
Olas a tod@s:
Levaba toda a semana pensando en escribir sobre o tema do lixo pero a cuestión das cámaras de vixiancia fíxome pensar sobre un fenómeno que ben pode facer referencia a estes dous temas: a implosión.
Podemos explicar este fenómeno como algo que estoura desde dentro ou cara dentro. Nisto parece que anda ultimamente sumido este noso goberno local. Explícome: nestas dúas últimas semanas o pacto de goberno foi posto a proba duramente polos seus propios membros e parece que o resultado foi que o goberno é sólido. Ainda así non estou eu tan seguro de que este resultado sexa tan certo como pode parecer a priori.
Os dous temas aos que me refiro son, como xa dixen antes, o lixo e as cámaras. Estes temas puxeron a proba ao goberno xa que parecían temas capaces de xerar certas fracturas entre os seus membros. No tema do lixo parece claro que EU e o BNG ían optar pola postura que ao final elixiron ( ainda que cun certo suspense no caso do BNG). Entón coincidiredes comigo en que o PG xa o debería saber tamén cando se lle deu por sacar esa iniciativa, polo que tamén podemos supoñer que o debate nos medios puido ser unha forma diso coñecido como " nadar e gardar a roupa" por se no futuro non melloran demasiado as cousas nese tema. No tema das cámaras non podo estar máis en desacordo coa resolución e co procedemento elixidos polo goberno e creo poder afirmar , sen moito temor a equivocarme, non ser o único votante dalgunha das forzas do goberno que o está.
Xa me pronunciei antes en contra das cámaras de vixiancia neste mesmo lugar e nalgún outro pero non entrara na cuestión dos procedementos empregados. Digo isto porque o procedemento empregado neste tema é, cando menos, irregular e eticamente reprobable. Non se pode aceptar como un procedemento democrático a seguinte sucesión de feitos: 1. Coloco as cámaras sen dispoñer dos permisos pertinentes e sen avisar da súa colocación 2. Cando se descubre, digo que a situación das cámaras é legal 3. Decido ampliar o número 4. Resulta que as cámaras eran legais pero, cousa rara, pido os permisos a posteriori 5. Anuncio que agora xa non son eu o responsable das mesmas senón outros concelleiros 6. O goberno aproba a ordenanza respecto das cámaras.
Cando menos parece que algún dos sucesos do final deberían ser os do comezo e tamén parece claro que a cuestión dos permisos é cando menos dubidosa. Resulta tamén curisoso que o seu creador e fero paladín, Alfredo Bea, ceda o seu control a outros edís. E por último, xa é a repanocha, que tanto o BNG como EU apoien esa ordenanza. Galiza Nova xa se ten posicionado en contra das cámaras en outros lugares, e polo de agora, Galiza Nova tamén é o BNG. Resulta ainda máis raro se temos en conta que o Movemento polos Dereitos Civís está integrado por moitos militantes nacionalistas e mesmo por asociacións do que podemos denominar "tecido social nacionalista".
O pacto de goberno xa naceu con moitas dúbidas nas bases sociais de EU e, sobre todo, do BNG. Coñecido é por todos que o BNG se sentiu moi perxudicado polo pacto de goberno e que grande parte da súa base social o contemplou con moita suspicacia. Decisións como esta das cámaras e as formas empregadas no tema do lixo, non contentaron nin aos votantes de EU nin aos do BNG ( neste caso máis ainda debido á tardanza en dicir que non). Parece que polo de agora estas dúas forzas son as que teñen que facer máis sacrificios de cara á súa base social. Estas situacións poden facer mermar moito os seus apoios se perduran no tempo, poñendo en perigo a cohesión do pacto de goberno. Se xa había quen tiña dúbidas respecto a certos compañeiros de viaxe, estas medran día a día polo que parece e poden chegar a fartar a gran parte da militancia e da base social destas dúas forzas e provocando crises no goberno. Esta posible crise non sería causa de factores externos, a oposición de PP e A Meca é polo de agora bastante lamentable, senón polas propias decisións e actuacións de membros do goberno máis interesados en réditos electorais futuros que na estabilidade presente. Só así se entenden certas declaracións de PSdG e PG na prensa no tema do lixo.
Logo parece que o da implosión non é tan disparatado como podería parecer, tanto máis se ata podemos case que identificar ao "implosionador" e incluso a máis de un. Debo dicir que non creo que esto vaia ocorrer polo de agora, pero non deberiamos descartar que comezase a suceder cando esten próximas as eleccións. Así o risco de implosión é baixo pero parece que medra mes a mes, ¿ou non?