quarta-feira, 31 de dezembro de 2008
Feliz ano 2009 a tod@s !!!
Rematamos un ano e estamos a punto de comezar outro novo. Soen ser estes uns momentos onde nos gusta botar unha ollada atrás para ver o que deixamos atras; e soen ser tamén uns tempos onde os propósitos e desexos para o vindeiro ano se acumulan ( se ben case nunca cumprimos todos eses propósitos). Realmente son tantas as cousas que podería destacar do ano anterior que non sabería por onde escomezar, así que non vou aburrirvos co acostumado momento " the best of the year".
En cambio o futuro si parece que nos vai dar abondo de que falar o vindeiro ano: campos de golf (outra vez ), ración doble de eleccións, crise económica e moitas cousas máis se temos en conta todas aquelas que nin sequera podemos albiscar.
Tamén nestes momentos un tamén tende a pensar en todas aquelas cousas que parecen non mudar ano tras ano. Aquelas cousas que fan que penses que "nada cambia todo permanece" que dixera o filósofo. Non creo que as cousas non muden. Paréceme evidente que mudan ainda cando eses cambios non se nos fan de todo visibles, non quere dicir que non se produzan. Fago estas reflexións tras ver a enésima brutal agresión de Israel ao pobo palestino. Hoxe escoitaba a moitos dicir eso de que as cousas non cambian , mais eu non creo que sexa así. Vaia se cambiaron. Os palestinos xa son masacrados de forma impune, certo que xa o eran antes pero e que agora tamén resulta que a culpa é exclusivamente súa. Tamén había moitos que falaban da brutalidade de Israel. O que eu non escoitei foi a alguén dicir claramente que a UE é cómplice directo dun xenocidio. Primeiro axudou a presionar para depoñer a Arafat, despois cando os resultados electorais non lle gustaron e os palestinos escolleron a Hamas, bloquearon todas as axudas imprescindibles para a supervivencia de Palestina e do seu pobo, despois axudaron a partillar Palestina en dous anacos, asistiron complacentes a creación dun muro daqueles que antes eran da vergoña pero agora xa non, permitiron a invasión do Líbano e agora permiten a masacre inxustificada dun pobo. Pero que máis dá! Ao final a culpa é dos de Hamas que son uns talibansiños. Claro que non caimos na conta de que se Hamas tivese uniformes "como diós manda" serían un exército palestino e non uns terroristas. Defender ao teu pobo do exterminio non é terrorismo, terrorismo é o que practican tanto o estado de Israel como os seus aliados.
Só nos queda agardar que o novo ano remate mellor ca este. Feliz ano e a pasalo ben!
quarta-feira, 24 de dezembro de 2008
segunda-feira, 15 de dezembro de 2008
Un conto bíblico. ¡ A Constitución á procesión!
Olas a tod@s:
Algún de vos podería pensar polo título que a chegada do Nadal fixo acender en min as chamas da relixiosidade cristiá, nada máis lonxe da realidade. O conto bíblico ao que vou facer referencia é a transición e a constitución española.
Durante a pasada semana moitos foron os debates, tertulias e programas adicados nos medios ao aniversario da constitución e á transición. Eu vin uns cantos na tele e cheguei á conclusión de que a transición tal e como a contan é en realidade un conto da Biblia: a historia de Moisés. Vexamos.
Todos coñecemos como Moisés foi rescatado dun río pola familia do faraón. Máis tarde renunciou á realeza exipcia ao sentir o chamado do deus dos xudeus e voltou a Exipto para liberar aos xudeus e levalos á terra prometida. Pero non só fixo iso, tamén recolleu as táboas da lei que lle foron entregadas polo deus xudeu e deullas ao seu pobo. ( Se alguén ten dúbidas que se quede tranquilo que non falta moito para que poñan por enésima vez Os dez mandamentos na tv). ;)
Pois mira ti que para unha chea de tertualianos o asunto da constitución e da transición éche un conto idéntico. Pode sonar a cachondeo pero tentade recordar o que se soe escoitar do tema e mirade como foi a cousa.
Resulta que " el pueblo español vivía en la tiranía". Tras a morte do tirano un antigo membro dos privilexiados do réxime, J. Carlos, decide "sacar a su pueblo de la tiranía" e levalo á terra prometida ( nótese que Moisés foi máis bravo xa que non agardou a que morrera o faraón). Entón comeza a cousa esta da transición onde o noso protagonista realiza unha serie de "milagres": convertir aos republicanos en monárquicos ( case como aquelo de auga en viño), "unió a su pueblo" que estaba desunido presupoñemos, trouxo a paz social e toda unha serie de
dádivas ( "prosperidad, confianza en el futuro, bienestar..."). Pero non acaba aquí a cousa, recolleu duns "sabios de coñecemento e intelixencia divina" as taboas da lei, perdón, a Constitución e deunola a todos nós para que vivísemos como corresponde aos "elixidos". Non contento con iso tamén nos protexeu das tropas do faraón ( lease 23-F) aos que grazas ao seu poder divino derrotou ( tamén tivo máis mérito aquí Moisés, que abreu as augas e fodeu aos exipcios de vez) e conduciu a todos os españois á terra prometida chea de paz e felicidade.
Pode sonar a cachondeo pero isto é máis ou menos o que diversos xornalistas e académicos dixeron o pasado fin de semana: A constitución non se pode cambiar xa que nós, os simples mortais, non podemos comparar os nosos coñecementos cos designios dos sabios guiados pola Providencia., a figura principal da transición foi J.Carlos que nos conduciu á democracia e toda outra serie de contos.... . Todo isto se escoitou en tertulias e programas varios. Non se oiu falar nada da xente que loitou pola democracia, de cambio social, de cambio económico ou de transformación das estructuras. A sociedade non tivo ningún protagonismo pois o gran protagonista foi o Rei, o noso Moisés.
Non me sorprende moito isto xa que grande parte da historiografía española ( e máis a que pode ser considerada oficial) gosta moito destes discursos históricos típicos da historiografía anterior ao século XX, dos grandes persoeiros,das batallas e dos feitos puntuais. A cousa é ainda peor xa que, ademais, é totalmente impermeable ao pensamento crítico. ¿ Canta xente non cre que a transición foi unha caste de Idade de Ouro onde todo foi perfecto e que a partir de aí " todo fue a peor, se acabó el consenso y los grandes líderes"?. Moitísima xente cre este discurso oficial. Todos tenden a esquecer que a transición foi un proceso que, ao ser dirixido por notorios membros do poder franquista, acabou coas aspiracións de aqueles que si loitaran pola democracia cando o "bicho" non morrera. Este é un discurso tan caduco e tan falso que ningún historiador de prestixio non español o apoia. É un discurso mítico, no que un héroe lidera aos seus a un futuro de dons e riquezas como se estívesemos nos tempos de Heródoto e non no século XXI. É un discurso no que unha creación humana e froito dunha serie de condicionantes, a Constitución, se transforma nunha especie de texto sagrado que hai que reverenciar e que non se pode cambiar xa que foi escrito polos "xigantes do pasado dourado".
Todo isto non me parece raro escoitando as opinións simplistas e míticas dos procesos históricos que teñen os tertulianos e moitos xornalistas. Pero, iso si, quero deixar unha proposta; se imos seguir vivindo nun mundo mítico e fabuloso, aceptémolo e actuemos en consecuencia: eu propoño que á Constitución se lle construa un paso deses de semana santa ( rollo arca da alianza de Indiana Jones) e que se saque en procesión cada decembro para que a poidamos adorar; así mesmo tamén propoño nomear santo ao Rei construir estatuas del e templos adicados á súa persoa para poder rendirlle culto en plan emperador romano e ademais adicar un día ao ano a súa adoración pola nosa parte, sus súdbitos y fieles. Obviamente cando morra haberá que mudar a Santísima Trinidade en Santísimo Cuarteto para poder rezarlle ao Pai, ao Fillo, ao Espírito Santo e a J.Carlos I nuestro salvador. Amén
terça-feira, 2 de dezembro de 2008
De impostos e taxas
Ando algo agripallado polo que pido perdón por anticipado se o que vou escribir hoxe ten ainda menos sentido que habitualmente. Lin durante esta semana nos xornais diversas novas relacionadas co impostos e taxas. Como non sei realmente cal é a situación económica do concello
meco non podo opinar respecto de se as subas planeadas polo tetragoberno me parecen axeitadas ou non. Dito isto si quería facer unha reflexión máis xeral respecto dos problemas económicos dos concellos e algunhas das súas causas.
A causa máis importante da débeda dos concellos é o aumento na prestación de servizos de titularidade municipal. Calquera de nós pode ver como se incrementaron os servizos que os concellos prestan aos cidadáns. Agora ben, ¿ aumentaron dunha forma proporcional os recursos dos que dispoñen os concellos para facer fronte aos custos destes novos servizos?. A resposta tamén é sinxela, NON. Un gran número de concellos conta con piscina, garderías, museos... , pero o número e a cantidade de impostos que estes concellos recadan segue sendo moi similar a cando non tiña prestar estes servizos.
Este binomio MÁIS SERVIZOS-MESMOS INGRESOS é logo a causa fundamental pero non a única. Outra grande causa é a inexistencia dunha ordenación territorial axeitada ás necesidades dos concellos galegos. A ordenación territorial baseada a grandes trazos en Concello-Mancomunidades-Provincia tense amosado como calquera cousa menos como racional e axeitada ás necesidades. Como solución para non fusionar concellos difíciles de soster polo seu escaso peso demográfico, a actúal organización territorial propon unha entidade comarcal e logo unha provincial. As entidades comarcais son un absoluto fracaso. Pódense contar cos dedos dunha man aqueles proxectos comarcais que tiveran algo cercano ao éxito e , é case imposible para os cidadáns saber como funcionan e cales son as súas funcións. Os organismos provinciais, as Deputacións, non cumpliron outra función que non fose afortalar o poder político de quen as controla mediante contratacións a dedo, licitacións a dedo e cousas polo estilo. Estas entidades que na teoría deberían prestar solucións aos concellos cubren a metade do seu oscurantista presuposto en gastos de persoal. Ademais estas dous administración ( máis ben chiringuitos) son todo o contrario do que, se supón, ten que ser unha entidade pública: transparente e democrática. Os seus membros non son elixidos directamente, os seus presupostos son calquera cousa menos transparentes e ademais é sumamente dificil que os seus dirixentes teñan que presentar contas ante unha administración superior.
Visto esto non é raro que sexan ducias os concellos que están ao límite na súa situación económica. Esta mala situación ainda se agrava máis xa que todos os gobernos municipais son partidarios de recurrir ao crédito. Este recurso ao crédito permite facer cousas que os veciños demanden e apraza a necesidade de ter que subir impostos ou de tomar outras medidas. A clave está en "apraza" , xa que en realidade estes concellos hipotecan ainda máis o seu futuro nun prazo máis longo. Claro que daquela igual xa gobernan outros e xa se amañarán. Tamén é certo que o recurso aos créditos na actualidade está algo máis controlado ( tampouco moito) e que a falta doutras solucións, ás veces, é a única saída para máis dun concello.
