segunda-feira, 2 de março de 2009

...E Galiza falou, escolleu PPdG


Olas a tod@s:

Pois ben, estes son os resultados das eleccións en Galiza: PPdG 39, PSdG-PSOE 24 e BNG 12. Os galegos e as galegas decidiron darlle a maioría absoluta ao PPdG tras catro anos de bipartito. Por diante quedan as análises e as reflexións sobre estes resultados estudando os datos polo miudo pero convén deixar claro un punto de partida. ¿Cal é para min este punto de partida?. Desde logo non é que a xente sexa parva, vasalos de caciques e cousas polo estilo que se poden ler hoxe en moitos lugares da rede galega. Dicir que a xente é parva e todo iso nin é verdade, nin explica nada. A xente valorou os méritos e propostas de cada un e decidiu darlle un amplo respaldo ao PPdG, máis amplo ainda se temos en conta que a participación foi unhas décimas maior do 70%. Os motivos son moitos e temos días para analisalos con calma pero desde logo non se atopan nunha estupidez conxénita do pobo galego.

O meu punto de partida é o seguinte, que cada un se faga responsable dos seus éxitos e culpable dos seus fracasos. Os dous membros do bipartito, pese ao aumento da participación, cairon en votos: o PSdG perdeu arredor de 73.000 votos e o BNG arredor de 44.000 votos. Parece claro logo que as cousas se fixeron mal no bipartito. Débese partir da base de que a responsabilidade esta na dirección destes dous partidos, na súa estratexia e no seu traballo ao longo destes catro anos. Saindo desde aí podemos falar dunhas razóns e doutras, porque se os responsables e os militantes destes dous partidos empezan xa coas conspiracións ou historietas semellantes, peor lles irá ainda. Os culpables estarán nesas dúas formacións; o quen e o como poden ser discutibles. Onde seguro que non están nin as culpas nin os culpables e no suposto de que o pobo galego é masoquista, parvo, etc.

Responsabilidade e que cada pau aguante a súa vela.

sexta-feira, 27 de fevereiro de 2009

Lixo e máis lixo ( repaso II)


Olas a tod@s:

A campaña electoral chega ao seu fin este venres. O sábado temos a xornada de reflexión e o domingo o "día D" e a "hora H". Eu alégrome de que remate, e fágoo porque o nível de merda, con perdón, que tivemos que aturar nesta campaña chegou a límites insospeitados.

Tivemos de todo: acusacións, corruptelas, ataques á vida persoal, manipulacións na rede, presuntas suplantacións de identidade, e-mails trucados... . O único que non tivemos foi un debate entre as forzas con representación parlamentaria e tampouco demasiadas propostas. Moito do lixo esparcido é de antoloxía polo que convén que o repasemos un pouco.

Un dos focos de lixo máis importantes foron os medios de comunicación. O propietario do xornal La Voz de su Amo "encabronouse" polo apoio do nacionalismo á creación dun novo xornal de papel, Xornal de Galicia. Desde esa adicouse a publicar toda canto lixo fose necesario para impedir que o nacionalismo medrase nestas eleccións. Desde supostas corruptelas sen ningunha proba e que misteriosamente non volveron aparecer máis ata fotos de hai cinco anos que se habilmente fixo pasar como do verán pasado. Todo isto por non falar xa do espazo adicado á campaña do BNG nese xornal que chegou ata a non existir ( como podedes comprobar na súa portada na web). Chegou a ocupar máis a información sobre UPyD, que non ten nin representación parlamentaria. Non contento con iso, este simpático editor chegou a públicar un artigo dunha páxina pedindo o voto de forma implícita para o PP. Neste mesmo artigo este home criticaba a imposición linguística do galego desde as escolas e a administración e toda unha serie de inventos máis. Non contento con semellante monte de esterco, ao home non se lle ocorre outra cousa que pór o título parafraseando a Émile Zola ( que de seguro se está remexendo na tumba), para rematar de escarallarse. Non se descobre nada ao dicir que La Voz de su Amo é exactamente iso: a voz do seu amo; e que o seu obxectivo principal é que vexamos ao seu dono como un rei (debe ser polo apelido) e anos mesmos como vasalos agradecidos. Digo que non sorprende a ningúen porque iso xa o sabíamos moitos desde hai tempo, pero tamén convén recordar que a Consellería de Cultura lle deu un premio polo seu servizo a Galiza. Agora máis dun estará pensando onde lle ía meter o premio ao homenaxeado... , pero auga pasada non move muiño. Quíxose xogar a manter as políticas de subvencións e control da información de gobernos anteriores e este foi o premio.

