

Olas a tod@s:
Hai unhas horas que volvín de Santiago, a onde fun participar na manifestación de Galiza non se vende, e levo un rato dándolle voltas a unhas cantas ideas que quero compartir convosco.
Sorprendeume a cantidade de xente que asistiu á manifestación de Galiza non se vende, disque eramos unhas dez mil persoas (isto xa sabedes varía segundo quen conte) máis ou menos os que enchemos a Praza da Quintana. Sorprendeume tanta xente máis ainda se se ten en conta que ningún dos partidos maioritarios organizou ou apoiou a convocatoria. Esta foi feita por multitude de agrupacións veciñais, colectivos sociais, organizacións ecoloxistas e polo SLG; polo tanto poderiamos dicir que foi convocada e apioada pola sociedade autoorganizada.
Entón mentres conducía á volta viñen eu pensando na rara estratexia e táctica electoral levada a cabo polo BNG nos últimos anos. Eu xa vos adianto que non a entendo, ou cando menos, non lle vexo o menor atisbo de lóxica. Pero parece que non son o único que non o fai vistos os resultados dos últimos procesos electorais.
Imos ver, o nacionalismo medrou en Galiza durante os 80 e 90 de forma exponencial grazas a un traballo ardoroso da súa base militante. Este traballo tiña como un dos seus peares fundamentais a creación de multitude de organizacións cidadáns para a defensa da cultura, medio ambiente, lingua... . O tecido asociativo nacionalista foi sen dúbida o xérmolo do grande exito do BNG nesas décadas xunto cun discurso valente e moi diferente do das forzas estatais.
Pero todo isto mudou coa progresiva entrada en diferentes gobernos (municipais, provinciais...) ate chegar ao culmen co cogoberno galego. Parece que a necesidade de seguir medrando en votos trouxo consigo unha peregrina teoría que está perxudicando gravemente ao nacionalismo conforme se vai amosando como falsa. Esta teoría (impulsada de forma sibilina por distintos medios de comunicación) consiste basicamente en que o discurso do BNG se tiña que "moderar" para poder "adpatarse e atraer" a votantes tradicionais doutras forzas políticas. A teoría falla por todos lados e polo tanto a estratexia e a táctica política do BNG vense moi perxudicadasd. Digo que falla porque, en resume, ven consistindo en perder apoio social que xa se ten por un SUPOSTO aumento en campos antes vetados ou, máis claramente, en perder o que se ten para supostamente gañar algo que ainda non se ten. Esta teoría amósase como falsa vendo os votos e as perspectivas do BNG nos últimos anos. Pero ademais produce un dano máis perxudicial ainda para esta forza política e para o nacionalismo.
O dano ao que me refiro e que coa moderación e unha certa subordinación aos intereses do bipartito o BNG non é quen de rachar coa tendencia bipartidista do estado e non pode impulsar unha verdadeira axenda galega que trate temas exclusivamente galegos. Falando máis claramente, Galiza non entra en campaña e coa súa ausencia os temas exclusivamente galegos quedarán aparcados, outra vez, durante as eleccións estatais. Todo isto froito dunha estratexia de moderación que aparca (ou cando menos atempera) temas primordias como lingua, dereitos sociais, explotación enerxética... .
Todo isto puidose comprobar en Compostela onde a xente se sentía en moitos casos traizoados por parte do BNG, a forza que impulsou moitos deses movementos asociativos e que defendeu durante moitos anos moitas das reclamacións feitas na mani. Por iso moitos dos gritos ían en contra do BNG e non do PSdG ( que ao fin ten a presidencia); porque esa xente podía esperar iso dos socialistas pero non de parte do nacionalismo. E digo isto de parte porque alí estaban Beiras, Camilo Nogueira, xente do Movemento pola Base e o Encontro Irmandiño e moitos militantes do BNG que consideraban o seu deber como nacionalistas asistir a esa manifestación e facer seus os berros de ¡ Galiza non se vende!.