Ante esta problemática os partidarios do centralismo propoñen iso que chaman " a segunda descentralización" que ven consistindo en arrebatar competencias ás CC.AA para darllas aos concellos. Unha idea forza que pode soar ben pero que é unha verdadeira estupidez. Pode ser certo que os concellos precisen dalgunha competencia máis e sobre todo de máis fontes de ingresos pero esas fontes non están no nível autonómico, están na administración central.
Todos estes centralistas adoitan dicir que España é o estado máis descentralizado do mundo, que non hai estado federal nin confederal igual e cousas ( máis ben barbaridades) polo estilo. Como calquera estudante de historia, políticas, dereito e cousas similares a comparación é inexacta xa que no estado español a soberanía pertence unicamente ao estado central. Como consecuencia as competencias son cedidas polo estado central ( ao que pertencen ) ás autonomías. Froito deste raro sistema é o problema da financiación: o estado central recauda a maioría dos impostos cedendo unhas migallas ás autonomías e ás outras institucións. Por exemplo, Galiza ten as competencias en ensino ou educación, pero o estado é o que recauda os impostos polo que, pese a ter Galiza as competencias, ten que pedirlle ao estado central os cartos necesarios para administrar o ensino ou a educación. O resultado é que eu teño as competencias e todo o que se queira pero como non teño os cartos que chos teño que pedir pouca autonomía teño. Todo este desbaraxuste tamén ten consecuencias nos concellos que ainda teñen menos ingresos e menos capacidade de xeralos nun futuro.
Toda esta situación está agravando un problema que ven de longo en moitos concellos, a corrupción. Como saída económica moitos concellos vense na obriga de facer maniobras, como mínimo pouco éticas, co solo e as súas calificacións para poder facer fronte ás débedas.
Xa pasaron uns cantos anos é a ordenación territorial segue a estar poboada de chiringuitos que non funcionan, covas de Alí Babá e cousas polo estilo. Moito levamos oido de futuras organizacións comarcais, supresión das diputacións ou de áreas metropolitanas pero polo de agora parece que imos ter que seguir agardando.
quinta-feira, 20 de novembro de 2008
A casa da cultura queda pequena
Olas a tod@s:
Lin esta semana nun dos xornais unha nova que relataba como a Casa da Cultura se quedara pequena debido ás numerosas e variadas formas de utilización que está soportando. A Casa da Cultura é a biblioteca principal da vila, é a sede do Arquivo Municipal e acolle cursos ou conferencias. A catalogación dos fundos doados por Xoán González Millán está preto de se finalizar e unha reordenación do espazo semella inevitable.
Como diciamos está problemático ven de tempo atrás e ten a súa causa principal na falla doutros edificios de uso cultural. A Casa da Cultura ten que soportar tantos e tan diferentes usos logo pola falla de equipamentos culturais. O xornalista poñía no artigo o obxectivo no PXOM, e en como o retraso na súa aprobación impedía conquerir estes equipamentos. Isto é unha verdade a medias. Certo é que os atrasos na planificación urbanística son unha traba importante a eses "futuribles" equipamentos culturais; pero non é menos certo que esta situación ten unha orixe e un percorrido bastante máis longo.
O primeiro obstáculo para os "futuribles" é a falta de chan. Este obstáculo está ligado á aprobación dun PXOM pero a súa orixe non está na planificación urbanística actúal senón moito máis atrás. O Concello d'Ogrobe case non ten chan da súa propiedade pero non debido aos atrasos deste PXOM senón á nefasta xestión de numerosos gobernos anteriores que non superon ou/e non quixeron conservar as propiedades públicas, que as destinaron a outros usos menos urxentes, á venda de terreos e a unha nefasta planifición urbanística. O PXOM pode aprobarse mañá mesmo pero os terreos que se poidan adicar a equipamentos culturais e situados en lugares axeitados non van caer do ceo dun día para outro.
O segundo obstáculo é doutro tipo: a pouca importancia que nós, os veciños, lle concedemos á cultura. Só hai que ver os programas culturais desenvolvidos neste concello durante anos para facerse unha idea da súa calidade e polo tanto da importancia que os cidadáns lle adican á cultura. Máis de un poderá dicir: " Si, pero a programación cultural non a facían os veciños" pero eu tamén podería recuncar dicindo que sendo isto certo, non é menos certo que unha maioría o consentía. Outra proba está nas demandas veciñais, case ningunha das demandas históricas xa n'Ogrobe ten algo a ver coa cultura. A única demanda cultural é a construcción dun auditorio e non pasa de ser máis ben recente. Calquera de nós en calquera bar ou cafetaría escoita demandas de paseos marítimos, portos deportivos, campos de golf e ata de campionatos de tiro ao pombiño pero poucas demandas que teñan que ver coa cultura. Hai responsables na política ( e moitos poderíase dicir) pero tamén nos o somos.
Parece ser que conqueridos estes futuros equipamentos buscaríase que a Casa da Cultura actual se adicase só ás tarefas de biblioteca. Non me gusta demasiado unha proposta deste tipo. Sempre que o espazo o permitise, a Casa da Cultura debería manter ciclos de conferencias, aulas culturais e exposicións. As bibliotecas locais teñen que ser máis que simples bibliotecas para convertirse en espazos que acheguen aos cidadáns á cultura. Deben ser espazos dinámicos tanto no plano de transmitir dinamismo cultural á vila como no sentido de recoller e facilitar as dinámicas culturais xeradas polos veciños da vila. Isto pode parecer moi complicado pero basicamente só consiste en manter programas e iniciativas adicadas a espallar a cultura e en facilitar o máximo posible as inquedanzas culturais da vila ofertando consellos, axuda e un lugar para onde desenvolver actividades. Certo é que o espazo é limitado pero, sendo certo a sobrecarga de usos do edificio, non é menos certo que os traballadores deste servizo non ofertaron demasiado ou ningún "dinamismo cultural"; e non creo só que isto fose a causa do espazo...
segunda-feira, 10 de novembro de 2008
Tranquilos que non se acaba a fame no mundo
Olas a tod@s:
Estamos coa resaca das eleccións en USA, ainda que máis que un resaca parece unha gran borracheira. Si, parece que gran parte dos xornalistas e opinadores tomaron algún chupiño de tequila de máis ou mesmo unha botella enteira e se lles foi algo a cabeza. Ao abrir un xornal, acender a radio ou a tv, vemos por todos lados a unha chea de opinadores e xornalistas entusiasmados co "landslide" de Obama e ata parece que grazas ao " elected president" se vai acabar as guerras, a fame, a crise económica... ; en resume, que vamos vivir nalgún lugar lexendario como Jauja ou Utopía. Sesudos tertulianos ( cando menos en apariencia) falan dun cambio social en USA e , cito textualmente, " do abandono da Biblia en moitos estados vermellos" ( o de vermellos é pola cor republicana, nada que ver co outros vermellos). Fermosas tonterías. Digo eu que cando estes opinadores vaian falar das eleccións en USA podían informarse algo antes para non dicir tamaña sarta de estupideces.
Gran parte das estupideces teñen unha orixe clara, a translación do sistema político europeo ao estadounidense encarnada na identificación popular de republicanos-PP-dereita e de demócratas-PSOE-esquerda. Pasando por alto a cuestión de identificar esquerda co PSOE, a comparación é de tal inexactitude que mesmo se pode dicir que é simplemente unha estupidez. Imos ver, tanto os republicanos como os demócratas están á dereita dos partidos conservadores europeus tanto no económico como no social. A distinción histórica entre os partidos en USA ten que ver coa fortaleza do goberno federal e o seu grado de intervencionismo pero en ningún caso plantexando un grao similar ao existente en calquera estado da UE. Os dous partidos son firmes partidarios do liberalismo económico, da política exterior imperialista e intervencionista e así ate un longo etcétera. Por exemplo: di algún dos opinadores que con Obama se vai pechar Guantánamo; eu non sei se vai ser así pero o certo é que quen dixo que o ía pechar inmediatamente e quen consideraba a tortura como método ilexítimo para conquerir información e opoñéndose no Senado foi McCain non Obama. Ademais Obama forma parte ao igual que o seu xefe de gabinete Rahm da parte "centrista" do Partido Demócrata ( igual que Clinton). As diferencias fundamentais entre os dous partidos logo son o papel maior ou menor do goberno federal e a "cuestión liberal" no campo social.
Ningún estado abandonou a Biblia porque se votar por Obama tivese ese significado, este tería como moito catro ducias de votos.
Ainda así a elección de Obama é histórica pola cuestión racial nos USA e tamén no mundo occidental. Claro que tamén conviría recordar que outros membros de etnias represaliadas ao longo da historia teñen cargos políticos importantes como Evo Morales. Agora ben que ninguén espere transformacións brutais. Na política exterior Obama vai facer o único que pode facer e que tamén faría McCain: manter certa imaxe de multilateralismo nas decisións para poder contar co apoio dos estados europeus nas presentes e futuras ocupacións. Digo que só pode facer iso porque esa é a realidade, as ocupacións de Iraq e Afganistán levaron aos USA a unha débeda externa de tamaño descomunal (incluso para os seus parámetros) que fan imposible a política de " xendarmes no mundo" tal e como a viña facendo a administración Bush pero nada máis. Non vai ser un pacifista, nin van acabar as ocupacións nin nada de iso.
No plano económico vai aplicar unhas medidas que van dificultar as exportacións da UE e China e toda unha serie de medidas máis conservadoras das que poida aplicar Sarkozy por exemplo. Ahh, e para todos eses que pensan que vai instaurar algo semellante a unha sanidade pública: xa vos podedes ir esquecendo de tal cousa. A sanidade pública leva sendo unha promesa dos candidatos demócratas á presidencia nos últimos 30 anos e polo de agora nunca saiu adiante pola presión dos lobbys e polos votos en contra de senadores tanto demócratas como republicanos.
