domingo, 29 de julho de 2007

Duascentas candidaturas? Así fago eu 2000.


Olas a tod@s:
Pois eso, segundo a Voz de Galicia o PP de Pontevedra presentou a máis de 200 pontevedreses ás eleccións municipais igualando ou superando ás que recolleu o PP de toda Andalucía. O asunto é que segundo a dirección cada provincia galega tiña que presentar 100 candidatos mínimo. Esta cifra só foi conseguida polo PP de Pontevedra e polo de Ourense. O mellor de todo é que fontes do PP de Lugo atribuen os famosos casos de Ogrobe a "la bisoñez de primerizos que lo malinterpretaron todo". Debe ser que a estes primerizos dixéronlle que había que xuntar 400 en toda Galiza e como non se chegaba tiverón que meter ata xente que non quería ir. Surrealista, é como se dixeran: robar robamos pero claro fue porque dijimos que había que conseguir dinero y la gente, que es muy bruta, lo malinterpretó y atracó el banco. Ala machiños que xa vos vale.
Por outra banda, dúas das persoas afectadas xa presentaron denuncias e as penas de cárcere poden ser importantes para os responsables da corruptela, ademais o cuatripartito xa anunciou que vai investigar e enxuizar aos responsables. Unha curiosidade que teño é ver se o fiscal da Audiencia xa se digna a investigar o asunto como dixo que faría cando se presentasen as denuncias ( debía ser que antes o asunto non era moi importante e entón non facía falta investigar, entón ¿ cales serán os delitos importantes?). Pero o mellor de todos é o noso ex ( exalcalde, que non se malinterprete) que ainda non dimitiu e, polo que parece, tampouco ten intención de facelo. Despois de falar os primeiros días e decir que pedía perdón o home xa non dixo máis, debe estar esperando a ver se ao pasar o día pasa tamén a romería e se zafa do asunto. E así nos vai con sospeitosos de 3 delitos ( e de bastantes temas de corrupción urbanística) estando de representantes no concello. Eso si, ainda que desto non dixo nada esixiulle a Fredi Bea que retirase a publicidade electoral das partes de atrás dos sinais de tráfico, que ainda que a min tamén me parece ben, paréceme un tema menor comparado con este. Por favor, ese home que se vaia para a súa casa se quere conservar un pouco de dignidade e que non siga a manchar o nome de todos os cidadáns de Ogrobe sendo un dos seus representantes.
Para rematar, parece que os avogados do ex van ter traballo abondo para despois do verán, como decía a canción: ¿Que le estará pasando al probe de Miguel?.
P.D: xa vimos como a xente do PP no canto de pedir dimisións acreditan en conspiracións e tonterías, máis unha vez a mesma historia. Señores, non somos tontos nin chupamos o dedo, o que teñen que facer os responsables políticos salpicados por delitos é dimitir. Xa sabemos que no estado español é raro pero se os cidadáns llo esixísemos ( e máis os seus votantes) xa veriades se o facían, pero claro temos os políticos que nós permitimos que estén.

sexta-feira, 27 de julho de 2007

O Grove, Ogrobe ou OGrove, ata para o nome somos raros.

