terça-feira, 26 de fevereiro de 2008

¿Existimos os galegos?


Olas a tod@s:


Unha das miñas series favoritas é El Ala Oeste. Hoxe mentres miraba o famoso debate recordei un dos seus capítulos. Neste episodio o presidente Bartlett está negociado como van ser os debates durante a campaña electoral e un dos seus asesores dille que un dos acordos é que cada candidato dispoña de 10 mínutos en cada turno. Entón o presidente Bartlett dille ao asesor que se os candidatos non se poden facer preguntas e non teñen que respostalas senón que só teñen que falar en turnos de 10 minutos logo non é un debate xa que non falan entre eles, "son mónologos de 10 minutos".

Pois ben isto foi o que pasou hoxe na televisión non tan agardado debate, Zapatero e Rajoy facendo monólogos de 10 minutos e acusándose mutuamente de quen o fixo peor ou quen mentiu máis. Poucas foron as propostas que se fixeron e pouca foi tamén a novidade que nos trouxo o "ansiado " debate. Claro que eu xa sempre fun escéptico respecto do que se podía agardar dun debate coma este e con este formato.

Fora xa de todo o ruido que imos ver nos próximos días e que xa vos podo resumir aquí, para os medios conservadores gañou Rajoy e para os medios afíns ao PSOE gañou Zapatero, querría facer un par de reflexións. A primeira é que vendo o debate e os medios parece que estamos en USA ou en Francia, dígoo porque parece que podemos votar por Rajoy e ZP como se vivísemos nun sistema presidencialista. Obviamente non escollemos presidente, escollemos deputados que despois escollen presidente. Pode parecer unha tontada pero non é, e con isto engancho coa miña segunda reflexión; ¿que escollemos os galegos?. A resposta é sinxela, escollemos a os deputados que nos van representar no Parlamento do Estado durante catro anos. E aquí está o quid da cuestión, ¿ escoitastes vos algunha referencia aos galegos en todo o debate?. Eu aparte do chapapote non escoitei ningunha máis. Iso si, escoitei falar de Murcia, Extremadura, Catalunya, Madrid, Euskadi e dalgún lugar máis pero de Galiza nin papa.

Levo dicindo durante anos nas miñas conversas cos amigos que iso ocorre porque non somos politicamente relevantes, non decidimos as eleccións cos nosos deputados porque son poucos. Precisamente por isto tamén recibimos poucos cartos e demais, ¿ se un é presidente onde vai invertir en Galiza e o seu puñado de deputados ou en Andalucía e a as súas mancheas de deputados?. Claro que alguén podo dicir, ¿ é Euskadi que? alí teñen poucos deputados tamén. Si pero tamén teñen ao PNV.

Tanto é que non importamos que como xa vos dixera aí atrás resulta que nestas eleccións escollemos 2 deputados menos porque seica temos pouca poboación. O caso é que en Madrid que escolle máis deputados esta vez faino polos inmigrantes que alí residen pero non teñen dereito ao voto. En troques aquí, todos eses emigrantes galegos do mundo enteiro que son máis que máis de unha provincia española e si votan, resulta que non contan para ter un maior numero de deputados. Non é tontería porque estamos falando de peso político no estado e de ter menos 2 deputados en vez de ter máis 5 ou así. Pero claro aquí resulta que isto dá igual, só fai falla ver o preocupada que anda a prensa co tema.

E así nos vai resulta que fan un tostón de debate alí en Madrid os do PSOE e os do PP ( se votas outra cousa pois a foderse que non vai sair) e Galiza non sae para nada no debate. Pero iso si, despois dinnos que os deputados galegos isto ou outro, que loitan por nós... . Tanto é así que o candidato do PSOE pola provincia da Coruña non sabe falar galego e confunde o polbo á feira co polbo á galega. Un galego de pro, onde vas parar. E así nos seguirá indo mentres os galegos non nos poñamos serios e digamos: si moi ben, ¿ pero de Galiza e dos galegos que?, ¿ onde están as miñas infraestructuras, as miñas competencias, os meus cartos, esas transferencias que non me queres dar pero lle das a Euskadi e Catalunya? e así un longo etcétera.

