domingo, 17 de junho de 2007

Coidemos o patrimonio, para nós e para os que veñan despois


Olas a tod@s:
E como hoxe estreamos goberno quero pór sobre a mesa un tema que me ten apenado desde hai anos. Este ía ser o tema co que tiña pensado abrir o blog pero coas eleccións, co urbanismo e co resto de temas que foron saindo funo adiando e creo que agora, que bota andar un novo goberno, é un bo momento para plantexalo. Refírome a área arqueolóxica de Adro Vello e o seu máis que lamentable estado. A maioría dos veciños nin sequera saben o que realmente agocha, si a maioría saben que é un cementario pero isto é só unha parte do que é. Adro Vello é o que se denomina un xacemento de ocupación múltiple, isto quere dicir que no mesmo lugar ao longo do tempo existiron diversos ocupantes en diversas épocas. En Adro Vello temos unha villae romana do Baixo Imperio , unha igrexa ( de época visigoda e construida sobre un templo pagán) e un conxunto defensivo altomedieval e unha necrópole que creo recordar vai desde o século VIII ate o XVIII. Todo isto sería suficiente para que nos preocupasemos máis polo seu estado pero ainda hai máis. É un xacemento importante no conxunto de Galicia porque se atoparon máis de 1200 restos humanos que son moi dificiles de atopar en Galicia debido a acidez da terra que acaba rapidamente cos restos. As excavacións nunca puderon ser rematadas posto que a estrada do Carreiro pasa por encima do xacemento. Aos ocupantes desta villae romana debémoslle a honra de seren a primeira conserveira da historia de Ogrobe pois adicábanse á salazón e fabricación de garum ( unha especie de prebe de pescado) que despois exportaban a Lucus Augusti e outros lugares do interior.
Pois ben todo este rico complexo leva anos totalmente deixado da man de Deus ( recentemente foi limpado por Patrimonio pero segue a ter un estado lamentable) mentres os gobernos do PP especulaban con non sei que museo e algunha xenialidade máis. Todos estes restos xa están nun museo, no de Pontevedra que é o museo de referencia. Sempre que alguén protestaba pola situación de Adro Vello comezaban a sair excusas que normalmente tiñan que ver coa Dirección de Patrimonio e tal. Ben, para as diversas intervencións que se realizan nun área arqueolóxica calquera fan falla autorización de Patrimonio (limpeza,letreiros,consolidación...), iso é certo pero tamén o é que a Lei de Patrimonio de Galicia fixa como responsabilidade dos concellos manter e coidar o patrimonio que teñan no seu territorio. Ademais a cuestión non é que se denegaran os permisos, o caso é que nunca se pediron. Polo tanto eu creo que chegou a hora de que reclamemos que se continuen as excavacións, que se consolide o xacemento, que se poñan paneis informativos e de que se lle explique aos veciños e veciñas a riqueza que este lugar contén e o seu significado. Porque é dificil que a xente valore cousas que descoñece. Temos que pensar que o patrimonio é noso pero que tamén o é de todos os que veñan despois de nós. Debemos coidar o patrimonio pois o legado dos que nos precederon e porque agocha ensinanzas e marabillas, ou simplesmente por ensinarllo aos turistas se esta é a única maneira de que o coidemos. A ver se o novo goberno amosa máis preocupación.

10 comentários:

antón mascato disse...

