quinta-feira, 15 de maio de 2008

De novo o lixo ( e van tres)


Olas a tod@s:

Unha vez máis vou falar do tema do lixo, que ademais está ultimamente de moda grazas ás discusións sobre o modelo de xestión a implantar na nosa vila. Xa escribín uns cantos artigos sobre este tema, que a min me parece moi preocupante, e polo de agora ainda non noto demasiados cambios na limpeza das rúas.

Ano tras ano calquera veciño que traballe nun bar escoita no verán comentarios respecto da suciedade nas rúas e sempre aparece como unha das pegas máis saliantadas polos turistas que nos visitan no verán. Obviamente a merda, con perdón, é cousa de todo o ano e non só do verán pero resulta significativo que as persoas que non viven no municipio sinalen o lixo como un problema importante. Digo isto porque esta percepción non é tan clara cando falas "cos de todo o ano". As razóns son moitas e probablemente entre elas esté que xa estamos acostumados a ver as rúas con ese aspecto e as bolsas do lixo ás portas en vez de nun contenedor. Triste, pero parece a verdade.

Non vou entrar no tema de que modelo de xestión sería o mellor para o concello porque non coñezo as propostas co suficiente nivel de detalle como para ter unha opinión formada e informada ao respecto. De todos modos non me parece que a privatización dos servizos sexa unha resposta axeitada a un problema que ten, ao meu ver, outro tipo de causas.

A primeira causa do lixo paréceme que é o total abandono da recollida baixo os diferentes gobernos que tivemos ata o de agora. Podemos pedirlle á xente que non emporque as rúas pero para facelo teremos que colocar as suficientes papeleiras e contenedores para que poidan facelo. Moitas das rúas de Ogrobe non teñen contenedores e a xente ten que deixar o lixo á porta de casa. Hai moita xente ao que isto lle parece unha solución axeitada pero a xente que o ve por primeira vez e á que lle explicas que ese é o sistema normal alucina. Non se colocan contenedores por non molestar aos veciños co cheiro e coa "visión de tan terrible artefacto". Parece que ainda non descubrimos que os contenedores tamén hai que lavalos e que a basura se tira pola noite e non ás nove da mañá. Outra causa da falta de contenedores (dos normais e moito máis dos de reciclaxe) é a mala planificación urbana. Como exemplo ben vale a Catorse, na que non hai contenedores porque nas sucesivas reformas feitas á rúa non se planificou onde colocalos. Se esa planificación fose axeitada, a Catorse e outras moitas rúas terían contenedores de superficie ou mesmo soterrados. Das papeleiras é mellor non falar, para elas a excusa é que se rompen pola noite pero iso pasa en moitos outros lugares, o que pasa é que se volven a colocar e que a poli local tamén traballa algo polas noites.

A segunda causa da suciedade e do lixo acumulado é a xente. Póñoa en segundo lugar porque visto os alicientes e os medios que pon o concello hai que ser un martir para vivir nalgunha rúa e reciclar. Moita xente non separa o lixo, o bota nos escasos contenedores a calquera hora do día e nen sequera ata as bolsas. Esta é unha cuestión de educación que irá mellorando pouco a pouco. Puiden ver moitas veces mentres mercaba gominolas ou un xelado nos quioscos do Corgo como nenos pequenos tiraban os envoltarios ao chan sen que os pais lles dixesen que iso non se fai e tendo a papeleira ao lado. Pero o problema non remata nas rúas cheas de lixo senón que pervive no noso municipio o costume de tirar colchóns,electrodomésticos ou escombro en calquera lugar do monte ( ou se non hai monte onde haxa un pouco de vexetación abundante) formando curiosos "depositos de materiais" para os arqueólogos do futuro ou, falando sen metaforas, montes de merda. Poucos son os veciños que denuncian actos deste tipo cando o terreo non é seu, e menos ainda son as accións e multas postas pola nosa gran policia local.

A terceira causa e, para min, a máis triste á vez que sorprendente, é que nós mesmos non nos damos conta do cheo de merda que está o noso concello debido a que sempre o vimos así. Xa dixen antes que moita xente considera normal e mesmo mellor o sistema meco de merda á porta, e lle poñen pegas aos contenedores. Consideramos normal a falta de recipientes de reciclaxe porque así xa non hai que separar o lixo ou por iso de "despois total non o recollen e está aí un mes". Parécenos totalmente normal que haxa poucas papeleiras porque "total se despois as rompen é un tirar cos cartos"... e así un longo etcétera. Iso si, as praias hai que limpalas que senón os turistas pódense enfadar e pensar que somos uns porcos como se non visen a merda que hai nas rúas,

Estes tres apuntes son ao meu ver importantes eivas no tema do lixo no concello e moitas delas non teñen que ver co modelo de xestión do lixo senón coa incompetencia dos concelleiros do ramo e con que, ao parecer, a merda aos mecos non nos molesta tanto.