En fín, que a elección de Obama ten importancia nos USA porque conseguiu arrebatar plazas fortes dos republicanos como Indiana,Virginia e North Carolina; porque un negro conseguiu ganar en estados do sur como Virginia e North Carolina e polo que supón para os negros alí e nos paises occidentais. Agora ben. vai seguir habendo fame, guerras e todas as demais calamidades. Tamén van continuar no Eixo do Mal os que xa estaban nel, os palestinos seguiran igual de fodidos e os israelís igual de arroupados e en canto ao imperialismo estadounidense xa dixo Obama todo o que había que dicir : " o faro estadounidense vai alumear no mundo outra vez" ou sexa, que o imperio seguirá nas mesmas. Ainda queda o do cambio que ía levar a Washington D.C., os membros do gabinete anunciados polo de agora xa estiveron con Clinton, si home, o presidente aquel que bombardeu unha fábrica de medicamentos en Sudán e que atacou Iugoslavia, ese mesmo. Dentro dun par de anos falamos da "revolución " esa de Obama para ver por onde anda.
sexta-feira, 31 de outubro de 2008
Unha cousa non quita a outra
Olas a tod@s:
Aos dous concelleiros do PP d'Ogrobe imputados no caso das listas electorais de Euskadi ( Alexandre Aguín e Miguel Angel Pérez) levantaronlles as imputacións por falta de probas para mantela. Considera a xuiza que non existen probas suficientes porque as declaracións da funcionaria, que recordemos se confesara autora das falsificacións se ben acusaba ao ex-alcalde de terllo ordenado, non teñen proba algunha para ser respaldadas. Ademáis di a xuiza que en todo caso a falsificacións das firmas fíxoa a funcionaria como ela misma admitiu.
Despois de todo esto parece que xa acabou todo para os do PP e que aquí paz e despois gloria. Eu non son da mesma opinión, que a xustiza lle levante as imputacións por falta de probas non quere dicir que todo teña acabado porque o plano político da cuestión segue estando aí. A xuiza tamén consideraba normal que persoal administrativo encha formular cumplindo ordes pero en ningún caso esas ordes implican que se falsifique unha firma. Segue habendo cousas raras abondo que precisan dunha explicación. Por exemplo: por que se deron outros casos noutros lugares da comarca?, por que funcionarios do concello e pagados por todos cubren formularios de listas do PP durante o seu horario laboral?, que motivos se ninguén lle ordeou cubrir formularios podía ter unha funcionaria para falsificar as firmas?, por que se non houbo mangoneos no concello non se deu nin un só caso fóra do mesmo? e un longo etc. Isto por non falar de que a xestión dos datos das persoas foi manifestamente incorrecta como revelou a sanción da APD. En resume parece que hai bastantes puntos oscuros.
De todas maneiras a non imputación non os exime das responsabilidades ante os electores das que, polo de agora, seguen sen dar cumprida conta. De todas formas o conto ainda non acabou e segue tendo recorrido. Este asunto segue transmitindo certo aire de que " se vai comer todo o marrón" alguén que non parece a única responsable. Que opinades vos?
quarta-feira, 29 de outubro de 2008
A Refundación ( parte I)
Olas a tod@s:
Levaba tempo sen escribir por algún que outro problemiña pero xa estou de volta. Corren malos tempos no plano económico por mor da crise que está asolando o sistema económico mundial. Pero tranquilos todos que seica nunha reunión en Washington vinte e pico de xefes de estado e presidentes van a “ refundar o capitalismo” . Non sabemos ainda se entre eses políticos se vai atopar o presidente Zapatero ou non, de todas maneiras non creo que iso supoña un gran cambio nos plantexamentos e estratexias que alí ideen.
Resulta que hai que “refundar” o sistema porque este parece non ter funcionado axeitadamente, pero, cousas da vida, os que o van refundar son os mesmos para os que hai un ano ou dous atrás funcionaba perfectamente e sen problema ningún. Daquela o discurso común era aquel da “bondade e intelixencia do libre mercado”, “canto menos controis máis liberdade ergo máis crecemento económico” ou por usar unha expresión máis nosa: o libre mercado vai na punta da llama. Pois ben toda esta xente acaba de chegar á conclusión de que o sacrosanto mercado precisa dunha maior regulación e de que este está en mans dos cobizosos e dos irresponsables. Algúns xa o pensábamos tempo atrás.
Resulta tamén que polas mesmas cousas da vida todos aqueles que querían reducir ao estado á mínima expresión posible son os mesmos que agora reparten axudas con fondos estatais a bancos e empresas. Claro que estas cousas da vida van traer cola. Vexamos, os partidos conservadores de toda Europa están apoiando nacionalizacións ( por moito que non lle queiran chamar así) e un forte intervencionismo estatal no plano económico. Estas eran algunhas das señas de identidade dos partidos socialdemócratas antes dos oitenta ( despois dos oitenta é dificil ver diferenzas importantes na política ecónomica entre conservadores e socialdemócratas, cecais un maior control estatal pero tampouco se podería calificar de forte) resultando que basicamente esas supostas dúas ideoloxías teñen exactamente as mesmas recetas para solucionar o problema. Traerá cola porque os cidadáns poderían preguntarse para que serve ese bipartidismo instaurado en toda Europa após a II Guerra Mundial cando os dous propoñen o mesmo. Sei que moitos diredes: home, hai diferenzas !. Si, algunha hai pero máis nas formas que na realidade e no fondo, que alguén cite diferenzas importantes entre a política económica de Rato e a de Solbes.
Pois ben quería eu saber como van refundar o capitalismo os antano grandes defensores do neoliberalismo. Estou case seguro que o único que van facer é implementar algunha que outra medida efectista na regulación do mercado pero nada máis. Debemos ter en conta que tampouco convén cabrear moito a aqueles que che dan de comer ou, ¿ quen credes que paga as megacampañas electorais dos grandes partidos occidentais?. Exactamente, aqueles empresarios aos que agora pretenden porlle freo.
Preocupante é que a esquerda, cando falo da esquerda falo da de verdade, non sexa capaz de plantexar alternativas ou mellor dito, que sexa capaz de transmitilas ao nivel que esixe a sociedade de masas actuais. Porque non o esquezamos alternativas estanse construindo, só que fora de círculos moi reducidos non teñen case resonancia. Aí están o Foro Social Mundial e organizacións que fan parte del como ATTAC. Non sei cal é a solución para mellorar a transmisión pero deberíamos comezar por dicir as cousas clariñas e sen medo ningún porque ás veces parece que hai certo medo a criticar as desfeitas do sistema por medo a ser tildado de “radical” e cousas polo estilo.
Creo que os que verdadeiramente van pór as cousas enriba da mesa son os denominados estados en vías de desenvolvemento, con especial mención aos da América do Sul.
Remato animándovos a participar no Foro Social Galego para coñecer esas outras visións, outros discursos e para participar na busca e construcción de alternativas. Aquí vai a ligazón:
www.forosocialgalego.org
quinta-feira, 2 de outubro de 2008
quarta-feira, 1 de outubro de 2008
A primeira na fronte ( PP-listas de Euskadi)
A Axencia de Protección de Datos impuxo unha multa de máis de 60.000€ ao Partido Popular pola inclusión, sen o seu consentimento, de catro veciños d'Ogrobe en candidaturas de Euskadi nas pasadas eleccións municipais. Debemos recordar que o Xulgado de Cambados está instruindo unha causa onde se investiga a posible comisión de delitos de falsedade documental ou delitos electorais.
Pois xa temos aí a primeira na fronte para o PP local e provincial. Agardo que sexa só a primeira pois a min o tema este paréceme bastante máis grave do que semella ser para algúns membros do PP e medios de comunicación afíns. Estamos falando de incluir en listas electorais a persoas sen o seu consentimento para poder enchela. Non sei eu como vai solucionar o tema a xustiza pero sigo a esperar que alguén do PP local e provincial asuma as súas responsabilidades nunha causa onde se está falando de delitos electorais e falsedade documental. Todo isto obviando xa que esta resolución da APD multa ao PP polo manexo e obtención dos datos persoais sen o permiso dos veciños implicados.
Non confío demasiado en que alguén do PP asuma responsabilidades e non o fago porque as declaracións de membros do PP que temos lido sobre o tema van máis no sentido de agacharse ata que todo pase e en botarlle a culpa a alguén. Xa temos falado moito deste tema e a verdade é que non sei que máis se pode dicir, só deixar unha pregunta: Son susceptibles estas listas, construídas de forma fraudulenta, susceptibles de ser anuladas ou con outra multiña, esta posta pola xuiz, xa amañamos todo?
quinta-feira, 25 de setembro de 2008
O centolo de ouro e outros relatos
Olas a tod@s:
Andamos preto da Festa do Marisco, e como todos os anos comezan as liortas sobre a organización do evento e a súa calidade. A Festa é unha fonte importante de ingresos para moitos veciños e a súa organización nunca está exenta de certa polémica política e das comparacións con citas pasadas. Ata aquí todo responde á normalidade. O que xa non parece tan normal é certa sensación de desorganización e de caos que, ao parecer, transmite o goberno local na organización da Festa.
Certamente algunhas argumentacións son claramente catastrofistas e non responden mais que a unha realidade que algúns desexan firmemente pero está bastante lonxe de producirse. Refírome, claro está, ás apocalípticas declaracións do noso EX ao diario de Arousa. Semellaba este home unha sorte de Juán moderno anunciando pouco menos que o apocalipsis, só que, a diferencia do profeta bíblico, poñía data e responsables claros de tan funesto final. Segundo o EX o goberno xa acabou co Tiro e o seu próximo obxectivo é acabar coa Festa do Marisco. Tendemos a esquecer que o Tiro ten problemas debido á contaminación detectada pola Consellería de Medio Ambiente e que a súa celebración pasa polo cumplimento das resolucións adoptadas pola administración. O caso é que "os que queren acabar con todo" ( léase goberno local) teñen segundo o EX a Festa do Marisco no seu punto de mira.
É evidente que ninguén quere acabar cunha Festa que supón fortes ingresos para a economía local e tamén é evidente que este apocalipsis está lonxe de producirse.
O problema do goberno local é a súa evidente desorganización no referente á Festa deste ano. O episodio máis claro é a historia das adxudicacións dos centolos de ouro. Certo é que ,como di o goberno, o Consello Sectorial é un órgano consultivo e que as decisións as toma o Concello. Pero non é menos certo que convocar a un órgano para que se pronuncie sobre a quen darlle o centolo de ouro cando o goberno xa elixiu e anunciou aos premiados é unha tontería. O curso correcto das cousas era anunciar aos premiados despois da reunión do Consello Sectorial ( que para iso o temos) e non antes como se fixo. Dáse unha apariencia de caos e desorganización ademais de certa "chulería" que ben puido non terse dado. Escoitar ao Consello Sectorial e despois anunciar aos homenaxeados non tiña máis dificultade nin máis problema polo que inexcusable unha maneira tan torpe de actuar.
Está transmitindo o tetragoberno unha imaxe de desorganización clara nos últimos tempos que perxudica a súa labor e xera desconfianza nos veciños. Non sei cal é o motivo pero non parece moi aventurado crer que ten algo a ver coas relacións entre os grupos que conforman o goberno. Parece este o motivo porque o ano pasado non se deu esta imaxe de desorganización e, este ano onde as relacións entre os grupos do goberno xa están claramente danadas, si se está dando esta imaxe. Gustaríame saber a vosa opinión sobre o motivo desta desorganización se credes que a hai.
