
Olas a tod@s:
Despois duns días sen escribir porque as ocupacións non mo permitían quero darvos a miña opininión sobre un tema que recordei hoxe por casualidade. Ben, a historia comeza o verán pasado cando uns turistas que alugaran un piso na Catorse ou na Pratería (agora mesmo non o recordo) me preguntaron onde podían tirar o lixo. Eu resposteilles que por desgraza o lixo nestas rúas non se bota en ningún contenedor senón que se pon á porta ata que veñen os operarios a recollelo. Os dous turistas quedaron abraiados a mirar para min e logo ( insensatos eles) preguntaron onde se podía tirar o vidro e o cartón para a reciclaxe. Tras darlles unhas indicacións voltaron ás súas casas e cando xa se afastaran de min exclamaron: Cari, este es un pueblo de cerdos.
Eu por suposto non concordo de todo con esta última afirmación pero si que a comprendo. O sistema de recollida de lixo de Ogrobe é penoso ( e seguramente algunha cousa máis). Hai rúas onde o lixo non se recolle os sabados pola noite porque o camión grande que o único que traballa o sabado non cabe e entón non se pode recoller. Unha destas rúas é a Pratería, onde cada día hai máis locales de ocio. Tras as protestas dos hosteleiros o anterior concelleiro do ramo comunicou que bueno se a levaban ata a Catorse ou Alexandre Bóveda xa estaba e que ao final o camiño non era tanto. O mesmo ocorría cando da reciclaxe falamos. En resume veu a dicir que levar o lixo ata onde os encargados da recollida pasaran a recollelo non era tanto. Está claro que o camiño non é moito pero esta afirmación clarifica os termos sobre os que se ten construido o sistema do lixo no concello. Primeiro hai que dicir que é totalmente terceiromundista que moitas calles de Ogrobe non teñan contenedores normais e moito menos de reciclaxe. Segundo os veciños e veciñas pagamos para que o concello nos recolla o lixo e polo tanto non me parece moito pedir que o recollan todos os días, máis ainda cando se nos enche a boca continuamente con que somos unha vila turística ( pero isto debe ter reflexo só en outro tipo de infraestructuras). Calquera de nós ten pasado pola Catorse e por algunha rúa máis onde por non ter sido recollido, non estar nun contenedor e por causa do mal tempo, o lixo andaba ciscado por aí ao longo da rúa. O tema da reciclaxe xa é de risa. Moitos temos que ir ata o Corgo ou ata o Pabellón para tirar lixo nos contenedores de reciclaxe. Son da opinión de que hai que facilitarlle ás persoas a protección do medio e a reciclaxe, non pór os contenedores lonxe (para non molestar aos veciños que non lles gusta ver contenedores) a ver se así xa desmoralizamos á xente que este disposta a reciclar. Nos anos nos que vivin noutros concellos en todos tiven a menos de 50 metros contenedores normais e para reciclaxe ( debe ser que á xente non lles molestan ou que alí valen menos). Sempre se pon como excusa que ninguén quere contenedores preto da casa pero o certo é que, no caso dos contenedores de reciclaxe da Catorse, non é que non os quixeran, o asunto era que non se baleiraban e o lixo botaba por fóra e coa choiva formaba un auténtico espectáculo. Noutros casos hai un par de contenedores onde fan falla polo menos catro, botan por fora e ademáis débense limpar unha vez ao ano. Certo que moita xente é porca e non colabora, só hai que ver os vertedoiros que proliferan por aí adiante, pero tamén é certo que o concello non pon os medios suficientes nin moito menos e, tamén é certo, que comportamentos coma o dos vertedoiros non se castigan como se debera. Pois ben, seguro que todos vos coñecedes algún tema máis sobre o lixo, a ver que fai o novo concelleiro do ramo. Porque xa sabedes, podemos deixarnos ir pero despois non nos debe extrañar que moita xente diga: Esta é unha vila de porcos.