quinta-feira, 5 de junho de 2008

Os perigos de exportar a democracia. Un artigo de Eric Hobsbawm


Olas a tod@s:

Gustaríame compartir convosco un interesante artigo de Eric Hobsbawm publicado hai uns anos en The Guardian. A traducción é miña asi pídovos que sexades indulxentes se topades algun que outro erro. Aí vai:

Ainda que no seu discurso inaugural de segundo mandato o Presidente Bush non mencionou demasiadas veces as verbas Iraq,Afganistán ou a Guerra contra o Terrorismo, el e os seus seguidores continúan comprometidos cun plan para reorganizar o mundo. As Guerras en Iraq e Afganistán son só unha parte dun suposto esforzo universal para crear unha orde mundial mediante a " expansión da democracia". Esta idea non é meramente quixotesca, é perigosa. Esta retórica implica que a democracia é aplicable nunha forma estandarizada ( á occidental) que pode ter éxito en calquera lugar, que pode remediar os dilemas transnacionais actuais, e que pode traer a paz, máis que sembrar o caos. Non pode.

A democracia é con razón popular. En 1647, os revolucionarios ingleses expandiron a poderosa idea de que " todo goberno está baseado no libre consentimento do pobo". Querían dicir votos para todo. Por suposto, o sufraxio universal non garantiza ningún resultado politico, e as eleccións non poden nen sequera asegurar a súa propia perpetuación ( diso da testimonio a República de Weimar). A democracia electoral tamén é improbable que produza beneficios que conveñan aos poderes hexemónicos ou imperiais. ( Se a guerra de Iraq tivese dependido do consentemento libremente expresado da "comunidade mundial", non tivese ocorrido). Pero estas incertidumes non diminuen a súa xustificada atracción.

Outros factores ademais da popularidade da democracia explican a perigosa creencia de que a súa propagación con exércitos pode ser factible na actualidade. A globalización suxire que os asuntos humanos están evolucionando seguindo un patrón universal. Se as estacións de servicio, os iPods, e os trebellos informáticos son os mesmos en todo o mundo, ¿ por que non o son as institucións políticas?. Este punto de vista infravalora a complexidade do mundo. A recaida no derramamento de sangue e na anarquía que tivo lugar claramente en gran parte do mundo tamén fixo a idea máis atractiva a idea de expandir unha nova orde. Os Balcáns parecen amosar que os lugares inestables requiren a intervención, militar se é precisa, de estados fortes e estables. En ausencia dunha organización internacional efectiva, algunhas persoas "humanitarias" están dispostas a apoiar unha nova orde mundial imposta polo poder estadounidense. Pero deberiamos ser suspicaces cando os poderes militares reclaman favorecer estados máis débiles ocupándoos.

Outro factor pode ser o máis importante: os Estados Unidos están preparados grazas á mestura xusta de megalomanía e mesianismo derivada das súas orixes revolucionarias. Os Estados Unidos de hoxe non teñen ningún competidor no plano tecnolóxico-militar, están convencidos da superioridade do seu sistema social, e , desde 1989, non se dan conta ( como todos os grandes imperios conquistadores anteriores) de que o seu poder ten límites. Como antes o presidente Wilson, os ideólogos de hoxe ven unha sociedade modelo lista xa nos EEUU: unha combinación de lei, liberdades civís, empresas privadas competitivas e eleccións disputadas regularmente con sufraxio universal. Todo isto subxace na idea de refacer o mundo á imaxe da súa "sociedade libre".

Esta idea están perigosamente preto do desastre. Ainda que a acción dun gran poder poida ter consecuencias política ou moralmente desexables, a identificación con ela é arriscada xa que a lóxica e os métodos da acción estatal non son os dereitos universais. Todos os estados estables poñen por diante os seus propios intereses. Se teñen o poder, e o fin é considerado o suficientemente importante, os estados xustifican as razóns de empregalo, particularmente cando cren que teñen a Deus da súa parte. Ambos, "bos e malvados" imperios produciron unha barbarización da nosa era, a que a " Guerra contra o terrorismo" está contribuindo.

Mentres se ameace coa integridade dos valores universais, a campaña para expandir a democracia non terá éxito. O século XX amosou como os estados non poden refacer o mundo dunha maneira simple nin abreviar as transformacións históricas. Non poden causar un cambio social efectivo simplesmente trasnferindo institucións ao outro lado das fronteiras. As condicións necesarias para un goberno democrático efectivo ou real son raras: a existencia dun estado que desfrute de lexitimidade, o consentimento e a habilidade para mediar nos conflictos entre os grupos domésticos. Sen estes consensos, non existe a soberanía popular e polo tanto tampouco a lexitimidade para maiorías aritméticas. Cando este consenso non existe, a democracia está en suspenso ( como foi o caso do Ulster), o estado divídese ( Checoslovaquia), ou a sociedade cae ata un estado de permanente guerra civil ( Sri Lanka). A " expansión da democracia" agravou conflictos étnicos e produciu a desintegración de estados en rexións multinacionais ou multicomunais despois de 1918 e 1989.

O esforzo para expandir unha democracia occidental estandarizada tamén sofre unha paradoxa fundamental. Unha gran parte da vida humana ocorre agora máis aló da influencia dos votantes ( nas entidades transnacionais públicas ou privadas non hai eleccións nin electores). E a democracia electoral non pode funcionar de forma real fora das unidades políticas tales como os estados-nación. Os estados poderosos están polo tanto intentando expandir un sistema que incluso eles atopan inadecuado para resolver os desafíos actuais.

Europa é a proba. Un corpo como a Unión Europea pode desenvolverse dentro dunha poderosa e efectiva estructura precisamente porque non hai outro electorado que un reducido número de gobernos membros. A UE podería ir a ningures sen o seu "deficit democrático", e non podería ter lexitimidade para o seu parlamento porque non hai " pobo Europeo". De maneira pouco sorpresiva os problemas agromaron tan pronto como a UE se moveu máis aló das negociacións entre gobernos e foi o suxeito de campañas democráticas nos estados membros.

O esforzo para expandir a democracia é tamén perigoso de maneira máis indirecta: Transportar a aqueles que non disfrutan desta forma de goberno a ilusión de que os gobernos que a levan si fan todo de forma democrática, pero fano?. Sabemos agora algo máis sobre como as decisións actuais de ir á guerra en Iraq foron tomadas polo que parecen dous estados de incuestionable bona fides democrática: os EEUU e o Reino Unido; creando complexos problemas de engaño e ocultación cos que pouco ten que ver o ideal da democracia electoral e as asembleas representativas, que ademais tiveron pouco que facer durante o proceso. As decisións foron tomadas entre pequenos grupos de xente e en privado, un xeito non moi diferente daquel que poderian ter empregado de tratarse de estados non democráticos.

Afortunadamente, a independencia dos medios non puido ser tan facilmente derrotada no Reino Unido. Pero non hay democracia electoral que necesariamente asegure unha efectiva liberdade de prensa, dereitos cidadáns e independencia xudicial.

E.Hobsbawm- The dangers of exporting democracy. Bush´s crusade is based on a dangerous illusion and will fail