Pode responder o goberno que en realidade non existe tal desorganización e que tomaron as decisións onde as tiñan que tomar e nada máis. Pero claro: A muller de Cesar non só ten que ser honrada, tamén ten que parecelo ( César dixit). Ademais as formas empregadas no asunto dos centolos parecen ter máis a ver con gobernos pasados que coa imaxe que o tetragoberno quere transmitir.
quinta-feira, 18 de setembro de 2008
Fracturas no BNG
Levaba ameazando treboada desde hai tempo no BNG. O Movemento pola Base ( corrente crítica do BNG) anuncia que non vai participar na Asemblea Extraordinaria do BNG e o Encontro Irmandiño ( corrente crítica do BNG) tamén se plantea a súa participación. As dúas correntes obtiveron arredor do 30% dos votos na anterior Asemblea Nacional. Deixovos aquí as súas argumentacións:
As circunstancias políticas e urxencias electorais recomendan a celebración dunha asemblea con carácter extraordinario e limitada só aos aspectos imprescindíbeis para cumprir cos mandatos estatutarios previos aos procesos electorais e non acometer debates de teses de fondo nin tensar á organización con procesos internos como sería a elección dunha nova dirección.
A inminencia das eleccións, debe facernos afirmar e proclamar que é o momento de xuntar esforzos, recuperar apoios e reavivar ánimos que dean ao BNG un resultado electoral que permita levar a cabo as políticas autenticamente transformadoras que sempre defendemos.
É difícil de entender que, estando de acordo en adiar debates de fondo para o próximo ano, se se quere facer da A.N. o primeiro acto de afirmación electoral, se faga un calendario e un regulamento que impiden a participación directa e efectiva da militancia, centrando o debate das asembleas comarcais en cuestións regulamentistas forzando unha confrontación, máis ou menos dura, para elixir uns delegados que non se sabe moi ben que función teñen nunha asemblea como a que imos celebrar para designar un candidato que ninguén cuestiona e para unhas poucas reflexións básicas para orientar o traballo do BNG no goberno para os catro próximos anos.
O calendario e regulamento que se propón por parte da maioría da Executiva e posteriormente do Consello Nacional, só se explica dende unha profunda desconfianza da base militante e como un primeiro exercicio práctico para ensaiar o control sobre o BNG para procesos futuros.
O Movemento pola Base anunciou publicamente o pasado sábado 13 de setembro (unha vez aprobado o regulamento pola maioría do Consello Nacional) que non participará nesta "Asemblea Nacional Extraordinaria", por entender que se está a limitar a participación da maioría da militancia, que verá negada a súa voz en favor da da corrente maioritaria. Ademais, esta asemblea carecerá de debate político real sobre a xestión do BNG na Xunta e as propostas para a próxima lexislatura, ao presentarse un documento ao que a militancia non pode facer aportacións, nin tan sequera a que pase o filtro da elección de delegados.
Ler máis na páxina do Movemento pola Base
sábado, 13 de setembro de 2008
Aquí éche unha cousa, alá é outra (tomaduras de pelo)
Olas a tod@s:
Están nos xornais un día si e outro tamén a voltas co AVE. O máis que famoso tren é un dos asuntos principais na axenda política. Para o PP como recurso para desgastar ao goberno por cousa dos retrasos, para o PSOE como forma de amosar o suposto compromiso que teñen con Galiza, para o BNG como exemplo claro da marxinación de Galiza polo poder central; o tren centra gran parte do descurso político galego. Ata aquí nada resulta moi sorprendente pero o que máis me chama a atención é as mostras que nos dá o tema do rara que é a política galega.
Hai pouco o Parlameno Galego aprobaba unha resolución para demandar unha comisión mixta Parlamento Galego/Fomento que se encargaría de vixíar o cumplimento dos prazos e as obras do AVE galego. Esta resolución aprobouse por unanimidade no Parlamento Galego e foi onte discutida alá en Madrid. Pois ben resulta que a subcomisión non sae adiante porque o PSOE e a ministra de fomento non queren. Ou sexa o PSOE di que si, o PSOE di que non. Alguén de vos dirá que unha cousa é o PSdG e outra o PSOE pero esto tamén conleva outros problemas: ¿ os deputados do PSdG en Madrid por que votan diferente do que votan en Galiza?. Teño unha doble resposta: o PSdG depende totalmente de Madrid e non ten discurso propio, os deputados galegos do PSdG saben que os seus votos en Madrid non lles quitan votos en Galiza.
Segundo o sistema electoral español os deputados serían os representantes dos electores das circunscripcións polas que foron elexidos. Como xa teño dito algunha vez en Galiza non votamos nin a Rajoy nin a Zapatero, escollemos aos representantes que se presentan pola nosa circunscripción ( provincia). ¿ Entón por que os deputados galegos do PSdG non votan o mesmo que o PSdG no Parlamento Galego se están no Congreso represantando aos cidadáns galegos que os votaron?. Como dicía liñas atrás estes deputados saben que a xente lles da igual o que voten ou non xa que a maioría da xente non sabe nin quen son xa que están convencidos de que votan a Zapatero.
E así nos vai, o PSdG non ten nin un mínimo de autonomía ao respecto de Madrid, esquecendo así que están aí en representación da cidadanía galega non da de Murcia ou Guadalajara. Mentres os partidos cataláns forman unha fronte común para demandar un sistema de financiamento mellor para Catalunya ( incluido o PSC que ameazou con que os seus deputados non ían votar os presupostos), en Galiza seguimos estando representados por xente que nun lado vota unha cousa e noutro outra e que se esquece que é ante a cidadanía galega onde teñen que render contas.
Mención aparte merece a Ministra de Fomento, única na historia da democracia española en ser reprobada no Senado e de quedar a 2 votos de selo tamén no Congreso. O de esta señora é de chiste e ainda así nin dimite nin a dimiten pese a dicir barbaridade tras barbaridade e idiotez tras idiotez. A resposta que lle deu ao deputado do BNG onte é a repanocha. Jorquera preguntoulle polo estado das obras entre Ferrol e A Coruña e a ministra respondeu: "Todo el recorrido ferroviario entre A Coruña y Vigo está en obras o en servicio". Como estarán as obras do famoso AVE se este personaxe non sabe que Ferrol non está entre Vigo e A Coruña. Pero claro desto non se libra tampouco o BNG que foi quen a salvou da reprobación a cambio dunha chea de cousas das que polo de agora non temos nin noticia.
Creo que vai sendo hora de que os galegos nos plantexemos se queremos xente que nos represente a nós ou "cantamañanas" que din aquí unha cousa e alá outra, se queremos xente que defenda os nosos intereses ou que se pleguen aos intereses do goberno central esquecendo quen os escolle, se queremos avanzar ou se queremos seguir sendo o que parece somos hoxe para algúns, a última merda ( con perdón).
segunda-feira, 8 de setembro de 2008
Un verán malo malo ( a crise impacta o turismo local)
Olas a tod@s:
Primeiro de nada decirvos que participedes na enquisa sobre o conflicto Concello-Deputación que acabo de inaugurar hoxe para así poder comentar os resultados máis tarde.
Acumúlanse nestes últimos días de verán ( no meteorolóxico parece que xa acabou hai tempo) as novas respecto a ocupación e os ingresos desta campaña turística que xa está rematando. Publicaba La Voz de Galicia a semana pasada que a ocupación hoteleira caira un 30% respecto do ano pasado e que as cifras para restaurantes, cafeterías e outros negocios vencellados ao turismo ainda eran peores xa que, ademais da caída en número de visitantes, tamén foi moi importante o descenso de gasto medio por visitante. Como se soe dicir viñeron menos e os que viñeron eran dos de unha consumición para catro. Tamén publicaba este mesmo xornal onte que os chiringuitos das praias adiantaron a data de peche do negocio por mor do mal tempo e da caída dos ingresos.
Estas novas son moi malas para unha vila onde a maioría dos negocios están vencellados ao sector turístico dunha maneira máis ou menos directa. A verdade é que as cifras só veñen a confirmar o que moitos percibimos no mes de agosto: a crise impactou de cheo n´Ogrobe. Son datos moi preocupantes e parecen augurar máis dun peche no sector hosteleiro local. Principalmente os establecementos novos e alugados sufriron o descenso de vendas e visitantes.
Realmente atopar un culpable non é nada sinxelo. A crise económica e o endebedamento familiar pesaron moito nos petos dos nosos potenciais visitantes. Poderíamos buscar os culpables da crise, pero estes son moitos, variados,complexos e ademais en vez dunha entrada de blog tería que escribir unha Biblia.
Si me gustaría deixar algunha que outra reflexión miña. Levo uns cantos anos pensando que Ogrobe estaba saturándose de negocios hosteleiros. Todos podemos ver como se abren novos establecementos ano a ano e todos escoitamos algunha vez a frase esa de "máis bares que xente". Esta saturación era un potencial problema nun futuro próximo pero a crise fixoa máis evidente. Resulta curioso a cantidade de establecementos hosteleiros que abren en comparación cos poucos establecementos destinados a, por exemplo, abastecer esa abundante hostelería de materiais (manteis,vaixelas,...). Esta saturación de negocios hosteleiros ligada ás poucas actividades secundarias ou terciarias non turísticas fai d´Ogrobe unha vila totalmente dependente do turismo cos beneficios e riscos que eso conleva. Parece que mentres dure a crise van ser maiores os riscos que os beneficios. Sempre me sorprendeu o feito de que moitos hosteleiros teñan que mercar en Pontevedra ou noutros lugares manteis, etc por ser moi pequena, ou mesmo ínfima, a oferta local. Descoñezo cales son as razóns máis aló dun hipotético "efecto contaxio", ou sexa, que a xente perciba o éxito dos locais e pense que estes son o negocio potencialmente máis rentable.
Como dixen isto xa se ía convertir nun problema antes da crise, esta acelerou o proceso (moitos bares e pouca xente igual a mal negocio para todos). As cifras do paro n´Ogrobe e no Salnés nunca foron moi boas por ser o turismo o sector máis importante e ter este un marcado caracter estacional. Moita xente xovén abandoa a vila pola dificultade de atopar traballo máis aló dos meses de verán. O concello está fortemente endebedado entre outras cousas pola obriga de ofertar servizos como unha cidade de 50.000 habitantes por mor do turismo cando recada como unha pequena vila de 11.ooo. Estes son só unha pequena mostra dos problemas da falta de diversificación económica.
A crise económica golpeu forte este verán, acelerando procesos que xa estaban en marcha desde hai tempo e danando os petos de moitos veciños que teñen no verán a fonte principal dos seus ingresos. Parece que esta situación vai durar uns cantos anos polo que deberíamos facer o esforzo de equilibrar algo máis a nosa orientación económica. É unha tarefa difícil pero parece que vai ser moi importante.
quarta-feira, 3 de setembro de 2008
Putin ponlle o collar ao tigre ( e ollo que era siberiano)
Olas a tod@s:
O título de hoxe non é da miña colleita,é o titular que empregaron os medios rusos despois da "última fazaña" do mandatario ruso. Un equipo da TV rusa que ía cubrir a visita de Putin a un parque natural en Siberia sufriu o ataque dun tigre que se escapou, pero este equipo tivo a sorte de que Putin entraba nese momento ao parque e, cun rifle de dardos tranquilizantes, salvou aos camaras do ataque do tigre siberiano. Posteriormente, Putin axudou a medir os dentes do animal e a colocarlle o collar identificativo. A verdade é que todo parece unha montaxe para loar a Putin pero, ainda sendo así, non digades que non mola ter un primeiro ministro que te poida salvar dun tigre ;).