Olas a tod@s:
Interrumpo a política local para respostar a un correo dun lector deste blog referente ao topónimo de Ogrobe.Primeiro grazas por aportar un tema para o blog, ademáis acabo de rematar un libro no que sae o caso do noso topónimo e era un libro moi interesante que me gustaría compartir con vos.
O caso do topónimo da nosa vila é complexo, os últimos estudos da toponimia parece que xa derón coa solución trás atopar unha orixe etimolóxica clara e solvente. Parece ser que o nome da nosa vila estaría en relación cos famosos topónimos co sufixo -briga. Este sufixo provén do indoeuropeo -bhergh e significaría altura, monte, altura fortificada e acepcións similares. Este topónimo está en relación con zonas de poboación de elementos culturais célticos e así o amosan as fontes que os recollen (ademais de en Galiza) na Celtiberia, na Galia, Irlanda e zonas de Xermania. Este sufixo derivou en algunhas formas diferentes entre as que atopamos as formas -be ou -ve. Algúns exemplos son Castrove ( que ademais está demostrado procede de Castro bris/briga) ou Tragove ( do celta tragos, curso de auga. Polo tanto segundo os últimos estudos Ogrobe proviría de okro-bris que significaría CIDADE DO MONTE e polo tanto a forma correcta de escribilo sería Ogrobe, tamén Ogrove pero nunca O Grove. Espero que este artigo sirva para respostar a esta controvertida cuestión, procurei non estenderme moito para que non fose moi pesado pero se tedes algunha dúbida avisade que xa sabedes que resposto.
Aproveito para falarvos dun libro moi bo para achegarse á controvertida cuestión da celticidade de Galiza. A min pareceume moi bo porque ,ademais de ser científico e de reflectir as últimas investigacións sobre o tema, é un libro moi didáctico non só orientado aos profesionais senón a calquera persoa. É un libro de lectura fácil e aborda dunha forma moi ben organizada esta dificil cuestión. Eu non sei cantas veces tiven que respostar a preguntas de amigos e coñecidos coma esta: ¿ entón os que vivían aquí antes dos romanos eran celtas ou que eran? con sempre a mesma resposta: home, é unha cuestión moi complexa como para explicala aquí en cinco minutos. Pois ben con este libro calquera pode achegarse a este anaco de historia tan apasionante e tirar as súas propias conclusións e non fai falta ser un entendido nin un profesional da cuestión. O libro titúlase: A GALICIA CELTA é de Antonio Balboa Salgado e está en edicións Lóstrego. En serio, é dos mellores libros de historia que lin ultimamente.

domingo, 22 de julho de 2007

¡Que se vaian para a súa casa ( ou para o carcere)!


Olas a tod@s:
Sabedes que normalmente non me gusta acusar a persoas ou partidos políticos de delitos sen que estes se tivesen constatado como tales, hoxe vou facer unha excepción posto que este asunto xa non é que sexa un escandalo, senón que é unha das barbaridades máis grandes que se teñen dado neste noso concello. Escribo este artigo desde a máis profunda indignación así que se hoxe son moi duro, polo menos xa vos aviso antes. O tema en cuestión é o escándalo da presentación de traballadores do concello ás eleccións municipais en Euskadi sen teren estes dado o seu consentimento. En si que haxa polo momento 5 casos e a gravidade dos feitos xa fai que polo menos máis de un xa tivese que ir para a súa casa ( polo menos). A resposta do PP é xa de traca, por un lado fontes do PP din que tiñan o consentimento; por outro o noso Flanders tenta reunirse cos afectados para tentar evitar as denuncias; o Louzán ( xefe do PP pontevedrés) nin abre a boca para decir calquera cousa e finalmente, o Nuñez Feijoo pide desculpas e di que se investigará e que haberá depuración de responsabilidades. Bonito lío, ou sexa todo á vez que así xa non hai equivocación posible. En román paladino, un escándalo e unha tomadura de pelo a todos os cidadáns e ao sistema democrático. Cabe preguntarse por unha serie de casualidades e declaracións. Primeiro, ¿ se xa tiñan o consentimento porqué se oculta e se tentan evitar as denuncias a calquera prezo?, ¿se non hai nada que agochar que problema hai en sair e dicilo ou mesmo en que te denuncien?. Segundo, ¿como é posible que sendo todo legal para algúns, Flanders e Feijoo xa pidan perdón e aseguren depuración de responsabilidades?. Terceiro, ¿ se está todo tan legal por que non sae o Louzán a contarnos algo?. Despois temos as "casualidades de la vida", catro traballadores do concello no Grumir e outro que fixo un curso no concello, que ademais o concello tiña a fotocopia do DNI para o contrato laboral e que ademais ningún sexa militante do PP e nalgún caso que eu coñezo nin simpatizante nin votante. Entón teremos que crer que en realidade pese a non ser simpatizantes do PP si que consinten voluntariamente ir nas súas listas e despois queixanse pero por molestar. Xa, e nós somos tontos e chupamos o dedo. Pero claro para ser todo tan legal resulta que hai moito medo ás denuncias ( xa sabedes que como se di popularmente "quen ten cu ten medo") xa que os cargos poderían ser tres, e por riba graves, usurpación de identidade, fraude electoral e falsificación de documento público. Eu creo que o mínimo que xa se lles pode esixir aos dirixentes do PP é a súa dimisión de calquera posto de responsabilidade política ou pública en Ogrobe, a dimisión de Louzán e unhas pormenorizadas explicacións por parte de Nuñez Feijoó. Isto como mínimo e se polo menos queren marchar con certa imaxe de dignidade que eu hoxe non lles outorgo. Ademais a fiscalía xa podería actuar de oficio xa que considero que estes delitos son o bastante graves. Agora ben, tamén todo o pobo meco lles debe deixar clariño a esta caste de individuos que non toleramos aos trampóns e aos mentireiros, que non toleramos a quen quere convertirse en paladín da democracia pero non lle importa pervertila e violala e , en definitiva, a quenes abusan desde o poder co único obxectivo de alcanzar máis poder. E todo isto débese dicir e se , ainda así, estas persoas teiman en seguir sendo representantes do pobo nas próximas eleccións non as debería votar nin a familia. Porque tamén vos digo outra cousa, se isto non ocorre, que ninguén se queixe nunca máis dos políticos que hai porque entón o que ocorre e que tragamos todo ou , como dixo Castelao, mexan por nós e dicimos que chove.E ainda vos digo máis, ¿ se isto non chega para que estes fulanos se vaian ou os botemos, que se supón que teñen que facer? Porque eu a verdade xa non sei que máis teñen que facer para que a xente os largue para as súas casas ( ou a xustiza para algún outro sitio).
A noticia na Voz de Galicia

