terça-feira, 24 de fevereiro de 2009

Por un puñado de votos ( repaso I)

Olas a tod@s:

Entramos xa na recta final da campaña electoral e parece que as cousas se poderían decidir, facendo un xogo de palabras co filme de Leone, por un puñado de votos. As enquisas que sairon durante estes últimos días definen unha tendencia: pequenas variacións de porcentaxe de voto en cada unhas das provincias poden significar considerables variacións nos escanos. Estas enquisas mostran horquillas considerables, de arredor de catro escanos, nas súas prediccións de resultados electorais. ¿ Que nos fai crer isto?. Que as cousas poden decidirse por un puñado de votos.

Estando así as cousas a participación parece convertirse na chave de bóveda da victoria e da derrota para cada un dos partidos. A participación é a abstención son cousas difíciles de prever. Non tanto o dato de participación en si como o comportamento do grupo de electores que se atopan en dúbidas de votar ou non. Historicamente, e de forma xeral, considérase que unha maior participación beneficia ás forzas consideradas progresistas e unha menor ás conservadoras. Tende a verse así xa que os grupos máis abstencionistas soen responder a perfís xovenes e urbanos. En realidade non sempre se cumplen estas tendencias de maior participación-mellor resultado das forzas consideradas progresistas. Ao meu ver a clave do asunto está en non facer apreciacións tan xerais e observar un pouco máis a situación actual dos "grupos de maior risco abstencionista".

Traducindo estes parametros a Galiza o resultado podería ser o seguinte: a forza máis perxudicada pola abstención sería o PSdG, seguida polo PP e a menos perxudicada podería ser o BNG. Non parece o resultado ao que estamos afeitos pero é moi posible. A forza que máis crece no tramo de idade 18-25 xa non é o BNG, é o PSdG. O PP segue sen ser a forza máis votada neste tramo de idade pero é a forza de maior crecemento nas cidades nos últimos anos. O BNG está tendo un mal comportamento electoral nas cidades e xa non é a forza máis votada no tramo 18-25 pero si que parece afortalar o seu bo comportamento nas vilas de tamaño medio (que son menos abstencionistas que as cidades e poden en certa forma compensar o mal comportamento do BNG nas cidades). Así parece que os grupos máis abstencionistas son os liderados polo PSdG e con crecemento por parte do PP. De aí podemos obter que o PSdG sería gran perxudicado da abstención ( voto xovén + cidades) e o PP non sería o gran beneficiado ( crecemento electoral importante nas cidades). Algunha enquisa reflexaba en días pasados ( creo que unha de Público) certos datos que parecen confirmar a teoría: a maioría dos votantes que dudaban si votar ou non, eran antigos votantes do PSdG na súa grande parte pero o segundo grupo foron votantes do PP nas estatais.

De todas maneiras este panórama non só convirte a participación en chave, tamén convirte en importantísimo algo que non se avalía nas enquisas: o voto CERA ( censo electoral de residentes ausentes). As sacas de votos da outra banda do mar son un posible "seguro de vida" para o PSdG, o posible tiro de gracia para o PP e un máis que probable desgusto para o BNG. Todos sabemos a manipulación e o fraude ao que están sometidos eses votos polo que non me vou a estender nas razóns da obvia vantaxe do PSdG no voto emigrante.

Con todo o dito parece claro que a noite electoral vai ser movida, e posiblemente os días seguintes tamén ( polo do reconto das famosas sacas). Só agardo que a decisión que tomemos os que vivimos aquí non se cambie días despois cos votos das sacas porque xa sería unha burla ao sistema democrático que disque temos. Sei que a xente inscrita no CERA ten dereito a voto pero estou seguro de que é unha burla que nese censo sigan inscritos mortos ( que ademais tamén votan), que non se vote de forma persoal e en urna, os chanchullos de compra de votos mil veces denunciados, que voten persoas que hai 40 ou 50 anos que non veñen aquí e outras que xa nin sequera estiveron nunca... . Por todo isto un que o goberno de Galiza mude uns días despois a causa desas sacas pode ser a repanocha.

Sem comentários: