
Escribo este comentario porque vexo a moita xente que non atopa explicación aos resultados do BNG no Grove, no Salnés e no conxunto do país. Sen querer erixirme en ningunha caste de oráculo deixovos a miña explicación. No caso do Salnés ( e no Grove) o BNG perde apoios claramente sendo as pérdidas menores no Grove e clarísimas en Vilagarcia ou Cambados. O problema principal do BNG no Salnés é o mesmo que o do BNG no conxunto das cidades, o seu perfil unidimensional. O BNG pasou de ter unha gran actividade na rede social a ter unha actividade moi reducida. Só hai que ver como están organizacións como os CAF-CAE ou Galiza Nova ou moitas asoaciacións culturais ou plataformaas vencelladas ao nacionalismo. Nas cidades o BNG xogou nestes últimos 8 anos as súas cartas case exclusivamente ao traballo institucional. Nas cidades o bipartidismo estatal é máis claro pola importancia dos medios de comunicación á hora de reflectir ese traballo institucional e aí o BNG xoga en franca desventaxa pola falta de medios de comunicación propios. Este é un problema vello pero antes o nacionalismo contaba cunha gran rede social que equilibraba a balanza e hoxe esa rede social está nun dos seus peores momentos. No Salnés o perfil institucional do BNG é marcadamente claro e a carencia dunha rede social alternativa tamén, así ten moi dificil avanzar e consolidar un espazo propio fronte a un PSdeG que só realiza traballo institucional pero que conta co apoio da maioría dos medios de comunicación. O BNG meco realizou un gran traballo institucional pero segue sen crear unha rede social e cultural efectiva que poida profundizar na sociedade meca e recabar apoios entre os votantes do PSdeG ou mesmo do PP. Se vemos o conxunto do país esto queda ainda máis claro pois nos municipios onde se acadan resultados impresionantes o BNG foi quen de artellar unha rede social moi forte, por exemplo o caso de Teo. Voltar ao traballo social é prioritario para o BNG que se non ten moi dificil marcar un espazo propio fronte ao PSdeG. En todo caso a resaca electoral é agridoce como a salsa chinesa xa que fronte ao desastre nas cidades o BNG acada arredor de 30 alcaldías e aumenta o seu número de concelleiros, ademais tamén foi quen de recuperarse da forte caida que sufrira nas autonómicas, freando así a caida en barrena dende a marcha de Beiras. Agora ben, a aposta polas vilas funcionoulle ben pero o castigo nas cidades foi altísimo polo que tamén terá que reflexionar moito sobre a razón deste castigo e da perda de votantes no tradicional caladeiro da xente nova. No caso do BNG de Ogrobe debe manter o seu poderío institucional pero debe facerse moito máis visible fora do concello, achegando máis as súas propostas á cidadanía e comezando a mover un pouco o tecido social meco que está totalmente durmido. Un exemplo: se sacamos o PXOM cando foi a última vez que vimos manifestacións, campañas ou recollidas de firmas neste noso municipio?
12 comentários:
Estou totalmente de acordo co teu artigo,ainda que nas cidades o BNG perdeu unha gran representación de votantes (vexase o caso de Pontevedra),tamén é verdade que noutros concellos o seu numero de concelleiros aumentou notablemente.
Neste caso de Ogrobe se o BNG pretende chegar a un sector máis amplo da población debería pensar en plasmar máis as súas iniciativas no ambito (como ti moi ben dixeches) foraneo ó Concello.Porque se é verdade que dentro del está tendo un papel notable ata o de agora na oposición,os únicos que se enteran deso son os que xa son afíns o partido e non o resto da cidadanía a que se pretende chegar...
Porcerto un apunte antes confundinme ó poñer a identidade do comentario.... Panaide=Mac4 ;)
Probablemente o Benegá local soubo chegar á cidadanía pero o cabeza de lista non é o máis axeitado visto que o pobo se deixa levar por rumoloxías, estigmas que lle puxeron e topicazos derivados dunha vida privada que deberían ser obviados. Sendo así probablemente haxa que traballar sobre ese pobo con ofertas concretas á hora de presentar mocións e demostrar interese real polo ben da veciñanza, pero non nos debemos enganar: o que se plantexa nun pleno case que non trascende; é dicir, aquelo que o Benegá plantexe nos plenos, facelo saber, explicalo, facelo público para os propios e para os alleos, que se sepa que o Benegá está aí, traballando polo interese dos veciños de Ogrobe.