quarta-feira, 18 de julho de 2007

¿Pedir disculpas por que?


Olas a tod@s:
Leo hoxe no Diario de arousa que o noso novo alcalde pide perdón a todos os veciños que se sentiron agraviados por non ter ido á misa do Carme e que por evitar confrontacións non se voltará a repetir. Pareceme lamentable. Non entendo primeiro porqué ten que pedir perdón xa que non están entre as obligacións dos alcaldes acudir ás misas en representación do conxunto da cidadanía xa que esta non ten porque ser crente de tal relixión, nin a igrexa é unha institución que forme parte da res publica. Sei que sempre se di deste tipo de cousas que en realidade son tradicións, non estou de acordo, se fosen tradicións, entón ¿cal é a liña que separa relixión e tradición cultural?. Ademais asistir a un acto relixioso debe ser unha decisión persoal e só atinxir ao ambito da privacidade persoal, non , como no caso de cargos públicos, atinxir ao cargo e polo tanto á representación dunha cidadanía que non ten porqué compartir ese conxunto de crenzas. Isto obviamente ten ademais a súa orixe na escenificación da subordinación histórica ( e no caso do estado español ate hai moi pouco) do poder temporal perante o poder relixioso ou, cando menos da ligazón entre relixión e poder político. Paréceme peor ainda o de "evitar confrontacións" e polo tanto ir en anos próximos, ¿quere dicir iso que se en anos posteriores os ateos nos vemos ofendidos pola asistencia o alcalde vai deixar de ir ou iso só funciona no caso dos católicos?. Eu estou bastante canso de ver como certos políticos se pregan ante esixencias relixiosas únicas na Europa occidental, temos o caso do ensino concertado e as prazas que nunca ofertan a inmigrantes, a asignatura de relixión nas escolas, agora a obxección que disque van facer os centros concertados católicos da asignatura de educación para a cidadanía ( ¿se un alumno se nega a ir a calesquera outra asignatura tampouco vai pasar nada ou tamén só o poden facer os católicos?). Sr. Alcalde se vostede é católico e quere ir á procesión, a misa ou a romería, vaia pero vaia a título persoal porque eu desde logo non quero que vostede me represente en ningún acto relixioso, ¿ vai atender esta petición ou eu merezo menos respeto que os cidadáns católicos?. Os tempos eses de que os políticos tiñan que ir á misa coido que xa pasaron, ao igual que os tempos onde unha relixión era a verdadeira e propia do estado. A min dame igual as crenzas persoais de cada un porque estas pertencen ao ámbito privado e individual pero logo tampouco temos que facelas actos públicos coa asistencia de alcaldes en cualidade de alcalde xa que entón xa estaremos traspasando a barreira do privado e invandindo a esfera pública. Digo que eu que os crentes católicos non terán porqué imporlle a ninguén a súa participación en actos de relixión e menos a toda o pobo pois isto é o que representa un alcalde, a totalidade do concello.Non sei despois resulta que a igrexa está perseguida e que os ateos non somos respetuosos ( por certo para a igrexa non hai ateos só agnósticos), xa xa, xa se ve que si.

