sexta-feira, 12 de junho de 2009

Esta casa é unha ruína ,ou mellor dito, estas casas

Olas a tod@s:

Remataron as eleccións europeas e como non podía ser doutra maneira, comezan a proliferar distintas análises nos diferentes espazos de comunicación. O máis comentado é o resultado das mesmas no estado español, ou sexa, a victoria do PP. Tendo esto certa importancia ( pero nin moito menos tanta como algúns parecen querer darlle) non vou a falar diso nesta entrada. Esta vai xirar en torno a dous sopapos: o que recibe a Unión Europea como forma organizativa e o que recibe en toda europa o socioliberalismo.

Antes de comezar convén explicar o termo socioliberalismo. Numerosos politólogos e historiadores usan o termo para referirse aos partidos políticos europeus que se adoitan chamar socialdemócratas. O termo vense empregando cada vez con máis forza nos últimos anos xa que, para moitos estudiosos, estes partidos xa non poden ser calificados de forma satisfactoria de socialdemócratas. Os especialistas soen situar esta transformación ca. 1980. A aceptación do liberalismo (mesmo nas súas formas máis agresivas) e a cada vez menor diferenciación entre conservadores e/ou liberais e os partidos socialdemócratas é a razón fundamental deste cambio de denominación.

Ben, estas eleccións europeas deixan, cando menos, dúas mensaxes claras: a Unión Europea na súa formulación actual non se comprende, non se entende ou é percibida de forma negativa por un número moi importante e crecente de cidadáns e o socioliberalismo desplómase en Europa a mínimos históricos.

A primeira mensaxe é facil de percibir. A participación nestas eleccións en moitos estados europeus caeu a níveles cómicos e ata se pode, moitos lugares, cuestionar a lexitimidade dos elixidos. A media europea foi do 43´24 %, habendo 11 estados con participacións menores ao 38% ( en Eslovaquia non se chegou nin ao 20%). Na maioría dos novos estados membros a participación rozou cifras ridículas de participación.

Esta ridícula participación é froito de moitas e diferentes cousas. A maioría dos cidadáns non teñen nin as nocións máis básicas do funcionamento da UE. Outra gran parte nin sequera percibe como se ve afectado pola Unión. O considerable deficit democrático na formulación da Unión arrepía a outros cantos que si saben como funciona o chiringuito. E ainda se poderían enumerar centos de explicacións máis.

A base da UE foron acordos sobre o libre comercio de diferentes productos sendo o máis citado a CECA ( Comunidade Europea do Carbón e o Aceiro ) de 1951. Non foi a base da UE nin a paz entre os estados nin ningún outro conto deses que se esforzan en contarnos habitualmente. Estas bases explican o desenvolvemento posterior ate a actúal UE, un desenvolvemento centrado e baseado no libre intercambio de mercadorías e no liberalismo económico. Eses son os campos máis desenvolvidos pola UE e os que realmente importan tanto a gobernos como empresarios. Como mostra podemos empregar o Tratado de Lisboa formado case por enteiro por disposicións neoliberais que formaban parte da fracasada constitución europea. Ou sexa, cando non se aprobou a constitución os gobernos europeos rescataron as partes referentes ao liberalismo económico e asináronas sen ter en conta o que os seus electores decidiran antes ( Francia p.ex) e sen rescatar ningunha das partes de "la Europa social". Así é como funciona a democracia europea e así colleita tamén estes grandes "éxitos".

Imos co segundo tema, que é realmente o importante: o naufraxio do socioliberalismo. Os resultados dos partidos socioliberais foron desastrosos en toda Europa agás en Dinamarca e en menor medida en España. Os sopapos máis grandes recibíronos o SPD alemán, os laboristas británicos e o PS de Francia , e non por esta orde. En moitos xornais e medios de comunicación reflexaron este naufraxio como o naufraxio da esquerda pero isto non é realmente así. Máis alá de que o calificativo de esquerda hai tempo xa que o perderon estas formacións esa análise non é real posto que agromaron moitas outras formacións de esquerda case descoñecidas anteriormente para o grande público. O caso máis significativo rexistrouse en Francia onde Europe Écologie, a coalición electoral encabezada por Daniel Cohn-Bendit ( o famoso Dany le Rouge do 68) acadou o 16'28 % dos votos a tan só o 0´2 % do resultado do PS. Non foi este o único caso pero si o máis claro ( en Alemaña Die Grünen, os verdes, e Die Linke, a esquerda, sumaron entre os dous 22 escanos, só un por debaixo do SPD).

Estes resultados reflexan o cansanzo cada vez maior do electorado respecto do socioliberalismo. Para algúns analistas isto é incomprensible xa que segundo o seu razonamento o neoliberalismo é o culpable da crise logo non ten moito sentido que os mais castigados sexan os socioliberais ( para eles socialdemócratas). Este razonamento é incorrecto na súa totalidade. Primeiro, tan culpables son os socioliberais como os conservadores da crise, só basta con botar un ollo aos gobernos da SPD en Alemaña ou aos laboristas de Blair e Brown. As súas políticas económicas e as súas solucións son case calcadas, tanto é así que en Alemaña xa gobernan xuntos. Como as solucións e as culpabilidades son as mesmas non se sabe porque extraño motivo ían culpar da crise exclusivamente aos liberias e/ou conservadores. Alguén pode dicir: si, é certo pero o Partido Popular Europeo e os Liberais tiveron uns resultados altísimos. Isto non é tan certo. Primeiro, o seu grupo está moi inflado grazas a que en moitos dos estados do este europeu case que só existen opcións conservadores e de ultradereita. Segundo, realmente moitos destes partidos tamén perderon votos e mesmo porcentaxe como a CDU en Alemaña. Terceiro e máis importante, postos a escoller polo menos as opcións do PPE sempre foron os paladíns do neoliberalismo e do mercado, polo tanto decepcionaron (ou engañaron se se quere) a menos xente. Digo eu que postos a escoller entre o neoliberalismo ou neoliberalismo versión edulcorada sempre funciona mellor o primeiro por ser o orixinal e ter menos contradiccións ( diso xa tivemos proba en Galiza ultimamente co Bipartito).

A baixa participación nestas eleccións fai dificil sacar conclusións claras destes comicios pero as preguntas están aí: ¿ comeza o fin do socioliberalismo europeu?, ¿ comezan a nacer alternativas desde a esquerda ás formulacións actuais encarnadas en novos partidos e novas formas de organización políticas con peso real en Europa?.

As respostas virán co tempo

3 comentários:

Anxo Bama disse...

Pois si, ao meu parecer estanse xestando alternativas en Europa e todo o mundo con posibilidades incluso electorais, de como estas se organicen, de como siga a situación económica, e de se conseguen que a pobación sexa recpetiva á suas ideas dependerá o futuro de Europa e do mundo a medio prazo

Anónimo disse...

O tema non ven a colación, pero si che interesa podes agregar ó teu blog o novo blog que fixemos uns desinteresados (económicamente), apolíticos, proscritos e soñadores da idea de que outro mundo é posible.

nonaocampodegolf.blogspot.com

Un saúdo.

Gracias.

Escévola disse...

Engadido o link. ¡Sorte na andaina!