terça-feira, 8 de maio de 2007

Peaxes e autoestradas

Onte voltaba a Ferrol pola autoestrada do Atlántico, como todos os domingos ao chegar ao peaxe de Guisamo tiven que agardar nunha cola xigantesca máis de 20 minutos para pagar. Esto, xa digo, ocorre todos os domingos e cada vez que me pasa danme ganas de, chegado á cabina para pagar, preguntarlle ao cobrador se me van facer desconto pola espera pero nunca llo digo. A verdade é que parece escandaloso que para ir de Ogrobe a Ferrol teñas que pagar uns quince euros e que ademais teñas que agardar 20 minutos nunha cola. Un gran invento as autoestradas, cando se fixeron díxose que a peaxe era para sufragar os gastos de construcción e mantemento. Este é un argumento curioso; os cidadáns pagamos ao estado impostos que este despois invirte nunha infraestructura, e os cidadans temos que volver a pagar por usala para que o estado recupere os cartos ( cartos que xa deron os cidadáns no comezo do proxecto), curioso. Ademais, resulta que 6 de cada 10 km das autoestradas españolas se pagaron con fondos da UE. Do mantemento mellor xa non falamos, posto que calquera que empregue a AP 9 sabe ben que moito mantemento non recibe. Eu pregúntome: ¿a empresa concesionaria da autoestrada cobra pola concesión simplesmente ou por ofrecer unhas mínimas condicións de mantemento, servizo e eficacia na estrada? Se é por isto último a verdade é que vistos os resultados debería cobrar bastante pouco.