Pero a cousa non acaba aquí ainda deu a campaña máis montes de lixo. Asesores do PP andiveron amosando fotos da porta do garaxe de Quintana onde se podían ver unhas aboiaduras. ¿A explicación? Supostamente Quintana nunha discusión coa súa muller montara no coche e tentara asustala e esnafrárase contra a porta. Baltar amontonou ainda máis lixo insunuando que Tareixa Taboas era amante de Quintana.

En Celanova "apareceron" uns pasquíns contra o plan de vivenda e o banco de terras redactados nestes termos: " o goberno do BNG e o PSOE pódenche expropiar a túa casa para darlla a outra persoa, se te ausentas un tempo" ou " pódenche quitar as túas terras e darllas a outros coa excusa de que non as traballas". Parecen os contos aqueles de " si gana la izquierda te quitan las vacas y se las dan a tus vecinos". Para espernexar.

O lixo tamén chegou ao correo electrónico con envíos masivos de correos con ficheiros de Power Point adxuntos atacando ao PSdG e ao BNG asinados supostamente por representantes destes dous partidos. O caso xa chegou aos tribunais por delitos de difamación e suplantación de identidade. Membros destes dous partidos achacan a campaña a un ex-xornalista de ABC, agora traballador do PP. A primeira das denuncias, feita polo PSdG, xa foi admitida a trámite.
Na web do xornal ABC unha utilidade en flash permite tunear o despacho do presidente da Xunta e "despilfarrar tu dinero como hacen algunos políticos" (Touriño nomeadamente).

Isto é o que temos. Non temos debates na televisión nin cousas desas pero ,iso si, MERDA temos a moreas. Deixovos enlaces a diferentes informacións relacionadas co tema:

Artigo de El País sobre os ataques a Quintana.

O pasquín de Celanova alertando sobre "el peligro rojo" en Vieiros.

Os correos falsos en Vieiros

Todo isto e máis en Chuza

terça-feira, 24 de fevereiro de 2009

Por un puñado de votos ( repaso I)

Olas a tod@s:

Entramos xa na recta final da campaña electoral e parece que as cousas se poderían decidir, facendo un xogo de palabras co filme de Leone, por un puñado de votos. As enquisas que sairon durante estes últimos días definen unha tendencia: pequenas variacións de porcentaxe de voto en cada unhas das provincias poden significar considerables variacións nos escanos. Estas enquisas mostran horquillas considerables, de arredor de catro escanos, nas súas prediccións de resultados electorais. ¿ Que nos fai crer isto?. Que as cousas poden decidirse por un puñado de votos.

Estando así as cousas a participación parece convertirse na chave de bóveda da victoria e da derrota para cada un dos partidos. A participación é a abstención son cousas difíciles de prever. Non tanto o dato de participación en si como o comportamento do grupo de electores que se atopan en dúbidas de votar ou non. Historicamente, e de forma xeral, considérase que unha maior participación beneficia ás forzas consideradas progresistas e unha menor ás conservadoras. Tende a verse así xa que os grupos máis abstencionistas soen responder a perfís xovenes e urbanos. En realidade non sempre se cumplen estas tendencias de maior participación-mellor resultado das forzas consideradas progresistas. Ao meu ver a clave do asunto está en non facer apreciacións tan xerais e observar un pouco máis a situación actual dos "grupos de maior risco abstencionista".