Obviamente o titular non só fai referencia ao asunto do tigre senón ao asunto de Osetia do Sur e Abjazia. Este é un asunto sobre o que non paro de ler tonterías nos medios de comunicación. Para algúns é a proba da existencia dun mundo multipolar e para outros amosa a pouca capacidade de resposta da ONU e os organismos internacionais. Eu creo que o primeiro é unha tontería e o segundo unha obviedade desde hai ben tempo.
O mundo multipolar non se sabe o que é. En teoría este concepto fai referencia a existencia de varias potencias mundiais que coexistirían e "rexirían" a escea internacional. Vai ser que non. Explícome, durante o periodo da chamada Guerra Fría a escea internacional estaba caracterizada por ser bipolar. Isto quere dicir que dúas superpotencias, a URSS e os USA, dominaban a escea internacional e con dous sistemas contrapostos, capitalismo e socialismo real, coexistían a nivel mundial. No mundo de hoxe hai un único sistema económico ( con algunhas e mínimas excepcións) e unha única superpotencia a todos os niveis, os USA. Para falar dun mundo multipolar a UE tería que ter unha política exterior propia e común, os chinos terían que intervir na política internacional a un nivel maior do actúal e ademais estes intereses deberían ser diverxentes a miudo. A realidade amosa que os USA dominan o panorama internacional case en solitario e a EU non é máis que un aliado, os chinos non soen inmiscuirse na política internacional pois o seu obxectivo único é o crecemento económico e unha política exterior de superpotencia custa cartos e crecemento económico e os rusos distan, polo de agora, de ser a superpotencia que foi a URSS.
A todo isto debemos engadir que o sistema capitalista "reina" no planeta, con isto quero dicir que os intereses estatais están "difuminados" fronte aos intereses das multinacionais que poden ter intereses en varios polos diso que agora queren chamar mundo "multipolar" polo que as posicións internacionais dependen moitas veces máis dos intereses destas empresas que dos estados mesmos. Polo tanto falamos dun mundo unipolar onde os USA son os líderes con roces menores con outros estados.
Dise da ONU e do resto dos organismos internacionais que entraron en crise coa Guerra de Iraq. A verdade é que levan en crise desde a caída do mundo do socialismo real. Como dixemos, durante a creación da ONU e da maioría dos organismos internacionais o mundo era bipolar, polo tanto o deseño e as estructuras destes organismos respondían e funcionaban con esta realidade. Un dos exemplos máis claros témolo no funcionamento do Consello de Seguridade e do dereito a veto. Este funcionamento respostaba a lóxica bipolar nas relacións internacionais, buscaba garantir a posibilidade de saidas dialogadas a unha situación de crise entre as dúas superpotencias mediante a capacidade de vetar por parte dun "polo" as accións e resolucións do outro. Ademáis a ameaza da destrucción nuclear mutua facía moi perigosa as intervencións non apoiadas pola ONU ( ou sexa permitidas por ámbolos dous polos). Isto era así por que o mundo era bipolar e as dúas superpotencias competían a todos os niveis e en todos os lugares do mundo na busca da supremacía. Hoxe en día a supremacía é dos USA, só hai un sistema ecónomico mundial e, polo tanto, a ONU so serve para outorgar lexitimidade ou credibilidade a unha acción diante da opinión pública mundial e global. Os USA buscaban o apoio da ONU en Iraq para lexitimar a invasión, non o permiso para realizala. Cando non obtiveron este apoio a invasión tivo lugar igual pero cun menor apoio da poboación mundial.
Entón a que ven o follón ruso?. Ao meu ver resposta por parte de Rusia a dous obxectivos fundamentais: a intención de deixar claro diante dos USA e os seus aliados (léase UE) cales son as súas áreas de influencia e ao control dos recursos nos que está baseado o seu crecemento ecónomico o gas e o petroleo. Tanto a UE como os USA levaban buscando desde hai tempo certo "control" de moitas das ex-repúblicas soviéticas co fin de aumentar a súa supremacía e de asegurarse un suministro estable de cru e gas natural. Os rusos ,que son os principais suministradores enerxéticos da UE, simplesmente non estaban pola labor de ceder máis influencia e moito menos de ceder o pilar fundamental do seu crecemento económico: a enerxía. Puideron levar a cabo a intervención en Georgia porque seguen a ser unha potencia nuclear, porque os USA están debilitados polas invasións de Iraq e Afganistán, porque a UE non pode enfrontarse ao seu principal suministrador enerxético e un dos seus principais mercados de exportación e porque os USA e os seus aliados sentaron os precendentes necesarios para darlle certo barniz de lexitimidade coas intervencións en Kosovo, Iraq e Afganistán.
Este último punto é importante xa que os argumentos esgrimidos por Rusia para a intervención "maman" directamente dos empregados polos USA e a UE: o dereito a intervir para protexer os dereitos humanos e o dereito a intervir para asegurar o dereito de autodeterminación dun pobo. A todo isto hai que sumarlle que a intervención en Iraq tampouco contou con aval da ONU.
Entón estamos diante logo dunha guerra polo control dos recursos enerxéticos e dun movemento de Rusia para deixar claro ata onde chega a súa área de influencia, nin máis nin menos. Rusia quere voltar ao primeiro plano internacional e para iso ten que asegurar a súa importancia enerxética e as súas áreas de influencia diante dos USA e os seus aliados ( e no dos aliados fago referencia a UE que estaba apoiando as maniobras estadounidenses a través da OTAN).
Así que máis que poñer ningún collar, o que fixo Putin foi dicir: quietos, ata aquí chegamos pero máis para alá segue a ser cousa nosa. Primeiro ruxido ruso no Cáucaso e non creo que sexa o último.
quarta-feira, 20 de agosto de 2008
A Guerra das Galaxias
Olas a tod@s:
Levaba uns cantos días sen escribir nada novo por estar sen conexión a internet e non ter demasiado tempo. Probablemente un dos temas dos últimos tempos sexa a guerra existente entre o Concello de O Grove e a Deputación de Pontevedra. O último dos seus esporádicos episodios tivo lugar cando os obreiros contratados pola Deputación asfaltaron un tramo de 300m preto da igrexa de S.Martiño que , cousas da vida, coincidía co tramo onde o Concello tiña que meter tuberias para o saneamento das vivendas cercanas. Obviamente este non deixa de ser un episodio máis, probablemente un dos máis esperpénticos, dunha guerra que xa comezou hai tempo e da que, polo que parece, temos lonxe o final.
Digo que comezou hai tempo porque probablemente a súa orixe está na forte implicación de Rafael Louzán, Presidente da Deputación, nas negociacións do PP para formar goberno. Hai máis ou menos un ano, comentábamos nesta bitácora unhas declaracións de Louzán onde case que ameazaba
con que a Deputación non ía invertir un euro máis na vila se o PP non era quen de ter o goberno municipal. Xa daquela quedaban claras as intencións da Deputación con respecto xa non ao goberno municipal, senón para cos veciños dunha vila que contan cun goberno da súa elección. Dicía tamén daquela que estabamos instaldos na confusión permanente entre privado e público, xa que os investimentos da Deputación teñen como obxectivo a mellora dos servizos e infraestructuras dos concellos e non o cumplimento ou non dos desexos persoais do seu presidente e do partido deste.
E así chegamos á actualidade onde o señor Louzan, como monarca provincial efectivo, ten a ben boiquetear obras para as que o Concello precisa da colaboración do ente provincial, verbi gratia Adro Vello. Tamén gosta de facernos “desfrutar” un ano máis das sempiternas obras da estrada a S. Vicente. O destas obras é xa de risa, todas as veces que fun por esa estrada neste verán non contei nunca máis de seis obreiros; seis obreiros que ademais estaban dispostos cada un deles a 1Km do anterior. Coido que con esa cantidade de man de obra podemos contar con que a obra pode estar rematada máis ou menos ao mesmo tempo que o AVE famoso.
A estratexia de Louzán e o PP está clara, investir o menos posible n´O Grove e causar os máximos problemas posibles para, aproveitando que normalmente os veciños soen culpar ao goberno municipal de todo o acontecido na vila sexan ou non os responsables, erosionar ao goberno e aos partidos que o conforman. E como parece que para estes señores o fin xustifica os medios, os danos calculados ao desenvolvemento da vila e aos servizos aos cidadáns poden ser considerados simplesmente “baixas asumibles” no proceso. Pero a estratexia ten un problema, que ao mellor os tempos eses nos que a xente era parva e chupaba o dedo xa acabaron e o sopapo, ao fin, podeno levar acabando eles ou como di o refraneiro: quen sembra ventos colleita tempestades.
quinta-feira, 31 de julho de 2008
Xa era hora ( os postos polo que valen)
Olas a tod@s:
Unha das novas da semana é, probablemente, a reforma nas condicións de acceso e uso dos postos da Festa do Marisco. Dicía no título que non foi sen tempo por dúas razóns fundamentais: proverbial era xa na vila o oscurantismo que rodeaba ás concesións dos postos sendo moi común a frase "sempre lles toca aos mesmos" e por outra banda as perdas millonarias para o concello que provocaba cada ano a organización da Festa.
Este ano múdanse as condicións de uso e acceso sendo dous os puntos máis salientables e, como non, máis discutidos. O primeiro cambio é que a partir deste ano o ter participado en edicións anteriores non puntúa no baremo para outorgar a concesión. Paréceme unha gran idea pois eu levo uns cantos anos coa sensación de que a Festa do Marisco creara unha caste de oligocracia monopolista dos postos da festa facendo que sempre fosen os mesmos os máximos beneficiarios dela. O segundo cambio ten que ver cos impostos a pagar polos postos e a xestión directa por parte do concello de algún deles. Realmente estas últimos modificacións son as máis discutidas por parte da xente que ten os postos. Vexamos polo miúdo cales son e a que se supón que respostan.
