quinta-feira, 25 de setembro de 2008

O centolo de ouro e outros relatos


Olas a tod@s:

Andamos preto da Festa do Marisco, e como todos os anos comezan as liortas sobre a organización do evento e a súa calidade. A Festa é unha fonte importante de ingresos para moitos veciños e a súa organización nunca está exenta de certa polémica política e das comparacións con citas pasadas. Ata aquí todo responde á normalidade. O que xa non parece tan normal é certa sensación de desorganización e de caos que, ao parecer, transmite o goberno local na organización da Festa.

Certamente algunhas argumentacións son claramente catastrofistas e non responden mais que a unha realidade que algúns desexan firmemente pero está bastante lonxe de producirse. Refírome, claro está, ás apocalípticas declaracións do noso EX ao diario de Arousa. Semellaba este home unha sorte de Juán moderno anunciando pouco menos que o apocalipsis, só que, a diferencia do profeta bíblico, poñía data e responsables claros de tan funesto final. Segundo o EX o goberno xa acabou co Tiro e o seu próximo obxectivo é acabar coa Festa do Marisco. Tendemos a esquecer que o Tiro ten problemas debido á contaminación detectada pola Consellería de Medio Ambiente e que a súa celebración pasa polo cumplimento das resolucións adoptadas pola administración. O caso é que "os que queren acabar con todo" ( léase goberno local) teñen segundo o EX a Festa do Marisco no seu punto de mira.

É evidente que ninguén quere acabar cunha Festa que supón fortes ingresos para a economía local e tamén é evidente que este apocalipsis está lonxe de producirse.

O problema do goberno local é a súa evidente desorganización no referente á Festa deste ano. O episodio máis claro é a historia das adxudicacións dos centolos de ouro. Certo é que ,como di o goberno, o Consello Sectorial é un órgano consultivo e que as decisións as toma o Concello. Pero non é menos certo que convocar a un órgano para que se pronuncie sobre a quen darlle o centolo de ouro cando o goberno xa elixiu e anunciou aos premiados é unha tontería. O curso correcto das cousas era anunciar aos premiados despois da reunión do Consello Sectorial ( que para iso o temos) e non antes como se fixo. Dáse unha apariencia de caos e desorganización ademais de certa "chulería" que ben puido non terse dado. Escoitar ao Consello Sectorial e despois anunciar aos homenaxeados non tiña máis dificultade nin máis problema polo que inexcusable unha maneira tan torpe de actuar.

Está transmitindo o tetragoberno unha imaxe de desorganización clara nos últimos tempos que perxudica a súa labor e xera desconfianza nos veciños. Non sei cal é o motivo pero non parece moi aventurado crer que ten algo a ver coas relacións entre os grupos que conforman o goberno. Parece este o motivo porque o ano pasado non se deu esta imaxe de desorganización e, este ano onde as relacións entre os grupos do goberno xa están claramente danadas, si se está dando esta imaxe. Gustaríame saber a vosa opinión sobre o motivo desta desorganización se credes que a hai.

Pode responder o goberno que en realidade non existe tal desorganización e que tomaron as decisións onde as tiñan que tomar e nada máis. Pero claro: A muller de Cesar non só ten que ser honrada, tamén ten que parecelo ( César dixit). Ademais as formas empregadas no asunto dos centolos parecen ter máis a ver con gobernos pasados que coa imaxe que o tetragoberno quere transmitir.

2 comentários:

Anónimo disse...

Realmente a desorganización haina pero creo que as cousas van máis aló.
A persoa que sae na prensa e orixina conflictos entre os seus compañeiros de goberno sempre é a mesma e dubido que sexa por casualidade.
Cabe preguntarse pois cal é a súa intención e o tetragoberno debería plantexarse a posibilidade de darlle algún que outro toque de atención

Anónimo disse...

Tamén me parece moi interesante a Mostra de Embarcacións de Galicia e Portugal que poñen no Náutico de San Vicente e as xuntanzas de interneteiros e carpiteiros. Esto parece unha clarísima colaboración do Bloque coa Festa do Marisco e no que a min respecta paréceme unha iniciatiava boísima porque non todo han de ser enchentas de marisco e debemos dar outra imaxe