Traducindo estes parametros a Galiza o resultado podería ser o seguinte: a forza máis perxudicada pola abstención sería o PSdG, seguida polo PP e a menos perxudicada podería ser o BNG. Non parece o resultado ao que estamos afeitos pero é moi posible. A forza que máis crece no tramo de idade 18-25 xa non é o BNG, é o PSdG. O PP segue sen ser a forza máis votada neste tramo de idade pero é a forza de maior crecemento nas cidades nos últimos anos. O BNG está tendo un mal comportamento electoral nas cidades e xa non é a forza máis votada no tramo 18-25 pero si que parece afortalar o seu bo comportamento nas vilas de tamaño medio (que son menos abstencionistas que as cidades e poden en certa forma compensar o mal comportamento do BNG nas cidades). Así parece que os grupos máis abstencionistas son os liderados polo PSdG e con crecemento por parte do PP. De aí podemos obter que o PSdG sería gran perxudicado da abstención ( voto xovén + cidades) e o PP non sería o gran beneficiado ( crecemento electoral importante nas cidades). Algunha enquisa reflexaba en días pasados ( creo que unha de Público) certos datos que parecen confirmar a teoría: a maioría dos votantes que dudaban si votar ou non, eran antigos votantes do PSdG na súa grande parte pero o segundo grupo foron votantes do PP nas estatais.

De todas maneiras este panórama non só convirte a participación en chave, tamén convirte en importantísimo algo que non se avalía nas enquisas: o voto CERA ( censo electoral de residentes ausentes). As sacas de votos da outra banda do mar son un posible "seguro de vida" para o PSdG, o posible tiro de gracia para o PP e un máis que probable desgusto para o BNG. Todos sabemos a manipulación e o fraude ao que están sometidos eses votos polo que non me vou a estender nas razóns da obvia vantaxe do PSdG no voto emigrante.

Con todo o dito parece claro que a noite electoral vai ser movida, e posiblemente os días seguintes tamén ( polo do reconto das famosas sacas). Só agardo que a decisión que tomemos os que vivimos aquí non se cambie días despois cos votos das sacas porque xa sería unha burla ao sistema democrático que disque temos. Sei que a xente inscrita no CERA ten dereito a voto pero estou seguro de que é unha burla que nese censo sigan inscritos mortos ( que ademais tamén votan), que non se vote de forma persoal e en urna, os chanchullos de compra de votos mil veces denunciados, que voten persoas que hai 40 ou 50 anos que non veñen aquí e outras que xa nin sequera estiveron nunca... . Por todo isto un que o goberno de Galiza mude uns días despois a causa desas sacas pode ser a repanocha.

terça-feira, 27 de janeiro de 2009

Preparados, listos , xa!!!

Olas a tod@s:

As eleccións están á volta da esquina e comezan a multiplicarse tanto os actos partidarios como as informacións sobre o proceso electoral nos medios de comunicación. A dúbida principal é se reeditará o bipartito PSdG-BNG, ou pola contra, o PPdG será quen de conseguir a maioría absoluta.

Como tamén é normal os partidos políticos gañarán o día das eleccións, se ben algúns serán considerados como vencedores e outros como derrotados polos electores e os medios. É dificil moitas veces saber de certo quen se pode considerar gañador e perdedor nunhas eleccións. Certo é que alguén goberna e alguén fai oposición tras o proceso electoral pero isto non sempre equivale aos parametros victoria-derrota. Por iso creo máis acertado falar de obxectivos e expectativas para valorar os resultados electorais. Pero aquí tamén atopamos un problema: a diferencia que existe normalmente entre os obxectivos e expectativas que se trasmiten aos electores e as "reais" ou aquelas que só se fan explícitas en clave interna.

Por todo isto vou facer hoxe un resume do que eu considero que son os obxectivos electorais reais de cada un dos partidos, outro das que tentarán transmitir, que se podería ao meu ver considerar éxito e as miñas primeiras prediccións de resultados.



Obxectivos externos:
Probablemente os máis coñecidos de todos, a maioría absoluta.

Obxectivos reais: Ate hai uns meses non perder demasiados votos, na actualidade coa irrupción da crise non se descarta poder optar á maioría absoluta. Ainda así unha pequena perda de votos e escanos é probablemente o obxectivo máis realista.

Éxito: O premio gordo sería a maioría absoluta pero eu considero que a perda de un ou dous escanos pode ser considerado como éxito polo PP tras pasar á oposición. Se ademais de minimizar as perdas acada uns bos resultados nas cidades creo que o éxito sería claro.