Os postos dos particulares terán que aboar un canon do 22% da facturación e dun 30% se superan os 50.000 euros de facturación. É a queixa fundamental dos que gozan da concesión por consideralos impostos abusivos. ¿ É realmente así?. Eu considero que non xa que todos sabemos cales son os beneficios que obteñen os que gozan da concesión durante a festa. Habería que recordarlles que gozan dos postos en moitos casos porque simplesmente levan moito tempo facendo, xa que co anterior sistema a participación en edicións anteriores puntuaba. Resulta que moita desta xente leva facendo cartos a moreas coa concesión cuns costes moi baixos que ao final eran os causantes das perdas millonarias do Concello edición tras edición. Tamén argumentan que esa subida repercutirá na xente que se achegue a Festa causando un perxuizo á calidade da mesma. JAJAJA. Éche para rir, eu non sei vos pero eu levo uns cantos anos vendo como cobran nos postos cifras moi similares ás de calquer bar ( cando non o mesmo) e ofrecendo un producto inferior tanto en calidade como en cantidade ao que podemos degustar en calquera dos bares da vila. O dos prezos populares hai ben tempo que pasou a mellor vida. Outra da modificación que está facendo rabear a máis de un e que o Concello xestione directamente uns cantos postos no canto de ser postos a disposición de particulares. Como a suba das taxas esta medida supoño que irá encamiñada a diminuir as fortes perdas do Concello en cada edición. Non son eu o paladín da procura da rendabilidade económica nas ofertas das institucións públicas pero unha cousa é pensar que non teñan que xerar beneficios económicos necesariamente e outra que se perdan millóns en cada edición dos cartos de todos mentres certa xente se fai de ouro a pouco custe.
Certo é que a Festa do Marisco sempre foi rentable xa que, ainda que o Concello perda cartos, son moitos os ingresos que xenera nos comercios da vila. O problema radicaba en que os postos facían cartos a moreas a conta dos cartos de todos e dando case nada a cambio, feito este agravado polo feito de, como dixemos antes, ser case unha oligocracia monopolista os que desfrutaban de semellante oportunidade de negocio.
Esta mesma xente tamén critica que organizacións como a Confraría, Amegrove, Insuiña, etc teñan que abonar menos impostos que os particulares a cambio dos postos cando nalgúns casos son empresas privadas. Certó é que son empresas privadas nalgúns casos pero se aboan menos taxas supoño que será porque colaboran coa organización da Festa con grandes sumas que fan posible que esta exista e que se faga publicidade; sumas e colaboración que brillan pola súa ausencia cando nos referimos aos postos particulares, que serán pequenos pero dan cartos de carallo.
En resume, opino que estas novas disposicións supoñen un paso adiante que obviamente, coma sempre, levantan críticas naqueles que antes eran os máis beneficiados. As perdas millonarias do Concello eran dificilmente xustificables mentres certa oligocracia se facía de ouro. Está por ver se estas disposicións axudan a diminuir o deficit e se supoñen a posibilidade de acceso aos postos a persoas e empresas que non sexan as de sempre pero por algo hai que empezar. Este último tema paréceme o máis importante pois a concesión dos postos estaba alcanzando desde tempo atrás uns níveles preocupantes de oscurantismo e favoritismos dificilmente aceptables cando nos estamos referindo unha oferta pública. A xente que goce dos postos este ano terá que pagar máis impostos pero digo eu que haberá que pagar os postos polo que valen e non facerse millonario a costa dos cartos de todos.
quarta-feira, 23 de julho de 2008
Cara a barbarie
Olas a tod@s:
Non tiña pensado escribir ata dentro duns días pero quero compartir esta imaxe con todos e todas vos. A instantánea é dunha praia de Nápoles onde dous veraneantes nen se inmutan ante a visión de dúas nenas mortas e tapadas cunha toalla. As nenas foran arrastradas mar adentro e morreran afogadas, tiñan 11 e 13 anos. Nesta imaxe só vemos a dous veraneantes pero os informadores dinnos que non foron un caso aillado senón que moitos outros seguiron correndo pola praia, xogando ou bañándose. Deixo para o final a causa da indiferencia, eran xitanas.
Din que quen sembra ventos recolle tempestades, e iso é o que debe estar pasando en Italia. O goberno de Berlusconi ( como tantos outros gobernos da dereita europea) viu na inmigración un graneiro de votos moi importante, e decidiu aproveitarse aprobando leis que só poden considerarse racistas como a creación dun rexistro de xitanos exclusivamente. Os resultados das soflamas desta dereita disque europea retrotraennos a estampas e comportamentos propios da Idade Media. Nesa época os xudeus sufriron constantes ataques e matanzas ás mans dos cristiáns en estouridos de rabia popular que sucedían tras a expansión de historias falsas. As máis comúns eran os secuestros de nenos para comer as súas vísceras ou a profanación dalgunha reliquia sagrada. Moitos diredes que ao fin era a Idade Media e moito máis tampouco se podía agardar. Pero mira ti que hai cousa dun mes, un poboado xitano de Nápoles foi asaltado polos napolitanos que queimaron todas as vivendas e agrediron aos seus habitantes tendo de cómplice á pasividade da policia. Unha das asaltantes dicía na tele: "non somos malas persoas, antes de queimar as casas dixemoslles que saisen". A causa: a nova que correu por todo Nápoles que dicía que os xitanos secuestraran a un neno e o levaran ao poblado. Os xitanos nin secuestraran neno ningún nin fixeran nada máis que ser xitanos.
Podemos dicir aquelo de que, ao fin, foi en Italia e non aquí, ¿non?. Creo eu que vai ser que non, ainda están recentes os episodios vividos en Pontevedra ou en A Coruña tamén cos xitanos. Ademais tampouco fai falla pasear moito para dar con algunha conversa onde se trate a "invasión" que ameaza ao estado español e aos seus habitantes. Que si, o racismo e a xenofobia non nos é allea.
Unha das causas principais está en que os inmigrantes copan grande parte dos servizos e axudas sociais por mor da súa situación económica. Pero reflexionemos un momento, resulta que os inmigrantes son man de obra barata ( cando non esclava) coa que moitos empresarios se están enriquecendo. Tamén aportan grande parte do superavit do que desfrutou ata hai ben pouco a seguridade social e contribuiron como man de obra barata ao auxe da construcción en España. Entón sería lóxico pensar que os gobernos deberían tomar as medidas mellorando e ampliando os servizos sociais. Se antes eran cen os que optaban a unha gardería e agora son trescentos, parece razonable pensar que as institucións deberían crear outra gardería. Pero non o fan, o que provoca que os cidadáns españois de ingresos máis baixos non poidan acceder a unhas axudas que necesitan por estaren copadas por inmigrantes de ainda menos recursos. O resultado: a xenofobia e o racismo son cada vez maiores.
Outra estrela do discurso racista que se está impoñendo é a argumentación esa pola cal os inmigrantes, ao estaren dispostos a traballar por salarios menores ( moitas veces ilegais) e con condicions laborais inaceptables e ilegais, fan que os "nativos" acaben cobrando menos se queren traballar. E quedamos tan anchos. Digo eu logo para que están os sindicatos e máis a inspección de traballo. Se existen moitos empresarios que realizan este tipo de prácticas para gañar máis, a culpa será deles e de quen llo consinte, e non dos pobres inmigrantes que acaban sendo case escravos.
Este tipo de discursos e razonamentos estanse extendendo cada vez máis por toda Europa e ,paralelamente, as forzas da ultradereita medran en case toda Europa: están nas camaras de Alemaña por vez primeira dende a IIGM, están presentes no goberno italiano, teñen os suficientes deputados no parlamento europeu para ter grupo propio ( non o teñen porque non o permitiu a presidencia da cámara)....
E claro cos gobernos presos do populismo e das ideas forza de 20 segundos para que caiban na TV sen aburrir á xente; con medios de comunicación que dedican máis tempo a noticias como: fai sol en Sevilla no verán que ás cousas realmente importantes; con poucos discursos alternativos e serios que cheguen á poboación polo veto dos media e coa maior diferencia da historia entre ricos e pobres no planeta; ¿a onde imos ir?. Claramente cara a barbarie.
terça-feira, 22 de julho de 2008
Turismo, potencial e debilidades
Xa estamos en pleno verán, e como todos os anos por estas datas, nos bares e rúas mecas se oe falar sobre se hai máis ou menos turistas, de como atraer máis, do estado das praias e de Sanxenxo. O último tema de conversa pode soar raro pero o certo é que a comparación con Sanxenxo é un clásico do verán. Normalmente nestas conversas Sanxenxo adoita semellar unha especie de paraiso que conta con todo aquelo do que carece Ogrobe, e tamén a miudo os políticos de Ogrobe, do goberno e da oposición, son citados como os responsables directos da suposta "inferioridade turística" meca. Tamén a cotío se esquece nesas conversas que os políticos, ainda no suposto non moi acertado de que fosen os únicos responsables, non están aí por gracia divina senón que son escollidos por todos e todas nós.
O turismo é un sector importantísimo para a economía meca. Ao meu parecer o problema máis importante do sector é a falta dun modelo turístico claro que aproveite as potencialidades coas que contamos. Nos últimos anos, e cos gobernos do PP, o modelo a seguir semellaba ser o denominado de "sol e praía" tentando emular aos nosos veciños doutro lado do Bao. Son dos que pensan que ese non é o modelo máis axeitado. Sei o impopular que é amosarse en contra de campos de golf, das construccións a rente da area e cousas polo estilo na nosa vila. Cando alguén se opón a algunha desas barbaridades urbanísticas e/ou ecolóxicas non tarda moito en escoitar as consabidas frases: " ti o que queres é acabar co turismo" ou "pois en Sanxenxo si que poden e non vexo eu que pase nada". A pregunta principal que se debe respostar é: ¿ pode Ogrobe competir e gañarlle a Sanxenxo cun modelo de sol e praia?, ou ¿ pode a costa galega competir con outros destinos turísticos estatais con ese modelo?.
Eu respostaría dificilmente e non, respectivamente. As razóns son moitas e variadas: Ogrobe non poderá nunca vivir unha expansión urbanística como a de Sanxenxo pola falta de solo, tamén parte xa cunha grande desvantaxe na aplicación dun modelo xa estable desde hai anos en Sanxenxo, a costa galega nunca vai ter nin tantos días de sol nin tanta calor como Valencia ou Andalucía...
Logo,¿ que facer?. Un exemplo do que facer podémolo atopar nos nosos garitos de marcha. Ogrobe non conta nin con grandes discotecas nin cunha zona de copas claramente delimitada. Ainda así os nosos "garitos" son moi coñecidos por aí adiante e a súa calidade e variedade atrae a moitos veciños e turistas. Os mecos podemos desfrutar de dúas ambientes diferenciados aos que podemos alcumar como "el siempre es verano" (garitos destinados a bailar as cancións máis populares do momento) e a " zona alternativa" ( garitos onde podemos desfrutar de música rock, indie e pop alonxada dos estandares máis comúns). Isto pode verse claramente nas dualidades Soul/Vado e Vinilo/Orballo. Pois ben, esta dualidade e a calidade dos nosos locais amósase capaz de competir con outras zonas turísticas.
