quarta-feira, 1 de abril de 2009

U-los culpables? ( A pantasma de Tom Joad )


Olas a tod@s:

Andamos hai case un ano metidos na que din é a crise económica máis importante desde 1929. Por todos lados aparece a palabra CRISE, os seus efectos, algún dos seus detonantes ( burbulla inmobiliaria), profecías sobre a súa duración... ; dos non temos noticias e sobre os culpables. Podemos buscar e rebuscar por todos lados que estes non aparecen. ¿ Onde están aqueles neoliberais?, ¿ onde están os neocon, o FMI, o Banco Mundial, todos aqueles expertos que dicían que a economía española era unha máquina imparable?. ¿ Desaparecerían todos estes homes?. Non, pero mudaron de disfrace.

Se un se fixa si que andan por aí, impertubables e con outras roupas. Resulta que todos aqueles que se enchían a boca coa liberdade do mercado, a súa sabedoría e cousas polo estilo, son agora os mesmos que andan clamando pola intervención estatal e por unha nova regulación do sistema financeiro. Iso si, das súas prediccións e recomendacións anteriores nen sequera se retractaron. Vai un exemplo: ao pouco de comezar a emisión do programa "La noche en 24" en TVE entrevistan a un profesor da Univ. de Barcelona. O motivo da entrevista eran os altos prezos da vivenda en España. O profesor responde que as vivendas van seguir subindo de prezo durante decadas posto que a demanda era moi alta a causa do turismo, a inmigración... . O mesmo profesor hai dúas semanas no mesmo programa non tiña problema en dicir que o colapso do mercado inmobiliario xa se vía vir, que os expertos ( supoño que el se incluía nesa calificación) xa avisaran hai tempo e de que un crecemento económico baseado na construcción era pan para hoxe e fame para mañá, etc. ¡Haiche que ter valor!.

Todos os cónsules e procónsules do neoliberalismo andan reclamando axudas estatais e o rescate público polo mundo adiante. Isto pode parecer raro pero non o é. Simplificando moito a ecuación é a seguinte: eu monto os meus negocios, se van ben gaño unha manchea de cartos e non quero oir falar de regulacións nin de estado; agora ben, se a cousa vai mal chimpo empregados á rúa e pido toda canta axuda estatal e intervención pública haxa para salvar a empresa pero esta que siga sendo miña e que siga cobrando todo canto tiña no contrato. Só hai que ver casos como o dos executivos de AIG, de BNP ou do Royal Bank of Scotland.

Nada se oe falar da perversión do sistema, de como a crise amosa o fracaso do sistema económico creado após a II Guerra Mundial e modificado cara o horizonte da mínima regulación imprescindible nos anos 80 do pasado século.

En "As uvas da ira" de Steinbeck ( unha das mellores novelas da Gran Depresión), a familia protagonista, os Joad, sofrían este mesmo "andazo". Os Joad eran incapaces de ver a perversión do sistema, a súa maldade. Crían firmemente na súa bondade e eran incapaces de entender que todas as humillacións e penalidades que sofrían formaban parte e eran expresión do novo sistema capitalista ( o new order). Eran incapaces de entender que os empresarios se aproveitasen do alto nivel de paro para contratar traballadores case a coste cero mentres a xente sofría a falta de cartos.

Polo de agora estamos nunha situación semellante á dos Joad. Pero como na novela xa comezan a verse os primeiros actos de contestación por parte da cidadanía como vimos recentemente en Escocia e outros lugares do Reino Unido ou en Francia. Estes actos son tildados de "perigosos" e "radicais". En realidade o medo é o mesmo que o dos terratenentes da novela, que a xente se de conta de que pode mudar a situación se o intenta.

Tamén se fala, ou máis ben se profetiza, sobre a fin da crise. Que si o 2010, que si máis, que si menos. Todo sen ter en conta que a velocidade á que se dan as noticias e á que se move a información hoxe en día non fai que unha crise empece hoxe e remate mañá como ocorre normalmente con todas as noticias nos media. Para rematar só me gustaría recordar que a crise de 1929 durou 16 anos e só rematou tras a II Guerra Mundial cando se tiveron que reconstruir os sistemas.

3 comentários:

Olive Tree disse...

Hi, it's a very great blog.
Keep doing it !

Anónimo disse...

O mundo ao revés. Efectivamente os partidos liberais (PP) clamaban antes coa boca ben grande -estilo rababa-, hoxe coa boquiña pequena, pola libre economía de mercado, que de libre tén a ver ben pouco e de mercado como punto de acceso dos demandantes a el tamén che tén aínda menos. Sempre incidindo e proclamando mediante dogmas e soflamas que o Estado non tiña que intervir para nada na libre economía, que xa o mercado se regula e autoregula só; de súpeto pasan a dicir todo o contrario. A que non pedían que se repartiran as ganancias en investimentos sociais cando o capital gañaba o diñeiro a mans cheas?. Pola contra agora que interveña o Estado, que solte pasta e así socializamos as perdas. Non é doado de creer, que o capital para xogar o seu partido sexa a súa vez árbitro, impoña as regras e aínda por riba de todo acorde cal dos dous equipos é o que gaña. O se muda de sistema pola carcoma que o corroe, ou será sempre o mesmo: un begin de begin.

Anónimo disse...

nO gROVE o que sobran son "thieves", que lle lamben o sueldo ós mariñeiros e despois lles din: - En Riveira o peixe non vale un patacón...., pero esa culimaña de ladróns despois teñen cartos para invitar a cuchipandas ós "Poderes Fáticos" do Jrove....

Sodes uns cacos de pouca monta.