A miña previsión: Ate o comezo da crise o asalto á maioria
absoluta non era máis que unha ilusión. Coa chegada da crise este obxectivo parece difícil pero non imposible xa. De todas maneiras non creo que acade a maioría absoluta e creo que perderá dous escanos e mesmo non sería descartable que perdese tres. Non creo que a caída sexa maior.





Obxectivos externos: Reducir distancias co PP, consolidar o goberno e aumentar as distancias co BNG.

Obxectivos reais: Coa chegada da crise aqueles obxectiv
os de tentar desbancar ao PP como forza máis votada ou achegarse cando menos están totalmente desfasados. Realmente o PSOE só ten xa como obxectivos non perder porcentaxe de voto, manter o goberno e facelo coa mesma diferencia respecto ao BNG.

Éxito: Para o PSOE a chave do éxito está en conservar o goberno mantendo as distancias respecto do BNG. O impacto da crise estalle pasando unha forte factura ao PSOE e este resultado en Galiza sería suficiente para eles.

A miña previsión: Creo que coa crise o PSOE manterá o seu número de escanos ou como moito gañará un. Ainda así non sería descartable que perdese un escano dependendo de como siga evolucionando a crise ata as eleccións.





Obxectivos externos: Segundo Quintana alcanzar un resultados histórico. Isto sería alcanzar os 18 deputados.

Obxectivos reais: En realidade o BNG aspira a recuperar parte dos votos perdidos nas anteriores autonómicas para remontar o voo. O obxectivo está en acadar nun futuro bipartito unha maior cota de representación a costa do PSOE.

Éxito: No caso do BNG calquera cousa que sexa menos de 15 escanos e gobernar pode ser considerado un fracaso. Debemos recordar que 15 escanos sería recuperar dous dos perdidos nas últimas eleccións galegas. Non acadar iso depois de participar no goberno galego por vez primeira sería un fracaso. O premio gordo serían 17 escanos, se ben parece moi dificil.

A miña previsión:
Quince escanos recuperando un Lugo e outro en Ourense e manténdose en Coruña e Pontevedra.

Para todos os demais partidos que se presentan o éxito e obxectivo son o mesmo: acadar un 5% dos votos e obter representación, algo sumamente improbable.

Todas estas previsións non teñen conta o voto por correo. Son tamén unhas primeiras impresións que ,no camiño ás eleccións, irei mudando conforme vaia analisando as tendencias e as enquisas que vaia tendo.

quarta-feira, 7 de janeiro de 2009

Motos,golf... imos ter que marchar nós para que collan eles

Olas a tod@s:

Espero que pasáredes as festas o mellor posible e que os Reis Magos vos botaran regalos abondo. As festas rematan e pouco a pouco todo, e todos, voltamos á normalidade.

Coma todos nós, os concelleiros que nós representan tamén volvén á normalidade como nós amosan as novas que traen os xornais. Unha delas, é a queixa do PP por unha desatención, segundo eles, dos moteiros e as súas "propostas" por parte do Concello. O concelleiro Aguín pretende relacionar este tema nas súas declaracións cunha desatención dos clubes deportivos e tamén coa xa vella táctica " dos obstaculizadores do progreso e a modernidade". Digo que é unha táctica vella xa que é a mesma empregada polo PP en temas como o tiro ao pombiño, o porto deportivo ou o campo de golf.

Nunca se fala dos verdadeiros problemas que conlevan esas infraestructuras nin se analisan cun mínimo de seriedade os plans de quen as presentan. Estámonos acostumando ultimamente a escoitar o xa "clásico" discurso da choiva de centos de millóns de euros de beneficio para todos nós que parece buscar que nos creamos que os impulsores de tales proxectos son unha especie de Reis Magos ( iso si, de Occidente que os de Oriente xa sabe todo o mundo quenes son). Todos estes argumentos de "altura" buscan reducir a discusión a unha suposta liorta entre partidarios do progreso e partidarios do atraso.