segunda-feira, 16 de julho de 2007

Historia II: Democracia e falanxe hoplítica



Olas a tod@s:
Como xa vos dixera o outro día cada certo tempo intercalo temas de historia, antropoloxía, mitoloxía ou relixións coas novas de Ogrobe, así que alá imos coa segunda entrega.
Nesta entrega imos falar da falanxe hoplítica, esta consiste na formación pechada que empregaban os exércitos gregos e que consistía en cadrados de soldados de infantería moi armados e protexidos que loitaban en formación pechada. Recibe o seu nome da súa carácterística principal o hoplon ou escudo redondo duns 90cm que se levaba amarrado ao antebrazo esquerdo. O armamento principal era a lanza ou sarissa que medía 2´5 m. e que tiña un contrapeso para poder manexala cunha soa man. A fortaleza da falanxe residía en que formaba unidade dificil de acometer por semellar unha muralla infranqueable de escudos e lanzas. Estaba baseada no compañerismo e a solidariedade entre os seus membros e a súa primeira lei non escrita era non abandoar aos compañeiros de fila e polo tanto non romper a formación. Para o combate de curto alcance ían armados de espadas curtas. Como xa vos dixen a falanxe baseábase na solidariedade hoplítica xa que o escudo cubría o lado esquerdo de quen o levaba e o dereito do que o antecedía na fila. Os hoplitas repartíanse segundo fose a súa experiencia no combate maior ou menor entre a primeira fila (veteranos) e as seguintes. O seu nacemento crese está en torno ao século VII a.C. , se ben existen discusións. A falanxe revolucionou a forma de guerrear na Grecia Antiga pasando a estar a clave da victoria na solidariedade e non nos meritos individuais. Este cambio alcanzou pronto ao sistema político xa que os hoplitas consideraron logo que se a fortaleza do exército descansaba sobre eles outro tanto debería ocorrer co goberno das polis. Así os hoplitas que eran cidadáns ( o armamento hoplita era caro e só estaba ao alcance dun reducido grupo) fixeron fronte á aristocracia e foron reclamando cada vez maior protagonismo dentro do corpo dos cidadáns. Por iso moitos historiadores poñen a falanxe hoplítica como base e orixe da democracia grega. Ben, tamén hai que deixar claro que esta democracia ainda así so alcanzou a unha parte moi reducida dos poboadores das polis ( calcúlase que o 25% en tempos de Pericles), hai que dicilo porque se adoita a mitificar excesivamente a democracia grega ( e sobre todo a ateniense) e a comparala cos sistemas democráticos actuais. Ainda así a democracia grega introduce figuras curiosas como o ostracismo que si merecerán futuros comentarios no blog. A todo esto, moita xente me leva preguntado ultimamente sobre a batalla das Termópilas por causa da peli 300, é certo que os espartanos resistiron a un gran exército invasor persa durante os días suficientes como para abortar o ataque por sorpresa persa. Ainda así non foron só espartanos xa que de Esparta en realidade era o continxente con menor número de tropas pero si é certo que a súa fama como soldados fixo que se lles cedera o mando das tropas. Unha das razóns da victoria grega foi a superioridade da falanxe hoplítica sobre as unidades en formación dispersa persas xa que estas tiñan moi dificil atacar os bloques compactos gregos sen sufrir enormes perdas e , máis ainda, sendo un paso montañoso no que non había maniobrabilidade.

quarta-feira, 11 de julho de 2007

As inmobiliarias, honradas tamén as haberá.

