terça-feira, 29 de janeiro de 2008

O trivial do PP ( eses paladíns da democracia)


Olas a tod@s:
Ainda estou coa resaca das declaracións da "gardiana das tradicións e as liberdades" cando topo na páxina dos "paladíns" un trivial irónico sobre nacionalismo, esquerda e todas as cousas que arrepían aos habitantes da "caverna celtibérica" que diría Beiras. E mira ti por onde que está cheo de falsedade, ignorancia, insultos... ; parece ser que os gardas van perdendo a careta.

No trivial ese, mediante o xogo de preguntas e respostas buscan misturar a persoeiros, políticos e organizacións con actitudes xenófobas e violentas e como premio din que van dar "unha lavadora de última xeración de memoria histórica". Aos que había que meter nunha lavadora era a máis de un o que pasa é que con tanta cotra que ten non sei eu se ían sair moi limpos. Pero voltemos ao rego, no trivial vincúlase a Castelao coa violencia armada e din del: "Alfonso Rodríguez Castelao, galleguista y demócrata de toda la vida de próxima canonización". Pero a cousa non remata con Castelao, empregan a concesión do premio Sabino Arana a Nunca Máis para vincular a esta plataforma con frases racistas (coidadosamente seleccionadas, iso si) de Sabino Arana. E así podería seguir con Pousa Antelo, o estatuto do 36 ou X.M. Beiras, pero é mellor que o vexades vos mesmos na páxina do PP.

A verdade é que teño pouco que dicir sobor de tal exercicio de incultura, manipulación e insulto, só que agora xa podemos ver ás claras a verdadeira faciana que se agocha trás a gaivota. É esta unha faciana reaccionaria, chulesca e de tamaña incultura. Ainda así vou tentar dicir algo. Primeiro dicir que empregar dese xeito a Sabino Arana sen ter en conta que é un personaxe da súa época histórica só pode ser calificado de estupidez. Sabino Arana recollía nos seus escritos teorías filosóficas e políticas moi en boga na época na que viviu e iso hai que telo en conta, do mesmo xeito que se hoxe lemos a descripción dos galaicos que fai Estrabón hai que ter en conta o seu contexto histórico e persoal. Co do estatuto do 36 xa non sei nin que dicir, non sei que o que buscan estes individuos, ¿restarlle lexitimidade ao referendum de aprobación dese estatuto?. ¿Para que?, se total despois viñeron os bárbaros e acabaron con el e con moita da xente que o elaborou?. Eses mesmos barbaros que despois impuxeron un estado totalitario a sangue e lume durante 40 anos coa colaboración do presidente de honra do seu partido, Fraga, e moitos máis que agora , "trás pasar pola lavadora", son e fan parte do PP. Non vou seguir que igual me denuncian ;)

Só me resta por dicir que agora que xa lles vimos ben a faciana xa sabemos o que hai. Isto é, unha dereita reaccionaria, chulesca e ignorante máis propia do s.XIX que da actualidade. E digo que non imos esquecer esa súa faciana, nin permitir que despois se fagan os galeguistas citando a Castelao cando xa sabemos o que pensan del e moito menos imos permitir que nos dicten aos demais o que podemos ou non pensar,facer, ler ou escribir.

Pero tamén imos facer algo, seguir denunciando esa súa faciana e seguir berrando con Castelao:
SODES UNS IMPERIALISTAS FRACASADOS. Ah, e por certo, algún aprendería moi pouco coa LOXSE pero outros ainda hoxe, sendo concelleiros, non teñen idea do que falan e de ler e escribir andan xustiños.

Deixo a nova en CHUZA para que a leades e a compartades.

3 comentários:

Anónimo disse...

Grazas por pór o enlace coa "marabillosa páxina tolerante" do PP, que creo é unha fiel reproducción, gardando as distancias, da COPE-Jiménez Losantos- e inspirado o seu trivial nun curso acelerado de dogmatismo ortodoxo do histeriador Pío Moa.
Non entende o das novas xeneracións do PP, non gardas nin as mínimas formas de educación, nin de civismo, tiran a todo que se move e unha vez que se botaron ao monte xa non teñen volta atrás. De verdade que me dá auténtica mágoa. Na vez do espello dunha dereira democrática europea, da que por certo están a anos luz, tomaron exemplos modélicos: Franco, Hítler, Pinochet, Mussolini, Le Pen, etc, etc...

Anónimo disse...

Curioso: no trivial do PP aparecia como apartado a) no aeu Trivial 4 unha persoa do Grove, que non está na política e non tiña por que aparecer alí, e fai uns días os administradores sacárono: habería orde xudicial, presións, medo ou que?

Unknown disse...

Son tremendos e presumen diso. Os que teñen no seu local unha foto de Fraga, outra de Aznar e bueno, isto non é seguro, pero gustaríame saber se algunha vez terían algunha de Franco tamén. E mentras tanto a "intentar" manchar a imaxe de persoaxes da trascendencia de Castelao, Aleixandre Bóveda, ou, non volo perdades, do "Ché" Guevara (en palavras deles "pacifista e rei das camisetas super-progre-pop). Con xente así, eu diretamente, non merece a pena tratar. No momento que a xente vexa que tipo de xente son e se ignoren todas as sandeces que soltan despois acabarán morrendo eles sos de inanición.
Ánimo co trivial progresista popular, que mentras perdades o tempo con esas tontadas deixadesnos a cabeza en paz por un tempiño