Dito queda. Vos veredes, meus amigos...
Totalmente de acordo con vos. Fora do candidato en cuestión gran parte do problema é que moitas das iniciativas do BNG non trascenden máis aló da súa militancia ou da súa base social máis cercana. É aí onde radica a importancia de crear un tecido social e asociativo forte e é aí, ao meu ver, un dos grandes problemas do BNG no Salnés.
Efectivamente: É preciso estar na vida social e non so no Concello. Seguramente, no caso de participar no goberno municipal, é importante ter repercusión social -Estará ben que se fagan estas reflexións en público?-. Sen embargo é preciso9, xa desde agora que o Comité Local teña traballo e trascendencia públicas, cun funcionamento real, con presencia entre a xente e con incidencia social.
O BNG a nivel comarcal é un reducto de funcionarios que so se dirixen -pouco e mal- á militancia. Hai que empezar a traballar, a ter incidencia na vida real.
E agora que me decato,porque non entramos a falar tamén desas 3000 e moitas persoas que este ano non foron votar,¿¿cambiaría algo o panorama actual da Politíca de Ogrobe??.
Preocúpame que no Benegá non haxa máis debate que aquel que fala de se o candidato é ou non é o que ten que ser, de qué pasou para que nos gañe o Psoe ou ou PP, que se perdemos quince votos na mesa de Virxe das Mareas ou doutras cuestións de mero electoralismo, ou de simple municipalismo. A marca da casa, o que nos ten dado progresión na confianza da xente, o que nos trouxo ata os niveis de responsabilidade política que temos hoxe (impensables hai vinte anos) é que somos diferentes, que para ben e non para mal, NÓS temos ideas, ideoloxía, sentimento de País en construción, vontade de autoorganizar aos galegos e ás galegas, formación teórica e debate de argumentos. E eso vai sendo progresivamente sustituído polo espellismo de concorrer electoralmente contra máquinas de facer cartos e votos.
Se esquecemos cal é o noso obxectivo principal, facendo as análises só en termos de reconto de votos e non reforzamos a nosa base social con achegamento e baños de ideas, se non lle arrimamos á nosa militancia medios e formación, pois seremos unha pobre caricatura dos partidos que se alternan nos gobernos, nun estilo de turnismo pouco desexable. O Benegá local precisa recuperar esa dinámica, a que nos proporciona unha base leal, permanente, segura: con ideas de identidade nacional; con novas maneiras de comunicarnos e estar ao lado da xente, non só nas dúas semanas da campaña; cun claro reforzamento da estrutura organizativa, que non funciona, nin sequera no período electoral. E nesa perspectiva o asunto do liderato é unha cuestión menor, que se resolve como a mazá cando madura, cae polo seu peso.
Permitídeme un final provocador: se fixeramos un exame de coñecemento das ideas fundamentais do nacionalismo galego, entre os simpatizantes desta organización o resultado sería, ou non? de suspenso xeral. Pois eso, que o sistema, español e cervantino, non nos faga ver muíños de vento onde en realidade hai xigantes, ou era ao contrario?
Cando comezamos con esta organización tiñamos tres referentes nos que soportar as nosas aspiracións: FRONTE POLÍTICA, FRONTE CULTURAL e FRONTE SINDICAL... que fomos deixando polo camiño, modificando a Política, polo electoralismo; a cultura pola desidia, e o sindicalismo pola desmobilización. E puxémonos, case todos, a contar votos... que non sementamos.
Concordando no fundamental co comentario de Anton Mascato non deberamos esquecer tamen que van ala 28 anos dende as primeiras eleccions nos concellos apos a ditadura. Que nestos 28 anos unhas veces mais outras veces menos o BNG estivo sempre ahi, moitas veces traballando para o inglés, e que é de humanos o querer algunha vez ter un recoñocemento polo traballo feito. Sobre todo cando che toca ver, unha e outra vez como os recompensados non son precisamante "os rapazes que millor fixeron os seus deberes". E porque o tempo vai pasando e os que fai 28 anos tiñamos 16 anos agora temos 44 , unha hipoteca, traballo por contrato e fillos.