Así, e tirando do exemplo, debemos analisar cales son os nosos potenciais e buscar a forma de sacarlles partido. O maior potencial podería ser a nosa forte cultura mariñeira. Atopar a forma de facer partícipes desta cultura a aqueles que nos visiten sería un gran éxito. Algúns pasos se teñen dado como aquel plan que permitia subir a bordo dos barcos ou a apertura dun centro de interpretación adicado ao mundo do mar. Pero ainda se poden dar máis como o emprego cultural das embarcacións tradicionais, explicacións sobre as formas tradicionais de pesca e sobre as novidades no campo da acuicultura, o marisqueo a pé... . Outro potencial a explotar e conservar e a nosa fermosa paisaxe con máis rutas a pé ou en bici con carrís propios... . Outra das nosas vantaxes é o número de praias e as súas características diferentes ( de Ría e de mar aberto) que permiten ter unha praia ao gusto de calquera.
Deixo para o próximo artigo unha explicación polo miudo deses potenciais para pasar ás debilidades. A máis clara o "que facer cando non hai praia". Moitos turistas non saben que facer cando non hai praia tanto pola falta de alternativas como de información. A nula ou mala información que podería ser facilmente solucionada cunha iniciativa conxunta de hosteleiros e concello é outra das eivas. Os problemas co tráfico e a limpeza, o segundo máis facil de solucionar que o primeiro. A superabundancia de establecementos hosteleiros legais e de moitos deses aloxamentos ilegais que todos coñecemos.
Deixo para o próximo artigo a explicación máis polo miudo das nosas potencialidades e das nosas debilidades porque este xa vai sendo algo longo. Aceptamos suxerencias.
domingo, 6 de julho de 2008
Fantasía, ciencia-ficción e terror por fin en galego,Urco Editora
Olas a tod@s:
Hoxe achégovos unha iniciativa que levaba tempo querendo comentarvos pero que coas cousas do tetragoberno deixara adiada: unha nova editorial galega de fantasía, ciencia-ficción e terror.
Teño que confensarme como un gran afeccionado da literatura fantástica e da ciencia-ficción polo que, cando me enterei por Chuza do nacemento desta modesta editora, leveime unha gran alegría. Supoño que se algún dos meus amigos ten a ben ler esta entrada tamén se levará unha alegría ( digo o de ter a ben porque os teño bastante abandonados ultimamente a causa das opos,sintoo).
Esta pequena editora ainda non ten moito catalogo pero o que ten é de moita calidade: Conán: a filla do xigante de xeo de Robert E. Howard, O Corvo de Allan Poe, A lenda de Sleepy Hollow e outros relatos de W.Irving, Planilandia:unha novela de moitas dimensións de Edwin A. Abbott e algúns títulos máis. Todo o catalogo podedes consultalo na súa páxina así como os puntos de venda: URCO EDITORA .
Tamén ten a opción de subscribirse e así recibir cada nova obra na túa casa ao tempo da súa publicación. Anímovos a todos aqueles que vos gusten este tipo de lecturas a que visitedes a súa páxina, e a aqueles que a considerades como "obras de patacón" a que leades O Corvo ou os relatos de Irwing ( por non falar do Retrato de Dorian Gray de Wilde) e vos desenganedes. Creo que o esforzo de xente nova por incorporar este tipo de traduccións ao catálogo de obras en galego ben merece que visitedes a páxina e merquedes algún libro.
Xa sabedes: A LER E DISFRUTAR!
sábado, 28 de junho de 2008
,,,E agora as tiritas
Olas a tod@s:
Polo que parece o tetragoberno acaba de salvar unha pelota de partido ao pechar a recente crise interna. Á espera dunha asemblea de EU que parece non vai ser un camiño de rosas, o pacto de goberno continúa con vida, ¿ polo de agora?. As discusións están agora en se a crise se pechou en falso ou non, e nos danos que pudería ter producido.
O concelleiro de EU, Xan Lamelas, ve recortadas as súas competencias seriamente, se ben parece que de maneira temporal. Eu creo que foi esta formación a que sufriu os danos máis importantes na crise. Segundo o vexo eu, o acordo ao que chegaron os membros do goberno non dista demasiado do tomado polo PSdG, BNG e PG a mediados de semana. Se aos feitos atendemos o concelleiro de persoal perde a xestión do persoal en todas as áreas, e esta xestión pasa a recaer nas mans do concelleiro correspondente. EU puxera como conditio sine qua non o mantemento da área de persoal e, polo que parece, só mantén esta área de forma nominal cando menos temporalmente. Logo a cuestión é: ¿ por que aceptou EU un pacto que, en esencia, non difiere demasiado do que xa tomaran os outros tres e non lle parecera ben?. Barallo dúas respostas ou posibilidades.
A primeira parte da base de que en EU son conscientes da súa deficiente xestión da área de persoal e polo tanto prefiren non arriscarse cunha ruptura do pacto de goberno. Baseome nesta resposta na aceptación tácita dunha mala xestión que fixo EU nos dous comunicados desta semana. Tamén o fago en que na famosa reunión para zanxar a crise púxose enriba da mesa a necesidade de proporcionar personal de apoio para que Xan Lamelas puidese realizar de forma correcta as súas tarefas. Isto indica claramente que Xan non parece ser capaz, polo menos polo de agora, de realizar as tarefas que conleva o seu cargo. Non vou entrar a valorar agora se é unha cuestión de falta de tempo, medios ou capacidade porque sería demasiado longo, escollan vostedes.
A segunda posibilidade está directamente relacionada coa primeira e baséase no custo político dunha ruptura do pacto. Creo que en EU apostaron demasiado alto antes da negociación pero sen ter os arreos necesarios para despois cumprir as súas ameazas. Din os expertos negociadores en que unha das claves do éxito negociador está en ameazar só con aquelo que despois se pode cumplir. O custe político da ruptura do goberno é probablemente alto para todos os implicados, pero sobre todo para a forza que sexa percibida como causante da ruptura, e digo percibida e non causante porque hai moitos exemplos de rupturas de pactos no que o custe non repercute no causante real senón no "percibido" como causante ( o caso paradigmático probablemente é o caso de Vigo co PSdG e o BNG). EU pideu nos medios algo que sabían non lles ían dar e ameazando con algo que tampouco querían ou podían facer, a ruptura do pacto. A causa disto a súa posición negociadora de inicio era, cando menos, precaria e víronse na disxuntiva de romper ou tragar con algo que en principio non aceptaban, ou sexa, dar marcha atrás. Ante o que podería ser un altísimo custe político para a formación no caso da ruptura, escolleron "tragar" coa proposta dos demais grupos.
A outra cuestión fundamental é como vai afectar isto no futuro ao pacto de goberno. Dixen antes que a gran perdedora fora EU pero non é certo de todo. O gran perdedor foi o tetragoberno en pleno. O goberno perdeu credibilidade e , por riba de todo, confianza por parte dos veciños. A confianza da cidadanía nun goberno é para moitos analistas políticos o dato fundamental na valoración política e parece que o tetragoberno acaba de recibir un forte impacto nesa área. O partido que sufriu menos daños foi o PG que conseguiu manterse ao marxe publicamente na crise. O BNG sufriu danos pero parece que menos importantes do que se podería prever, xa que o acordo final reflexa gran parte das súas peticións. O alcalde puido sair moi perxudicado pois amosou certa incapacidade de xestión da crise, dúbidas e pouco poder real para pórlle fin. Outra lectura pode ser que saiu reforzado ao encarnar o consenso, pero non parece moi probable. Non o parece porque todos os analistas electorais poñen, por riba da capacidade de consenso, a impresión de forza e o liderazgo como dous dos rasgos máis valorados pola cidadanía cando de postos de poder político se fala.
Está por ver se esta crise afortala o goberno ou, polo contrario, o debilita. Parece máis probable a segunda opción. Cando vos falaba de riscos de implosión citaba como dato importante as sensacións de " ser os perxudicados en todo" entre algunhas militancias. Pois ben, parece que esta sensación se vai facer máis forte nas militancias do BNG e, sobre todo, na de EU. Isto contribuirá a futuros roces nos que poderemos ver se, en realidade, isto foi solución ou, como a min me parece, foron só tiritas e parches.
segunda-feira, 23 de junho de 2008
E fixo crack
Olas a tod@s:
É a noticia meca da semana e , probablemente, tamén será noticia durante algún tempo máis: o tetragoberno fixo crack.
Hai algúns meses escribía que me parecía que o goberno corría serio risco de implosionar, isto é, de estourar desde dentro polas tensións que comezaban a agromar entre os grupos que o conforman e a militancia e simpatizantes deses partidos. A verdade é que non pensaba que o proceso se acelerase e a ruptura ameazase tan pronto. Desde o comezo moita xente considerábamos que ía resultar complicado tanta cohabitacion, se ben é certo que esta cohabitación pareceu posible e tranquila durante certo tempo sorprendendonos a máis de un.
O detonante desta crise está no conflicto entre o BNG e EU pola xestión de persoal adscrito a área de cultura municipal. Como sempre que ocorren estas cousas as versións son moitas e variadas, as respostas duras e as mensaxes contradictorias. Isto é normal que ocorra xa que ningún grupo quere ser considerado "culpable" da ruptura do goberno polas consecuencias que pode traer e, obviamente, porque os puntos de vista son moi diferentes. Como esto é o normal propóñovos obviar os "dígo-díxome" e analisar exclusivamente os feitos.
A cousa comezou coa imposibilidade de abrir a Casa de Cultura e a Biblioteca de San Vicente pola falta de persoal debida á mala planificación por parte do Concello. Fíxose a cousa máis pública por ser a semana pasada a selectividade, logo, pola imposibilidade dos estudantes de acceder a estes lugares de estudo. O asunto non rematou aí pois o concelleiro de Cultura achacou publicamente ao de Persoal unha mala xestión do persoal que tamén impedía o bo funcionamento doutras instalacións culturais municipais. Segundo o concelleiro de Cultura todos estes problemas xa foran plantexados no goberno máis unha vez sen que se tivesen tomado as medidas oportunas. Despois de comezar a liorta na prensa PSdG, BNG e PG acordan retirarlle as competencias de persoal ao edil de EU facendo uso dunha clausula do pacto que obriga a cumprir as decisións tomadas por tres dos catro grupos. A cousa non podía rematar aí e EU, nun comunicado de prensa e en declaracións do seu edil, contesta que non ten noticias de que se lle retirasen as competencias e , que no caso de que llas retiren, abandoará o goberno. Ademais esixe ao alcalde que poña orde e acusa ao BNG de buscar a saida de EU do goberno na busca de réditos electorais.
