segunda-feira, 24 de setembro de 2007

Após as xornadas

Olas a tod@s:
Lamentablemente non puiden asistir ás xornadas na súa totalidade por mor duns compromisos de última hora dificilmente evitables. Ainda así si que asistín a case todas as táboas e vin unhas xornadas de grande nivel.
Vou a opinar sobre algúns dos temas que máis escoitei nos coloquios aos que asistín. Durante a mañá do sábado escoitáronse moitas queixas sobre a situación dos investigadores, arquivos, falta de apoios e sobre diferentes enfoques e prioridades no tema da represión en Galiza. Como xa teño dito outras veces estou totalmente de acordo con todas as queixas, que non poden ser consideradas por calquera persoa cun mínimo de cultura como xustas. Agora ben, trás asistir a bastantes coloquios e xornadas de historia tamén debo dicir que hai cousas que nunca cambian. Digo isto porque, como tantas outras veces, pouco se escoitou unha das causas máis importantes de algúns destes problemas. Explícome; certo é que moitos dos problemas e dificultades que sofre a historiografía deste periodo son debidos á falta de apoios institucionais e sociais. Tamén é certo que a situación ten mudado bastante nestes últimos anos por mor de asociacións da memoria e polo apoio de certas institucións pero o apoio social continúa sendo bastante reducido. Se hai pouco apoio social coincidiredes conmigo en que dificilmente un goberno do PSOE e moito menos do PP no estado vai aprobar unha lei de memoria histórica digna dese nome ( na lóxica política española a cultura nunca foi un tema moi coidado xa que normalmente non dá votos). Chegados a este punto do razoamento topámonos aquí con unha das causas que antes dixen que para min subxace en algúns dos problemas: a case nula capacidade dos historiadores no que se ten denominado "devulgación científica". Refírome con isto en que os historiadores temos sido reacios máis unha vez a este tipo de expresión por considerala como " pouco científica". Pero claro, o interese pola historia non é tan pouco como parece, xa que segundo numerosos estudos nunca se venderon tantas revistas, libros, novelas ou documentais estreitamente relacionados coa historia. Calquera de nós ve moitas revistas de historia en calquera quiosco, pero cando mercas unha e a abres resulta que normalmente están escritas por xornalistas e non historiadores. Non só iso eu tiven moitas compañeiras e amigas que despreciaban totalmente esas revistas por pouco científicas e simples. Pois ben, esta é a reacción que eu considero un dos problemas máis grandes da historia no estado español. Certo é que estas revistas non acadan o grao de cientificidade das destinadas ao público profesional e especializado pero tamén é certo que a sociedade en xeral nunca vai ler ese tipo de revista profesional ( a min gústame ler cousas do universo na Muy Interesante ou ver documetales da BBC pero obviamente non vou ler un manual de astrofísica porque non entendería nada e me resultaría imposible e aburrido). Entón eu vexo claro que os historiadores nos debemos achegar á sociedade ( e non ao revés) e debemos diferenciar claramente entre dous campos diferentes: investigación e divulgación. Todo isto non é que se me ocurrira a min, historiadores como Hobsbawn, Moradiellos ou Fontana teñen dito moitas veces que a grande tarefa da historiografía actual era a divulgación social. Porque claro se non é así tampouco lle poderemos pedir á sociedade que nos apoie se non sabe cal é o problema e se non lle amosamos porqué o debe facer e cal é a nosa utilidade.
Fora destas reflexións profesionais debo dicir que nunca pensara que unhas xornadas con esta calidade se foran a realizar na nosa vila. Tamén quedei gratamente sorprendido pola cantidade de público que asistiu aos actos. Por todo isto non podo máis que felicitar aos organizadores e darlle a miña máis sincera noraboa e un profundo agradecemento.
Xa sen ter que ver directamente co tema, tamén me convencín de que hai que facer o posible para que O Marino acabe como patrimonio municipal pola súa importancia, ubicación e porque con certas reformas pode acabar convertido nun importante recinto cultural para todos os mecos. Xa oín declaracións do governo municipal nese senso e agardo que poñan todos os seus esforzos para acadalo.