De todolos xeitos, sei que seremos de novo quen de organizarnos millor, meternos mais na sociedade (nas organizacions sociais), ser mais disciplinados e sobre todo, como din os portugueses, APRENDER, APRENDER, APRENDER SEMPRE. Sobre todo, porque este pobo, esta xente, este pais o demanda.
Igualo o problema de base do BNG é o de mirar "por e para" a militancia e non a de intentar chegar o resto da cidadanía con información interesante do que se pretende conseguer,tanto política como social e culturalmente.
A militancia de base xa debería saber que é polo que se está a traballar,pero de igual forma debería plasmalo no conxunto dunha sociedade marcada por "bulos,mitos e lendas" dun partido "demonizado" polo resto de formacións políticas do Pais
Penso que en xeral todos ou case todos os partidos se centran na súa militancia á hora de informar do que sea fai ou se deixa de facer, e mesmo cara á propia militancia non se di todo o que se podería ou debería.
Igual é cousa de plantexarse seriamente chegar a todos os cidadáns, informando non só do que poidan ser liñas programáticas (que adoita ser tema manido), senón do que é o día a día na loita por defender os intereses da xente e o que o Benegá pode aportar e aporta, e que a meirande da xente e incluso dos propios militantes nin se entera. Deste xeito unha campaña non dura 15 días, senón catro anos.
Concordo com Antón Mascato em que o BNG tem ideas, ideologia, sentimento de país, etc.
Concordo também em que nom todo o BNG (e o caso de Ogrove é claro) tem o mesmo perfil, e que nom só os simpatizantes carecem desses elementos, mas também pessoas principais da lista eleitoral.
É de criticar que membros 'altos' do BNG escrevam colunas no Diario de Arousa em espanhol, e que outros tenham umha idea de naçom totalmente contrária à que tradicionalmente defende o BNG.
E assim sucessivamente.
Nom podo deixar de concordar, claro, com as opinions que dim respeito ao trabalho sócio-cultural em Ogrove: só tenho consciência de umha festa na Praça de Arriba hai uns meses, mentras desaparece o S. Joám, as festas dos bairros, o uso do trompo...
A Voz de Galicia de hoxe, primeiro de xuño, publica a noticia da intervención da Brigada de Delictos Urbanísticos no Concello de O Grove, con indicios razonables de senllas corrupcións urbanísticas que atinxen a responsables do goberno municipal e a determinados traballadores do noso Concello. Todo esto, por suposto, presuntamente e sen esquecer que as persoas son inocentes mentres non se demostre que son culpables, e para eso está a Xustiza, á que por fin acudimos.
Eu quero hoxe recordar que foi o Bloque Nacionalista Galego, dende hai varias corporacións, quen máis ten insistido nas denuncias, en Plenos, en medios de comunicación e diante da Administración, e quen mais ten insistido na necesidade de perseguir a especulación e as prácticas de corrupción.
Por esa razón quero ter unha lembranza moi especial para compañeiros e compañeiras que o traballaron, que o padeceron e que agora poden empezar a disfrutar dun traballo político continuado e moi ben feito; porque foi xente como Fuentes, Manolo Mascato, Luís Rei, Xesús María González, Luís Lamelas, Xosé Manuel Domínguez, Lina Álvarez, Xosé Manoel Pérez Dadín, Rosa Castro, Luís Chan Lamelas e outros moitos, e moitas, que non cito e que son igualmente valiosos nese traballo de denuncia, de intervención. Especial mención para a señora Carmen Castro, de San Vicente, exemplo dunha vida enteira entregada á mesma loita veciñal, anticaciquil e pola conservación do territorio, como xa dixemos, ata ten dereito a equivocarse, porque sempre contará no Benegá co noso cariño e co noso máximo respecto. Louvanzas a eles e a elas. Ao resto dos militantes e simpatizantes, pedirlles que non renuncien á dignidade, que o futuro é dos que saben manterse de pé, dos que non dobran os xeonllos da humillación.
Enviar um comentário