Olas a tod@s:
Volvo a escribir de urbanismo, o tema de moda. Fagoo a raiz da polémica cun anónimo na miña anterior columna. Ben, estou seguro de que hai promotores inmobiliarios honrados pero coincidiredes en que ultimamente non o parece. Eu coñezo dez persoas que mercaron un piso neste último ano. Das dez só dúas non tiveron que dar sumas importantes de diñeiro negro para poder facerse co piso e das dúas que non o tiveron que facer unha mercou o piso nunha cooperativa. Polo que eu escoito e leo nos xornais esta é a práctica común no mercado inmobiliario. Eu vivín 7 anos en distintos pisos de aluguer e ningún dos seus propietarios declaraba o aluguer a facenda, os contratos que firmei foron todos de dubidosa legalidade e un dos pisos nin sequera existía pois o home fixo un ático onde se supón que era o trasteiro e polo tanto o piso non existía como tal no rexistro da propiedade ( este último alugueino a través dunha inmobiliaria). Como dixen antes estou seguro que pese aos casos de sobornos, corrupción, construcción sin licencias, etc ; hai seguro promotores inmobiliarios honrados. Agora ben, o que non pode ser é que os promotores se queixen de que hai unha persecución contra eles porque parece que a corrupción tivo e ten un papel importante nos negocios inmobiliarios. O que deberían facer é a través das súas organizacións sectoriais perseguir aos corruptos e non darlles amparo.
En fin serán uns perseguidos pero a verdade é que, visto o visto, a min non me dan pena ningunha. ¿Ou é que cando facían cartos a moreas con subornos e especulación pura e dura levantaron algunha vez a voz para denunciar estas actividades ou para protexer os litorais e demais espazos protexidos onde construiron con malas artes? É todo isto non o digo eu só, dino Greenpeace, a UE, nalgúns casos famosos a Unesco e mesmo o The Economist. Cando comecen a denunciar aos seus compañeiros de viaxe igual me replantexo o da pena.

terça-feira, 10 de julho de 2007

Os chineses si, ¿ e os de aquí?

Ola a tod@s:
Despois dun pequeno descanso volvo á actividade. Leo no Diario de Arousa que Emgrobes denuncia a competencia desleal que supostamente levan a cabo os bazares chineses e que se basea nos horarios e os días de apertura. A verdade é que parece certo que estes establecementos non respectan os horarios e os días de apertura marcados pola Xunta na Lei de Comercio. Ben, entón a denuncia é correcta, pero eu pregúntome que ocorre con todos os outros negocios que hai na vila e que tampouco respectan outras moitas normas legais e non declaran a Facenda. Sei que este é un tema complexo xa que son moitas as persoas que no verán aproveitan para gañar os seus cartos en moitos negocios carentes da legalidade esixible. Eu teño a sospeita de que denunciar aos chineses é fácil e, en cambio, denunciar todos eses negocios hoteleiros e hosteleiros ilegais que proliferan por Ogrobe é moito máis dificil. Simplesmente é unha cuestión de número. Todos sabemos que Ogrobe está cheo de pisos que se alugan e non se declaran, xente que alquila habitacións aos turistas sen os permisos e sen declarar e mesmo hai "pseudohoteles" con televisión e baño nas habitacións que teñen as mesmas carencias. Tamén sei que todos temos familiares que o fan , veciños que o fan, amigos, coñecidos... . Todos estes negocios tamén fan competencia desleal cos establecementos que si pagan os seus impostos e teñen as súas licencias ou cos propietarios de pisos que os alugan pero tamén os declaran. Curiosamente eu coñezo o caso dun hostal que pideu a Asociación de Hosteleiros que denunciasen esta situación e recibiu como resposta: "nosotros no estamos para que los vecinos se enfaden con nosotros" ( senón están para defender os intereses dos hosteleiros cabería preguntarse para que están pero ese é outro tema). O problema está en que semellantes denuncias salpicarían a moita xente e entón é mellor non facelo non vaia ser. Eu non creo que haxa que desatar unha caza pero si que creo que se lles debe advertir a estes veciños que deben regularizar a súa situación nos próximos anos e senón carrexar coas consecuencias. Creoo porque é ilegal, porque é un fraude ao estado ( e polo tanto a todos os que declaran mes tras mes), porque é unha clara competencia desleal e tamén porque creo que se se quere vivir do turismo este ten que estar tan profesionalizado e legalizado como calquera outra actividade e non seguir sendo unha actividade ligada aos sobresoldos. Sei que a moitos vos parecerá que este tema é tarefa imposible, que afecta a moitas persoas e que é unha cousa que "ven de toda a vida"; pero entón tamén vos digo entón ¿porqué nos queixamos dos chinos se fan o mesmo que moita outra xente?. Seguramente porque somos uns hipócritas, porque son estranxeiros e ademais tamén son poucos e non se queixan.

