sexta-feira, 19 de junho de 2009

Poncio Pilatos

Olas a tod@s:

Levaba tempo sen escribir sobre algún tema da vila. Isto débese a que quería informarme mellor respecto das cuestións relacionadas co archicoñecido campo de golf. Escoitei numerosas e variadas informacións e/ou opinións ao respecto e ainda non teño moi claro o que está a suceder polo que vos pido que me corrixades naquelas cousas nas que esté errado. Imos alá.

A polémica respecto do campo de golf non é nova, o que ven sendo nova é esta ubicación. Levamos escoitado durante anos proxectos dun novo campo de golf ou de ampliación do xa existente n´A Toxa. Uns pasaron pronto mentres que outros tardaron máis en desaparecer da vida pública meca. As argumentacións a prol deste novo proxecto son as mesmas que anteriormente, basicamente "o progreso da vila" e o "aumento do turismo". Podería dicir que son as mesmas que se empregan para calquera das barbaridades que se lle teñen ocurrido a algún dos membros desta nosa vila ( ¿recordades o conto aquel do circuíto de motos?). Pero neste novo conto hai algunhas novidades que si me gustaría sinalar...

A novidade máis clara é a posición dos grupos que conforman o tetragoberno, que varían desde o non sabemos ao non sabemos pero en principio non estaría mal. Realmente a postura do tetragoberno recorda moito ao do gobernador romano bíblico Poncio Pilatos e a súa postura de lavarse as mans. Esta é unha postura que se podería esperar do PSOE ( pola súa tendencia a querer contentar a todos e pola súa máis que dubidosa base ideolóxica) pero non do BNG ou de EU ( do "Invento Galeguista" xa nin falamos porque xa todos sabíamos que se ían apuntar de primeiros). Esta postura do tetragoberno non é en realidade unha postura xa que o que se busca é alongar os tempos para evitar tomar unha decisión ou para retrasala ate ter preparada a intendencia necesaria para o discurso posterior. Esta postura consiste en deixar que a Xunta autorice ou non o campo de golf e despois pronunciarse a posteriori (falando claro o "nós queríamos pero foi cousa da Xunta" ou o "non queríamos pero a Xunta deixa"). Unha tomadura de pelo. Ou se está xa a favor ou se está xa en contra do proxecto porque obviamente se é ilegal xa sabemos todos que non se pode facer. Por iso creo que o mínimo esixible aos grupos do tetragoberno por parte dos cidadáns é que comuniquen ás claras a súa postura facendo fronte as consecuencias que desta se deriven. O demais son fume e espellos.

Eu vou dicir claramente cal é a miña postura: estou en contra do proxecto. As miñas razóns son moitas e variadas. Primeiro porque invade zonas protexidas pola Rede Natura. Segundo porque me parece innecesario por xa haber campos de golf n´A Toxa ou en Meis ( este último un total fracaso, por certo). Terceiro porque supón unha aposta clara por un tipo de mercado turístico en franca decadencia e moi perxudicial a longo prazo.

O modelo que se está implantando a paso acelerado nas Rías Baixas é o modelo que se está amosando como fracasado noutros lugares do estado. Falamos, claro está, do modelo denominado "de sol e praia" caracterizado polo sobreexplotación e a súa nula sostibilidade. Este modelo está en decadencia xa que, cada vez máis novos lugares entran na competición a prezos máis abaratos ofertando cousas similares ( que lle pregunten aos do Levante por Túnez ou Croacia). En troques outros modelos de turismo de menor masificación e maior sostibilidade gañan cada vez máis adeptos e xeneran máis ingresos.

Os que estamos en contra do campo de golf non estamos en contra do turismo (vella falacia que xa vai aburrindo), senón que estamos en contra dun modelo moi perxudicial que a longo prazo vai ser perxudicial como xa se demostrou noutros lugares. Por iso convén ir espertando e construíndo un modelo novo. Temos as capacidades e o potencial, só fai falla aproveitalo. Convén ir ampliando os horizontes e entender por exemplo que o destino turístico non é a vila senón a comarca: O Salnés. Se entendemos isto temos multitude de cousas por explotar: patrimonio material, patrimonio inmaterial, deportes nauticos, cicloturismo, enoturismo.... e un longo etcétera quedemandaría que esta entrada se alongase. Nestes parámetros se debería centrar un novo modelo turístico máis sostible e máis rendable a longo prazo pero para iso fai falla unha valentía, un proxecto e unha inventiva que non fan falla para aprobar un campo de golf. Iso si, recordemos que Pilatos ao final acabou como un dos malos do conto e vaiamos tomando nota.

Post scriptum: Recoméndovos pasarvos polo blog da plataforma contra o campo de golf onde podedes atopar material moi interesante sobre o tema: NON AO CAMPO DE GOLF . Engado o enlace tamén na barra doutros lugares de interese.