sexta-feira, 14 de dezembro de 2007

Absolven a Dionisio Pereira


Olas a tod@s:
Pois si, o xulgado da Estrada absolveu a Dionisio Pereira das denuncias presentadas pola familia dun alcalde franquista. Segundo o tribunal o traballo do historiador estaba debidamente documentado. Debo dicir que esta é unha nova que me enche de satisfacción xa que a soa idea dunha condena era pouco menos que un escándalo e un fraude.
Quería tamén dicir que xa me parece bastante escandaloso que se admitan a trámite denuncias parecidas e pregúntome quen vai reparar a honra e o prestixio dun historiador ao que se pretendía xulgar polo simple feito de facer aquelo para o que se formou, escribir historia.
Nas xornadas que se celebraron na nosa vila nunha das mesas tratouse este tema. Alí algunha xente expuxo que os familiares dos represores e verdugos debían ter todo o dereito a acudir á xustiza como calquera outro cidadán e facendo así gala dos dereitos democráticos que os seus familiares non concederon aos represaliados durante o franquismo; viñan dicir que se trataría dunha expresión da "grandeza da democracia". Teño que dicir que non estou eu tan seguro, que poidan acudir paréceme normal outra cousa é que se chegue a xulgar. O xuiz de Cambados dicía nesa mesma charla que os xuíces debían comprobar a fiabilidade dos datos e se a obra en cuestión se axustaba a unha metodoloxía histórica. Eu quedeime coas ganas de preguntar pero tiña que irme e non puiden. A miña pregunta era: ¿ e que capacidade ten un xuiz para xulgar sobre a fiabilidade dun traballo histórico ou de se este se axusta ao método histórico ( tamén cabería preguntar que tipo de escolas ou paradigmas historiográficos serían os permitidos)?. A pregunta non é unha tontería, os xuíces non teñen os coñecementos nin as ferramentas necesarias para xulgar un traballo histórico xa que non son historiadores. ¿Como se pode confrontar dereito e historia sendo dúas ciencias diferentes que pertencen ambas ás denominadas ciencias humanas ou sociais, e que polo tanto non teñen nin a fiabilidade das matemáticas nin as súas teorías poden ser demostradas sen querer dicir isto que non teñan a súa base?. Obviamente a historia é unha construcción do pasado desde o presente, esta construcción faina o historiador manexando datos e elaborando teorías pero claro isto non é física e é imposible aportar o tipo de probas que se poden esixir cando falamos dun roubo ou doutro delicto. Vou pór un exemplo: ¿houbo celtas en Galiza? Esta cuestión é probablemente un dos debates máis importantes na historia galega e as conclusións son diferentes e contradictorias dependendo do autor, fontes empregadas, puntos de partida, etc... . ¿Quere isto dicir que esas obras non sexan históricas ou que non estén correctamente baseadas, en resume, que sexan mentira?. Obviamente non, son diferentes visións dun mesmo problema con respostas diferentes pero argumentadas, argumentacións que deben xulgar a comunidade de historiadores e non un xuíz, o mesmo que teorias físicas como a Teoría de Cordas son xulgadas polos físicos e non por xuices que non teñen os coñecementos precisos.
Fora de todas estas reflexións miñas quero saliantar que tamén é curioso que se salvagarde tanto a liberdade de expresión e de creación de toda a tomatada e telemerda que hai por aí e se teña tanto reparo coa de certos historiadores. Quero ver eu se van xulgar ou prohibir o programa do Losantos por insultar a Zapatero, chamarlle terrorista a Carod e todas as cousas que fai pola mañá. A resposta é non, o mesmo que non se xulgou a ninguén por queimar fotos de Carod e de Ibarretxe pero si aos que queimaron as do rei. Iso si a xustiza é igual para todos e vivimos nun estado de dereito onde o Constitucional é tan imparcial que xa sabe que vai votar cadaquén antes de que o faga, e entón hai que andar coas recusacións a voltas.
Liberdade de expresión e creación si, pero para a telemerda que ao final non molesta e de paso ata nos mantén entretidos; eso si, aos que poidan molestar xa se mirará.