segunda-feira, 2 de julho de 2007

Algunhas lendas mesopotámicas das que todos coñecemos a versión biblica


Olas a tod@s:
Comezo esta serie que vos expliquei na entrada anterior con uns cantos mitos Mesopotámicos que logo foron reformulados na Biblia. O primeiro protagonista vai ser Sargón de Akkad ( ou Agadé) que foi o que se pode considerar o primeiro emperador da historia. Viviu aproximadamente entre o 2334-2279 a.C e foi o fundador do Imperio Acadio que se extendia por toda Mesopotamia e parte de Anatolia. O relato mítico da súa vida dinos que era fillo ilexítimo dunha sacerdotisa que o abandoa nunha cesta de xuncos no río de onde será rescatado e logo formará parte da corte do rei de Kish, onde comeza o seu camiño cara o imperio. Como vedes esta historia crese que é a base da historia bíblica de Moisés. Moitos outros héroes son abandoados polos humanos e postos así baixo o coidado dos deuses ao comezo das súas vidas (Romulo e Remo) pero Sargón é o primeiro coñecido.
Outra das lendas despois recollidas en moitas mitoloxías é a do diluvio: No diluvio mesopotámico os deuses deciden castigar á humanidade polas súas faltas. Ea ( deus creador do mundo, das augas primordias e do saber) avisa a Uta-na-pistim para que constrúa un barco. O barco debe encherse de animais e semillas. Cando chega o diluvio perecen todos menos Uta-pa-nistim e os que van con el no barco. Cando cre que as augas baixaran envia un paxaro para ver se se pode abandoar a nave e despois fai un sacrificio que aplaca aos deuses. Como vedes este relato é a base do relato bíblico de Noé que copia moitas das súas partes. Cren os expertos que o mito ten a súa base en que os mesopotámicos non vían como tan boas as choivas que podían arruinar as súas colleitas fronte ás augas dos rios das que dependían para vivir e si que eran boas (ademais o deus destas augas e Ea/Enki o que avisa do diluvio aos homes).
A terceira lenda tomada pola Biblia de Mesopotamia é a de Job, o santo sufridor e paciente que garda moitos paralelismos co poema mesopotámico do Xusto Sufridor. Neste poema Shubsi- meshre-Shak-kanqui sofre toda unha serie de desgrazas que non parecen ter unha orixe clara. Ainda que as similitudes con Job non son tan grandes como nos dous casos anteriores si que responden ao mesmo tema: a angustia humana ante o mal incomprensible.
Como vedes pois algúns mitos mesopotámicos nos foron transmitidos pola Biblia e outros moitos por outras vías. Debemos recordar que foi en Mesopotamia onde naceu a escritura e que ainda así, a maioría da xente só coñece este conxunto cultural polos ziguráts. Dicía un profesor meu ,de Historia Antiga e de Relixións da Antiguedade, que os mesopotámicos sempre tiveron a mala sorte de non foran alí os ingleses como en Exipto, xa que según el o seu legado era infinitamente maior que o dos exipcios pero tamén era infinitamente inferior o grao de fascinación que despertaban na xente. De esta cultura tamén foron os primeiros adiviños e feiticeiros coñecidos pero diso, se queredes, xa falaremos outro día. Como vedes non me extendín moito nos mitos pero tedes algún comentario ou pregunta, xa sabedes deixade comentarios ou mandade un mail.

domingo, 1 de julho de 2007

Historia,mitoloxía I

Olas a tod@s:
Normalmente escribo cousas de Ogrobe pero quero comezar unha nova sección que se intercalará coas novas e coversas sobre a nosa vila. Nesta nova sección falaremos sobre temas de historia, mitoloxía e relixións. Por suposto esta sección pretende ser divertida e amena con temas interesantes ou cando menos anecdóticos. Animovos a que se queredes suxerir algún tema ou preguntar algo tamén o podedes facer no meu correo: escevolablog@gmail.com