segunda-feira, 10 de março de 2008
En Galiza xógase a tres
Olas a tod@s:
Xa hai novo parlamento estatal, e digo parlamento porque ainda que o pareza, presidente ainda non hai e goberno obviamente tampouco. Convén dicir isto porque estas eleccións parecían presidenciais en vez de lexislativas na maioría de medios de comunicación e eu non coñezo galego ningún que votando en Galiza escollera a Rajoy ou Zapatero.
Hoxe titulo " En Galiza xógase a tres" e fágoo porque, dado o contexto, parece algo moi noticiable. O parlamento estatal ten nesta nova era un acentuado bipartidismo sendo a vez que o PP e o PSOE suman máis diputados na historia do estado. Posiblemente a víctima máis importante sexa a democracia e en segundo lugar IU. Só resisten a onda bipartidista os integrantes do Galeuscat. Saliantables son os resultados de CiU, PNV e BNG, os dous primeiros porque conservan o grupo parlamentario e o BNG porque consegue manter os seus dous deputados e sobe 7 décimas en porcentaxe de voto. Puidese parecer que os resultados do BNG non son para tirar foguetes pero hai que ter en conta o contexto.
Este contexto está marcado absolutamente pola deflagración bipartidista, a polarización PP-PSOE axitada e apoiada polos medios de comunicación. Os dous grandes partidos tiveron dous debates entre eles que viron máis de 25 millóns de persoas, mentres o resto tivo uns "debatiños" onde había un minuto para falar de cada tema. En moitas das enquisas xa só aparecían os datos de PP e de PSOE como se non houbese ningún outro partido e a cobertura electoral foi dunha parcialidade tal que parecía que xa só existían ZP e Rajoy. Só vou pór un exemplo, en La Voz de Galicia mentres os mitíns e mensaxes de PP e PSOE aparecían nas paxinas 1 e 2, o BNG aparecía na 7 ou así xunto co PPdG e o PSdG. Parecía que en Galiza se presentaban o PP, o PSOE, o PPdG, o PSdG e o BNG ( ou o que é o mesmo o PP e máis o PSOE presentábanse dúas veces), unha verdadeira esquizofrenia se non fose intencionado pero como o é ímolo deixar en simple manipulación.
Como resultado deste ambiente baixaron todos os partidos non maioritarios agás CiU, BNG e Nafarroa Bai. Izquierda Unida perdeu o seu grupo parlamentar e vai facer parte do Grupo Mixto. Dimitiu o Llamazares trás o pau pero a verdade é que deberían dimitar os medios de comunicación que só cubriron a campaña bipartidista como se non houbese outra cousa á que votar.
Pois ben, neste ambiente o nacionalismo galego encarnado polo BNG foi quen, non só de manter os seus dous deputados, senón de afortalalos e de subir en porcentaxe de voto. A mensaxe é clara, se nestas condicións o BNG non se veu arrastrado pola onda bipartidista é, nin máis nin menos, porque o nacionalismo galego conqueriu unha base social o suficientemente estable para resistir o embate. Outra interpretación é que Galiza afortala o seu comportamento electoral diferente ao estatal ao igual que Euskadi e Catalunya.
En resume, por moito que se queira o contrario, en Galiza xógase a tres, gústelle ou non a La Voz de Galicia, El Pais, Faro de Vigo e demais membros dese grupo de "informantes veraces e imparciales".
P.D: Sinto bastante tristura polo resultado de IU no estado pois supón a desaparición da esquerda real española grazas a ficción estendida por algúns medios de que a esquerda era Zapatero. Se IU quere espabilar debe deixar de laiarse polo sistema electoral, ainda que é relativamente certo que os perxudica, e pórse a traballar nas organizacións sociais e plataformas cidadáns porque co apio dos medios nunca vai contar. As organizacións de esquerdas contemporaneas amósannos que é posible obter resultados bos sen apoio mediático pero só se conta cun tecido social forte e estable, algo do que IU carece, máis ainda trás a "perda" de CCOO.
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
2 comentários:
Nembargantes en Ogrobe somella que non se xoga a tres:
Os resultados do BNG parecen ir costa abaixo e sen frenos:
Xerais 2000: 1.331 votos
Xerais 2004: 1.057 votos
Xerais 2008: 927 votos
Coma sempre en Ogrobe vamos ao revés que no resto de Galicia.
O mismiño digo eu. parece que ao BNG non lle favorece esa alanza co PSOE
Enviar um comentário