Estimado, estimada, Escévola:
Antes de máis nada agradecer o teu blog pola súa calidade e interese. E agradecer especialmente o comentario de hoxe ao que lle entro ao trapo, sen demora, sen sequera preparar mínimamente esta resposta. Durante toda a campaña electoral en todos os encontros cos veciños nos barrios, falei de San Vicente, do Carreiro, de Adro Vello... E sempre comezaba dando un dato... despois de Santiago de Compostela o concello de Galicia que recibe maior número de visitantes, de visitas de turistas, que non é o mesmo que de turistas residentes (aqueles que teñen a súa residencia de vran en Sanxenxo ou Baiona, por exemplo)é A Guarda. A súa citania castrexa, do monte de Santa Tegra, recibe cada ano uns 400.000 visitantes que pagan unha entrada (un euro hai uns meses) por subir ata ese musealizado atractivo turístico e cultural. Eso significa que só pola recadación de entradas o Concello de A Guarda ingresa varias veces o orzamento que ten a concellería de Cultura do Concello de O Grove. Non vou referir o que supón para a economía de A Guarda o que eses 400.000 visitantes (ao longo de todo o ano, non só no vran) deixan nos comercios, restaurantes, hoteis e demais servizos do Baixo Miño... De verdade que repetín esa monserga en cada mítin de barrio, pero moi especialmente no de San Vicente.
E dixen cousas semellantes a respecto dos muíños, de canto ben de interese cultural temos, da rectoral de San Vicente... Se mudamos a mentalidade e deixamos de crer que o turismo son unicamente boas dotacións hosteleiras e comprendemos que o novo turismo, o do futuro, é medioambiental (temos un magnífico espazo natural, aínda non demasiado desfeito...) e cultural (do que non estamos sobrados, pero con moito patrimonio aínda por poñer en valor, por facer que emerxa...) pois teremos avanzado na percepción popular de que un investimento en cultura e medioambiente transfórmase en recuperación económica cun multiplicador de quince veces por cada un do investido...
Tes toda a razón co de Adro Vello, e se a eso lle sumas Castros e outros xacementos paleolíticos, resultará un censo arquolóxico máis que notable. Sábese dun Castro no Grove que foi cuberto cunha "planchada" de formigón por un empresario (unha besta) que quixo poñer enriba un galpón, sabedor de que non podía facelo. Unha vez escavado, consolidado, musealizado e posto en valor, será un dos principais atractivos do Grove. Non ignoro as enormes dificultades que teremos pola estrada que enterrou aínda máis o xecemento múltiple, nin da vivenda que hai enfronte do escavado. Non ignoro a gran valentía política que compre ter para paralizar inmediatamente as construcións ilegais (aberrantes) que se están facendo nesa punta do Carreiro, aplicando con todo o rigor a Lei que obriga á reposición da legalidade, e negociando cos veciños legais para indemnizalos, ou compensalos, polas dificultades que podan derivarse desa intervención absolutamente necesaria.
Pero non vai ser doado, porque quizáis encontremos sorpresas entre os propietarios desas ilegais construcións da punta do Carreiro, que dificultarán enormemente o desenvolvemento das accións necesarias para facer de Adro Vello o principal recurso turístico-cultural (non ambiental) do noso Concello. A valentía política será a clave da futura acción deste goberno; se non a temos, pouco poderemos avanzar, mentres que se temos vontade decidida de aplicar a Lei, de tratar a todos por igual e non consentir novas aberracións urbanísticas, será posible transformar, recuperar parte do pasado que asulagamos e ordenar o futuro deste concello tan mal tratado pola man do home.
Ás persoas que, como no teu caso, teñen preocupación por estes asuntos pídolles que se poñan en relación cos concelleiros responsables do novo goberno, para que unha vez que asuman as responsabilidades específicas, podan recibir de vós as inquedanzas, as informacións e as axudas necesarias para que melloren o seu labor. Escévola, eu agardo ter esa axuda da túa parte, máis alá do teu intelixente Blog.

Anónimo disse...

E A Siradella, e Cantodorxo, O Castriño xa nomeado, e A Torre...

Escévola disse...

Moitas grazas Antón polo teu comentario, en temas como a defensa do patrimonio ou da memoria histórica sempre atoparás o apoio ou axuda deste que escribe así como as críticas cando sexan necesarias. Concordo co teu artigo pero hai que ter coidado en relacionar tan estreitamente arqueoloxía e valor turístico xa que tampouco é cuestión de supeditar ciencia ou cultura ao valor monetario. Sobre isto último e os problemas que está traer trata un libro que acaban de publicar o profesor Bermejo e a profesoa LLinares: O valor da arqueoloxía, que vos recomendo que leades se vos interesa o tema. Respeito dos xacementos estou de acordo en que vai traer moitos problemas a súa consolidación, excavación e posta en valor pero ademais de ser o xusto tamén hai que ter en conta que é o legal e o lexítimo, por iso debemos traballar todos nesa dirección. Ademais tampouco se terán os problemas que había coa anterior Directora Xeral de Patrimonio que era a responsable directa das maiores aldraxes que sufriu o patrimonio galego nos últimos anos. O actual Director Xeral é un dos arqueologos máis reputados de Galicia ( só hai que ver todo o que fixo no castro de Viladonga) ademais dunha persoa íntegra e honrada.

antón mascato disse...