Estes son os feitos ata o de agora e aí vai a miña opinión. A xestión do persoal municipal deixa moito que desexar desde hai moitos anos pero o certo é, que se se promete cambio, o obxectivo é ese: mudar as cousas. Trás unha atenta lectura dos comunicados observo con sorpresa que EU e o seu concelleiro non desminten as acusacións de erros e eivas na xestión do persoal e, polo tanto, a responsabilidade do problema co persoal de cultura. Tanto é así que incluso piden axuda ante a dificultade da tarefa: "se un compañeiro de goberno ten dificultades, o normal sería botarlle unha man, pero non ao pescozo, e axudar sen montar broncase faltar ao respeito" . Esta é para min a clave do asunto. Parece claro logo que se admiten cando menos erros na xestión do persoal por parte do concelleiro do ramo. Home, digo eu que os de EU non pensaran en serio que outro partido, neste caso o Bloque, vai cargar coas culpas facendo ao tempo de paraugas porque o seu edil teña "dificultades" para realizar ben as tarefas que lle corresponden. Sorprende tamén a alusión á complicación da área de persoal para ser levada por un concelleiro sen dedicación exclusiva. A ver, EU quixo a área de persoal e digo eu que o farían sabendo a complicación que conlevaba. Outra cousa son as alusións a que o asunto non se debeu ter tratado na prensa senón nas reunións do goberno. Niso si podo estar dacordo pero convén aclarar se algún dos temas de persoal non se tratou antes con nula resposta por parte do goberno. Eu non sei se é así ou non polo que non podo opinar sobre se o tema debeu saltar á prensa ou non.
En resume, en EU terán que comprender que o seu edil está aí con responsabilidades nunha área. Se non desempeña esas tarefas polo motivo que sexa dunha forma correcta non poden esperar que os demais carguen coa responsabilidade por "compañerismo". Estamos falando de cousas serias, dos servizos que o Concello ten que proporcionar aos cidadáns, e tenos que proporcionar dunha maneira correcta. Se non é así o responsable, pois, terá que facer o que facemos todos diariamente no traballo ou en calquera outro ámbito, asumir as súas culpas e a súa responsabilidade. Cando, na vida política, un non se sinte capaz de realizar unha tarefa que el mesmo escolleu as opcións son mudar de tarefas ou irse para casa. Pode parecer duro pero creo que os veciños demandan dun goberno que goberne non que sexan bos compañeiros.
quarta-feira, 18 de junho de 2008
Xa está aquí Firefox 3!
Olas a tod@s.
Hoxe quero informarvos de que xa está aquí a nova versión de Firefox. Probablemente moitos de vos xa sabedes de que navegador vos estou falando pero moitos outros non.
Firefox é o segundo navegador máis empregado polos usuarios de todo o mundo, en Europa aproximadamente o 30% dos internautas empregan Firefox.
Pero, ¿ por que empregar Firefox en vez de Internet Explorer?. Aquí as opinións son moitas e variadas segundo preferencias persoais e o perfil dun usuario. Para min hai tres razóns fundamentais: é software libre, é máis seguro e ademais de ser fácil de empregar conta cun numero abraiante de posibilidades de personalización mediante centos de complementos e extensións. Pero vaiamos máis polo miudo.
Firefox é software libre e gratuito, miles de usuarios comprometidos melloran día a día o producto e manteñen actualizadas as proteccións antifraude por exemplo. Como a maioría dos programas de software libre está ao voso dispor unha versión en galego (neste caso elaborada por MANCOMÚN). A razón de salientar que sexa libre ten que ver coa filosofía que imbúe o software libre da que xa falei algunha outra vez e da que podedes atopar información en calquera lugar da rede.
Firefox é un navegador moi seguro, para min moito máis seguro que o Internet Explorer como tiven ocasión de comprobar por desgraza máis dunha vez. Nesta nova versión con só premer un botón xa podemos ver se determinada páxina emprega unha conexión cifrada e se ten información de identidade, para ser máis claro se determinada páxina non se está facendo pasar por un banco, por exemplo, sen selo;o tan célebre phishing. A lista de lugares perigosos actualízase 48 veces ao día por xente de todo o mundo. Se chegas a un sitio atacante por erro, un cartel vermello avisarate do perigo que estás correndo. Outra característica de seguridade é que premendo o boton de "limpar información privada" toda a túa información de navegación se borrará do sistema. Estas son algunhas das características pero ten moitas máis como xestor de contrasinales,control de contido... .
Pero claro moita xente pode ter medo de tanta característica e dirá "debe ser complicado de usar", pero nada máis lonxe da realidade. O seu deseño é moito máis intuitivo que o de outros navegadores e pese a todas as características é moi sinxelo de usar. Pero non só iso senón que debido ás posibilidades de personalización, ademais de ser sinxelo pode facer moito máis sinxelas moitas das túas tarefas na rede. Esta é para min a grande ventaxa de Firefox, a personalización. Parte dunha premisa obvia: non todos somos iguais nin navegamos igual, polo tanto ¿por que non ter un navegador adaptado ás miñas necesidades?. Na páxina da Fundación Mozilla temos centos de complementos para personalizar Firefox segundo os nosos gustos e necesidades. Só temos que pinchar no complemento que queremos e este xa se baixa e se instala. Eu por exemplo adoito navegar mentres escoito música polo que teño un complemento que me permite manexar o reproductor de música desde o navegador e ademais proporciona información, letras e videos sobre o grupo. Outra extensión moi común é unha que permite descargar videos de youtube ou paxinas similares ao noso ordenador. A xente que precisa diccionarios de algún idioma ten centos onde escoller. Temos tamén o complemento "firefox fala galego" que nos permite a traducción automática do texto seleccionado do español ao galego. Pero hai moitos máis que van desde cambiar a apariencia do noso firefox ata ferramentas de construcción de web, pasando por outros que nos din o tempo que fai ou se alguén escribeu algon novo no noso blog favorito.
Por todo isto recoméndovos a todos que empreguedes a nova versión de Firefox e vaiades descubrindo porqué xa o usa tanta xente e porqué estamos tan encantados de telo. Neste enlace tedes o firefox e un pequeno video coas súas características: FIREFOX 3
sexta-feira, 13 de junho de 2008
U-la Europa Social? Século XXI rumbo ao XIX
Olas a tod@s:
Nesta semana o protagonismo mediático recaeu sobre os paros patronais de transportistas e armadores que protestan pola subida dos prezos de carburantes. Este tema coprotagoniza todos os debates, medios e tertulias xunto coas posibilidades de España na Eurocopa. Eu quero falar doutro tema, do que se falou algo menos e que, a verdade sexa dita, me preocupa algo máis: as famosas 65 horas da UE.
A reunión de ministros de traballo da UE decidiu aprobar a posibilidade aumentar o límite semanal de horas de traballo ate 65 , iso si, sempre que haxa acordo entre traballador e empresario. ¡E quedaron tan panchos!. Resulta que esa Europa "de lo social y de la democracia" era o que xa moitos sospeitabamos, un conto; pero non un conto de fadas e ananiños como nos querían vender senón un conto máis ben de orcos, trolls e demais bestas de lenda asociadas co mal.
No artigo que vos achegaba a semana pasada, E. Hobsbawm falaba diso denominado polos europeistas neoliberais como "deficit democrático"; ou sexa da nula lexitimidade democrática de moitas institucións europeas e, por extensión, da UE no seu conxunto. O parlamento europeu ten unha representatividade cando menos discutible se temos en conta a ínfima participación electoral nas súas eleccións. Ademais a maioría da xente nin sabe como funciona, cales son os seus poderes, etc . Despois están as cousas estas de reunións de membros dos diferentes gobernos onde aproban de todo sen que nos enteremos a metade das veces e sen consultarnos a outra metade. Algún podera dicir: " home ainda fixeron referendums para o da constitución europea". Certo é pero examinemos aquel proceso constitucional.
A iniciativa parteu das reunións dos xefes de goberno que crearon unha comisión para a creación dun "tratado constitucional". Isto pode parecer normal, pero nada máis lonxe da realidade xa que se trata da primeira constitución que eu coñezo que parte de xefes de goberno e non dunha asemblea lexislativa constituinte. Para entendernos, como se en España fixeran unha nova constitución ZP e catro ministros e a sometesen a referendum, unha risa.
Pero non acaba aí o conto xa que despois decidiron deixar á libre elección dos gobernos se esta se sometía a referendum ou se aprobaba no parlamento ( caso dalgún país do Leste). Non che vin eu constitución que non fose a referendum. Pero ainda hai máis, resulta que en Francia e Holanda gaña o non á constitución, e que no Reino Unido e nalgún sitio máis parece que tamén vai gañar. Entón que pasa? Que a UE vendo que aquilo non o quere a cidadanía decide retirar o texto antes de que saia derrotado nalgún estado máis. Seguindo a lóxica democrática aí debería rematar todo pero resulta que non, os xefes de goberno reúnense en Lisboa e deciden elaborar un tratado cortando e pegando trozos da falecida constitución e aprobalo. Entón para que nos preguntaron? Se dicimos que si non hai fallo pero si dicimos que non, collen as partes que lles sae de dentro e apróbanas igual. Un exemplo de democracia, si señor.
Pois ben a estas mentes pensantes de la "democracia europea y lo social" ocurriuselles agora aumentar o tope de horas que se poden traballar ata a semana ata 65 e disque o fan para que os traballadores poidamos "flexibilizar o noso tempo de traballo e estemos protexidos". Co de flexibilizalo deben querer dicir que poderemos escoller durmir ou mirar a tele nas horas que nos resten, e co da protección deben referirse á protección contra os raios ultravioletas pois máis dun corre serio risco de non poder ver o sol.
Pero tranquilos, a cousa éche optativa, só traballaran máis de 48 horas aqueles que decidan libremente facelo. JAJAJA. Esta medida xa existe no Reino Unido e un estudo recente amosa claramente que moitos traballadores son obrigados a traballar máis de 48 horas. Calquera de nós sabe o optativo que vai ser:
-empresario: Tes a opcion de traballar máis de 48 horas á semana, Pepe, pero recorda que eu teño a opción de botarte á rúa e contratar algún inmigrante que me traballe esas e máis.
-Pepe: Home sendo así vou optar por traballar máis.
E así che andamos no século XXI, aumentando o límite de horas que foi proposto e aprobado por primeira vez en 1919 na OIT. En vez de evolucionar, involucionamos. E non vaiamos facer moito ruido que xa anda máis dun ameazando con reformar a lexislación referento ao dereito á folga por se nos cabreamos e se nos dá por cortar rúas ou calquera cousa desas " propias de terroristas y bandidos". Viva la Europa de lo social, era "de lo social" en troques de social porque era "o social" o que se ía recurtar.
Mañá sabemos os resultados do referendum irlandés sobre o Tratado de Lisboa. Disque o non vai en cabeza. Pero tranquilos, máis dun cargo da UE xa dixo que se sae non haberá que repetir o referendum. Só lle faltou dicir "ata que eses irlandeses voten que si vai haber os referendums que fagan falta". Pode parecer unha broma, pero aos irlandeses xa lles fixeron votar o tratado anterior ata que saeu o si. Viva a democracia europea, esa na que a xente pode votar, pero, iso si, o que queiran eles.