quinta-feira, 6 de dezembro de 2007

Dúas peticións dun lector que podemos compartir


Olas a tod@s:
Hoxe vou falar sobre dúas temas diferentes que me fixo chegar un de vos ao correo deste blog. Como sempre estou encantado de que queirades participar neste proxecto que considero é de todos os que o facedes posible cos vosos comentarios, ideas e suxerencias.
O primeiro tema ten que ver coa "guerra" entre a asociación Conroibo e a Confraría. Debo advertir que este tampouco é un tema que domine e que é moi probable que cometa erros ( como tantas outras veces) polo que vos pido a vosa opinión e as vosas correccións para co diálogo poder formarnos unha mellor opinión.
Como primeiro punto quero dicir antes que tentarei alonxar este tema dos personalismos nos que se cae cando se oe falar del na rúa ou nos xornais. Parece ser que o problema está no concepto de "pesca deportiva", de se ese concepto se cumpre e de ese posible incumprimento perxudica aos profesionais do sector pesqueiro. É indubidable que a pesca deportiva é unha actividade tradicional do lecer na nosa vila, pero ao mesmo tempo
tamén é indubidable que a pesca deportiva é empregada como método para encubrir furtivismo e foino moito máis no pasado.Debo dicir que se tivese que escoller entre lecer e un sector económico como o pesqueiro xa moi danado no prano social e de rendabilidade, escollería o sector económico e non o lecer. Agora ben tampouco considero que sexa irremediable a elección xa que pode atoparse unha solución de consenso. Para isto compre evitar caer nos reproches personalistas entre as partes e tratar os temas con seriedade e non con proclamas demagóxicas nos medios. Eu creo que o primeiro punto consiste en diferenciar o lecer do que é unha profesión e unha actividade. Considero isto moi importante xa que, a miudo, non se identifica socialmente ao sector primario como actividades económicas e profesionais senón como algo que está aí para que todos rebañemos algo del. Por tanto, sendo certo que o lecer se practicou desde "tempos inmemoriais", tamén debemos diferenciar a diversión da fonte de ingresos de moitas persoas para as que o mar é o seu traballo. Só podo dar un consello, debemos educar ás persoas a respetar ao mar como ámbito de traballo duns profesionais xa se acadamos isto a pesca deportiva será iso, unha actividade de lecer que non busca a rendabilidade económica nin a venda ilegal das súas capturas polos bares e polas casas e supoño que se irá pescar polo pracer de facelo e non coa intención de pescar o mesmo ca un mariñeiro ( todos coñecemos a algún veciño que fai pesca deportiva pero para gañar cartos, facendo logo "pesca profesional"). Xa avisei que non tiña moitos coñecementos sobre o tema así que agora tócavos opinar.
O segundo tema era a miña opinión sobre A Meca e o seu caracter político. Vou facer extensible a reflexión ao PG porque me parece que teñen moitos puntos en común. O tema deste tipo de partidos en Ogrobe é xa proverbial, todos teñen algúns puntos en común: nacen sempre froito dalgún lío nos "grandes" partidos, non aclaran case nunca a filiación ideolóxica escudándose na actuación unicamente local e sorprendentemente soen insultar á política contrapoñendoa aos intereses dos veciños ( o típico de nos non facemos "política", con tono pexorativo, senón o bo para a vila ou os veciños). Xa outras veces me teño manifestado en contra deste tipo de opcións xa que son campo aberto a futuras corrupcións, líos e transfuguismo ao carecer de mecanismos de control cos que si contan os grandes partidos ( falando en claro non hai dirección nin organismo superior ao que pedir contas nin outros ámbitos electorais onde poidan ser "castigados"). Outro dos grandes problemas é que soen pecar dun excesivo localismo sendo dificil que teñan programas para niveis superiores como comarcas,deputacións... dos que dependen moitos dos ingresos e servizos dos concellos actuais así como a solución a máis dun problema. E ainda me fai desconfiar máis o feito de que carezan nominalmente de ideoloxia (na praxe isto non é posible) xa que acaban sendo amalgamas de persoas que proveñen de partidos diferentes e que na teoría ideoloxicamente non poderían estar no mesmo lugar. Isto último preocúpame porque moitas veces parece que só se busca proseguir cunha carreira política polo feito de estar en política e disfrutar pois de certo poder, fama ou calesquera outras cousas ( todos podemos poñer algún exemplo). Por exemplo o PG presentábase na vila falando de Galiza, de CiU e de nacionalismo moderado, mentres que na Coruña era "PG de La Coruña", realizaba todo en español, falaba de Galicia e da UCD. Este tipo de proxectos parécenme perversos e considero que só buscan obter poder a calquera custe e tentando enganar aos electores, porque ao fin son o que son "chiringuitos personalistas".
Espero ter cumprido coas peticións e agardo que me fagades chegar máis.