Coñezo persoalmente a Felipe Arias, o Director Xeral de Patrimonio, e sei da súa valía profesional e científica (publiquei un libro seu) e do seu enorme valor humano. E por suposto coñezo ben o Castro de Viladonga e a exemplar musealización alí realizada, baixo a súa dirección. Non dubido de que con el nese cargo será máis doado xestionar o xacemento de Adro Vello e calquera outro asunto relacionado co seu posto. Non me refería a Patrimonio no meu comentario, falaba doutra entidade que rexe unha parte do territorio coa que imos topar problemas polas implicacións e intereses persoais de determinados altos funcionarios. E teño que parar aquí por prudencia, que agardo sexa ben entendida.
Non lin ese libro, pero asegúroche que me farei con el, interésame o asunto e xa sei que está editado en Lóstrego. O tema da para falarmos durante varios congresos e non é cuestión de aburrirmos ás pedras, e moito menos aos que nos leen, tal e como o vexo, resumindo e seguramente vulgarizando, creo que o Estado non pode dedicar á arqueoloxía ou ao patrimonio todos os recursos que son precisos, só unha pequena parte do necesario; polo que só mediante a posta en valor "comercial" (suliñado) do Patrimonio será posible recuperar, manter, divulgar e ampliar o noso Patrimonio. Lamentablemente creo que a explotación turístico-comercial dos bens culturais patrimoniais é non só inevitable, se non case a única vía de solución parcial para o futuro. Seguramente non concordas, sei que non é a posición máis culturalista (a que me gustaría defender) pero sí creo que é a vía posibilista á que estamos abocados. E para que me entendas mellor, eu tamén prefiro o concepto a longo prazo e a actitude honesta de Antonio de la Peña, á vía rápida e cemento de consolidación de Hidalgo Cuñarro. Neso, polo menos, estamos dacordo, non sí?
Agradézoche a túa dispoñibilidade para axudar e para criticar.

Carlos Lema disse...

A recuperación e posta e valor, educativo, turistico, etc. do xacemento de Adro Vello creo que é unha obriga primordial do novo goberno. Non teño a menor dubida que a concelleria de cultura baixo a batuta do BNG e nomeadamente de Anton Mascato vai darlle a CULTURA con maiuscula, a importancia que se merece e estou ben seguro que serán actuacion dese tipo as que poidan traer a Ogrobe un turismo o longo de todo o ano, lonxe dos matarifes dos palomos que é pan para 9 dias e fame para o resto do ano.

Anónimo disse...

Antón e Escévola, moitas grazas por facer cultura na rede, ben razonada, ben escrita e moi ilustrativa, é como ir ás clases do instituto dende a casa. Que os deuses do Olimpo vos teñan na súa gloria, aos dous...

Rodrigo disse...

Oi, achei teu blog pelo google tá bem interessante gostei desse post. Quando der dá uma passada pelo meu blog, é sobre camisetas personalizadas, mostra passo a passo como criar uma camiseta personalizada bem maneira. Até mais.

Anónimo disse...

PREFIERO LEER ITALIANINIS DESPISTADOS QUE DESLENGUADOS QUE NON SABEN FACER MAIS NADA QUE INSULTAR, DESPRESTIGIAR E CREAR ESPÍRITU DE MAMPORREROS DE TRES AL CUARTO, COMO ESE QUE DICEN QUE ESCRIBE EN CONTRA TODO LO QUE SE MUEVE DEL BLOQUE. QUE VERTEDERO TENDRÁ EN SU CABEZA PARA DAR TANTA BASURA.

Anónimo disse...

華麗夢想,
夢世界,
酒店經紀,
酒店工作,
酒店上班,
酒店打工,
禮服酒店,
禮服公關,
酒店領檯,
華麗夢想,
夢世界,
酒店經紀,
酒店工作,
酒店上班,
酒店打工,
禮服酒店,
禮服公關,
酒店領檯,
華麗夢想,
夢世界,
酒店經紀,
酒店工作,
酒店上班,
酒店打工,
禮服酒店,
禮服公關,
酒店領檯,
華麗夢想,
夢世界,

Anónimo disse...

Il semble que vous soyez un expert dans ce domaine, vos remarques sont tres interessantes, merci.

- Daniel