Así nunca oimos aos ideólogos dos proxectos explicar nada do impacto ambiental, dos problemas para os veciños que vivan preto ( sospeito que ningún deles quererá ter unha casa ao lado do circuito por exemplo), de canto nos vai costar a todos satisfacer as ansias de correr de algún, de como se vai financiar, do impacto desas infraestructuras no urbanismo do presente, que xa é malo abondo, ou do futuro... . Pero aínda é peor porque ainda ningunha cabeza pensante destas, ou do PP que se apunta a todas, se molestou en explicar como e onde se van construir todas esas infraestructuras porque unha cousa é construir unha pero resulta que hai partidarios de todas!. Así temos as asociacións esas que só vemos no ano cando aparece unha xenialidade destas e agora no nadal porque poñen uns carteis na Catorse. Estes son partidarios de todo canto se propón. Parece que cos moteros ou os golfistas van aparecer hordas de compradores todo canto hai desde flores a fios. Gustan estas asociacións de aparecer nos xornais pedindo todo canto hai e pode haber pero, eso si, onde imos construir todo eso que queren, apoian e propoñen?. Non hai resposta. Ben mirado hai unha, que nos marchemos os veciños a outro lado para que poida vir o circuito, o campo de golf, o porto deportivo, o polígono e o monte de urbanizacións que propoñan. Porque non nos esquezamos de que estamos falando d´Ogrobe non do estado de California.

Creo eu que xa está ben de tanto conto chino e de tantas historias de personas que queren que lle construamos un negocio propio cos cartos de todos. Xa está ben de falar sen rumbo, sen un mínimo de seriedade e de quererse convertir nos máis modernos. Xa está ben de apoiar calquera aventura por disparatada que sexa. Xa está ben de querer facerse rico cos cartos dos demais. En resume, xa está ben de tonterías.

P.D.: Así lle vai á economía local, só fai falla mirar en mans de quen están as súas asociacións e para que as empregan.

quarta-feira, 31 de dezembro de 2008

Feliz ano 2009 a tod@s !!!

Olas a tod@s:

Rematamos un ano e estamos a punto de comezar outro novo. Soen ser estes uns momentos onde nos gusta botar unha ollada atrás para ver o que deixamos atras; e soen ser tamén uns tempos onde os propósitos e desexos para o vindeiro ano se acumulan ( se ben case nunca cumprimos todos eses propósitos). Realmente son tantas as cousas que podería destacar do ano anterior que non sabería por onde escomezar, así que non vou aburrirvos co acostumado momento " the best of the year".

En cambio o futuro si parece que nos vai dar abondo de que falar o vindeiro ano: campos de golf (outra vez ), ración doble de eleccións, crise económica e moitas cousas máis se temos en conta todas aquelas que nin sequera podemos albiscar.

Tamén nestes momentos un tamén tende a pensar en todas aquelas cousas que parecen non mudar ano tras ano. Aquelas cousas que fan que penses que "nada cambia todo permanece" que dixera o filósofo. Non creo que as cousas non muden. Paréceme evidente que mudan ainda cando eses cambios non se nos fan de todo visibles, non quere dicir que non se produzan. Fago estas reflexións tras ver a enésima brutal agresión de Israel ao pobo palestino. Hoxe escoitaba a moitos dicir eso de que as cousas non cambian , mais eu non creo que sexa así. Vaia se cambiaron. Os palestinos xa son masacrados de forma impune, certo que xa o eran antes pero e que agora tamén resulta que a culpa é exclusivamente súa. Tamén había moitos que falaban da brutalidade de Israel. O que eu non escoitei foi a alguén dicir claramente que a UE é cómplice directo dun xenocidio. Primeiro axudou a presionar para depoñer a Arafat, despois cando os resultados electorais non lle gustaron e os palestinos escolleron a Hamas, bloquearon todas as axudas imprescindibles para a supervivencia de Palestina e do seu pobo, despois axudaron a partillar Palestina en dous anacos, asistiron complacentes a creación dun muro daqueles que antes eran da vergoña pero agora xa non, permitiron a invasión do Líbano e agora permiten a masacre inxustificada dun pobo. Pero que máis dá! Ao final a culpa é dos de Hamas que son uns talibansiños. Claro que non caimos na conta de que se Hamas tivese uniformes "como diós manda" serían un exército palestino e non uns terroristas. Defender ao teu pobo do exterminio non é terrorismo, terrorismo é o que practican tanto o estado de Israel como os seus aliados.

Só nos queda agardar que o novo ano remate mellor ca este. Feliz ano e a pasalo ben!

quarta-feira, 24 de dezembro de 2008