Escollemos aos nosos representantes, aos representantes galegos no Parlamento estatal. Logo escollamos ben e esixamos que se fale de nós e dos nosos intereses porque se nos veñen colocando fulanos que despois van pasar de nós como da merda (con perdón), aparecendo cada catro anos por aquí coma se fosen os máis galegos e nós llo permitimos despois tamén non poderemos queixarnos cando pasen de nós. Escollamos representantes galegos, que loiten por Galiza e polas cousas que a nós nos interesan. Fagámolo porque somos galegos, porque existimos e porque xa vai sendo hora de estar honrados de ser galegos e de que se den conta que aquí hai algunha cousa máis que choiva. Despois se queren que sigan insultándose na tv sen ningunha proposta durante sete semanas ou sete anos que a nós vainos dar igual.

segunda-feira, 18 de fevereiro de 2008

Rara estratexia electoral















Olas a tod@s:
Hai unhas horas que volvín de Santiago, a onde fun participar na manifestación de Galiza non se vende, e levo un rato dándolle voltas a unhas cantas ideas que quero compartir convosco.

Sorprendeume a cantidade de xente que asistiu á manifestación de Galiza non se vende, disque eramos unhas dez mil persoas (isto xa sabedes varía segundo quen conte) máis ou menos os que enchemos a Praza da Quintana. Sorprendeume tanta xente máis ainda se se ten en conta que ningún dos partidos maioritarios organizou ou apoiou a convocatoria. Esta foi feita por multitude de agrupacións veciñais, colectivos sociais, organizacións ecoloxistas e polo SLG; polo tanto poderiamos dicir que foi convocada e apioada pola sociedade autoorganizada.

Entón mentres conducía á volta viñen eu pensando na rara estratexia e táctica electoral levada a cabo polo BNG nos últimos anos. Eu xa vos adianto que non a entendo, ou cando menos, non lle vexo o menor atisbo de lóxica. Pero parece que non son o único que non o fai vistos os resultados dos últimos procesos electorais.

Imos ver, o nacionalismo medrou en Galiza durante os 80 e 90 de forma exponencial grazas a un traballo ardoroso da súa base militante. Este traballo tiña como un dos seus peares fundamentais a creación de multitude de organizacións cidadáns para a defensa da cultura, medio ambiente, lingua... . O tecido asociativo nacionalista foi sen dúbida o xérmolo do grande exito do BNG nesas décadas xunto cun discurso valente e moi diferente do das forzas estatais.

Pero todo isto mudou coa progresiva entrada en diferentes gobernos (municipais, provinciais...) ate chegar ao culmen co cogoberno galego. Parece que a necesidade de seguir medrando en votos trouxo consigo unha peregrina teoría que está perxudicando gravemente ao nacionalismo conforme se vai amosando como falsa. Esta teoría (impulsada de forma sibilina por distintos medios de comunicación) consiste basicamente en que o discurso do BNG se tiña que "moderar" para poder "adpatarse e atraer" a votantes tradicionais doutras forzas políticas. A teoría falla por todos lados e polo tanto a estratexia e a táctica política do BNG vense moi perxudicadasd. Digo que falla porque, en resume, ven consistindo en perder apoio social que xa se ten por un SUPOSTO aumento en campos antes vetados ou, máis claramente, en perder o que se ten para supostamente gañar algo que ainda non se ten. Esta teoría amósase como falsa vendo os votos e as perspectivas do BNG nos últimos anos. Pero ademais produce un dano máis perxudicial ainda para esta forza política e para o nacionalismo.

O dano ao que me refiro e que coa moderación e unha certa subordinación aos intereses do bipartito o BNG non é quen de rachar coa tendencia bipartidista do estado e non pode impulsar unha verdadeira axenda galega que trate temas exclusivamente galegos. Falando máis claramente, Galiza non entra en campaña e coa súa ausencia os temas exclusivamente galegos quedarán aparcados, outra vez, durante as eleccións estatais. Todo isto froito dunha estratexia de moderación que aparca (ou cando menos atempera) temas primordias como lingua, dereitos sociais, explotación enerxética... .

Todo isto puidose comprobar en Compostela onde a xente se sentía en moitos casos traizoados por parte do BNG, a forza que impulsou moitos deses movementos asociativos e que defendeu durante moitos anos moitas das reclamacións feitas na mani. Por iso moitos dos gritos ían en contra do BNG e non do PSdG ( que ao fin ten a presidencia); porque esa xente podía esperar iso dos socialistas pero non de parte do nacionalismo. E digo isto de parte porque alí estaban Beiras, Camilo Nogueira, xente do Movemento pola Base e o Encontro Irmandiño e moitos militantes do BNG que consideraban o seu deber como nacionalistas asistir a esa manifestación e facer seus os berros de ¡ Galiza non se vende!.

quarta-feira, 13 de fevereiro de 2008

Que alegría, que alboroto, un perrito piloto!


