) e os gatos arañaban e rompían os sacos en busca de algo que levarse á boca. Moitos dixestesme cando escribín anteriormente do lixo que ninguén quere os contentores, que cheiran, etc. Eu sigo preguntándome: ¿ e logo é mellor ter todo o lixo aí ás portas dun e que os sacos se rompan e todo iso?. Pero este non é o único problema, en moitas rúas onde hai bares e comercios o camión do lixo non recolle os sábados, e como tampouco hai contentores, estes comerciantes e hosteleiros teñen que quedar co lixo dentro dos locais ate o domingo ou cargar cos sacos ata unha rúa onde si haxa recollida e deixalo alí ( iso supoñendo que o veciño de turno lles deixe pór os sacos na súa fachada). Eu non saio do meu asombro posto que non coñezo outro concello onde os sacos do lixo se poñan na porta dun e non nun contentor. Logo está o tema da reciclaxe, no que xa levamos a palma e mais a palmeira, a min gustaríame que pensáramos un momento en como desde o concello se lle facilita aos veciños a reciclaxe. Acabou o tempo. A resposta é: de ningunha maneira, os contentores de reciclaxe brillan pola súa ausencia e entón, ademais de pedirlle á xente que recicle, pedímoslle que se pegue unha pateada ata o contentor máis próximo ( e iso se non eres comerciante, que entón tes que cargar co cartón ata o punto limpo ainda por enriba de pagar máis pola recollida por que se supón que xerás máis lixo). O asunto será pór as máximas facilidades para a reciclaxe e non ao contrario, isto claro se queremos que se recicle senón está claro que o facemos ben. Pois ben todo este tema non é culpa só do concello, somos nós, os veciños aos que nós da igual o lixo na rúa porque molestan os contentores, os que non pedimos contentores de reciclaxe porque ademais de molestar como os outros é máis cómodo tirar todo no mesmo e, isto para min é o máis importante, porque nós enganamos a nós mesmos con historias sobre a molestia dos contentores , cheiros, etc... para non admitir que xa nos acostumamos a ter as rúas cheas de lixo, e se ademais nos vai ben ¿para que imos cambiar?. ¿Ou non ?
Por certo, un colega sacou co mobil a foto da Catorse cos sacos da basura, cando a teña poñoa.