Olas a tod@s:

Hoxe decidinme por este título porque creo que reflexa o meu sentir respecto do tema do que vou escribir. O tema en cuestión son as eleccións xerais de marzo, e digo que reflexa o meu parecer porque ata o de agora, en vez de estar en campaña electoral parece que estamos nunha feira ou nun zoco árabe.

Levo uns cantos días vendo e escoitando as propostas do PP e do PSOE na campaña electoral é paréceme que estou asistindo a unha especie de feira onde uns ofrecen darche tanto e os outros cuanto. Certo é que en campaña electoral soen ocorrer este tipo de cousas pero paréceme que nesta xa se está esaxerando. Si un exime aos mileuristas de facer a declaración da renda o outro xa nos regala 400 euros, si un nos dá axudas á natalidade o outro ofrécenos a mesma axuda pero dunha contía maior e así ata a esaxeración esa das catro árbores por segundo. Se non fose porque o tema é serio, seríache unha cousa de escangallarse de risa.

Parece que o tema estrela son os recortes de impostos xa que tanto PP e PSOE o leván nos seus programas. Como a todos nos gusta pagar menos a xente está encantadísima pero claro, non se pararon a pensar nunha serie de consecuencias ou problemas destas medidas. O problema maior na miña opinión é que sempre se fala de recortes no IRPF, digo isto porque este é un imposto que grava a cada cidadán en función dos seus ingresos e posesións. Falamos, por tanto, do máis "xusto" dos impostos. Entón aí ven o problema, todas as veces que se recortou o IRPF en España,trouxo consigo o aumento doutros impostos estes xa indirectos ( ou sexa que gravan igualmente a todos sen ter en conta a súa posición económica) e polo tanto beneficiou a quenes máis teñen. Outro problema é que as dúas rebaixas agochan trás de si a reducción dos tramos existentes no imposto ou a disminución da aportación das persoas con maiores ingresos, é dicir, a rebaixa importante non será para os cidadáns do común senón para as grandes fortunas. Así por exemplo o PP reduce o tramo superior nun 2% ademais de facer desaparecer un dos tramos o que, en cristiano, lle reporta por exemplo a Pizarro un aforro de centos de millóns. O terceiro problema é para min o de maior alcance, falo de estender entre a cidadanía a idea neoliberal de menos impostos máis ingresos e maior nivel de vida. Digo isto porque, ainda que non o pareza ás veces, os impostos son necesarios para o obxectivo de redistribución da riqueza e do benestar social dos estados do wellfare state (sociedade do benestar).

Isto demóstrase facilmente, se comezamos a rebaixar os impostos continuamente o estado recauda menos e polo tanto ten maiores dificultades para levar a cabo unha política social. O resultado é peor sanidade pública, educación pública... . Dous exemplos, en USA os impostos son moi baixos e os seus servizos públicos están por debaixo do nivel, xa non europeo, senón incluso de America do Sul; en troques, dous dos estados con maiores impostos son Suecia e Finlandia onde se roza o 50% do salario pero teñen os mellores servizos públicos do planeta. En Suecia cando un é vello e comeza ter problemas de mobilidade e ten que usar unha cadeira de rodas, o concello corre cos cargos de facer na túa casa todas as reformas necesarias para poder vivir e este é so un exemplo.

O outro punto era a redistribución da riqueza. Nos estados europeos tras a II Guerra Mundial comezouse a construir o chamado "estado do benestar" que facía universais unha serie de servizos (sanidade , educación) e que ademais tiña como obxectivo a redistribución da riqueza. Poderiamos dicir que a grandes rasgos consistía en que se consideraba unha obriga que os máis favorecidos da sociedade tiñan que contribuir moito máis á sociedade que os fixera tan ricos. Por iso unha persoa como Botín, o do Santander, ten que dar a facenda o 42% dos seus ingresos mentres que persoas con menores ingresos aportan o 18% por exemplo.

Por iso se comezamos a acabar co estado do benestar debemos ser conscientes de cara onde camiñamos, isto é, cara un sistema como o estadounidense. Nas películas píntano moi ben pero se queredes saber algún dato aí vos van uns cantos: máis do 20% da poboación vive na pobreza, arredor do 25% non ten cobertura sanitaria de ningún tipo, ten a mesma ratio de mortalidade infantil que os estados do terceiro mundo e o seu nivel de alfabetización está na media de centroamérica. Haberá a quen lle guste pero eu a verdade sigo a preferir o perrito piloto.